"Madeira de Zapatero"

Hoxe colgamos o adianto en PDF da introdución de Madeira de Zapatero, o retrato do presidente do Goberno preparado por Suso de Toro. O libro estará nas librarías galegas, a partir do vindeiro mércores, e a primeira presentación da obra terá lugar na sede do Instituto Cervantes de Madrid, o martes 13 de novembro, coa participación de Angels Barceló, José Saramago, Zapatero e Suso de Toro. A edición castelá sae en RBA e a catalá aparecerá na Magrana, no primeiro trimestre de 2008. Non podo agachar a miña grande satisfacción por ter editado este importante ensaio, unha obra moi literaria e coral, que sitúa a edición galega no centro do debate político e da actualidade editorial.

Actualización (08-11-2007)
: Hoxe La Opinión da Coruña e Faro de Vigo publican un adianto dalgunhas das testemuñas de Zapatero publicadas no libro. Na prensa conservadora de Madrid tamén aparecen as primeiras valoracións do libro. El País anuncia a celebración o vindeiro mércores, 14 de novembro, dun encontro de internautas con Suso de Toro.

Actualización (09-11-2007)
: Entrevista a Suso de Toro en El País-Galicia.

Globalización e identidade europea

Pedro Valadés publica hoxe nun dos seus blogs (no dedicado a Europa), a tradución para o galego do moi interesante artigo que Xavier Rubert de Ventós publica hoxe en El Pais. Un deses textos para ler devagariño (con moitas análises que interrogan). Deebe quedar no arquivo para volver outra vez sobre algunha das súas propostas.

A entrevista con Adolfo Suárez

Eis o texto da entrevista con Adolfo Suárez , publicada no ABC dixital, da que falamos hoxe na Crónica de Tino Santiago. Algunhas afirmacións do ex-presidente son sorprendentes, como a existencia dunha cloaca madrileña de medios de comunicación ou a importancia que para el tiña convencer aos seus adversarios. É a sincera inxenuidade dun home queimado ou o froito dun tempo, paradoxicamente, máis aberto co actual?

Etiquetas:

Recuperar o vieiro

No artigo da semana reflexiono sobre a necesidade do Bipartito de recuperar os seus sinais iniciais de identidade: programa común de goberno, austeridade e transparencia na xestión e comunicación compartida. Dende as posicións cidadás é necesario esixir este novo impulso de rexeneración democrática.

Etiquetas:

Barreiro, xefe de gabinete de Vicepresidencia

Manuel Martínez Barreiro será o novo xefe de gabinete da Vicepresidencia. Quen fora coordinador de edición de Xerais e despois coordinador de edición dixital de Acordar, ademais de comentaristas político da Radio Galega e de Vieiros, veterano blogueiro e autor de literatura infantil, terá a responsabilidade de acometer acarón de Quintana un traballo político decisivo na segunda parte da lexislatura. Os que o coñecemos e queremos sabemos que Manolo Barreiro posúe grandes doses de capacidade de diálogo, rigor na análise política e social máis concienzuda e actualizada, longa experiencia política, curiosidade tenaz polo coñecemento, persistencia e xenerosidade no esforzo, profundas conviccións de esquerda, discreción e elegancia exquisitas, amais de labaradas de ironía e doutros moitos valores humanos. Condicións abondas para prever que Quintana, o BNG e todo o Goberno Galego están hoxe de en hora boa por este acertadísimo nomeamento. Non teño dúbidas de que o seu selo irá calando coa discreción e o traballo ben feito que sempre o caracterizou alí onde foi e onde sempre deixou tantos amigos. Desexámoslle os maiores éxitos nesta súa nova (e, non o podemos negar, dífícil) andaina.

A dimisión de Losada

Tanto ten se Antón Losada dimitiu por asuntos persoais ou foi cesado a petición do interesado (termos que, sen dúbida, expresan que foi o propio Antón quen elixiu abandonar neste momento a súa responsabilidade). A actuación de Losada foi nalgúns momentos torpe, e mesmo un chisco teatral e esaxerada nas súas formas, mais tamén é innegable que contribuíu coa súa determinación e coñecemento a impulsar moi decididamente a acción do Goberno galego no traspaso de competencias pendentes (como até agora ningún político galego fixera), a impulsar a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou a intentar que a acción de goberno dos nacionalistas fose respectada (o que non é doado) polos seus coaligados sempre dispostos a competir con eles. Quizais o maior problema de Losada foi que dentro do equipo de Vicepresidencia asignóuselle –coma a Guerra, a Cascos ou á actual ministra Magdalena Álvarez– o difícil e incómodo papel de ser o “malo da película” que leva no lombo a maior parte dos paos dirixidos ao seu xefe e, por riba, debe participar en todas as liortas e polémicas mediáticas e partidarias. Haberá que agardar a comprobar como se desenvolve Quintana no futuro sen tan valioso pararraios. Quizais, entón, con maior perspectiva, se poida xulgar máis acaidamente o traballo político de Losada, para min decisivo para o éxito acadado (con moitas máis luces ca sombras) tanto por Quintana como polo bipartito no seu conxunto nesta primeira parte da lexislatura.

Etiquetas:

Sobre inxustificado

No artigo da semana reflexiono sobre o complemento aprobado para os funcionarios que exerceron como altos cargos e apoio o rexeitamento proposto por Encarna Otero. Entendo que o exercicio da política como servizo xeneroso e noble á cidadanía require destas actitudes de rexeneración ética.

Etiquetas: Artigos

A Fiscalía entra en Gaiás

Sabiamos que a posta en marcha da comisión de investigación sobre a xestión e as adxudicacións realizadas na Cidade da Cultura non era un camiño substitutorio da actuación da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza (como, seguramente, pretendía o PPdeG). Tras o informe do Consello de Contas detectando importantes irregularidades no proxecto, era lóxico que se producise esta importante noticia. O que pode dar de si a apertura desta sandía, é impredicible. Quizais esteamos diante da noticia máis importante desta lexislatura?

Himno galego: o ridículo de "El Mundo"

El Mundo, o periódico máis identificado hoxe coa dirección do Partido Popular de Mariano Rajoy, pretende atacar ao vicepresidente Quintana por medio dunha anotación sen asinatura na que se ridiculiza o himno galego e algunhas medidas de política lingüística aprobadas polo Goberno Galego.
O máis sorprendente do caso non é a intención claramente denigratoria que o periódico de Pedro J. acomete cara un dos símbolos nacionais de Galicia (e por extenso co pobo galego), senón a paupérrima argumentación e documentación (tradución ao castelán do texto de Pondal, incluída) que utiliza, absolutamente impropia dun chamado “xornal de referencia”.
A lamentable anotación non merecería máis comentario se non fose outro síntoma da ferocidade que esta prensa capitalina (ou esa inefable rede de blogs proRajoy, que meten medo!) está disposta a despregar co nacionalismo galego, ás portas das vindeiras Eleccións Xerais. Ben sería que por coherencia o propio Mariano saíse ao paso da anotación e solicitase unha rectificación ao seu benquerido PJ, xa que o actual presidente do PP é corresponsable da Lei de Símbolos de Galicia, aprobada (por unanimidade) en 1984 polo Parlamento Galego do que el daquela formaba parte. De non facelo, poderiamos chegar a pensar que Rajoy defende sen rubor ese “nacionalismo excluínte” que para El Mundo expresa o himno dun tal “Arturo Pondal”.
O máis pavero do asunto é que as palabras de Quintana foron ben sensatas e moi prudentes. Claro que a celebración do centenario do himno (o vindeiro 20 de decembro) merece ser salientada polo Goberno, polo Parlamento e polo conxunto da sociedade galega! Como tamén o desexo de Quintana (que todos compartimos) de que todos os escolares realmente aprendan o himno, mais aínda cando o coñecemento dos símbolos de Galicia está recollido como un dos contidos dos currículums de todas as etapas educativas non universitarias (mesmo dende a Educación Infantil). Quintana non propuxo nada que xa non estivese establecido na nosa lexislación educativa. Mágoa que os redactores anónimos de El Mundo non tivesen a paciencia e o rigor de comprobalo!
Etiquetas: