Grande Agustín

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Agustín Fernández Paz.

A homenaxe nacional ao escritor Agustín Fernández Paz, celebrada o sábado en Vigo e organizada pola plataforma ProLingua, amosa que outra Galicia é posible. Fronte á rixidez da axenda pública institucional, deseñada pola Xunta de Galicia e das institucións culturais, por ventura existe unha Galicia cidadá con iniciativa capaz de manexar categorías de afecto, xenerosidade e proximidade. Durante dúas horas as lectores e lectores anónimos do vilalbés, representados no auditorio do centro social Novacaixagalicia por quince rapazas e rapaces de catro centros escolares vigueses, falaron con envexable fluidez e criterio literario sobre o autor de “Cartas de inverno” e leron anacos dalgún dos seus textos máis emblemáticos. A xeración nacida nos últimos anos do século XX expresaba así a súa admiración e amor por un dos referentes principais das letras galegas contemporáneas. Un emocionante xesto de esperanza e unha mostra da calidade do noso sistema educativo (a pesar do discurso catastrofista sobre a educación secundaria promovido polos sectores conservadores) do que deberiamos sentir fachenda.

Agustín Fernández Paz merecía un grande recoñecemento cidadá xa que leva mantendo dende hai máis de trinta anos un compromiso insubornable coa patria da lingua e coa escola galega das pombas con arrecendo a mazá. Dúas militancias que desenvolveu no seu oficio de profesor, xubilado hai poucos anos no vigués Instituto Rosais, e nas que nunca cesou na súa actividade nos grupos pedagóxicos como o Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega, Avantar, Nova Escola Galega e, dende a súa creación, en ProLingua, plataforma apartidaria que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real. Pola súa actitude vital e polo seu compromiso, Agustín debería ser considerado militante dun inexistente partido galeguista pola unión; outra das súas militancias apartidarias, xa que onde estivo procurou espazo para os acordos que permitisen enxergar espazos para a esperanza do proxecto da nación. Unha convicción sobre a que volvía unha entrevista recente na que alertaba: “se colectivamente non temos unión acabaremos sendo invisibles”.

Agustín merecía esta homenaxe das súas lectoras polo rastro que os seus libros de ficción foron deixando en milleiros de persoas de todas as idades. O autor de “Contos por palabras” conseguiu engaiolalas, divertilas no sentido máis literal deste verbo, o que reivindica o exministro de Educación Ángel Gabilondo no seu libro “Darse a la lectura”, o daqueles textos capaces de transformar a lectura nunha forma de vida. Divertirse non se reduce só a pasalo ben e a evadirse; tamén é ofrecer versións diferentes dun mesmo, diferentes modos de vivirse e de vivir. As novelas e os contos de Agustín (fosen as de medo, de intriga ou de humor) son todas formas de vida que divirten; posúen esa capacidade transformadora tan poderosa, que deixa nas súas lectoras un recordo gravado como engrama.

“Escribimos porque lemos” foi outra das oracións que Agustín escolleu moitas veces para expresar o seu pracer en inventar historias e contalas por medio da escritura. Ler e contar son dous dos seus verbos predilectos, porque Agustín, como o bombeiro Montag de “Fahrenheit 451” do hai pouco falecido Bradbury, sente que detrás de cada libro hai unha persoa que lle fala. Con esa convicción foi moumeando cada unha das súas historias, permitindo a cada unha dos seus lectores e lectoras en galego, mais tamén no resto das linguas da península nas que está traducido, poñer un pé nun seu mundo orixinal e autónomo da ficción. Un mundo construído cos fíos da vida, do que forman parte, tamén, os soños, os anceios e as súas profundas crenzas morais, como a da necesidade de realizar un exercicio de memoria. Así naceron as súas novelas esenciais de madurez (“Corredores de sombra”, “Noite de voraces sombra” ou “Non hai noite tan longa”), así, dende a soidade do seu estudio do Areal, foi transformando as palabras e os soños en historias nas que denuncia o conformismo paralizante, aposta pola igualdade real entre todas as persoas e reivindica a visibilidade de todas elas, mesmo a da propia lingua que nos une e identifica. Agustín confesou que “é un escritor galego que escribe para a humanidade”, unha definición que lle acae coma anel a un autor radicalmente monolingüe en diálogo permanente co seu tempo.

O sábado homenaxeamos ao grande Agustín porque a súa obra é un pombeiro de esperanza, un convite á rebeldía, a escribir pola outra cara do papel pautado, como aconsellaba Juan Ramón Jiménez. Centos de persoas abeizoámolo emocionadas por ensinarnos a apreciar o valor da vida e a súa afouteza por construír un mundo novo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *