Onte 180: Operación Campión

O sumario da Operación Campión, que comezamos a coñecer na noitiña, será unha fonte de bos argumentos para a novela negra galega dos vindeiros anos. Narcotráfico, subvencións fraudulentas, pagamentos de comisións a políticos de cores diversas, actuación de subasteiros ás portas dos xulgados son algúns dos ingredientes que se van desvelando desta trama tóxica tecida polo emprendedor Dorribo. Un capítulo da corrupción en Galicia, ese cancro que corroe a sociedade de forma silenciosa e devastadora. Hai moito para debullar neses 57 tomos da instrución. Alguén pode dubidar que moitas veces a realidade vai por diante da ficción?

Fenda laboral e igualdade real

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do 8 de marzo, Día das Mulleres, reflexiono sobre a profunda fenda laboral existente entre homes e mulleres.

Ás portas da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Gabinete Económico de CC.OO presentou un informe moi clarificador sobre a situación das mulleres no noso mercado laboral: “A realidade das mulleres en Galicia: o emprego, o salario e a pensión”. Baseado en series estatísticas do Instituto Galego de Estatística, da Enquisa de Poboación Activa e da Axencia Tributaria, analiza con moito detalle os datos de emprego referidos ás mulleres tanto nos entornos do que foi o ciclo económico expansivo de 2005 a 2008, no que se incrementaron as taxas de actividade e emprego, como no recisivo da crise actual 2009 a 2011, no que aumentou de forma brutal o paro e a temporalidade.

O primeiro dato chamativo do informe é o aumento da participación das mulleres no mercado laboral, tanto no ciclo expansivo como no actual. No cuarto trimestre de 2011, en plena crise, acadouse a maior taxa de actividade feminina en Galicia desque existen estatísticas (49,2%), aínda que continúa sendo inferior á masculina (61,7%). Unha porcentaxe de actividade moito máis elevada nas mulleres entre os 25 aos 54 ano (80,2%), o que amosa unha tendencia xa moi consolidada dunha incorporación laboral que non ten volta atrás posible e que debemos celebrar como un éxito da mobilización das mulleres e como efecto das políticas de igualdade.

O segundo dato ten moito que ver coa brutal destrución do emprego que no período inicial da crise afectou máis aos homes, debido a que o emprego feminino se concentra no sector servizos (82%), algo menos sensible que os da construción e da industria aos efectos da crise sobre o emprego. Unha situación que conleva unha maior porcentaxe do emprego feminino a tempo parcial (o 77% das persoas ocupadas neste tipo de xornada son mulleres) e de maior taxa de eventualidade (27,3% fronte ao 22,4% dos homes). Con todo, os datos claves son que en 2011 a taxa de paro feminino en Galicia (18,3%) continúa sendo superior ao do masculino (16,6%) e que o número de mulleres que perderon o emprego xa é superior ao de homes. Os efectos da segunda fase da crise, xusto a anterior á reforma laboral, cébanse sobre as mulleres traballadoras.

O estudo de CC.OO amosa, ademais, a existencia dunha brutal fenda salarial entre homes e mulleres en Galicia. O salario dunha muller galega en 2010 foi inferior nun 23% a dun home, o que en termos estatísticos se traduce en que cada ano percibe 4.704 euros menos. Unha diferenza aínda superior en determinados sectores de actividade, como os do comercio, a industria, as actividades financeiras ou os medios de comunicación, onde os salarios femininos supoñen apenas o 70% dos masculinos. Outrosí sucede coas prestacións de desemprego, apenas o 82% das percibidas polos homes, e as pensións, o 74%. Unha pensionista galega percibiu en 2010 como media 8.901 euros, a cuarta cantidade máis baixa entre todas as CC.AA., sendo 772 euros inferior á media española, cantidades que en moitos casos sitúan a estas pensións femininas por baixo do salario mínimo interprofesional, no umbral da pobreza. Situación que se agravará coa nova normativa sobre xubilación aos 67 anos que, segundo un informe da CIG, supoñerá que só o 24% das mulleres galegas poderá xubilarse co cen por cen de prestacións, fronte ao 76% dos homes.

Estas cifras amosan que no mundo do traballo a igualdade real entre homes e mulleres aínda está moi, moi lonxe de acadarse. As mulleres incorpóranse ao mundo de traballo a cambio de cobrar menos cos seus compañeiros (xeralmente pola vía dos “complementos salariais”), de flexibilizar máis a súa xornada e de aceptar un maior nivel de eventualidade. Por non falar das menores posibilidades para as súas carreiras profesionais, sobre todo no que atinxe ao seu acceso aos postos directivos, onde nalgúns sectores, a presenza da muller continúa sendo meramente testemuñal. Unha fenda laboral entre homes e mulleres que é moi probable se agrandará coa desaparición ou privatización xa en marcha dalgúns servizos sociais públicos, no que atinxe sobre todo a dependencia e educación infantil, ou da paralización doutros programas de igualdade como os de conciliación e paternidade no eido da función pública

A loita para pechar esta inxusta fenda laboral debe inscribirse no marco da procura da igualdade real e do empoderamento das mulleres en todos os eidos da vida política e social. A igualdade real de dereitos, oportunidades e salarios no mundo do traballo é o único xeito de conseguir un progreso idéntico de homes e mulleres. O reto da igualdade laboral atinxe da mesma forma a homes e mulleres, xa que é un reto da humanidade. Como sinala a convocatoria do Consello Municipal da Muller de Vigo para este 8 de marzo “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”, razón pola que a celebración do Día Internacioal das Mulleres afecta a todas as persoas.

 

Vigo, innovación e marca

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do foro Vigo Innovación, propoño unha reflexión sobre a necesidade dun proxecto de planificación estratéxica como saída á crise actual:

O domingo 8 de xaneiro, Antón Costas Comesaña, catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, publicou un magnífico artigo nas páxinas de «Faro de Vigo» baixo un título aparentemente provocador: «Vigo: innovar o languidecer». Este egrexio veciño de Matamá, hoxe vicepresidente do Cercle d’Economía de Barcelona, puxo o dedo na chaga afirmando que «se Vigo quere evitar esmorecer de xeito imparable polos efectos da crise sobre os seus sectores industriais punteiros, a automoción e a construción naval, debe reinventar os seus vieiros como cidade, nun proceso radical de innovación». Para iso propuxo cinco receitas: 1ª reter e atraer á xente nova; 2ª ofrecerlle vivendas asequibles; 3ª acuñar o «viguismo» como marca; 4ª promover a cooperación entre os innovadores e 5ª contar cun «goberno local intelixente» capaz de implicar a toda a cidadanía nesta estratexia.

Efectivamente, nada podemos obxectar ao diagnóstico de Antón Costas sobre a crise de Vigo e os seus perigos. A pesar do seu carácter de cidade económica-emprendedora, caracterizada ao longo da súa historia bicentenaria por un contaxioso dinamismo innovador, Vigo hoxe esmorece a causa da súa crise industrial, só comparable á que sufríu hai tres décadas, cando coincidiron a reorientación da actividade de Citröen coa reconversión do sector naval e a taxa de desemprego chegou ao 30%. O número de expedientes de regulación de emprego (ERE), a diminución da actividade do pequeno comercio e do sector de servizos, así como as cifras de emprego do último ano demóstrano. Segundo os datos da Consellaría de Traballo, a comarca viguesa pechou 2011 con 46.028 persoas desempregadas, das que 31.759 viven en Vigo, concello no que a taxa de paro se sitúa xa á altura do 21,52 % da media do estado, á cabeza de Galicia. Vigo é un dos puntos negros do desemprego en España.

Ademais do paro, temos outros importantes problemas. Tras a escandalosa valoración de Novacaixagalicia por parte do FROB, xa ninguén pode negar o fracaso rotundo da operación da fusión das caixas de aforro galegas. Fracaso (económico e político) que expresa, quizais mellor ca ningún outro, este esmorecemento. Un proceso de deterioración da que foi a nosa primeira ferramenta financeira durante máis dun século que se agravará coa segunda e inminente onda de fusións destas entidades. Absorbida por outro banco (quizais o de «La Caixa»), é probable que cada vez fiquen menos pegadas do compromiso daquela «caixanova» coas empresas e emprendedores vigueses, así como o importante apoio achegado obra social ao tecido cívico e actividade cultural.

Se non abondase co fracaso da nosa entidade financeira, a crise ameaza o futuro das nosas infraestruturas básicas de comunicación: aeroporto, porto e ferrocarril. No último ano Peinador perdeu destinos, frecuencias e pasaxeiros á mesma velocidade que aumentaron as tarifas dos seus billetes. O porto de Vigo ten moitas dificultades para conseguir a súa consideración de porto nodal da Rede Transeuropea de Transportes. E o atraso da chegada do AVE a Vigo, tanto o que nos uniría con Madrid como o do Eixo Atlántico, xa é unha evidencia que acepta xa até o vigués campión do optimismo. Ademais dos efectos retardatarios da imposibilidade de artellar un diálogo político capaz de poñer en marcha a imprescindible Área Metropolitana de Vigo, que quedará adiada outra lexislatura máis.

Para evitar continuar devalando, o Vigo metropolitano precisa contar cunha estratexia de planificación prospectiva guiada tanto polas luces da innovación e da formación en todos os sectores, como polas identitarias dunha cidade industrial e marítima capaz de liderar o proxecto dunha Galicia europea e atlántica. Vigo precisa reinventarse, mais sen esquecer a súa memoria, aproveitando as súas potencialidades, que as ten, como cidade internacional do automóbil e como vello porto transocéanico, dous dos referentes que foron conformando a nosa marca internacional. Para superar este devalo, xa non abondará, pois, coa coraxe da nosa clase traballadora defendendo os sectores produtivos de noso e co dinamismo dos nosos emprendedores que abriron as rotas do mar de Vigo. Precisarase, ademais, como sinala o decálogo elaborado tras o Foro Vigo Innovación, promovido pola Zona Franca, unha profunda mudanza do modelo produtivo, xa que «as cidades que non sexan capaces de ofrecer algo que as outras non teñen e contar cunha imaxe de marca propia quedarán paralizadas no tempo e non serán capaces de saír adiante e superar a crise con garantías de futuro». Para poder reiventarse, Vigo precisa, como lembrou Antón Costas, doses elevadas de intelixencia e xenerosidade política capaces de implicar a todos os emprendedores e á cidadanía nesta estratexia.

Onte 130: The Corner

Xa teño expresado en varias ocasións a miña admiración polo traballo de David Simon, o xornalista do Baltimore Sun e xenial guionista dalgunhas series de HBO. Esta fin de semana comezamos a ver The Corner, unha miniserie de seis capítulos que constituíu o auténtico limiar de The Wire. Como xa fixera con The Homicide, Simon adapta para televisión un dos libros nos que recolleu anos de documentación xornalística sobre o tráfico de drogas en Baltimore. Polos dous capítulos que temos visto, The Corner é unha durísima exploración da vida dunha familia negra estragada polos rigores da heroína e do seu trapicheo nunha esquina, convertida na súa forma única forma de sobrevivir. Narración de espírito naturalista, ao xeito dun falso documental reconstrúe a crónica da pobreza e da desolación destes seres humanos escravos da adición. A súa fasquía de balada melancólica e os seus impresionantes retratos humanos permitiulle obter un dos premios Emmy de 2000.

Onte 71: Que facer?

O artigo de Slavoj Zizek sobre os indignados de Wall Street amosa que vivimos unha crise moi profunda do capitalismo. Lin con moito interesese o suxestivo artigo do filósofo esloveno a partir do que achego tres reflexións. Primeira: a esquerda occidental ten o deber de pensar alternativas para un sistema que non pode funcionar sen Wall Street. «Que facer?», a pregunta leninista da nosa mocidade, volve ser a clave para saír deste tempo de incertidume. Segunda: no momento actual, o «silencio activo» é a primeira resposta para evitar o perigoso abrazo do oso daqueles que finxen apoiar ao movemento indignado coa intención de diluír a súa proposta anticapitalista. Terceira: precísase tempo para encher o baleiro de contido creado polas actuais protestas, aínda que non hai dúbida que vivimos un tempo de apertura cara «o novo». Ás portas do 20N e coa prima de risco nos alturas, en Galicia precisamos recuperar o compromiso político da cidadanía.

Onte 64: educación líquida

Manuel Area, catedrático galego de Didáctica da Universidade de La Laguna, pronunciou unha brillantísima conferencia inaugural do Simposio O Libro e a Lectura. Utilizando como punto de partida o concepto de Bauman de realidade líquida, abordou o tránsito que vivimos no mundo da cultura e da educación, como o paso dos modelos sólidos aos líquidos. Moi interesante foi a súa caracterización da cultura dixital (líquida) como desorganizada, abondosa, replicable, mudable, acelerada, en mudanza permanente. Análise que relacionou coa necesidade de reinventar o concepto de alfabetización para a cidadanía do século XXI a partir do acuñado por Paulo Freire: “alfabetizar é formar persoas competentes para utilizar de forma autónoma, intelixente e democrática os instrumentos da cultura de cada época”. Eis unha achega clarificadora a un concepto novo, a “educación líquida“.

Onte 33: DNI

Cando fun renovar o DNI, comprobei o moito que mellorou a atención ao cidadán por parte dalgúns servizos da Administración do Estado. Apenas agardei dous minutos máis da hora fixada na cita previa, que a semana pasada escollera en Internet. Fun atendido en galego sen telo solicitado, abondou un lacónico «Bos días», tanto por parte dos membros da Policía Nacional, que controlaban as citas, como pola funcionaria, que se ocupou da renovación do meu carné. Tras vinte minutos, saín co meu DNI electrónico no peto, máis satisfeito ca un cuco. Este servizo do Ministerio do Interior, polo menos en Vigo, funciona de forma excelente. É xusto dicilo, non imos ser sempre uns repugnantes que protestan por todo.

Fumar

Hai dous anos que deixei de fumar. Tras ese período sen botar calada ningunha e tras trinta e cinco anos como fumador escasamente moderado –son dos que comecei a fumar celtas na adolescencia, cando nos iniciabamos tamén na política galeguista– a miña humildísima experiencia indica que fumar é un pracer (unha adicción, tamén) que se pode abandonar, sempre que se faga un esforzo considerable.

Confeso que, a pesar de pasar dous anos sen tabaco e sen utilizar ningún dos trebellos da súa cultura (mecheiros, libriños, pipas…), me sigue chiflando o arrecendo do tabaco rubio das miñas marcas preferidas e que non me incomoda que alguén fume ao meu carón. Confeso que durante estes dous anos teño soñado moitas veces en que estaba fumando, mesmo supoño que algunha vez me terei espertado co fume nos beizos ou botando esa longa calada que tanto me prestaba cando ía moito frío. Sei, tamén, por experiencia de múltiples tentativas anteriores, que non é doado acadar o éxito de abandonar o tabaco, un propósito que as veces require varias quendas, supoño que moito máis polos hábitos sociais adquiridos e polos xestos persoais aos que cadaquén asocia o seu consumo ca pola dependencia física que nos provoca a nicotina. No meu caso conseguín deixala tras un par de meses de moito esforzo para vencer ese estrano formigo que che remoe todo o corpo, algunha noite de moi mal dormir e moitos litros de auga, a receita que no meu caso resultou máis eficaz para afastarme da dependencia da nicotina. Naqueles primeiros meses pensei que nunca sería capaz de escribir ou ler no ordenador sen ter unha cabicha acesa. Crin que non sería imposible parolar diante dun café quentiño ou tomar unha copiña sen botar un par de pitillos ou catro. Naquela batalla contei coa axuda do quitómetro, un programiña que axuda a motivarse no empeño, e coa comprensión das persoas do meu entorno, tan curriñas e comprensivas para saber desculpar o desacougo daqueles días. A realidade demostroume que deixar de fumar é posible.

Dende hoxe, as 10 millóns de persoas que fuman en España impediráselles facelo nos cafés e nos bares, mais das que o Goberno agarda continúen achegando pola súa adición 6.400 millóns de euros pola fiscalidade á que están sometidos aquí os labores do tabaco, que axudará a pagar a rebaixa da factura fiscal para as pemes. Unha paradoxo dificilmente explicable. Mais non vou discutir agora os termos dunha lei moi dura coas persoas fumadoras que, porén, conta cun amplísimo apoio parlamentario (e polo tanto social) nin criticar a hipócrita fiscalidade que regula o consumo do tabaco. Nin tampouco vou salientar as melloras que para a saúde supón a longo prazo abandonar esta adicción nin o comportamento máis saudable para o conxunto da sociedade que conleva que milleiros de persoas deixen de fumar, incluídos os aforros que con isto obtería o sistema sanitario. E non insisto neses argumentos por que creo na tolerancia e concibo que continuar fumando ou abandonar o tabaco debe ser unha decisión estritamente persoal que lle corresponde tomar a cadaquén na máis absoluta liberdade.

Así, para aquelas persoas que intenten estes días de comezo de ano deixar de fumar, vai todo o meu apoio; para aqueloutras que prefiran continuar gozando dos praceres do tabaco, vai toda a miña amizade e solidariedade para facer fronte con mellor humor ás dificultades que a partir de hoxe lles agardan. Comecemos todos o ano co maior optimismo, que boa falta nos vai facer para termar dos fíos da crise.

«WikiLeaks e a transparencia pública»

No artigo da semana de Faro de Vigo abordo a cuestión de WikiLeaks e as implicacións que lle vexo no que atinxe á neutralidade da rede e os ciberdereitos dos cibercidadáns.

WikiLeaks e os dereitos dos cibercidadáns

A verdade é que non seguín con moita atención as primeiras filtracións de WikiLeaks referidas ás guerras de Irak e Afganistán. Porén, tras o Cablegate do Departamento de Estado e tras a detención preventiva de Julian Assange, o asunto tenme conmocionado. Máis alá do contido dalgúns cables que ispen a figuras como Zapatero, que pasou de retirar as tropas en Irak a ofrecer aos EE.UU o aumento da súa presenza militar e colaborar activamente para que non se procesasen aos asasinos de Couso, o que realmente desacouga deste conflito é o desprezo olímpico que sobre o dereito de información dos cidadáns manteñen os diversos «gobernos democráticos» (co de Obama na cabeza do león), que consideran a Assange como o seu inimigo público e as súas actuacións como unha ataque á comunidade internacional. Até agora criamos que o dereito de acceso á información outorgábanos o dereito a saber que facían os nosos gobernos, tanto a nivel interno como cando nos representaban a nivel internacional; criamos que os límites destes dereitos apenas consistían en respectar a seguridade dos estados e os dereitos á privacidade das persoas. O conflito de WikiLeaks demostra a nosa total inxenuidade. Nin os estados nin os políticos están dispostos a asumir o nivel de transparencia ao que obriga a sociedade cibercomunicada, eles aínda teñen moito que agochar. Aí está o cerne desta deboura entre a liberdade dixital e os poderes convencionais.

A vergonza pública na que quedan algúns políticos, tras a lectura dos textos de WikiLeaks, non é un dano grave para os seus estados, nin afecta a súa seguridade, como pretenden facernos crer, senón que pon en evidencia as carencias e feblezas destas persoas, ao tempo que amosa unha forma moi determinada de entender a política e mesmo as relacións diplomáticas entre os estados. A esta altura do século XXI, os intereses dos estados soberanos non poden ser outros que os da súa cidadanía, que ten dereito a coñecer o que se di e o que se defende no seu nome. Os crimes de WikiLeaks non son ter filtrado estas informacións, senón os crimes que estas informacións revelan, como poden ser o caso Couso, as torturas desveladas en Guantánamo ou o apoio dos EE.UU ao golpe de estado de Honduras.

O conflito de WikiLeaks, ademais, remítenos á cuestión fundamental de como é posible asegurar a autonomía, a liberdade e a neutralidade da rede nunha situación, como ten sinalado Juan Varela, extremadamente paradóxica: «cando Internet e as redes sociais transformáronse no novo espazo público da democracia, os datos e a actividade dos usuarios están cada vez máis privatizados en mans de grandes empresas». Este conflito aberto (non sabemos onde pode levarnos) obriga a defender e conquistar os ciberdereitos dos cibercidadáns diante das grandes e poderosos servizos de Internet (todos estadounidenses), dende a nube de Google (disposta a asumir as presións do Goberno chinés), o comercio de Amazon, as plataformas de pagamento ou as empresas de telefonía que ofrecen a conectividade en cada un dos estados. Os cidadáns temos dereitos a controlar o acceso aos datos da nosa identidade dixital, mais tamén a acceder e utilizar libremente os nosos datos.

Non teño dúbidas que estamos vivindo a primeira revolta viral na rede a prol da liberdade e neutralidade de circulación da información. De como se resolva o conflito vai depender moito o futuro de Internet.

Recomendamos moi vivamente a tradución que Filipe Díez fixo no seu blog da anotación do blogueiro galego Suso Baleato (o primeiro pioneiro da rede en Galicia) sobre «Como neutralizar ataques DNS contra WikiLeaks».