"Os libros arden mal", premiado polos libreiros de Madrid

Recibimos con alegría o novo premio outorgado a Rivas por Os libros arden mal. O Gremio de libreiros de Madrid premiou a novela de Manolo como o mellor libro do ano, salientando “a intensidade dun relato que percorre a historia da Coruña dende finais do século XIX ata os nosos días”. O xurado, na acta do premio, destacou que “coa queima de libros procedentes de numerosas bibliotecas da cidade nos días posteriores ao golpe de Estado de 1936 como eixe central, a novela afonda nun tempo que tinguiu de fume e negras sombras a cidade e todo o país tras a Guerra Civil. Ao longo das súas 600 páginas asoman vencedores e vencidos que, da man do seu autor, van abrindo fendas por onde se coa algo de luz nas súas vidas”.
Este novo recoñecemento únese a outros recibidos polo autor e pola obra nos últimos meses: o Premio da Crítica 2007, ao Premio Irmandade do Libro 2007, ao Premio Cálamo 2006 dos libreiros zaragozanos e ao Premio Ánxel Casal 2006 dos editores galegos. Coincide esta boa noticia co comezo dos traballos de reedición iniciados para recuperar dúas novelas de Manolo, un chisco esquecidas no noso catálogo En salvaxe compaña e Todo ben, que pretendemos publicar despois do verán.

Etiquetas: Manuel_Rivas

"Os paxaros tamén migran ao sur" de Silverio Cerradelo

Onte presentamos en Melide Os paxaros tamén migran ao sur, a novela de Silverio Cerradelo gañadora do premio de narrativa Terra de Melide 2006. O acto foi emocionante xa que se trataba da estrea pública de Cerradelo como autor, un feito que el mesmo salientou nas súas primeiras palabras: “este é un día especial para min, que sei nunca o esquecerei”. Silverio, un limiao afincado en Barcelona desde os quince anos, relatou como naceu a novela e o seu demorado proceso de escrita, subliñando que para el escribir é reescribir: “cada un dos fragmentos da obra está reescrito entre cen e dúascentas veces, dinlle voltas e máis voltas coa intención de apurar as posibilidades do idioma”. Rematou comentando que a novela, na que se alternan os espazos para a dozura e a comunicación con aqueloutros máis duros para expresar a dor da incomunicación, ten outras dúas versións (en catalán, lingua na que a comezou a escribir en 1992, e en castelán).
Os paxaros tamén migran ao sur será presentada o vindeiro venres, 20 de abril, ás 20:00 na Galería Sargadelos de Barcelona, no seo do programa dos editores galegos con motivo do San Jordi.

Marina Mayoral: "Case perfecto"

Hoxe recibimos do prelo os primeiros exemplares de Case perfecto, a nova novela de Marina Mayoral. A autora de Chamábase Luis propón unha indagación sobre os territorios da fronteira entre a ficción ou a realidade. Marina obriga a cada lector ou lectora a tomar partido, a decidir se está asistindo ao relato dun crime “case perfecto” ou dun moi desgraciado suceso, produto do azar. Unha novela, escrita nunha poderosa primeira persoa (un longo monólogo de case trescentas páxinas), que debuxa a trama complexa de sentimentos (afectos e rancores) que une e desune aos membros dunha familia.
Sairá ás librarías a vindeira semana e pretendemos presentala coincidindo con Culturgal. Cremos que é unha boa noticia o regreso dunha das nosas narradoras clásicas.

Etiquetas:

Os libros arden mal, Premio da Crítica

A semana pasada recibiu o Premio Irmandade do Libro ao mellor libro de 2006; hoxe sabemos que obtivo, tamén, o Premio da Crítica (no apartado de narrativa, mentres que en poesía foi para A esmeralda branca de Manuel Vilanova).
O xurado dos Premios da Crítica española saudou a novela de Rivas como unha das “grandes obras da Literatura galega” do último século. Ao apoio do público –hai varias semanas apareceu a segunda edición– únese, agora, o prestixiosísmo da asociación de críticos. Outra alegría que nos proporciona esta novela milagreira.

Etiquetas:

Xelís de Toro

Xelís de Toro, un dos nosos narradores máis orixinais, mantén dous espazos na rede que reomendo non perder: o SEN (Sindicato do Escritor Nervioso) e o espazo laboratoro. Alí poden lerse artigos, contos e textos inéditos, poemas para nenos e cinco poemas sonoros. Xelís traballa dende hai anos en Inglaterra como editor free lance internacional, o que non lle impide continuar escribindo na nosa lingua. Dentro duns poucos meses publicaremos unha edición actualizada e revisada de Seis cordas e un corazón, a súa primeira novela asinada co alcuño de Roque Morteiro. Un autor a revisitar.

Etiquetas:

As Literatas

Hoxe, coincidindo coa Día Internacional da Muller Traballadora, aparecen dous novos títulos da colección As Literatas dirixida pola escritora María Xosé Queizán. Esta colección específica de narrativa internacional escrita por mulleres acada os catorce títulos. Foi dende o inicio unha aposta pola tradución para o galego dalgúns dos títulos considerados como máis relevantes da literatura do século XX escrita por mulleres, como O gran caderno, Ana Soror ou Como se non existise (a primeira obra traducida ao galego desde o serbo-croata, finalista do último Premio Nacional de Tradución). As dúas novelas que aparecen hoxe, Ancho mar de argazo e A voda, de dúas importantísimas autoras (Jean Rhys e Carson McCullers ) abondan no proxecto de Queizán. Preocúpame que, a pesar da calidade literaria da colección e a orixinalidade das portadas deseñadas por Revisión, despois de varias anos sexa aínda pouco visible nas librarías e nos propios medios literarios. No entanto, continúo tendo fe nun proxecto desta calidade que agardo atopará o apoio dos lectores e lectoras.

Etiquetas:

A cova das vacas mortas

Hoxe presentamos a web.

Actualización (21:30): O acto de presentación desta tarde serviu para xuntarnos unha media ducia de blogueiros interesados pola literatura: Alfredo Ferreiro, Pelachos, Martin Pawley, Folerpa, Kavafinho, Jaureguizar e eu mesmo.
Para comezar, o autor fixo unha presentación da novela e, logo, dos contidos do sitio web onde se pretende dar conta tanto do argumento e dos personaxes, como establecer un espazo de participación cos lectores por medio da realización de clips. Propóñense, ademais, diversos enlaces na rede (relacionados tematicamente coa obra) así como a posibilidade de baixar o primeiro capítulo.
Logo abriuse un longo debate (durou preto das dúas horas) entre todos os participantes, onde se reflexionou moito sobre a importancia dos aspectos formais na creación literaria, sobre qué entendemos por literatura infantil e xuvenil, sobre o papel dos blogs na creación literaria ou mesmo sobre o papel dos autores con respecto á crítica galega.
Nos vindeiros días iremos publicando algúns fragmentos da gravación deste interesante debate.

Etiquetas:

Terra de Melide

Onte viaxei a Melide para participar na primeira presentación d’ Os pecados capitais, a novela de Francisco A. Vidal gañadora do premio Terra de Melide 2005. O acto foi moi concorrido e a intervención do autor espléndida, situando a novela como unha reflexión sobre a quebra do amor e da amizade sobre o fondo dun escaparate de prosperidade que gocha o rexeitamento de calquera opción moralmente defendible. “Esta é unha novela de aventureiros, contrabandistas, na que os narcos son heroes que arrastran co ouro fácil a todos os seus conveciños á miseria. O meu protagonista é un covarde, que como todos os desa condición non saben poñerlle límites ao instinto; pola covardía cometéronse sempre as maiores maldades”, concluíu o seu discurso. Nós, pola nosa banda, reiteramos o compromiso da editorial no apoio á publicación das onras gañadoras deste certame de narrativa (non hai limitación de subxénero). Este mesmo mes de marzo aparecerá a obra gañadora de 2006 e o 7 de xuño participaremos no fallo do convocado este ano.

Ben interesante foi, tamén, a visita que realizamos ao modélico Museo da Terra de Melide, un centro arqueolóxico e etnográfico moi cuco (recomendo tanto a visita virtual como achegarse a realizar unha visita vagorosa) que rexe o Centro de Estudos Melidense. O traballo do seu fundador e director, Xosé Manuel Broz Rei, é verdadeiramente hercúleo ofrecendo unha completa presentación da cultura da Terra de Melide, no eido arqueolóxico (con importntes pezas das escavacións do castro da Graña, Toques), etnográfico (con mostras dos oficios tradicionais e vilegos) e na súa relación co Camiño de Santiago. Un modelo magnífico de “folk museum”, que moitos nos recordou a experiencias semellantes que coñecimos, hai varias décadas, de museos ingleses e escoceses. Só nos faltaron uns ricos (os dóces típicos melidenses) para completar un serán moi entrañable e interesante, onde non faltou unha acollida agarimeira dos nosos anfitrións e amigos de Melide.

Etiquetas:

Os pecados capitais

Xa está nas librarías Os pecados capitais, a novela de Francisco A. Vidal, gañadora do premio Terra de Melide 2005 e coa que Xerais inicia a súa colaboración con este certame de narrativa promovido polo concello de Melide (o vindeiro mes aparecerá Os paxaros tamén migran ao sur de Silverio Cerradelo, premiado en 2006).

O texto de contracuberta que preparamos sobre a magnífica novela de Francisco A. Vidal reza así:

A soberbia de Andrés, un narcotraficante da ría de Arousa, lévao a asumir riscos e aventuras que o converten nun home rico, temido e adulado. Pero cando lle chega a hora da morte, Andrés ten que enfrontarse a todas as pantasmas do seu pasado, un pasado de maldade no que el sempre era necesariamente o primeiro, sen importar as formas nin os métodos para conseguilo. Con Andrés, xa no seu leito de morte, distintas persoas que conviviron con el e que agora agardan o seu pasamento, van relatando as súas convulsas relacións co narcotraficante e achegando, cadaquén, o seu particular punto de vista: o curo, a súa criada, o seu avogado, o seu fillo, o seu amigo Indalecio…, até a agardada confesión do propio Andrés. El mesmo tamén xulga a todos os que o rodean, arrogante e fachendoso, practicamente ás portas da morte. Novela multiperspectivista (narrada dende o punto de vista de sete personaxes), de lectura engaiolante, aborda a historia dun home que quere triunfar nun país de emigrantes sen saír da terra. A fame por medrar conducirao ao contrabando de tabaco e máis tarde ao “próspero” negocio do narcotráfico. O xurado que outorgou o Premio Terra de Melide 2005 subliñou que “o autor conseguiu unha gran profundidade na creación de Andrés, o personaxe central da novela”.

As primeiras páxinas da obra (que presentaremos en Ribeira, dentro dunhas semanas), poden baixarse en PDF aquí: