Edición hibridada
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de hibridación dos soportes de edición.
Nas entrevistas que me fan como editor en lingua galega é frecuente que me pregunten sobre como enxergo o futuro do libro e, máis en concreto, o do libro electrónico. Dende hai ben tempo asumín que a dixitalización no eido da edición provocaría unha disrupción, unha ruptura abrupta, un cambio determinante no concepto de libro e na forma de entender a lectura, na medida que as utilidades hipertextuais e multimodais dixitais son capaces de desenvolver un novo paradigma de comunicación cultural, unha auténtica revolución na lectura. Teño reiterado nas miñas intervencións que toda a edición hoxe é hibridada na medida que coexisten os soportes impresos e os dixitais, os libros en papel e os libros electrónicos (en formato epub), os xornais impresos e os que lemos na web ou na aplicación dun teléfono ou taboíña.
Porén, hai cada vez máis indicios de que a evolución do proceso de dixitalización editorial, que concebiamos sería disruptiva e veloz, semella se está ralentizando. Son cada vez máis numerosos os indicadores que amosan que o libro electrónico non acaba de consolidar nin o seu formato nin chantar raíces sólidas no seu mercado. Semellaría que polo momento o libro eléctrónico non pode co libro en papel, a pesar de contar co formidable soporte publicitario dos seus distribuidores estadounidenses case oligopólicos (Amazon, Apple e Google) e co apoio incondicional das empresas de telefonía móbil, as primeiras interesadas no incremento do tráfico que a lectura electrónica provoca.
As vendas de libro electrónico non se incrementan na progresión que hai apenas dous anos semellaba imparable. Nos Estados Unidos, até agora o mercado que marcaba as tendencias no proceso de dixitalización, onde existe un 6 % de lectores e lectoras que declaran ler só en formato dixital, o pasado ano o libro electrónico medrou apenas o 4 %, freándose o devalo do mercado dos libros impresos que en 2014 medraron un 2,4 %. No Reino Unido no pasado nadal nas grandes cadeas de librarías tamén aumentaron as vendas de libros impresos. Mentres no máis recente observatorio do libro do Ministerio de Educación e Cultura sinala que en 2014 a edición dixital diminuíu en España nun 1,9 % mentres que a impresa medrou nun 3,7 %. Un retroceso para o mercado do libro dixital que a Federación de Gremios de Editores de España estima supón apenas arredor do 4 % da súa facturación (porcentaxe semellante a de Francia e Alemaña) de máis de dous mil millóns de euros a prezo de capa. Un fenómeno que no caso do libro en lingua galega supón unha porcentaxe aínda máis modesta, apenas o 1%, a pesar de que nos dous últimos anos se incrementou o catálogo de libro electrónico en galego até os 400 títulos.
Cifras modestas para o libro electrónico, nas que inflúe o gravame que supón o disuasorio 21 % de IVE e o comportamento irresponsable con autores e editores daquelas persoas que baixan de forma indiscriminada milleiros de títulos electrónicos considerando que todo o contido dixital debe ser gratuíto. Como outro síntoma da crise do actual modelo de libro electrónico é a diminución das vendas en todo o mundo dos e-readers, os lectores de tinta electrónica concibidos especificamente para ler, mentres que aumentan as das taboíñas e smartphones, a pesar de ser aparellos incómodos para lecturas prolongadas. Unha tendencia que se consolidou cando a empresa Sony, a pioneira no deseño de lectores electrónicos, anunciou que deixaba de fabricar os seus aparellos para o mercado europeo, incapaz de competir co Kindle de Amazon e coas taboíñas con pantallas de cor capaces de ofrecer máis posibilidades de lectura e acceso ás redes sociais. Unha tendencia que obriga aos editores a redefinir o actual produto electrónico e orientalo cara o dos “libros enriquecidos” coas utilidades hipertextuais de texto, audio e vídeo.
A edición hoxe é hibridada. Probablemente as publicacións impresas e dixitais convivirán durante máis tempo que o anunciado polos gurús da dixitalización nas súas profecías interesadas. Xaora, iso non nega o carácter disruptivo desta mudanza hipetextual da edición nin a necesidade que os sectores do libro e da prensa desenvolvamos novos produtos e novos modelos de negocio sostibles para unha nova cadea de valor. Fenómenos novidosos como o servizo de préstamo de libro electrónicos na rede de bibliotecas públicas ou as experiencias de emprego de materiais didácticos dixitais nas aulas expresan que esta hibridación da lectura xa non ten volta atrás. Como tamén cómpre ter en conta o éxito actual dalgúns xéneros de edición impresa, como o dos libros de fotografía, arte, cómic, os álbums ilustrados ou mesmo (para romper tópicos) o dos libros xuvenís, que demostran que no futuro os libros impresos máis fermosos continuarán sendo imprescindibles.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir