Magnífico discurso de Antón Louro nos Premios da Crítica

Onte cheguei tarde á cerimonia de entrega dos Premios da Crítica 2010 celebrada en Mondariz Balneario. Magooume non poder ver a entrega do premio de creación literaria que recibiu Suso de Toro. Un premio que moito me aledou. O esforzo literario de Sete palabras merecía un recoñecemento deste tipo; a novela recibira boas valoracións da crítica e de moitos lectores e lectoras, porén deica agora non asomara por premio ningún dos fallados a obra editada. Entrei na sala coincidindo coas palabras de agradecemento do maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra Xoan Xosé Barreiro Prado, declarado Galego Egrexio polo seu destacado papel na creación da Irmandade Xurídica Galega e, en xeral, polo seu traballo arreo na galeguización da xustiza. Logo chegaron as intervencións dos políticos. Abriunas Anxo Lorenzo, logo interviu Roberto Varela e pechou Antón Louro. Aí saltou a sorpresa. O discurso do Delegado de Goberno foi magnífico, memorable. Moi lonxe do carácter protocolario destes parlamentos, Louro axiña atrapou a atención do auditorio coa súa defensa firme dos principios que forxaron os consensos arredor da normalización da lingua galega. Salientou con claridade a falacia que agocha o argumento do «equilibrio das linguas» que para el «só prexudica a máis feble, a galega» e solicitou con enerxía a recuperación dos espazos de encontro para evitar problemas de convivencia entre os cidadáns. Mágoa que nas notas de prensa sobre a cerimonia publicadas hoxe non aparecese referencia ningunha a estas tan ponderadas declaracións que foron longamente, moi longamente aplaudidas.

«O Pedrón de Camilo Nogueira»

No artigo da semana dedico unha homenaxe á figura do meu admirado Camilo Nogueira con motivo do premio Pedrón de Ouro que recibiu onte en Padrón.

«Todos sodes capitáns», beizóns para Oliver e Martin Pawley

O éxito extraordinario da película de Oliver Laxe merece as nosas beizóns. Como tamén o apoio que lle leva proporcionando tan discretamente o noso admirado Martin Pawley. Para eles dous as miñas maiores beizóns.

Camilo e Fermín, pedróns 2010

Achegámonos a Padrón esta mañán para asistir ao acto de entrega dos premios anuais da Fundación Pedrón de Ouro. Abriron o acto as palabras agarimeiras e firmes de Xosé Ramón Fandiño que saudou aos homenaxeados, Camilo Nogueira (Pedrón de Ouro) e Fermín Bouza (Pedrón de Honra), e aos numerosos asistentes que ocupabamos os xardíns da Casa da Matanza en día ben soleado.

Parlamentou logo Justo Beramendi que comezou salientando que tanto Nogueira como Bouza eran galeguistas de segunda xeración. Relatou o periplo biográfico de Camilo, dende a súa orixe en Lavadores até a súa actividade como eurodeputado, deténdose no papel que ao seu xuízo tivo na modernización do nacionalismo galego e no valor dalgunha das súas múltiples iniciativas parlamentarias, como foi a iniciativa da Lei de Normalización Lingüística (que subliñou non lle correspondeu a Piñeiro) e a repatriación dos restos de Castelao. Beramendi ocupouse despois de chufar a Fermín de quen destacou tres aspectos: o seu extraordinario labor docente e investigador na Universidade Complutense, a calidade da súa obra literaria, poética e narrativa, en galego, e o seu compromiso en defensa da lingua dende o seu blog «El voto con botas». Tras a entrega das medallas, falaron os premiados.

Sorpendeunos a emoción coa que comezaron as palabras de Camilo, que, tras agradecer o premio, analizou as razóns da marxinación política de Galicia, para logo dedicar especial atención ao problema da normalización da lingua, sinalando que consideraba era estritamente político e non dependía, como se nos quere facer crer, da transmisión xeracional. «Ao galego cómprelle unha institución ou un estado coa defenda» enfatizou, para despois propoñer unha converxencia entre as dúas normativas do galego, como un camiño necesario para achegarnos á lusofonía. Camilo foi pechou o seu discurso expresando que «os méritos que puiden ter ao longo da miña vida débollos a miña familia: aos meus pais, Teresa e Camilo, a miña muller, Paz, as miñas fillas, Alba e Natalia e aos meus netos». «Fico dispoñible, queda moita tarefa por facer» foron as súas derradeiras palabras.

Fermín Bouza iniciou o seu discurso advertindo que formaba parte dunha «xeración galega fumigada, emigrante, dispersa polo mundo, moi politizada, razón pola que sigo dando a vara». Tras agradecer o premio e lembrar ao seu pai Fermín Bouza e a súa nai Emilia Álvarez, detívose no momento tremendo que vive a lingua, «que sofre unha caída de vertixe da que non somos conscientes», sinalando que esta batalla dirímese, tamén, en Madrid, onde se moven unhas forzas poderosas contra o actual modelo de estado. Rematou Fermín facendo unha chamamento a proseguir este combate cívico a prol do galego, que é a razón de ser do seu blog, lembrando con inevitable saudades o berro da súa xeración: «Venceremos NÓS».

Pechou os parlamentos Manuel Caamaño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que reiterou a gabanza a Camilo e Fermín pola súa traxectoria no labor de facer país e fixo unha defensa afervoada da lingua nun momento crítico para o seu futuro.

Nos xardíns da Casa da Matanza atopábanse máis de dous centos de persoas. Académicos como o presidente Ferrín, o secretario Axeitos, o vicesecretario Fernández Rei e membros da corporación como Xosé Neira Vilas, Margarita Ledo, Antón Santamarina, Vítor Freixanes, Xesús Ferro Ruibal, Andrés Torres Queiruga e o recentemente elixido Henrique Monteagudo. Numerosos escritores como Xosé Manuel Beiras, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Helena Villar Janeiro, Antón Baamonde, Xesús Rábade Paredes, Xavier Castro. Profesores como Xosé Henrique Costas, Antón Costa Rico, Antón Figueroa, Lourenzo Fernández Prieto, Xosé María Dobarro, Xosé María Lema Suárez, Henrique Harguindey, Maruxa Barrio, Lois Ferradás, Madó Domínguez, Luís Álvarez Pousa, Xulián Maure, Valentín Arias, Manuel Méndez, Moncha Fuentes… Economistas como Enrique Sáez Ponte e Xan López Facal. Blogueiros e xornalistas como Manuel M. Barreiro, Gonzalo Vázquez Pozo, Concha Pino, Marcos S. Pérez e. Políticos como Martiño Noriega, alcalde de Teo, e Xosé Deira, alcalde de Boiro. Ademais dos membros da Fundación Pedrón de Ouro como David Otero ou Rodríguez Abella; premiados en edicións anteriores como Xosé Lois García, Mini e Mero ou as familias dos homenaxeados e moitos amigos e amigas dos que son incapaz de recoller todos os seus nomes (as miñas desculpas para eles). Moita xente e moito agarimo para un acto magnífico en defensa do país, ao que non acudiu ningún membro do Goberno Galego nin foi cuberto polos medios de comunicación públicos, a pesar de tratarse da cuadraxésima sexta edición destes galardóns.

Mañá publicaremos nestas Brétemas un artigo de homenaxe a Camilo Nogueira que aparecerá nas páxinas de Faro de Vigo.

Recomendo esta recentísima anotación de Manuel Rivas sobre Camilo e Fermín.

Grazas, moitas grazas

Foi a de onte para min unha noite memorable. Catro obras de Xerais premiadas e, se isto xa non abondase, o premio para Brétemas (bautizado pola COPE como Nieblas) como Blog literario. Máis non se pode pedir. En todo caso, é de xustiza agradecer de corazón aos membros da AELG este recoñecemento, que sei desmesurado, e aos compañeiros de viaxe de Blogaliza por facelo posible cada día. Beizóns.

Premios da AELG

Coñecimos os finalistas dos premios da AELG 2010. Agradecemos sinceramente a nominación.

Premio de Fervenzas Literarias

Recibo con sorpresa a noticia de que os lectores e lectoras de «Fervenzas Literarias» declararon estas Brétemas como o mellor blog de 2009. É este o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do blog nestes cinco anos de andaina, razón pola que non podo estar máis que agradecido. Beizóns!

Primeiro concurso mundial de pés de foto con libros

Esta paréceme unha idea fermosa para comezar un Ano do Libro e a Lectura (que en Galicia non se ve, aínda por ningures): a aventura de escribir un libro sobre os libros de forma compartida.

As fotografías son do mexicano Álvaro Alejandro e a iniciativa está promovida por Artes de México e polos nosos amigos de A leer México /IBBY (que promoven, tamén, un concurso sobre contos de fútbol, outra idea a emular).

A Noite da Edicion 2009

Os editores galegos celebramos onte no Liceo de Ourense a quinta Noite da Edición, na que se entregaron os premios ás mellores producións de 2009 e rendimos homenaxe á Nova Galicia Edicións pola súa brillante traxectoria nos seus primeiros vinte e cinco anos de vida. Tras as catro edicións anteriores nas que os premios se outorgaron por votación directa dos membros da Asociación Galega de Editores, a da presente edición foi a primeira na que foron concedidos por un xurado que valorou as obras presentadas e escollidas polos editores en cada unha das categorías.

Velaí as decisións adoptadas polo xurado que como en todos os premios á obra editada serán, sen dúbida, sometidas ao debate do público. Mágoa que Rosa Aneiros non puidera recibir personalmente o seu merecidísimo premio XoséMaría Álvarez Blázquez á mellora autora do ano, xa que ao mesmo tempo recibía o recoñecemento de «Caldereta do ano» outorgado en Ferrol pola Asociación Cultura Lefre de Caldereta. Máis alá das intervencións dos gañadores (maxistral foi a do profesor don Xesus Alonso Montero, gañador do premio Ánxel Casal, na categoría de non ficción), o prato forte da noite foron a estimulante condución que da velada realizou Camilo Franco –brillantísima nalgúns momentos, sobre todo, nos envites cómicos aos númeroso políticos presentes (dous conselleiros, o de Cultura e Educación; o alcalde Ourense; o presidente da Deputación; o director xeral de Cultura)– e o discurso de Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, que reclaou ao Goberno Galego un consenso arredor do decreto de galego e das políticas de incorporación das novas tecnoloxías nas aulas. Volvimos de Ourense, nunha noite xélida, satisfeitos da vitalidade e do inconformismo que amosa o noso sector, unha magnífica noticia para os difíciles tempos que corren.

Quen teña moita curiosidade pode ler ou baixar aquí o texto da laudatio de Nova Galicia Edicións que lin na cerimonia.

IXº Premio de relato curto «Os Viadutos»

Hoxe participamos na entrega da IXª edición do premio de relato curto «os Viadutos», organizado pola concellaría de Xuventude do concello de Redondela e destinado a narradores e narradoras entre dezaoito e trinta e cinco anos.

O relato gañador  (1.200 euros) foi «A partida» de Saúl Rivas González, estudante lucense que remata Filoloxía Galega en Santiago e que obtivera recentemente o terceiro premio do concurso de relato convocado polo concello de Ames.

O segundo premio (600 euros) foi para «Cando foi a última vez que sentín fame de verdade?» de Andrea Maceiras Lafuente de Cambre, licenciada en Filoloxía Hispánica e actualmente estudante de Filoloxía galega en Coruña.

O accesit (sen dotación económica)  correpondeu a «Adagio, main non moltto» de María Xosé Castelo Letón de Culleredo, funcionaria do concello da Pobra do Caramiñal que xa obtivera o premio Galicia en Euskadi 2009.

As obras gañadoras serán publicadas polo concello de Redondela nun volume que aparacerá o vindeiro mes de novembro.