Onte 111: «Cama e conto» con Babaluva

Foi un acerto achegarse ao Auditorio Luís Tobío de Gondomar para asistir á función de «Cama e conto» que ofreceu Teatro Babaluva. Baseada no texto homónimo de Gonzalo Moure, que publicamos na colección Sopa de Libros, esta versión para marionetas de Larraitz Urruzola e Mirari Urruzola explora con grande orixinalidade o mundo dos contos como a chave para acceder ao dos soños. Malva e a súa nai conversan en voz baixa, ao longo de tres cuartos de hora, sobre a súa experiencia como contadoras, mesturando os fíos da vida cotián da infancia cos das historias do leñador e os animais do bosque. Unha marabilla de sutileza para abordar en escena cuestión tan complexa como a de rescatar ese acto íntimo de nai e filla na hora do conto. Outra marabilla é o a construción do espazo escénico e o das propias marionetas, todas elas recicladas de obxectos da casa. A luz, a música e un ritmo moi sereno nas transicións crean no escenario unha atmosfera capaz de contaxiar un silencio cómplice nos espectadores, mesmo nos máis novos. Os meus parabéns para Larraitz, Mirari e Santi Prego, o director do espectáculo, por esta marabilla de humilde teatro de títeres capaz de contaxiar tanto calor.

Babaluva colabora en cada unha das súas funcións co Proxecto Bubisher. Destina o beneficio da venda dos libros de Cama e conto para esta iniciativa destinada a contar cun bibliobús que leve libros ás escolas dos campamentos de refuxiados do Sahara.

«Valados» de Agustín Fernández Paz, adaptación teatral

Eis o vídeo de Valados, unha obra de teatro de Artestudio baseada no libro homónimo de Agustín Fernández Paz.

Esta é a historia de Helena e Xoel. Da súa fermosa amistade e da súa vila, chea de vida ata que un vento fantasmagórico lle rouba a ledicia e o amor e aproveita as deliciosas diferenzas entre as persoas para convertilas en prexuízos: o medo ao diferente, a desconfianza no veciño… Prexuízos adultos suficientes para erguer un VALADO que parte a cidade en dous, deixando a Helena a un lado e a Xoel ao outro.  A rebeldía, o inxenio e o amor que os unen serán as ferramentas para crear artimañas de comunicación e seguir así xuntos aínda que separados. Un espectáculo no que a través da música, a máis grande das artes, a danza, a máis efémera, e o teatro, a máis directa, lanzamos ao ceo un papaventos cunha mensaxe de reflexión, esperanza e insurrección.

A historia de sempre

La historia de siempre (2009) from Roger Batalla on Vimeo.

Recomendo esta curtametraxe de J.L. Montesinos, o xove director catalán. A interpretación de Miguel Ángel Jenner é magnífica e a peza recibiu varios premios desque foi estreada en 2009. Pagan a pena eses case doce minutos. A marabilla da narración, a crueza da vida.

Culturgal volve a Pontevedra

Hoxe presentamos a edición do Culturgal 2010. A Feira das Industrias Culturais Galegas do 26 ao 28 de novembro volve ao Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, o berce onde recibiu os seus primeiros aloumiños en 2007. Un Culturgal moi renovado organizativamente, máis sólido ca noutrora xa que está alicerzado no traballo de seis asociacións de profesionais da industria cultural galega: os editores da AGE, as empresas musicais AGEM, os editores musicais de AGAPHONO, as empresas de Internet de EGANET, os produtores audiovisuais de AGAPI e os membros de ESCENA GALEGA. Un Culturgal austero, como corresponde ao memomento que vivimos, que contará co patrocinio de AGADIC, o concello de Pontevedra e o amparo do programa CREATIVA.  Xa haberá tempo de anunciar o programa de actividades deste Culturgal, hoxe saudamos este esforzo de traballo en man común dos diversos sectores da cultura galega. Eis a arte da unidade en tempos de crise.

Unha primavera para Aldara

Onte vimos en Vigo a representación d’ Unha primavera para Aldara, o primeiro texto dramático de Teresa Moure, gañador do Premio Rafael Dieste 2007. A adaptación de Xulio Lago e do elenco de formidables actrices da veterana compañía Teatro do Atlántico prendeunos completamente durante dúas horas. A pesar da dificultade da posta en escea dun texto longo e complexo, alén das características da súa estrutura dramática e da ambientación pechada no espazo dun convento do século XV, a representación séguese con enorme facilidade, grazas á magnifica intepretación das actrices (especialmente de María Bouzas, expléndida no papel de Aldara, a revolucionaria abadesa) e á aposta polo fío narrativo realizada polo adaptador. O menos conseguido é o travestismo da irmandiña Nuna, con evidentes problemas de verosimilitude no teatro actual (aínda que non no isabelino, tradición á que pretende achegarse o magnífico texto de Moure). No entanto, explorando os límites do teatral e arriscando na ruptura das caracterterísticas do xénero (comedia ou traxedia?), esta adaptación de Teatro do Atlántico do alegato de Teresa a prol da liberdade individual das mulleres e do pacifismo na resolución dos conflitos non desmerece a calidade dun dos textos de literatura dramática máis interesantes dos publicados en galego nos últimos anos.

Homenaxe a Francisco Taxes

Este serán homenaxereamos a Francisco Taxes na Coruña. Unha oportunidade para lembrar ao autor d’ O velorio e doutras pezas primeiras do teatro galego da segunda metade do século XX. No acto participarán o seu fillo Xurxo, Ramón Nicolás, Manuel Rivas e Ánxela Bugallo.

IIº Premio Teatro Radiofónico

Despois de fallado o IIº Premio de Teatro Radiofónico, hoxe ultimamos a entrada en imprenta do libro e do cedé coas tres obras premiadas. A presentación está prevista para o 17 de abril no Teatro Principal de Pontevedra e a comercialización do libro cedé nas librarías para a derradeira semana de mes.

Etiquetas:

"Remoldiño vai a feira"

Como xa fixeramos o pasado ano, comezamos a nosa campaña de animación á lectura nos centros escolares de educación infantil e primeiro ciclo de primaria da man de Casa Hamlet coa obra de Manuel Lourenzo Remoldiño vai á feira, inspirada no texto de Xoán R. Cuba.

Conversas con Francisco Pillado

Rematei a lectura do magnífico libro de conversas co editor Francisco Pillado, preparado polo tamén editor Xosé Luna Sanmartín (quen no vindeiro mes de xaneiro publicará na nosa colección BLG dúas pezas teatrais de Manuel Varela Buxán) e publicado por Espiral Maior. Un libro sincero, descarnado, intimista, valente, indispensable para adentrarse na figura humana, intelectual, literaria e política de Pillado, unha persoa a quen lle teño dende o que coñecín tanta lei como admiración persoal. A verdade é que cada vez gusto máis de ler e editar estes libros de conversas, un xénero biográfico que permite un achegamento máis complexo e obxectivo aos seus protagonistas, estimulados (coma neste caso acontece con Xose Luna) polo entrevistador a tirar da súa memoria e da súa capacidade de reflexión. Entre os moitos aspectos que me chamaron a atención do libro salientaría, sobre todo tres: o relato do traballo de Pillado na reinvención do teatro galego contemporáneo (figura fundamental, xunto a do seu amigo e compañeiro Manuel Lourenzo, tan presente nestas páxinas); o seu traballo como autor de libros de conversas (en colaboración co seu, tamén inseparable, amigo o editor Miguel Anxo Fernán Vello, con quen preparou o de Carballo Calero e os dous volumes de Xosé Manuel Beiras, libros fundamentais para entender a cultura galega contemporánea) e o seu labor de editor vocacional en lingua galega, á fronte dos indispensables Cadernos da Escola Dramática Galega, Biblioteca do Arlequín de Sotelo Blanco e de Edicións Laiovento (no libro reconstrúese a historia deste proxecto editorial, trabe primeira da edición ensaística galega dos últimos dezasete anos). Moi interesantes son, ademais, as reflexións de Pillado sobre o estado da edición cultural no mundo, sobre a conveniencia de creación dunha editora nacional, a defensa da popularización do elitismo cultural como o mellor antídoto contra a vulgaridade reaccionaria ou as súas opinións sobre a deriva que colleu o BNG nos últimos anos, organización política na que Pillado militou de forma destacada. Un libro que recomendo vivamente.