Onte 46: Radio Clásica

Viaxei a Lavacolla entre o lusco e fusco, rachando a primeira borrasca do outono. Por ventura, na radio do coche quedara prendida a Radio Clásica, que me agasallou sen querelo nin bebelo coa Obertura de Tannhauser de Wagner (completa) e unha boa parte co concerto número 2 para piano de Liszt. Tratábase dunha retransmisión en directo, dende Bayreuth, do concerto da Orquestra-Proxecto da Escola de Música Liszt de Weimar, dirixida por Thieleman, con motivo da celebración do douscentos aniversario do nacemento de Franz Liszt. Estou certo que perderiamos marabillas coma esta, se privatizan as emisoras públicas, como ameazan os promotores da austeridade selectiva. Debemos defender as radios e televisións públicas moi teimudamente, non só para asegurar o pluralismo informativo e a utilización vehicular do galego, tamén para permitir eses momentos nos que podemos quedar sobrecollidos pola beleza. Escoitar a melodía wagneriana entre aquel formidable ballón foi memorable.

Onte 16: «A Nosa Terra»

A liquidación xudicial da empresa Promocións Culturais Galegas leva á desaparición do proxecto do semanario A Nosa Terra e do seu diario dixital, así como á dunha das editoras de referencia e máis dinámicas na cultura literaria galega das tres últimas décadas. Na miña historia persoal permanecerá sempre a lembranza que foi nun dos primeiros números do semanario, na etapa na que foi dirixido por Margarita Ledo Andión, onde publicamos o noso primeiro artigo; como a inmensa gratitude para as persoas que termando daquel proxecto tanto nos axudaron a promover o noso, Afonso, Manolo, Pepe, Xan, César, Horacio, María… Quede como testemuño do meu afecto para todos eles aquela gabanza (pdf) que preparei en 2007, con motivo da homenaxe que durante A Noite da Edición rendimos dende a Asociación Galega de Editores a este proxecto centenario onte interrumpido. Até logo, compañeiros!

Onte 13: reentrada de outono de Xerais

Non vou especular sobre as hipóteses que manexamos sobre o que nos pasou onte. A anotación de Alberto Quián explica de marabilla os límites tan imprecisos existentes hoxe entre algún tipo de xornalismo dixital e o publicado nas redes informativas e sociais. Quen me coñeza sabe que teño insistido nos últimos seis ou sete anos, xa desde o inicio da andaina do goberno de coalición PSdeG-PSOE BNG, –neste blog, mais tamén nos artigos semanais de Faro de Vigo, nas entrevistas, nas conferencias ou nos debates aos que fun convidado– na idea de que na edición en galego vivimos tempos difíciles, tempos de mudanza e incerteza, provocada polo tránsito entre o analóxico e o dixital, un proceso agravado no caso galego dende a ruptura do consenso arredor do estatus do idioma. Tempos que requiren doses elevadas de esforzo, de innovación e reciclaxe, así como de corresponsabilidade empresarial, gremial e intergremial. A pesar de que me poida custar novos disgustos coma o de onte, por responsabilidade e honestidade, seguireino dicindo coa mesma enerxía e sen perder un ápice do entusiasmo imprescindible para continuar coa que eu chamo «fantasía» de Xerais.

Tras o rebumbio do mediodía, co acougo do serán botei contas do traballo previsto para estes tres vindeiros meses, o da «Reentrada de Outono» e o da «Campaña de Nadal», un dos momentos máis intensos de traballo de cada exercicio, creo que non imos ter mal balance. Xerais publicará máis de 30 novidades impresas, nos eidos da edición literaria, infantil e xuvenil e referencia. Entre eles estará un groso Dicionario xurídico galego, coeditado coa SXPL e Rexurga; unha novidosa Xeografía de Galicia de máis de medio milleiro de paxinas; un volume doutras tantas que reúne todos os contos de Manuel Rivas ou as novidades narrativas de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela,Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo co seu agardadísimo Extramunde, Premio Xerais de novela. Ofreceremos senllas crónicas, fotográfica e narrativa con motivo do vinte e cinco aniversario da movida viguesa. No eido infantil publicaremos a nova novela de Cornelia Funke, anticipándonos seis meses a súa aparición en castelán; a segunda entrega da serie de Jacobo Fernández Serrano, un libro de limericks precioso de Antón Cortizas, ademais dos premios Merlín de Anxo Fariña e Caixa Galicia xuvenil de Héctor Carré. Edicións impresas ás que engadimos á da Axenda Xerais, un produto con máis de vinte anos de vida. Editaremos media ducia de novidades nativas en e-book de formato e-pub; inauguraremos a Biblioteca Dixital Xerais, que permitirá, inicialmente, acceder de balde á lectura na nube de oito títulos descatalogados das coleccións Ferros, Biblioteca das Letras Galegas e Materiais; ademais de abrir un versión beta do noso espazo en liña para que  o profesorado de Educación Infantil e o de Lingua de primeiro ciclo de ESO poidan acceder aos nosos primeiros contidos dixitais educativos. Mentres, o Departamento de Promoción colabora coa Comercial Grupo Anaya nas campaña de lanzamento do novo Dicionario Xerais de Primaria, da serie dos Megatoxos e da presenza de autores e autoras nos centros; prepara máis de vinte e cinco actos de presentación de novidades polo país enteiro –Lugo, Santiago, Ponteceso, Vigo, Marín, Muxía ou Lalín, serán as localidadesda primeira quincena de outubro–, así como a nosa presenza nas feiras internacionais de Madrid, Frankfurt e Guadalajara (onde acompañaremos a tres dos nosos autores). Comezaremos decembro no Culturgal de Pontevedra e, dous días despois, viaxaremos a Durango, onde o libro e o disco galegos son estes ano convidados. Nestas poucas lideiras andamos durante estes tempos difíciles de mudanza.

José Luís Gómez sae de «Xornal»

Segundo Xurxo Salgado, responsable de Galicia Confidencial, foi a raíz da publicación o pasado luns desta fotografía, na que Rajoy aparece a bordo do buque Moropa en 2009, propiedade de Manuel Baúlo, a causa que provocou a saída de José Luís Gómez da dirección de Xornal de Galicia. Semellaría que Jacinto Rey, o propietario do medio, non puido resistir máis as presións da dirección dun Partido Popular moi anoxado por unha información, publicada inicialmente en Público, pouco afortunada para quen é probable sexa elixido como presidente do Goberno.

No entanto, creo que a saída de Gómez da dirección do xornal ten máis que ver coa nova fase do proxecto que o propietario pretende abrir no medio, tras o nomeamento de Alfonso Paz Andrade como novo conselleiro delegado da empresa, sendo a foto do Moropa a pinga que reborda un vaso que hai tempo se pretendía derramar sobre a mesa. Sexa dunha maneira ou doutra, o que é seguro que a noticia da marcha de Gómez foi hoxe moi ben recibida por Feijóo e Rueda nos seus austeros despachos de San  Caetano, sen dúbida moi satisfeitos por poñer remate, por fin, a esta «anomalía» da prensa galega; entenderán que o campo quedou despexado para eles mandar a pracer nas eleccións municipais. Mi madriña, que medo!

José Luís Gómez merece todo o noso recoñecemento polo proxecto desenvolvido ao longo dunha longa década polo seu dixital e por estes dous anos nos que puxo a andar dende cero o xornal en papel. Un éxito indiscutible. Como tamén o foron o tratamento informativo proporcionado pola súa dirección ao conflito xerado arredor do decreto de plurilingüismo, á fusión das caixas ou ao decreto eólico, que como lectores e cidadáns galegos merecen o noso maior agradecemento pola súa afouta independencia. Como tamén a súa atención diaria á información cultural, especialmente para a música, o cinema e o libro galegos.

Agardamos que esta primeira etapa de Xornal de Galicia sirva de alicerce para o desenvolvemento do proxecto sólido de prensa galeguista en clave de país que precisamos como auga de maio. Hoxe, as nosas beizóns son para José Luis Gómez.

Arcadi Oliveres: quen manda no mundo?

Moi clarificadora entrevista a Arcadi Oliveres sobre os grandes poderes económicos do mundo. A realización é de AttacTV.

"A Casa do vagabundo", outra despedida

Xosé Rivadulla Corcón, director d’ A Casa do vagabundo, o programa de libros (e con especial dedicación á poesía) da Radio Galega envíanos esta carta de despedida:

Estimados habitantes da Casa do vagabundo:

Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais…
O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega, o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.
Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.
Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.
Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.
As veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.
Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo que viñeran á casa.
Grazas en especial a Xurxo Souto que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.
Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.
Cunha fonda aperta
X. H. Rivadulla Corcón

Outra carta que nos enche de tristeza e decepción.  Máis cando o programa de Corcón, que se emitía todos os sábados á hora do xantar, creaba unha media hora de acougo ben bonita. Os centos de autores e autoras que participaron no programa sempre falaron marabillas deste espazo para a poesía e para a conversa vagarosa e culta. Agardo que esta despedida apenas sexa un até logo, e Corcón volva ser chamado polas novas responsables da RG para continuar co programa.

No entanto, tras mudanzas de enfoque tan lamentables como as  introducidas no programa Aberto por Reformas, ben sería que os novos directivos da CRTVG fixeran explícitos os seus criterios de programación, tanto para o verán como para o reinicio da tempada.  Máis alá do Diario Cultural (ao que sería inimaxinable que acoutasen), na nova programación da RG haberá algún outro espazo destinado a facer visible a nosa creación cultural?

Beizóns, Xurxo!

Tras catro anos de traballo entusiasta á fronte da subdirección de programas, Xurxo Souto saíu da Radio Galega coa elegancia arroutada e idéntica paixón coa que realizou o seu primeiro saúdo en antena. Atrás queda o seu pulo e esforzo por modernizar e achegar a radio pública en galego (esa “rareza” no dial que debemos defender como primeiro patrimonio galego da comunicación) á mocidade e aos públicos urbanos. Eis o seu traballo monumental de apoio á música popular galega que, en boa medida debido a súa convicción nas súas posibilidades, vive o mellor momento da súa historia. Eis o seu apoio a iniciativas felices como a reinvención do teatro na radio. Eis as leccións diarias de radio fetén en Aberto por Reformas ou cada sábado ao mediodía en Mil ribeiras (para min un programa memorable, tanto dende o punto de vista  literario como musical). Eis o acerto de poñer en marcha o Extrarradio, o grande programa de Belén Regueira (hoxe por hoxe a primeira comuncadora do país). Eis o apoio proporcionado pola RG ás máis diversas iniciativas das industrias culturais… Todo o sector cultural galego (editores, escritores, músicos, actores… )  está en débeda con Xurxo Souto. Ben sería amosarlle o noso agradecemento nunha velada bonita. Beizóns, Xurxo, o noso ghaiteiro!

«Woman» «Yo leo»

Nunca víramos semellante tratamento para promoción da lectura como o que realiza a revista Woman neste mes de abril. Algo está mudando na imaxe social da lectura para que sexa promocionada en portada. Vaise poñer de moda a lectura e visitar as bibliotecas e librarías?

Vía Librosfera

«Trama y texturas»

Co inicio do seu terceiro ano de andaina a revista Trama y texturas ofrece todos os seus números en soporte dixital, que poderán ser adquiridos na plataforma Todoebook e nas librarías conveniadas coa plataforma de libro electrónico de Publidisa. Trama y texturas, a partir deste o seu número sete, poderá lerse tanto en soporte analóxico coma dixital. Ademais dos interesantísimos contidos da revista (arredor do libro e da lectura), o seu innovador modelo de comunicación cultural merece o noso maior interese.

 

«Protexta 09»

Mañá distribúese cos periódicos do grupo La Capital o novo número de Protexta, o magnífico trimestral literario de Tempos novos. Por agora, xa se pode descargar un adianto, a entrevista de Bieito Iglesias a Gao Xingjian. Coordinado, agora, por Ana Salgado, o número promete: entrevista nas páxinas centrais a Manuel Rivas, e críticas dos seus dous recentes libros de xornalismo literario; ademais dun boa restra de críticas de novidades (que alentan a nosa curiosidade). Parabéns o novo equipo de Protexta, un soporte fundamental na nosa crítica literaria independente.