Primeiras secuelas
/en Goberno Feijoo, Lingua, Polémicas, Política/por bretemasObservo na sección de Cartas ao director de Faro de Vigo a aparición das primeiras secuelas do manifesto «GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE» (nesta semana duplicou os seus apoios, camiño xa das tres mil adhesións) e do artigo da semana pasada no que se reclamaba ao PPdeG que se reintegrase ao consenso sobre o estatuto da lingua forxado nos últimos vinte e cinco anos. Semella que os sectores galegófobos acordaron mandar unha chea de cartas contra min ao Faro de Vigo (coma estás dúas, ás que, sen dúbida se engadirán outras), seguindo no seu contido o manual de campaña ben coñecido («imposición del gallego», «legitimidad democrática después de gañar las elecciones»…). Ademais de amolar é buscar espazo en «Faro», interpreto que a intencionalidade da iniciativa é a de volver presionar a Feijoo (como xa leva facendo GB coa noxenta campaña contra Anxo Lorenzo) e impedir calquera posibilidade de recuperación do consenso sobre a promoción do galego, que eles interpretarían como unha traizón do PPdeG a unha promesa electoral. Que tristeza! As linguas serven para sumar e acordar, non para esgazar de forma tan egoísta unha sociedade.
Lingua: recuperar o consenso
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Goberno Feijoo, Iniciativas, Lingua, Polémicas, Política/por bretemasNo artigo da semana, tras a presentación do manifesto «Galego. Patrimonio da Humanidade», propoño en termos moi semellantes a recuperación do consenso arredor da lingua. Reproduzo o texto, xa que a versión publicada contén algúns erros e grallas que pexan a súa lectura (as miñas desculpas).
“Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consenso básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos”.
Esta é a primeira frase do manifesto “Galego. Patrimonio da Humanidade” que avalado por máis de mil trescentas persoas, pertencentes os máis diversos sectores profesionais e de afinidades políticas, foi presentado o pasado venres na Casa Galega da Cultura de Vigo coa intención de reclamar ao PPdeG que regrese ao terreo común das políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que durante varias décadas impulsou desde os diversos gobernos presididos por Albor e Fraga. Un manifesto que constitúe unha chamada cívica de recuperación do consenso arredor das políticas de fomento e protección do idioma forxado tras tres décadas de esforzo colectivo entre os partidos políticos no Parlamento de Galicia, ao que tampouco foron alleos diversos sectores sociais, e plasmado nas unanimidades parlamentares acadadas pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 (aprobada sendo presidente Xerardo González Albor) e polo Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 (aprobado sendo presidente Manuel Fraga e vicepresidente Alberto Núñez Feijoo).
Porén, dende a campaña electoral, cando a dirección do PPdeG quedou prendida nos cantos de serea de grupos galegófobos minoritarios e das directrices emanadas de FAES, e sobre todo nestes meses andados tras a constitución do Goberno Galego, o presidente Feijoo, tras asumir (con inusitado protagonismo) os custes e beneficios políticos de subvertir o marco actual do galego, decidiu acometer unha operación consciente e planificada de desmontaxe dos tres consensos básicos acadados durante o período autonómico arredor da protección da lingua e da cultura galegas. Primeiro, o de considerar a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia en todos os ámbitos sociais; segundo, o da obriga de todos os poderes públicos sen excepción de asegurar a normalización do galego como lingua propia de Galicia; e, terceiro, o de asegurar a non discriminación de ningún cidadán ou cidadá por razón de lingua.
Consensos que se pretenden facer cachizas amparándose na existencia dunha suposta “imposición lingüística do galego”, promovida polos sectores nacionalistas. Unha falsidade que, de tantas veces repetida ata o delirio por parte de sectores galegófobos, semella ter calado, magoadamente, nunha parte da sociedade galega, e que oculta un modelo de monolingüismo baseado na supremacía do castelán e a consideración residual do galego apenas como lingua etnográfica. Consensos que, ademais, semellan considerarse innecesarios cando os membros do actual Goberno se amparan na maioría absoluta obtida nas eleccións como mellor argumento para xustificar algunhas das súas medidas (como a supresión da proba de galego no acceso á función pública), que constitúen os primeiros retrocesos institucionais sobre protección do galego coñecidos no período autonómico.
Porén, como sinala o manifesto cidadán, “Galego. Patrimonio da Humanidade”, “gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país”. É innegable que en Galicia se falan dúas linguas, e é innegable, tamén, que están en situación de moi clara desigualdade, como demostran os estudos sociolingüísticos independentes, que salientan, ademais, o feito dunha recuperación histórica da sáude do galego nos últimos anos (un feito que debemos celebrar). Desigualdade na que reside a razón pola que o galego debe recibir unha especial protección e fomento da súa aprendizaxe por parte dos poderes públicos, requisito imprescindible, ademais, para asegurar a posibilidade de elección en total liberdade dos seus usos por parte dos cidadáns e cidadás do noso país. Mais se isto non abondase, os estudos sociolóxicos amosan a existencia na sociedade galega dunha corrente basal de aprecio cara a lingua de noso, independentemente de cal fose o idioma no que cada cidadán se expresa decotío. Unha corrente de aberta simpatía en amplos sectores cidadáns cara as medidas de fomento do galego e do desenvolvemento dunha sociedade plurilingüe, onde o galego sexa considerado como lingua propia e de uso preferente nos eidos educativos e sociais.
A recuperación do espazo de consenso arredor do idioma, tan traballosamente forxado, é o requisito primeiro para a nosa convivencia en liberdade. Poñer en perigo semellante patrimonio común, como se ven facendo durante estes últimos meses, pode ter consecuencias inimaxinables para o país. Pola contra, o exemplo do recente consenso acadado na FEGAMP (onde están presentes os partidos do goberno e da oposición) con motivo do vinte e cinco aniversario da “Declaración do Hostal”, afirmando con toda claridade “o galego como lingua propia dos concellos e deputacións de Galicia”, é o camiño a seguir.
Juan Carlos Moreno Cabrera, entrevista
/en Lingua, Polémicas, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Z57J88m0_MU" width="425" height="350" wmode="transparent" /]Tras o impacto que nos provocou o vídeo da conferencia do profesor Juan Carlos Moreno Cabrera sobre o nacionalismo lingüístico español, nesta outra peza de 36 minutos, preparada como a anterior pola UOC, o director dels Estudis de Llengües i cultures, Joan Pujar, entrevista ao linguista madrileño. Moreno aborda coa súa claridade didáctica habitual cuestións como os de «plurilingüismo», «o valor de aprendizaxe das linguas» ou «a diversidade lingüística», entre outras. Moi recomendable.
Juan Carlos Moreno Cabrera, conferencia sobre o nacionalismo lingüístico español
/en Lingua, Polémicas, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/d4B6Hu3z-4A" width="425" height="350" wmode="transparent" /]Conferencia (case 40 minutos) de Juan Carlos Moreno Cabrera, profesor da Universidade Autónoma de Madrid, sobre o nacionalismo lingüístico español. Extraordinariamente clarificadora. Desmonta mitos e prexuízos a esgalla. Moi recomendable.
Vía Bouzafría, moitas grazas.
«La Nueva España» e o galego
/en Lingua, Polémicas/por bretemas
O xornal La Nueva España de Oviedo publicou esta reportaxe sobre a definición que da palabra «galego» aparece no Dicionario Xerais da Lingua. Para o redactor do texto os editores deste dicionario enleámola xa que «en el libro de Xerais, usado en las escuelas, se define el gallego como la lengua que se habla, además de en Galicia, en el occidente de Asturias, León y Zamora» [sic]. Non é a nosa intención participar de maneira ningunha nesta falsa polémica. Teño moi claro que os nosos dicionaristas definen a nosa lingua de forma moi precisa, atendendo aos estudos sociolingüísticos máis actualizados sobre a cuestión. A que obedece a volta desta vella polémica en Asturias sobre o galego?
Topoloxía
/en Lectura, Polémicas, Promoción do libro/por bretemas
Ten razón Arturo, o discurso da proxección exterior da literatura galega é o mesmo da proxección interior. Como sinalo nun comentario que deixei no seu blog, ambas as dúas, a interior e a exterior, son as dúas facianas dun mesmo corpo que ten vontade de ser visible. Sen entrar en disquisicións sobre o que sucedía nos tempos do perezvarelismo, hoxe o que non parece sensato é investir en custosas viaxes internacionais e (tras case catro anos) non ser capaces de dotar ás nosas bibliotecas das nosas novidades editoriais (como está previsto na Lei do Libro e a Lectura). Sobre esta cuestión poderiamos facer denuncias que escandalizarían. Mais xa estamos cansos de batallar aquí e acolá e de recibir tratos severísimos. Neste eido, por prudencia, tiramos a toalla. No entanto, aproveitando a piedade destas xornadas de Nadal, cos meus comentarios pretendo contribuír a ese esforzo en man común que ten por obxectivo que os nosos libros en galego poidan ser minimamente visibles nas librarías e nos medios de comunicación (fundamentalmente electrónicos) preocupados por eles. Isto é o que chamo exercicio de «autoestima». E tal como están as cousas, este exercicio de proxección interior é imprescindible. Os grandes discursos grandilocuentes sobre o libro galego, deixámolos para os políticos, que para iso andan apurados en concurso electoral.
Visibilidade nas librarías
/en Librarías, Polémicas/por bretemasGalicia investiu 165 millóns de € en libros, o que supón o 5,3% do mercado español; se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da española, continuamos arrastrando un déficit de 1,3% no que atinxe a compra destes bens culturais.
Os tres millóns de exemplares de libros en galego vendidos (máis dun exemplar por habitante, o que non estña nada mal) acadaron unha facturación de case 32 millóns de €, o que supuxo un 19, 22% do mercado do libro en Galicia. De cada cinco libros vendidos, un foino en galego.
Os 250.000 exemplares vendidos de títulos de narrativa (apenas o 8,33% de todos os vendidos en galego) acadaron unha facturación de tres millóns de euros, apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia. É dicir, de cada cen libros que se venderon en Galicia no 2007, só un par deles tiveron a oportunidade de ser unha novela ou un libro de relatos, orixinal ou traducido, dos publicados en galego.
As 137 novidades de narrativa en galego publicadas competiron nas librarías cunha oferta en castelán de dez mil novidades (si, dez mil, unha barbaridade!), que facturou 573 millóns de €, vendeu máis de 56 millóns de exemplares e supuxo o 18,4% do mercado do libro en España.
Se establecemos comparacións serenas entre toda estes datos, podemos comprender acaidamente o que está sucedendo nas librarías durante esta campaña de Nadal. Un sector de ficción en galego de tres millóns despútalle o mínimo espazo dispoñible ao da ficción en castelán que en Galicia factura dez veces máis. David contra Goliat. Esas son as magnitudes dos nosos mercados. Nesa tensión desigual dentro da libraría é onde se está dirimindo o futuro da literatura galega.
«Malia ao escaso tirón»
/en Lectura, Novidades, Polémicas, Promoción do libro/por bretemasVelaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada.
Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico.
Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Memoria de Enrique Macias4 de Novembro de 2025 - 6:18 a.m.
Folga no ensino29 de Outubro de 2025 - 7:40 a.m.
Novo Mundial para Balaídos?28 de Outubro de 2025 - 9:37 a.m.
Desde Vigo, Galicia como tarefa25 de Outubro de 2025 - 9:44 a.m.
Sempre Aspas25 de Outubro de 2025 - 9:32 a.m.


