Botábase en falla

Este foi o primeiro anuncio en televisión dun libro galego. Emitiuse xustamente hai vinte anos, no nadal de 1986, con motivo da campaña de lanzamento da primeira edición do Diccionario Xerais da Lingua. Luís Mariño, o inesquecible editor e director entón da editorial, encargoullo á prestixiosa axencia Contrapunto. Emitiuse nas desconexións publicitarias de TVE e na TVG (que apenas contaba daquela cun ano de existencia). Recuperar hoxe este anuncio constitúe un necesario exercicio para coñecer a memoria da edición moderna en Galicia.

Os anuncios

Estamos moi agradecidos polo interese que suscitou a aparición dos dous anuncios. Constitúen unha iniciativa modesta, para nós un ensaio, coa intención de atopar vieiros estables para aumentar a visibilidade do libro na televisión. Deseñamos unha pequena campaña de dúas semanas (do 11 ao 24 de decembro) nas que aparecerán acompañando a algúns espazos da programación cultural da TVG (Cifras e letras, Libro aberto, Miraxes e Libro de familia). Foron producidos por Lúa films, empresa que se ocupou, tamén, dos aspectos creativos.
Estes dous espazos, os primeiros que anuncian a aparición de dúas novelas galegas, non son, porén, os primeiros dun libro galego en televisión. Hai xustamente vinte anos foi tamén Xerais a primeira empresa que empregou este medio para anunciar a aparición do Diccionario Xerais da Lingua, un feito, daquela, si verdadeiramente histórico. Somos conscientes da utilidade dos medios audiovisuais para a promoción do libro. O vindeiro ano pretendemos profundizar e mellorar, canto sexa posible, nese vieiro.

Home sen nome

Palabras contadas

A vindeira semana comezarán as presentacións (onde haberá moitas sorpresas) por diversos bares do país do novo libro de Camilo Franco, Palabras contadas. O libro inclúe máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises. Aproveitando a funcionalidade da literatura breve Camilo aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Palabras contadas deu pé á próxima exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición, que tenta aproveitar dúas posibilidades que quizais non se deron antes na historia da narración. Recomendo a entrevista co autor que aparece hoxe na Voz.

Vidas exemplares no Bar Plaza

Magnífica foi onte a presentación de Vidas exemplares de Uxía Casal no centenario Bar Plaza de Ribeira. Numerosísimos amigos e amigas ateigaron o Ateneo Valle Inclán que con este acto iniciaba a súas actividades. Coñecín a Paleón e Tucho (entusiasmados os dous pola novela de Ameixeiras) e parolei un bo pedazo con Santi Páramo e Aida (dous compañeiros da facultade cos que non me atopaba dende hai vinte e cinco anos; vaia recorte da ediciónde compostelana de La Voz de Galicia de febreiro de 1981, de onte a hoxe!) e co ex-deputado Santos Oujo, entre moitos outros. Outra volta volvín apreciar o interese que as presentacións de libros poden ter para animar á lectura e tecer comunidade.

Na súa intervención Uxía Casal sinalou que nestes relatos pretendeu partir de situacións cotiáns para explorar a crueldade do mundo e propoñer a fantasía como unha realidade paralela. Suxerir e desacougar ao lector, creando atmosferas envolventes cun final inesperado, que revolcase ao relato, foron outras das súas pretensións. Uxía defendeu unha prosa inzada de musicalidade artellada sobre a economía de medios e a precisión lingüística (rememorando a cita de Patricia Highsmith: “todo o que sexa superfluo nun texto, sobra”). A pesar do ballón e do estado calamitoso da Vía do Barbanza volvemos para Sal máis contentos cun cuco.

Vidas exemplares, a presentación.

O martes 5, as 20:00 horas presentaremos Vidas exemplares de Uxía Casal no Bar Plaza de Ribeira. Estades convidados, xente do Barbanza.

Etiquetas: ,

Carrilanos, novo premio

Carrilanos, o documental de Rafael Cid sobre a epopea dos traballadores da vía, acaba de recibir un novo premio: á mellor obra de documentais longas do Extrema ´doc Festival de Cine Documental de Extremadura. Este galardón, que mañá recollerá en Cáceres o autor verinés, únese á longa relación de recoñecementos da obra: Mención Especial do Xurado do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, o Primeiro Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, o Premio de Comunicación Francisco de Cossío de Castela e León e o Premio Galicia de Comunicación 2004 ao mellor labor de comunicación en televisión. Recoñecemento, tamén dos lectores e espectadores que nos obrigaron a facer unha segunda edición do libro e DVD e a continuar a súa xeira de presentacións polo país: o 14 de decembro na Coruña (da man do Ateneo Republicano de Galicia) e o 15 na Galería Sargadelos de Monforte.

Blúmsdei: quitar o corsé

Un bo amigo, ao fío da miña anotación de hai dous días, recórdame por correo electrónico a primeira crítica aparecida de Blúmsdei, preparada por Camilo Franco e aparecida no suplemento Culturas de La Voz (é unha mágoa que só se poida consultar en PDF) o 24 de xuño deste ano. Trátase dun texto crítico moi lúcido que amosa a relevancia da máis recente novela do noso Salinger. Reprodúzoo na súa totalidade polo que entendo gran interese:

“Sería moi cómodo interpretar Blúmsdei pola súa superficie, dialéctica. Polo seu carácter discursivo ou pola aparente eliminación de convencións que implican por igual aos métodos narrativos e ao sucederse das ideas. Sería rebuscado interpretalo estudando profundidades para levarlle a contraria ao autor porque de superficie e de fondo o último libro de Cid Cabido é un exercicio de literatura que disimula a exposición pero non a súa profundidade.
En moitos sentidos este libro é o da construción dunha narratividade que elimine as imposturas, as propias da literatura máis próxima e aquelas que proceden dos seus entornos socializantes. En certo sentido, de tanto esquivar modelos estetizantes, de construción politicamente correcta ou mesmo de acabado académico, Cid Cabido, afonda no coloquial como forma de prevención de calquera modo de esclerose formal.
As árbores que constante move o escritor diante dos ollos lectores chaman polo bosque das circunstancias: as do escritor seriamente apeado do pedestal da autoridade moral, a da memoria inevitablemente ameazada polas lagoas, a da perversión histórica das relacións entre o narrador e mais o lector e algunhas outras circunstancias que imos chamar menores para que ninguén pense que confundimos vida con obra e que Cid Cabido decide descolocar polo método de colocalas xusto no lugar que lle corresponde.
Xoga coa lingua e coa linguaxe e mesmo xoga coa idea dunha cultura excesivamente dependente da súa capacidade memorística. Por baixo da aparentemente inmediata organización coloquial do texto, por entre a aparencia anárquica da relación co lector, van aparecendo argumentos pouco dados á frivolización. E pode parecer que Cabido frivoliza coas formas, pero en absoluto cos argumentos. Sobre a dobre vía o autor de Días contados, vai sinalando sen demasiadas concesións algúns dos paradoxos aos que estamos sometidos desde o aquí e desde o agora. Desde a asunción da condición de escritores que escriben para entre eles ata a relativización da importancia do feito artístico. Son argumentos non chegan ao lector pola vía do apostolado intelectual, do enunciado filosófico senón desde a operatividade narrativa. En fin hai moitos anos que deberiamos ter obviado o debate entre acción e narración e non deixarse seducir por cousas tan peregrinas.
No texto de Cid Cabido pasan cousas, todas elas desde unha rememoración case automática, como se a memoria fose unha extremidade orgánica que colga de nós pero con certa autonomía. Pasan cousas que un lector pode calcular que forman parte do cotián e quizais non se equivoque, pero a intención é ir do particular ao xeral. Todo está ligado. Mesmo ese permanente xogo de ir adiando o suposto motivo literario do texto é outra indicación de que a literatura é algo residual fronte as dimensións da vida. Pero se a explicación queda excesiva quizais chegue con dicir que Cid Cabido non parece moi decidido a afortalar aquelas actitudes nas que, en sentidos diversos, se acaba por sacralizar o papel do escritor. Por iso o libro é, en realidade, unha narración dunha exactitude vital: como un humano mirado desde a lente do microscopio”. Camilo Franco

Etiquetas: , ,

Blúmsdei, gañador do Táboa Redonda 2006

Blúmsdei de Cid Cabido foi a obra gañadora do Premio Táboa Redonda ao mellor Libro Galego do ano 2006, outorgado entre os seus lectores polo Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. A pesar de que esta novela non foi nin presentada en actos públicos nin apareceron entrevistas ningunhas nos medios, por desexo do seu autor, semella que, aínda así, puido abrirse unha fenda no interese e no apoio dos lectores. Ata agora foron escasas as referencias críticas aparecidas, coa excepción, que coñezamos nós, dos textos de Syldabija e Manuel Rodríguez Alonso. Agardamos que este recoñecemento axude a visibilizar unha obra que, afastándose das convencións da narrativa de ficción clásica, empregando a adxetivación especular ou simétrica e os constantes cambios de rexistro idiomático, aposta por liñas de literatura de investigación. Beizóns para Cid Cabido.