Onte 1031: Xenocidio en Gaza

Gaza

Estremece o que sucede estes días na Franxa de Gaza, convertida en campo de tiro dos F-16 israelitas. Xustificados polo goberno de Netanyahu como resposta ao asasinato dos tres mozos xudeus secuestrados e pola persecución de dirixentes de Hamás estes bombardeos provocaron nas últimas 48 horas máis de corenta mortos, a maior parte civís, entre eles tamén moitos nenos. Unha dor insoportable, outra vez volve o xenocidio da poboación palestina. Unha operación que, ademais, moitos analistas interpretan como a resposta militar coa que Israel pretende evitar a reconciliación intrapalestina e a reunificación política de Gaza e Cisxordania, un proxecto do goberno de Mahmud Abbas que culminaría na constitución dun goberno de unidade nacional palestina con participación de Hamás. Tras tantos anos de conflito, cando se cumpre unha década da sentenza modélica do Tribunal da Haia que ordenou a Israel a desmontar o Muro de Anexión e as colonias construídas ilegalmente, así como a reparar aos palestinos os danos causados, a espiral semella volver ao inicio, diante da inacción da comunidade internacional. No actual mundo multipolar a única saída posible para parar o xenocidio de Gaza é a activación política internacional e a mediación efectiva das Nacións Unidas. Semella coma berrar no deserto, mais non hai outra posibilidade.

Onte 982: Ana Miranda, unha extraterrestre

ana_mirandaÉ desoladora a decisión adoptada pola Junta Electoral de eliminar ao BNG do espazo que os medios públicos galegos dedican á cobertura da campaña, a pesar de que a candidatura nacionalista obtivo en Galicia nas últimas eleccións europeas 103.724 votos. A efectos prácticos supón para o BNG perder os 27 segundos que tiña asignados dentro dos cinco minutos que en cada informativo de TVG e da Radio Galega dedican ás europeas. Adoptada a instancias dun recurso presentado por UPyD, formación que en Galicia apenas contou con 14.418 apoios, esta decisión pretende negar simbolicamente a existencia da candidatura nacionalista nos medios públicos que conforman o espazo informativo galego. No que queda de campaña electoral Ana Miranda será apenas unha extraterrestre deambulando polo país, que deberá afastarse dos micrófonos e cámaras dos medios públicos galegos? Sería un xesto de fair play que o resto das candidaturas galegas rexeitasen tan inxusta e desproporcionada decisión.

Onte 881: A lei do aborto de Rajoy

Despois que o Congreso rexeitase no serán de onte a proposta do PSOE para retirar a lei do aborto, algunhas deputadas do Partido Popular aplauden satisfeitas ao ministro de Xustiza Alberto Ruíz-Gallardón polo seu éxito. A pesar da votación secreta, a maioría conservadora (PP, Unión Democrática de Catalunya e UPN) pechou filas e impuxo os criterios morais da Igrexa Cataólica sobre sobre o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade. Coma sucedeu coa LOMCE, non haberá posibilidade ningunha de evitar este disparatado retroceso promovido polo Goberno de Mariano Rajoy, o principal responsable de ambas as dúas leis. Non esquezamos, Ignacio Wert e Alberto Ruíz-Gallardon apenas protagonizan o traballo máis ingrato no marco dunha estratexia moi meditada neste segundo treito da lexislatura.

Onte 828: Indígname

Indígname a lei de Gallardón liquidando o aborto como dereito. Indigname esta lei machista que controla a vida das mulleres. Indígname que as mulleres, coa excepción de se son violadas, non teñan dereito a decidir sobre o seu propio corpo e sobre como orientar as súas vidas. Indígname que médicos e xuristas poidan obrigar a unha muller a ser nai contra a súa vontade. Indígname a hipocresía dos membros deste goberno que impoñen a súa moral ao conxunto dunha sociedade que saben diversa e plural. Indígname que o PP renuncie a gobernar para a maioría social ofrecendo á xerarquía da igrexa católica e aos sectores máis conservadores do seu partido as mulleres como moeda de cambio que oculte a súa xestión económica catastrófica. Indigname que as rapazas máis humildes se expoñan os perigos dos abortos clandestinos. Indigname que outras se vexan obrigadas a saír ao estranxeiro para abortar. Indigname que se criminalice o aborto cando se retiran as axudas a dependencia. Indígname este retroceso social de décadas provocado por unha dereita tan egoísta e hipócrita. Indígname.

Onte 803: Terrorismo machista

702 mulleres asasinadas en España polo terrorismo machista entre 2003 e 2013, 42 no que vai de ano. Dúas cifras estremecedoras que obrigan a unha contundente resposta cidadá e dos poderes públicos. Números que sabemos son apenas a punta do iceberg do comportamento machista hexemónico na sociedade nosa, oculto no espazo do privado, mais capaz de transmitirse con enorme facilidade xeración tras xeración, a pesar do esforzo coeducativo que dende hai tempo se ven acometendo en escolas e institutos. Para erradicar esta lacra machista. para manter unha tolerancia cero co maltrato e a desigualdade, non abonda por importante que esta sexa coa acción coeducadora, é imprescindible unha actuación integral no conxunto da sociedade. A corresponsabilidade pola igualdade, a denuncia dos comportamentos machistas e violentos,  debe asumirse en todos os ámbitos do público e do privado, dende os grupos familiares e de amizade, pasando polos centros de traballo, até os medios de comunicación e redes sociais. Con todo, os poderes públicos, amparados polas políticas de consolidación fiscal, non poden renunciar a súa responsabilidade nesta loita antiterrorista. Os recortes nas políticas de igualdade e de loita contra o machismo son outra manifestación desta violencia.

Un país en ruínas

No artigo da semana en Faro de Vigo amplio a miña reflexión sobre a sentenza do Prestige e a miña visión da actual situación crítica para o futuro do país.

Non é doado asumir a sentenza do “Prestige”. A diferenza do que sucedeu tras outras mareas negras –como as do “Exxon Valdez” en Alasca (1989) ou a do “Erika” na costa bretoa (1999), nas que as petroleiras despois das sentenzas pagaron unha parte dos danos, 500 millóns de dólares na primeira e 192 millóns de euros na segunda– na costa galega non existiu delito ambiental ningún nin se coñecen cales foron as orixes dunha catástrofe que provocou danos valorados pola fiscalía en máis de catro mil millóns de euros. A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña exime de responsabilidade penal o goberno español e avala a súa decisión de afastar o barco da costa, aquela orde enérxica do ministro Álvarez Cascos de “mandar o barco ao quinto pino”.

Tras unha década de instrucción no xulgado de Corcubión, a xustiza asume o que xa anticipara Ana Botella, “a culpa foi do barco”; mais, iso si, sen establecer responsabilidade ningunha dos seus propietarios. O que supón que non existirá posibilidade de reclamación ningunha por parte daqueles vinte mil mariñeiros e mariscadoras, que apañaron coas súas mans o noxento chapapote, nin das confrarías ás que pertencían nin sequera das administracións públicas, que asumiron os gastos da loita contra o piche e a recuperación dos espazos naturais danados, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Esta sentenza enfronta á cidadanía ao espello da indignidade, da incompetencia e da mentira, aquelas que hai once anos mobilizaron a milleiros de persoas tras a pancarta da civilidade de Nunca Máis. Aqueloutro espello de solidariedade que atraeu a máis de 120.000 voluntarios, chegados de todas as comunidades, que durante meses limparon con xenerosidade desbordada praias e cantís. Tras esta sentenza sabemos para a nosa desgraza que aquí non pasou nada. Botouse terra sobre a memoria do “Prestige” e da mobilización cidadán de Nunca Máis, o que hoxe enche de satisfacción á prensa gobernamental da capital e a algúns políticos do Partido Popular protagonistas daqueles días, como Arsenio Fernández de Mesa, entón delegado do Goberno en Galicia, que aventurou que “o destino do fuel no fondo do mar é converterse en lastro”, ou de Enrique López Veiga, o conselleiro de Pesca, que aqueles días prometeu que “a Xunta vai dar ás catro mil familias afectadas o turrón, e se logo pode vir o mazapán por parte do Goberno e da UE, mellor”.

A inxusta sentenza do “Prestige” chove sobre mollado nun país en ruínas, onde cada vez son maiores as razóns para o desacougo. Milleiros dos seus graduados emigran, asumindo que terán moi escasas posibilidades de regresar a traballar na súa terra, mentres as cifras de desemprego xa se achegan a taxa do 25 %. O sector da industria naval leva máis dun ano sen cortar chapa, agardando polos floteis de Pemex, que esta semana volveron adiarse. Tras unha desastrosa xestión empresarial, Pescanova loita por evitar desaparecer, mentres o banco das caixas galegas, a última institución financeira de noso, agarda a venda da súa suculenta cota do mercado antes do Nadal. Non corre mellor fortuna o sector enerxético, onde Galicia a pesar de ser unha potencia produtora, non tira apenas réditos fiscais. Non corre mellor fortuna o eido agrogandeiro, cun sector do leite en crise permanente de viabilidade e un sector forestal sometido aos intereses das políticas do lume. Coma tampouco convida ao optimismo a precaria situación dos servizos da educación pública, a aposta raquítica pola investigación e innovación nin o escaso interese da Xunta de Galicia polo futuro da lingua e da cultura propias.

No último lustro, economicamente Galicia non levantou cabeza nin acometeu ningún dos seus desafíos estruturais. A sangría demográfica intensificouse, o país continúa envellecendo, mentres mantén unha das taxas de nacemento máis baixas de Occidente. No entorno da crise e das políticas de consolidación fiscal (os recortes) adiouse sine die a reforma territorial e administrativa, que obrigaría a posta en marcha de comarcas e áreas metropolitanas e a reconsiderar o papel das deputacións. Tampouco se intentou mellorar o financiamento autonómico, a todas luces insuficiente para un país que sofre unha fenda territorial entre as provincias atlánticas e as do interior e unha importante dispersión da poboación rural.

Diante dunha situación económica tan precaria, diante dun aumento da desigualdade social tan acelerado, a cidadanía galega non pode continuar agochada no conformismo, allea ao devir da súa historia nun momento decisivo. Cómpre recuperar a intención de sermos para reconstruír un país en ruínas. Por moito que nos incomode a sentenza do “Prestige” ou a desaparición do noso sector financeiro, non é este o momento para a desolación e o desánimo. Galicia debe reaccionar.

A foto é de Guillermo Cameselle.

Onte 792: Tras a sentenza do Prestige

A sentenza do Prestige, a pesar do fito que supuxo a súa redacción e lectura en galego, devólvenos a máis crúa realidade dun país en ruínas. Da marea negra, daquela desfeita que conmoveu ao mundo, non se tiraron nin responsabilidades políticas nin xudiciais. Non houbo delito ambiental nin culpables nin responsabilidade das empresas que contaminaron máis de 1.200 km de costa galega, cantábrica e francesa nin actuación imprudente do executivo que mandou o barco ao quinto pino e provocou danos valorados pola fiscalía en catro mil millóns de euros nin se sabe tampouco cales foron as razóns que orixinaron un verquido de 70.000 toneladas de chapapote. Aqui non pasou nada, coma se dun fenómeno natural se tratase, botouse terra sobre a verdade. Semella que todo aquilo foi apenas un pesadelo vivido por 20.000 mariñeiros e mariscadoras, por máis de 120.000 voluntarios que durante meses limparon praias e cantís, e por milleiros de galegos e galegas mobilizados hai once anos reclamando dignidade e que nunca máis se repetise unha traxedia semellante. Tras a sentenza, aquí non se pode reclamar un euro nin ninguén vai ser compensado. Non, non foi un acto de xustiza do que sentirse recoñecidos. A sentenza do Prestige devólvenos ao noso punto de inicio, á necesidade de que a cidadanía galega abandone o conformismo e a comodidade, á de teimar no esforzo por recuperarmos a tensión da mobilización cidadá solidaria coa intención de reconstruír un país en ruinas. Por moito que nos incomode esta sentenza, non é este o momento nin para o desolación nin para o desánimo. Cómpre reaxir.

A foto é de Guillermo Cameselle.

Onte 609: Retrocesos

Anóxanme as «reformas» que o goberno Rayoy pretende aprobar estes días. Semella que en todas elas atrasamos as agullas do reloxo tres ou catro décadas. Coa «reforma» da Lei de Costas, que reduce a 20 metros o espazo de costa protexido, retrocédese a 1969, cando se aprobou aquela primeira «Lei de costas» tardofranquista coa que se iniciaron os recheos e as barbaridades na nosa beiramar. Coa LOMCE, rexeitada onte por milleiros de persoas na rúa, recupérase a segregación temperá e por sexos da LXE de 1970, os trinta e cinco alumnos por aula e as reválidas no noso bacharelato elemental, a pretensión do currículum único dos »Programas renovados» do primeiro goberno de UCD ou o carácter non troncal do galego, catalán e éuscaro (denominados na LOMCE como «lingua cooficial», coma se non o fose tamén o español), anteriores á aprobación da LOXSE. Medidas que moi pouco teñen que ver coa necesidade de reducir o elevadísimo fracaso escolar do noso sistema, que duplica a media europea, e atacar os vergonzosos niveis de paro xuvenil. Se os retrocesos educativos de Wert non abondasen, o ministro Gallardón coa súa lei do aborto pretende retroceder máis alá da lei de supostos de aborto de 1985, o que supón un ataque brutal á liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo. O máis paradóxico de ambas as tres reformas lexislativas é que ningunha delas responde a demandas dunha maioría social, a propostas de modernización do sistema produtivo ou sequera a intencións de mellorar a convivencia ou procurar maiores cotas de igualdade na sociedade. Tres »reformas» que só se poden comprender pola presión de lobbies que representan a intereses inmobiliarios ou da influencia pura e dura da igrexa católica, que con Rajoy no poder pretenden recuperar o terreo perdido. Imos mal.

Onte 530: A confesión do electricista

A confesión que José Manuel Fernández Castiñeiras, “Manoliño do Rego”, o electricista acusado de roubar o Códice Calixtino, escrita da súa propia man e presentada diante do xulgado de instrución de Santiago, é un relato tremendo, impresionante sobre o que “víu e vivíu” na catedral de Santiago, para el “unha areíña” do moito que coñeceu alí ao longo de máis de tres décadas. Tras a súa caligrafía vacilante, Castiñeiras relata os amores, os odios, os ciúmes e as chantaxes que el coñeceu no entorno catedralicio, un relato moito máis audaz co da sorprendente novela publicada hai un par de semanas por Vázquez Taín, o xuíz instrutor do caso. Rematada a traballosa lectura da confesión, entendín que este axuste de contas do electricista co deán e a denuncia de que “roubaban diñeiro todos” na catedral non achega novidades substanciais no caso, aínda que axude a entender motivacións e comportamentos dos seus protagonistas. A realidade e a ficción facendo cambadelas. Quedei parvo.

Onte 524: «Chamamento polo galego»

Asinei o «Chamamento polo galego» solicitando que a Xunta acate as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto de plurilingüismo de 2010.  O anuncio de iniciar os trámites para presentar recurso de casación diante do Supremo (un tribunal alleo a Galicia, que xulgaría unha materia de competencia exclusiva da nosa autonomía) é un xesto inadmisible de inequívoca intencionalidade política por parte dos responsables da Xunta de Galicia. De chegar a facelo, Feijoo amosaría a súa vontade partidista de non rectificar un decreto contestado pola cidadanía e que non foi avalado polo TSXG. Como sinala o «Chamamento polo galego», un texto plural e apartidario, apoiado inicialmente por case dous centos de cidadáns,  «o que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004».