«Malia ao escaso tirón»
/en Lectura, Novidades, Polémicas, Promoción do libro/por bretemasVelaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada.
Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico.
Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.
Respecto para a nosa literatura
/en Cultura, Polémicas/por bretemas
Na entrevista de Vieiros Rivas expresa hoxe con moita claridade unha preocupación que compartimos nestas brétemas sobre o enfoque actual da proxección da literatura galega. Esta frase é fulcral:
Creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior.
Como ten, tamén, moita razón cando di:
Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o seu redescubrimento no interior.
Se non pulamos con todas as nosas forzas pola saúde do noso mercado interior do libro (na calidade dos seus produtos e no seu atractivo para o público), se non coidamos con agarimo as nosas bibliotecas pública e librarías culturais, se non visibilizamos a nosa produción nos medios de comunicación galegos, de pouco servirá a voluntariosa presenza de editores, autores e políticos da cultura en feiras do libro internacionais. Estou con Rivas, non hai mellor proxección exterior para a literatura galega que as maiores doses de respecto e de autoestima que consigamos para ela no propio país.
Juan Palomo ofendido polos nosos premios nacionais
/en Polémicas, Premios/por bretemasTambién en los premios Nacionales de Literatura que otorga el Ministerio de Cultura parte el bacalao la cuota nacionalista. Asombroso, dada la distancia abismal entre el número de libros publicados al año en castellano y los editados en las otras lenguas de España. Viene esto a cuento de lo sucedido la semana pasada: un libro en gallego (O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz), se alzó con el premio Nacional de Literatura Infantil, y otro en gallego, sólo en gallego (De provincia a nación. Historia do Galeguismo político, de Justo Beramendi), con el Nacional de Ensayo. Me pregunto cuántos de los miembros o miembras del jurado lo habrán leído, aunque lo extraño es que esto no pase con más frecuencia. La clave, lo digo por experiencia, es la composición del jurado. Los catalanes votan siempre a los catalanes, los vascos a los vascos y los gallegos a los gallegos. De inicio, jamás a un autor en castellano. Y a medida que en cada ronda es eliminado un autor “autonómico”, los jurados votan al “periférico” que va quedando. Siempre, todos los años lo mismo. Y cuando los “periféricos” son mayoría, gana el que quieren.
Que é un libro? Frankfurt 2008
/en Blogs, Libro, Polémicas/por bretemas
A polémica sobre o carácter inédito ou édito dun texto presentado a un premio literario é outra proba do moito que está mudando o mundo da edición, as súas rutinas, usos e costumes. O debate de fondo de tantas polémicas reside na dificultade de contestar á pregunta de «que é un libro?». Leo en ediciona, un dos meus blogs de referencia sobre o debate actual sobre os futuros do libro, o que entenden por un «libro» os responsables de comunicación da Feira de Frankfurt 2008 (onde acudiremos dentro de tres semanas): «unha das varias posibilidades de procesar, circular e difundir contido. Outras vías para lograr o mesmo propósito son os sitios web, os xogos de ordenador e os arquivos de audio». Unha definición tan ampla que abre aínda moito máis o debate. Estou xa inquedo por comprobar o que ferve no eido da edición electrónica mundial, un dos temas principais deste novo Frankfurt.
Rogerio Santos proporciona publica unha interesante anotación sobre o posible estatuto dos blogs na Unión Europea. Eis outro texto para afondar na polémica.
O premio de Eduardo Estévez
/en Blogs, Poesía, Polémicas, Premios/por bretemas
A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado:
– A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos.
– O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes.
– As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso.
– No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez.
Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar.
Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).
Actualización (26-09-2008): Vieiros.
Bravo, Suso!
/en Autores, Polémicas/por bretemasSteiner, non é todo ouro de lei
/en Lingua, Polémicas/por bretemas
Ten razón Xabier Cordal, as desculpas de Steiner están cargadas de dinamita. Se ben «pide sinceras disculpas» e admite que as súas declaracións sobre o galego foron froito dun «comentario irreflexivo», a continuación afirma que a súa foi «unha resposta ó chauvinismo rexional que ameaza agora a unidade de España», o que non ven máis que agravar a polémica. Que entende o profesor de Cambridge por «chauvinismo rexional»? Para el o uso das linguas oficias españolas ameaza a «unidade de España»? Hai veces que é mellor ter a boca calada, xa que se pretendía desculparse por «irreflexivo», agora este comentario máis meditado semella moito máis grave (considerar as linguas oficiais españolas como ameaza é outro disparate). A verdade é que os prexuízos culturais e a visión política deste señor non dan máis de si. Creo que é estéril continuar tirando dese fío, ben sabemos que non é todo ouro de lei.
Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia as recomendacións que diversas persoas da cultura galega fariamos ao señor Steiner para desmontar os prexuízos sobre a nosa literatura. Un interesante canon espontáneo das nosas letras.
Actualización (21-09-2008): «Steiner, no; nosotros», Suso de Toro. Un artigo moi recomendable e clarificador.
Esperpento
/en Lingua, Polémicas/por bretemas
Impresionante! A noticia é mellor que a maioría das páxinas de humor de Ozú! Esta xente toleou de tanto reiterar a súa mentira.
E chegou Aguas de Mondariz
/en Lingua, Polémicas/por bretemas
Afeitos como estamos a contar cunha polémica sobre a lingua cada semana, á cola do documento do Club Financeiro de Vigo, aparece agora o pronunciamento particular sobre o tema da empresa Aguas de Mondariz. No portal de AGAL pode lerse a correspondencia electrónica intercambiada entre responsables desta empresa e consumidores que solicitan información arredor da cuestión do uso da nosa lingua.
Fóra dos repetidos argumentos do documento do Club Financieiro (imposición do galego, dos problemas de recrutar profesionais entre 30 e 40 anos con familia… ) o fulcral do pronunciamento da centenaria empresa de augas radica en apostar polo inglés como segunda lingua: “[…] hasta los chinos pra comunicarse con el mundo la utilizan”. Unha vez máis, vencidos polos prexuízos, considérase que o galego non é unha lingua universal e que o seu uso é incompatible co aprendizaxe doutras linguas estranxeiras. Con todo, o documento conclúe expresando que a empresa continuará patrocinando e apoiando “a cultura gallega organizando eventos de literatura, teatro,música, etc, con la finalidad de promover el galego como una fuente de riqueza cultural, magia inspiracional y de melodía poética“, ao tempo que proporcionando unha xanela compasiva co futuro do noso idioma: “La tradición y la propia gente es lo que lo ha preservado y preservará esta mágica y hermosa lengua”. Todos os tópicos e prexuízos sobre a nosa lingua e a nosa cultura metidos nunha botella.
Sobre a polémica do documento do Club Financieiro continúan aprecendo textos moi interesantes. Aconsello a lectura da carta aberta de Xabier P. Docampo, o divertido artigo de Ánxel Vence no suplemento Estela de Faro de Vigo (non se pode acceder directamente na rede) e a anotación de Mario.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Dous aeroportos, catro terminais14 de Abril de 2026 - 3:51 p.m.
A lámpada de Claudio13 de Abril de 2026 - 9:26 a.m.
Reconquista fiel9 de Abril de 2026 - 8:12 a.m.
O galego, ben da humanidade3 de Abril de 2026 - 8:29 p.m.
Lix primeiro piar da edición galega3 de Abril de 2026 - 7:58 p.m.








