Onte 244: Fin da educación comprensiva

Intereseime polo Programa Nacional de Reformas, o documento estratéxico que o Goberno elaborou de cara a cumprir os compromisos do Plan de Estabilidade. A verdade é que quedei pampo cando estudei os contidos educativos (entre as páxinas 182 até 195), nos que o Goberno asume a reforma da Educación Secundaria cuxa idea principal «é substituír 4º da ESO por un curso de carácter propedéutico, tanto no itinerario de bacharelato, como no itinerario da Formación Profesional de Grao Medio, que permita anticipar un ano a elección básica do itinerario». Tan importante decisión, que supón unha modificación substancial da estrutura do sistema educativo e dos contidos curriculares na fin da educación obrigatoria, xustifícase co obxectivo de reducir a taxa de abandono escolar temperán actual do 28,4% (2010) ao 23% (2015) e 15% (2020), o que de facto supón abandonar o obxectivo do 10% asinado na «Estratexia 2020 polo emprego e o crecemento». Apenas unha paxina (183-184), redactada con coidadosa ambigüidade e escasa concreción, abonda para poñer fin a dúas décadas do modelo de educación obrigatoria comprensiva e para anunciar unha importante reforma educativa. O documento asume como compromisos a reorganización da arquitectura do Sistema Educativo entre a actual ESO e os estudos postobrigatorios; a modificación dos actuais currículums do bacharelato, especialmente das materias instrumentais ou troncais; a posibilidade de modificar a actual Proba de Acceso á Universidade e outras probas anteriores de avaliación externa; a modificación dos Programas Iniciais de Cualificación Profesional; así como un amplo caixón de «Outras medidas», entre as que se citan «a promoción do bilingüismo e da segunda lingua estranexeira», a autonomía dos centros educativos ou «a problemática do persoal docente (novo sistema de selección do profesorado, mobilidade, estruturación de corpos, carreira e xornada)». En definitiva, na inocente redacción dun documento económico atopamos enunciados os epígrafes dunha contrarreforma educativa en toda regra. Volve con toda a forza o debate arredor da igualdade da educación.

Onte 241: Tempos de mudanza?

Semella que os resultados das eleccións desta fin de semana poderían preñar tempos de mudanza en Europa. En Francia gañou quen considera que a austeridade non pode ser unha fatalidade, cuestionando así a estratexia suicida do partido conformista de Merkel. En Grecia irrumpe con forza nun parlamento moi fragmentado, que racha co bipartidismo conformista, a esquerda anticapitalista que rexeita os recurtes draconianos do plan de rescate. En Escocia os nacionalistas foron o partido máis votado nas municipais, dous anos antes do referendo de independencia, e os laboristas en Inglaterra e Gales. Mesmo no pequeno lander de Schleswig-Holstein a CDU de Merkel retrocede. Que alcance terán estes resultados que castigan aos partidos conformistas gobernantes? Os hoxe emerxentes serán capaces de consolidar tendencias alternativas? Viviremos, por fin, unha reorientación que mesturando as políticas fiscais coas de crecemento  permita a Europa saír da recesión e do proceso de devaluación interna á que foron obrigados os países do sur? Mariano Rajoy animarase agora a introducir sequera algunhas medidas de reactivación? Cal será a resposta dos mercados?

Onte 238: Adianto electoral?

Xabi Blanco aventura no seu primeiro artigo en La Región un adianto electoral para o mes de setembro. Semellaría que volve unha lideira interna semellante á que tiveran Blanco e Touriño, agora protagonizada por Rajoy e Feijóo. Como lle sucedera co Goberno bipartito, o presidente da Xunta preferiría rematar a lexislatura, fronte ao criterio do presidente do Goberno e do propio entorno do partido, especialmente o conselleiro Rueda, de convocar despois do verán. Os durísimos recurtes que sufriremos en 2013, previstos no Plan de Estabilidade (outros 30.000 millóns de euros) agoiran para o PP serias dificultades  electorais que aconsellarían a Rajoy impoñerlle ao presidente da Xunta o adianto. Unha tensión que, sen dúbida, deberá resolverse ao longo deste mes. No caso do adianto, terán tempo abondo socialistas e as formacións nacionalistas para organizar unha alternativa verosímil? De conseguilo poderían dar unha boa sorpresa.

Onte 234: En defensa da sanidade e educación públicas

Milleiros de persoas manifestáronse en diversas cidades galegas, convocadas por CC.OO e UGT, en defensa da educación e sanidade públicas. É moi difícil entender as razóns polas que as organizacións nacionalistas, tanto sindicais como a maior parte das políticas, non participan nestas convocatorias cívicas. Sei que sucederá outro tanto nas convocatorias galegas do Primeiro de Maio, nas que tampouco haberá unidade de acción sindical. Nun momento decisivo como o que vivimos, onde os recurtes dos dereitos laborais e sociais ameazan co derrube completo do estado do benestar, as organizacións nacionalistas galegas teñen a obriga de estar onde a maioría social, a menos que pretendan quedar nas marxes, unha situación que deixaría a agra aberta para o medre do PSOE e de Esquerda Unida.

Onte 233: 265.600 = 20%

Segundo a EPA o número de parados foi en Galicia no primeiro trimestre de 2012 de 265.000 persoas, o que supón que a taxa de paro superará por vez primeira o 20%. Dúas cifras estremecedoras ás que se engade outra non menos preocupante, o desemprego incrementouse nun 10,4% con respecto ao trimestre anterior, unha porcentaxe superior á media estatal. Galicia desángrase demograficamente, perde as súas institucións financeiras, acada o maior número de desempregados da súa historia, faino a un ritmo superior á media estatal, aumenta as taxas de emigración da súa mocidade… Un panorama económico e social desolador. Triste balance que presenta o partido conformista para unha lexislatura perdida.

Onte 224: Sangría demográfica

Somos apenas 2.778.913. A perda de poboación de Galicia, a maior de todas as Comunidades Autónomas, é o síntoma máis evidente da catástrofe política, económica e social que vivimos. Galicia desángrase demograficamente, agora tamén nas provincias atlánticas, mesmo a pesar do lixeiro aumento da poboación estranxeira, que supón apenas o 4% da cidadanía nosa. Diminúe a poboación, aumenta a emigración da mocidade, o desemprego acada os niveis máximos da historia…, un cadro estatístico que amosa a derrota de Galicia, o fracaso do proxecto colectivo de construción nacional. Fachendeará o presidente Feijoo, a volta da súa viaxe mexicana, sobre este novo éxito das políticas redutivas, tamén no eido demográfico? Que futuro podemos enxergar por este vieiro?

Onte 221: Máis tesouradas en educación

As medidas educativas anunciadas polo ministro Wert están dirixidas máis a aforrar recursos (3.000 millóns de euros/ano) ca en mellorar a eficiencia do sistema educativo e reducir as taxas de fracaso escolar, só superadas por Portugal e Grecia. Non coñecemos sistema educativo ningún ca mellorase a súa calidade aumentando a ratio profesor/alumno nin empeorando as condicións de traballo do seu persoal docente. Sabemos que politicamente é moi doado zouparlle ao funcionariado docente como xa non podemos acreditar tampouco nas promesas de que estas tesoiradas afecten menos a Galicia, á que estatisticamente corresponderían preto dos 180 millóns euros, unha auténtica catástrofe para un sistema educativo moi disperso xeograficamente e con taxas aínda elevadas de fracaso. Ben sería que os responsables da consellaría de Cultura e Educación anunciasen a cantidade do retallazo que corresponde a Galicia, ao tempo que a xustificasen cos estudos que avalan a reorganización prevista para os cadros de persoal e a rede de centros. Non esquezamos que a educación é social e economicamente un sector estratéxico moi sensible no que cada sociedade aposta polo seu futuro e pola súa convivencia.

Onte 220: A deriva da Coroa

Conmocionoume o artigo de José Antonio Zarzalejos, antigo director de ABC, sobre como a Coroa entrou en barrena. O artigo é de lectura máis que recomendable, xa que achega un diagnóstico e unha información moi valiosas para entender o que pode suceder no futuro. Máis alá da complexa situación da familia real, a cazaría salvaxe amosa que El-Rei perdeu o contacto coa realidade. Un comportamento irrresponsable, inxustificado e inapropiado que, probablemente, provoque nun prazo de tempo razoable, a abdicación de Juan Carlos e a posta en marcha do proceso sucesorio nun entorno tan delicado como a da crise económica e a do modelo de estado autonómico. Diante desta situación, como propón Fernando Varela, os principais partidos deberían comprometerse  a convocar un referendum para que a cidadanía se pronuncie en liberdade sobre a forma de Estado. A elección está ben clara: a continuidade da Monarquía borbónica ou o regreso da República.

Onte 219: Elmer republicano

Non imaxinaba que no día da República rendiría homenaxe a Elmer, o noso elefante preferido. Cando en 1997 publicamos en galego en Xerais o primeiro álbum de David Mckee presentabamos ao simpático elefante de cores como a expresión da diversidade e a mellor gabanza da diferenza para os lectores máis noviños. «Elmer vive na manda de elefantes pero síntese diferente porque é de retallos: é amarelo, laranxa, vermello, rosa, lila, azul, verde, negro e branco, pero, Elmer, non era da cor do elefante». Hai catro anos, recuperabamos Elmer con Negros e brancos, un libro que constitúe un alegato plenamente vixente en contra da guerra, a prol da educación para a paz e a convivencia entre persoas e mundos diferentes. Onte, tras coñecer a patética cazaría de El-Rei en Botsuana, sabemos que o elefantiño Elmer, coma mesmo Dumbo o torpón de Disney, expresa, ademais, a dignidade dos valores republicáns de igualdade, liberdade e fraternidade. Sempre Elmer!!!

Onte 214: 40 por aula

Tras o anuncio por medio dunha nota de prensa dun recurte de 10.000 millóns de euros ás CC.AA., asistiremos a unha regresión histórica das políticas públicas de Sanidade e Educación. O repagamento dos actos sanitarios, o aumento do copagamento farmacéutico, como tamén das taxas universitarias e do número de alumnos e alumnas por aula na educación non universitaria (mesmo até os corenta) semellan inevitables. Para o Goberno Rajoy apupar ese amigo invisible, que de forma eufemística denominamos «mercados», está por riba do futuro dunha cidadanía secuestrada polas autoridades do BCE. Cando coñeceremos, por fin, o modelo fiscal que o Goberno incluirá no Programa de Estabilidade 2012-2015? Ese documento é a folla de rota deste proceso de devaluación salarial interna e de regresión das conquistas sociais ao que asistimos indignados dende o mes de maio de 2010.