Dragona no Dadó

A presentación de Dragona encheu onte o Dadó-Dadá. Moitas persoas, entre as que se atopaban numerosos blogueiros, escoitaron a intervención de Queipo e as músicas que durante máis dunha hora e media pinchou Míster Choco (dende os boleros e os mambos máis clásicos ao jazz, dende a música electrónica á das grandes orquestras).

Queipo salientou que comezou a escribir a novela en 1994. “Foi un parto moi demorado. Agromou en varias ocasións. Foi construída, reconstruída e deconstruída en varias ocasións”. Propuxo fixarse na fotografía da portada de Cé Tomé, unha deconstrución dunha parede que permite a reconstrución progresiva dun rostro. “Este memsmo proceso é o que está acontecendo no mundo. Vivimos nunha situación entrópica, previa a unha situación de catástrofe que entendo pode chegar a ser positiva”. Referiuse, despois, a que cuestións como os fluxos migratorios e o cambio climático poden levarnos a un novo cosmopolitismo. Para el esta posibilidade é o centro temático da súa novela, situada nunha cidade esteiro e protagonizada por persoas (todas inmigrantes) que non saben qué relación han ter entre elas. “Persoas cun comportamento mimético, irreflexivo e incomprensible. Vivimos nun tempo no que se modificaron as relacións entre as persoas e o modelo de familia. Neste novo entorno a xente vive nunha confusión total”. Logo, as súas palabras abordaron á importancia da música en Dragona. “Hoxe os obxectos configúrannos como obxectos nómadas, o móbil, a pedeá ou o mp3 desprázanse con nós. A música acompáñanos para tapar a nosa soidade; escoitamos calquera cousa que nos interese. Son músicas para a introversión máis perversa, para illarnos máis que para compartir.” Queipo rematou a súa intervención falando de que tecnicamente pretendera empregar un narrador novo, intervencionista, coma un psicanalista, empregando transfer, incluíndo, progresivamente, unha parte alícouta de cada un dos persoanxes.

Hoxe ás 20:00 no Verbum Jazz Café de Samil haberá unha nova presentación da novela.

Actualización (11-2-2007): Preciosa crónica de Ian sobre a presentación no Dadó.

Etiquetas:

Jaureguizar

Onte presentamos en Santiago A Cova das Vacas Mortas, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. Xa podemos anunciar que o 5 de marzo, ás 17:00 horas haberá un encontro de blogueiros nas instalacións de Xerais en Vigo para presentar a páxina web da novela e para debater co seu autor. Quen queira participar, prego mo comunique por correo electrónico.

Participantes na presentación A Cova das Vacas Mortas, Vigo, 5 de marzo (quen queira apuntarse, facelo en bretemas@gmail.com):

Etiquetas:

Dragona

Hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares de Dragona, a nova novela de Xabier Queipo. Presentarémola o xoves, día 8, no Dadó Dadá de Santiago (20:00 horas) e o día 9, no Verbum Jazz Café de Vigo (20:00 horas, tamén). En ambos os dous actos, Mister Choco pinchará algunha das músicas que aparecen na novela. O texto de promoción de Dragona que preparamos é o seguinte:

Na narrativa galega actual, Xavier Queipo é un dos autores que máis gravitan sobre o eixo Investigación + Desenvolvemento + Innovación Literaria. En Dragona, preséntanos unha “novela de personaxes”. Nunha cidade sumidoiro, cualificada polo autor como “A cidade do esteiro”, desenvólvese a vida dunha serie de personaxes atípicas chegadas dos catro cantos do mundo, que transitan entre a desesperación e a lubricidade, entre o comportamento fútil e as paixóns máis primarias. Dragona é unha novela con banda sonora e recreación no terreo se cada máis inexplorado da narrativa galega, aquel que analiza con precisión de cirurxián os sentimentos e as paixóns coma se fosen tecidos dun corpo único. Esta novela marca, para o autor, un antes e un despois na súa procura constante, na procura do que non se ve, deses lindeiros da incerteza, o que Cortázar chamaba “o outro lado”. Dragona é unha parábola do futuro que nos espera, que está aí, que xa chega.

Aquí pode descargarse o primeiro capítulo da obra. Boa lectura!

Etiquetas:

Aprender a convivir

A presentación en Lugo do libro de Jares (máis dun centenar de persoas, a maioría profesores e profesoras vencellados á educación para a paz) supuxo tanto un balance dos case vinte e cinco anos da celebración do Día Escolar pola Paz (case tanto como o inicio do movemento de Educadores pola Paz) como unha oportunidade para reflexionar sobre a cuestión da convivencia nos centros escolares (no día e na efeméride na que foi asinado o Plan Integral para a Mellora da Convivencia Escolar nos centros de Galicia), a raíz do programa do concello de Lugo (“Vivir xuntos. Convivir”). O de Lugo, hoxe un dos modelos máis dinámicos e innovadores sobre a difícil aprendizaxe da convivencia, recolleu a testemuña do programa pioneiro do concello de Vigo (“Aprender a convivir”), posta en marcha pola concelleira Ana Gandón, que non quixo continuar o actual goberno de Corina Porro (todo un sinal!).
Jares, nunha intervención moi emotiva (na que solicitou a cidadanía lucense e amosou a súa admiración polo traballo do profesorado, alumnado e familias participantes no programa), vencellou o Plan Integral Galego coa posta en marcha da materia de Educación para a cidadanía, que considera non debe ser antitética dos contidos transversais e das competencias básicas do novo currículo. No entanto o miolo da súa intervención xirou arredor dos temas que máis lle preocupan, despois da ruptura da tregua de ETA: “non podemos tolerar os prantexamentos que aceptan o uso da violencia, razón pola que desde os centros escolares de debería condenar todo tipo de atentados, desde o de Barajas a cada un dos asasinatos de mulleres”. Engadiu, ademais, que cómpre proporcionar un apoio solidario ás vítimas, sen usos partidarios e sempre que respecten a igualdade e a democracia. Despois, Jares propuxo unha reflexión sobre cómo algunhas das posicións que se deron tras o atentado supuxeron cuestionar abertamente o proceso de paz, a idea de paz e ás persoas que defenden a paz, un fenómeno moi semellante ao acoso político que sufriron durante moitas décadas os educadores xaponeses que defendían a paz. “E moi perigosa a fractura social que se pode producir por mor da utilización partidaria do terrorismo. Creo que esta é unha cuestión que require a mobilización cidadá. Debemos incentivar esta reflexión”, concluíu.

Xavier Queipo

La Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, “quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma”. Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!

Carod Rovira presentador dun libro galego

Entre tanto rebumbio non demos conta da presentación da Guía dos Viños, Augardentes e bodegas de Galicia 2006-2007 que realizamos en Barcelona. Contamos coa presenza e as palabras en galego do Conseller en cap da Generalitat (a información do acto de Galicia Gastronómica é completísima). Unha deferencia que moito lle agradecemos.
Etiquetas: ,

Martín Códax

Onte antes da presentación do poemario de Caride (magnífica, máis dun cento de persoas) tivemos a oportunidade de volver visitar a Bodega de Martín Códax, a máis grande e de maior produción da denominación de orixe Rías Baixas. Estas Bodegas, con apenas vinte anos de existencia, convertéronse no auténtico motor da modernización do noso sector vitivinícola e nun modelo do que pode ser a Galicia emprendedora, eficiente, aberta ao mercado exterior, mais sempre orgullosa do seu país e da súa cultura.

O presidente da sociedade de viticultores ensinounos as instalacións de Burgáns (permanentemente en obras de ampliación), que hoxe xa teñen unha capacidade para catro millóns de litros dos seus tres viños: Martín Códax, Burgáns e Organistrum. Chamoume a atención o coidado arranxo didáctico da Sala de Cata (un auténtico laboratorio para poñer a proba os sentidos e o interese pola cultura do viño) e a disposición da cava onde envellece o Organistrum (acompañado de múltiples referencias culturais).

A sorpresa para min foi a posta en marcha dunha bodega no Bierzo (alugaron unha bodega en Cacabelos), desde onde puxeron no mercado xa dous mencías: Martín Sarmiento e Cuatro pasos (non tivemos oportunidade de probalos, mais a presentación da botella, o deseño das etiquetas e as notas de cata son moi atractivos).

Mención á parte merece o labor cultural das Bodegas. Durante moitos anos promoveron o premio de poesía que levaba o seu nome (editado por Galaxia) e apoiaron un grupo de música antiga homónimo. Actualmente a súa sede constitúe, como sinalou Ramón Caride, o auténtico “Ateneo libertario de Vilariño”, xa que alí se realizan numerosas presentacións de libros, conferencias e outros eventos. Un modelo moi interesante de maridaxe entre o viño e a cultura.

Etiquetas: ,

A casa de Lola de Andrés

Mañá, sábado 27 de xaneiro, preséntase na Forxa de Sardiñeiro A casa de Lola de Andrés de Olaia Sendón Ogando. A proxección do documental, que conta como pode afectar a un pobo pequeno a chegada do bum inmobiliario que asola a nosa costa, supón, a volta, despois de cincuenta anos, do cine ao Sardiñeiro. As referencias son magníficas.

SINOPSE
O pasado non o hai que perdelo de vista porque para entendermos quen somos e para ir cara adiante sempre hai que telo presente. A memoria esvaécese e o pasado non é máis que un eco no espazo que o acolleu. Hoxe estes ecos dilúense nun espazo cambiante vítima da salvaxe e irreversíbel especulación inmobiliaria. A Costa da Morte está á venda. Baixo a fachada de prosperidade económica o fenómeno inmobiliario agacha a emigración, a falla de industrias, a desestruturación económica e a especulación perfilando un futuro no que os pobos se desartellan e onde se promove un desprezo total ao contorno, un contorno que en certa medida é o que nos di quen somos.

Entrevista a Ramón Caride

Un dos formatos máis atractivos da presentación literaria é a entrevista co autor. Esta foi a fórmula que utilizamos hoxe na Casa do Libro de Vigo para o acto de promoción do volume de poemas de Ramón Caride. O escritor Francisco Castro e o poeta de Cea conversaron animadamente arredor d’ As mascaras de Cronos. Recollín na libreta algúns fragmentos da conversa.
–FC (Francisco Castro): Este libro comeza cunha cita de Novoneyra: “O futuro é un lugar desde o que ollar para hoxe”. Este é o porqué deste libro?
–RC (Ramón Caride): Este libro para min supón un ciclo que termina. Creo que na miña obra hai un ciclo que vai de 1992 a 2002, xa que os textos que escribín durante este período teñen moitas recorrencias entre eles. Eu escribo poesía en períodos curtos e intensos. Cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Alterno na escrita a poesía e a narrativa.

–FC: Falemos das temáticas. En libros como “Xeografías de sal” daslle gran importancia ao erotismo. Ata que punto valoras a carnalidade e a paixón como temática poética?
–RC: O amor é sencial na poesía. Xa sinalaba Monterroso que os temas da poesía son o amor, a morte e as moscas. En “Xeografías de sal”, un poemario construído como as caixas chinesas, unhas partes dentro doutras, foi un desafío introducir nun dos libros, “Erótica alfabética”, o vocabulario erótico. Creo que a literatura galega foi moi púdica, con escasa presenza do erotismo, mesmo na utilización de palabras como “foder” (na miña aldea nunca se dixo “follar”). Interesoume acometer ese desafío. Mais en “Xeografía de sal” están outros temas deste ciclo. Ademais do erotismo, esta moi presente a desaparición do mundo rural (no libro a “Quentura do sangue”), a da cidade na globalidade e a poesía social (no titulado “Vitimario”). O libro é a xeografía do pracer e do sufrimento humano. Este é o cerne de todo o volume, todos os temas están en “Xeografía de sal”.

–FC: Cando lía o volume crin estar escoitando os ecos de Celso Emilio Ferreiro, tanto na poesía social como na amorosa. A última cita do libro é, precisamente de Celso. Son estes os ecos da túa obra poética?
–RC: Tiven a sorte de coñecer personalmente a Celso Emilio Ferreiro e comprobar que era un home cunha presenza excepcional. Grazas a Longa noite de pedra de Celso Emilio, Remuíño de sombras de Neiras Vilas (os dous publicados por Edicións Castrelos) e A esmorga de Blanco Amor quizais sexa escritor en lingua galega. Eles abriron moitas portas temáticas e técnicas. Celso Emilio dominaba tanto os rexistros populares e os cultos. Eduardo Blanco Amor e Celso Emilio estaban en contacto coa vangarda de cada momento. Recibir todo isto en galego abriume portas.

–FC: Para rematar, quixera que reflexionases sobre a cita que recolles de Alberto Caeiro referida a que “ser poeta é unha maneira de estar sozinho”.
–RC: A miña infancia foi nunha aldea, un microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcaban as estacións. Un mundo que, como recrda Buñuel nas súas memorias, desapareceu de repente. A memoria é creativa é trata de crear aí unha Arcadia. Como o libro é plural, podes atopar un poema que defenda iso e outro o contrario. Hai unha ambivalencia, vivimos na contradición.

O venres 26, ás oito da tarde, presentarase o libro nas Bodegas Martín Codax de Cambados. Un acto poético musical (con seguridade moi concurrido) que pechará este ciclo de presentacións.

Etiquetas: