The Bookseller ten unha páxina dedicada aos mellores book trailers do ano. É moi interesante o modelo de produción destes book-trailers, froito da colaboración da National Film & Television School coa revista Bookseller, con Play.com (unha distribuidora de produtos culturais por internet) e coa editora Random House Group. É doado comprobar que, mesmo no mercado editorial británico, este tipo de soportes precisan de axuda para a súa realización. No entanto, o libro galego podería emular este modelo, propoñendo unha colaboración entre a CRTVG, as produtoras privadas de cine e televisión, as escolas de Imaxe e as editoras da AGE. Como en tantas outras cuestións da cultura galega, aquí temos outro reto para colaborar todos na visibilidade do libro galego e na promoción social da lectura.
O debate de onte entre os tres líderes parlamentarios foi un exercicio de autoestima e de querenza nas posibilidades propias do país noso. Primeiro, pola magnífica organización da CRTVG (tanto da TVG como da RG), colocando o debate político galego nun grande nivel de dignidade, ao tempo que sentaba un precedente (xa irreversible) para as próximas eleccións autonómicas e europeas. Segundo, por centrar o debate sobre unha axenda política propiamente galega; así as cuestións do autogoberno, as infraestruturas e as políticas sociais foron as que máis manexaron os tres participantes. Terceiro, polo discurso propositivo e tolerante empregado por todos eles (moi lonxe da “crispación” apupada pola prensa capitalina), o que non impediu que o debate fose vivo e polémico (sobre todo na segunda parte). Cuarto, pola cohesión e lealtade manifestada polos dous membros do Goberno Galego, que souberon defender as posicións do executivo e ao tempo singularizar a súa proposta política. Quinto, pola confianza nas posibilidades do país expresado (coas modulacións que a cadaquén lle son propias) polos tres participantes. A pesar da rixidez do formato (elixido polos partidos), os setenta e cinco minutos deron moito de si para falar de moitas cousas importantes (e, xeralmente, con sentido e escasa demagoxia), propoñer bastantes medidas e asumir compromisos (o calendario 2012, vaille ser moi recordado a Touriño). Coa excepción das cuestións do financiamento, da dimensión europea e das políticas culturais, abordáronse temas que interesan á cidadanía galega. Foi Quintana (que xogou moi ben a súa única carta posible: a da forza decisiva nun escenario de minoria de Zapatero) o claro vencedor aos puntos, xa que estivo nos catro bloques temáticos a un nivel alto: o de economía –propoñendo o desenvolvemento da economía produtiva galega– foi seu; como os de autogoberno e políticas sociais (onde a esixencia do 10% do presuposto para dependencia foi moi ben argumentado). Feijóo estivo mellor do que agardaba; foi superior aos seus debatentes no bloque das infraestruturas (os argumentos que utilizou, coa excepción do “Plan Galicia, fron convincentes) e o seu golpe de efecto final, amosando o tocho do programa do PPG, foi bo. Touriño defraudou na primeira parte e mellorou moito na segunda, cando se debateu o proceso do fracaso do Estatuto, onde estivo máis contundente e claro do que é adoito. Vía Calidonia. Grazas.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/2297327637_973d4de6ab.jpg323400bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-28 09:34:002008-02-28 09:34:00Un exercicio de autoestima
O éxito evidente da manifestación de onte debería obrigar a reflexionar aos partidos do actual Goberno Galego (e aos sindicatos maioritarios) sobre cal é a súa deriva no que respecta á política medioambiental, industrial, forestal e de ordenación do territorio que defenden para o país. A presenza na manifestación de numerosas bandeiras galegas (sen a estrela, tamén as había que a levaban), xa non é a primeira ocasión, é algo, que non semella casual. Esta manifestación amosa que existe unha cidadanía de esquerda e nacionalista en Galicia que cre que outro cambio é posible (as presenzas de Camilo e Beiras son significativas), sen que isto supoña estragar o territorio e acomodarse aos intereses dos poderes económicos. BNG e PSdeG-PSOE deberían tomar nota (e moito máis en plena campaña electoral).
Actualización (19-02-2008): Sobre esta mobilización é moi interesante a análise d’ A contrafío (parabéns pola volta).
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/0448012001203353819-.jpg150200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-18 19:42:002008-02-18 19:42:00Outro cambio é posible
VITORIA EMBARULLADA Un Celta sen alma pasou moi serias dificultades para superar ao colista, o Poli Exido que dirixe Fernando Santos, a quen en Balaídos lembramos como “o home tranquilo”. Nunha das peores primeiras partes que lle recordamos (e xa é dicir nun campionato tan anémico coma este), o Celta de López Caro amosou no seu xogo as feblezas que lle impiden, unha de cada tres xornadas, engancharse definitivamente no selecto grupo de equipos con aspiracións reais de ascenso. Durante este primeiro treito do partido, o Celta tivo sempre a pelota, tratou de conservar a calma e o equilibrio entre as súas liñas, mais foi incapaz de desentupir o barullo que no medio do campo lle preparou arteiramente Santos. Sen capacidade para distribuír xogo polas bandas, teimando conducir a bola polo centro, sen alternativas nin imaxinativas nin tácticas os celestes eran incapaces de profundizar cunha mínima intención. O Celta quedou durante moitos minutos esgazado, cunha metade do conxunto sempre detrás da pelota e a atacante agardando por ela. Só grazas a unha rosca a balón parado, ao coidado de Larena, Agus puido peitear cara atrás e batir ao meta andaluz no minuto vinte e sete. Porén, este bonito gol non abondou para desentupir o encontro, xa que cinco minutos despois a ledicia da bancada foise a pique, por mor do gol do empate, provocado tras a enésima perda de balón de Vitolo (un xogador moi descentrado e baixo de forma que debería ter quedado no banco). O resultado igualado, provocou un aumento da intensidade da presión céltica e as primeiras chegadas con intención, mesmo, pouco antes do descanso, un “gol fantasma” de Diego Costa (que seguramente debeu subir ao marcador) . A entrada de Okkas e Quincey na segunda parte e a expulsión dun defensa do Poli decantaron o encontro para os celestes, grazas a un servizo de cabeza do chipriota que soubo aproveitar Perera. Mais non nos enganemos: os vinte derradeiros minutos, co marcador por diante e con superioridade numérica diante do colista, non foron un camiño de rosas para os celestes xa que volveu o barullo e o conformismo, mentres os afeccionados amedrentados pediamos a hora. En definitiva, foi unha vitoria xusta e custosa fronte a un rival tan frouxiño como voluntarioso. Tres puntos valiosos, claro que si, que non aclaran as dúbidas sobre este Celta enganchado ao xogo da goma. Non acaba de convencernos nin polo seu xogo nin pola súa actitude.
Un bo exercicio, sobre o punto de vista das crónicas televisivas é comparar estes dous vídeos: o da Televisión de Andalucía e o da TVG.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/V17P43F1.jpg179200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-17 11:11:002008-02-17 11:11:00Campo do Fragoso LIV
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.png00bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-12 20:24:002008-02-12 20:24:00Yes, we can
O blog de Manolo Gago é unha fonte permanente de bo gusto e beleza. Ademais de moitos outros temas, comparto con Manolo o seu interese pola eficacia emotiva da “publicidade branca”. Hoxe pendurou estas dúaspezas do Metro de Madrid, que son sinxelamente preciosas. A veterana axencia Contrapunto, produtora da segunda das pezas, ten realizado moitos outros traballos magníficos. Velaí o anuncio que nos prepararon hai vinte anos para o lanzamento do noso dicionario e o seu tan famoso spot corporativo “Unha mala publicidade pode facerche perder consumidores”:
Nova campaña de Amnistía Internacional. Este spot non pode ser emitido polas canles españolas de televisión por ser considerado como publicidade política.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.png00bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-06 18:57:002008-02-06 18:57:00O poder da túa voz
Grazas á chuzada de Fulano descubrín esta anotación de Camilo Rueda Navarro sobre “Historias de fútbol rebelde e rebeldes do fútbol”. Recomendo a historia do Celtic (o primeiro equipo británico en gañar a Copa de Europa), a de Paul Breitner (o fútbolista maoísta que xogou no Real Madrid), ou a do doutor Sócrates (capitán do mítico Corinthians). Unha anotación que debe quedar no arquivo dos que continuamos acreditando no fútbol, a pesar da súa abafante mercantilización, como expresión de anceios colectivos e de solidariedade universal. Como debemos intentar tecer a rede, aí vai a miña achega a estas historias de fútbol rebelde. A DIGNIDADE DA URSS Dúas semanas despois daquel fatídico 11 de setembro de 1973, cando Pinochet promoveu o golpe de estado que expulsou do Palacio de la Moneda ao presidente mártir Salvador Allende, a selección da URSS debeu enfrontarse á de Chile en Moscova nun encontro clasificatorio de repesca que daba acceso ao Mundial de Alemaña 74. Aquel partido confuso, arbitrado polo brasileño Armando Marques, rematou con empate a cero, agardando polo encontro de volta que debía celebrarse en Chile o 21 de novembro de 1973. A selección da Unión Soviética esixiu, entón, que non se disputase no Estadio Nacional de Santiago de Chile, alegando que esta instalación deportiva fora utilizada pola Xunta Militar de Pinochet como campo de concentración (xuntaron alí a máis de catro mil persoas), onde se realizarán numerosas execucións e torturas, e solicitando á FIFA á que se escollese outro escenario. Entón, a FIFA acometeu unha das súas máis aberrantes actuacións efectuando unha revisión do estadio digna das mellores obras do absurdo, cos prisioneiros observando aos seus representantes dende as xanelas dos subterráneos, ameazados con ser executados se berraban para denunciar a infamia. A pesar da escueta negativa que a URSS enviou á FIFA de que non se presentaría a xogar en Santiago, a selección chilena compareceu, na data establecida pola FIFA, o 5 de xaneiro de 1974 no Estadio Prisión para xogar un triste encontro sen rival ningún, conseguindo con dous tantos a porta baleira, para vergonza do fútbol internacional a clasificación para o Mundial. A Unión Soviética foi sancionada por tan digno comportamento pola FIFA cunha multa de cen mil dólares. No vídeo pode comprobarse un daqueles goles dunha das máis noxentas mascaradas futbolísticas da historia, celebrada por Pinochet coma unha “nova vitoria contra o comunismo”. Ben é recordar hoxe o comportamento de dignidade do conxunto da URSS.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/futbol01.jpg184190bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-05 17:36:002008-02-05 17:36:00Historias de fútbol rebelde