«Makinaria» de Carlos Negro, unha extraordinaria guía de lectura
/en Animación, Literatura infantil e xuvenil, Poesía, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemas
Recomendamos moi vivamente esta extraordinaria guía de lectura en formato web de Makinaria, o poemario de Carlos Negro publicado en Fóra de Xogo. A guía preséntase como un recurso dixital interactivo e multimedia, dirixido a cada un dos lectores do poemario.
Como sinalan no blog Trafegando ronseis esta proposta foi elaborada en formato LIM e presenta dúas versións diferenciadas segundo o nivel de lectura e o tempo do que se teña para traballar o libro:
–Gozar da paisaxe (versión completa de 40 actividades)
– Ir polo atallo (versión reducida de 30 actividades)
Cremos que estamos diante dun recurso didáctico e de animación lectora e poética extraordinario. Expresamos o noso maior agradecemento a Rosa Salgueiro.
Tarde feliz na Casa da Lectura
/en Animación, Literatura infantil e xuvenil, Persoal/por bretemas
A de onte foi unha tarde feliz na Casa da Lectura. Moitas grazas.
«Dona Carme», novas versións
/en Animación, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil, Persoal, Recurso_didáctico, Slideshare/por bretemasProcuraba unha versión na rede de Dona Carme para utilizar como apoio visual hoxe na Casa da Lectura, cando atopei estas dúas, a que ilustrou Carreiro en 1990, e a segunda, versionada e protagonizada polos nenos e nenas do Primeiro Ciclo do E.P. CEIP de Valeixe, cun inicio novo, novas personaxes e novo final. Obrigado quedo polo traballo, é unha versión moi boa e unha presentación moi bonita.
Moi orixinal son, tamén, estas dúas versións preparadas no Colexio Público de Palmeira, en galego e en inglés, unha lingua da que non coñecía existese versión. O traballo de Palmeira forma parte dunha serie formidable «Rato Paco», para traballar na uala diversas competencias a partir de textos populares e clásicos. Quedo abraiado coa calidade destes materiais de animación lectora en galego. Grazas a todos os mediadores que reparan en libriño tan modesto que, despois de vinte anos, continúa gustando.
Recomendo ver as versións en pantalla grande.
Con «Dona Carme« e «Brancos e negros» na Casa da Lectura
/en Animación, Literatura infantil e xuvenil, Persoal/por bretemas
Mañá á tarde irei contar á Casa da Lectura. É un privilexio que me produce ledicia e, ao tempo, un atrevemento xa que, nestes anos, non hai dúbida ningunha que adestrei pouco. Sei que compartir as palabras e os silencios cos lectores primeiros é unha experiencia irrepetible. Nestas sesións cos picariños o único que me preocupa é non lembrar as cantareas e os recitados, para eles resulta aínda máis decpecionante que para o propio contador que as palabras non flúan coma se tivesen vida propia. En todo caso non sei como hei agradecer esta oportunidade aos meus admirados amigos e amigas de Espazo Lectura.
2 de abril, Día internacional do libro infantil e xuvenil
/en Efemérides, Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Recurso_didáctico/por bretemas
O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha celebración promovida polo IBBY que coincidindo co nacemento de Hans Christian Andersen pretende achegar os valores da lectura á infancia de todo o planeta. desta volta correspondeu a confección do cartel á ilustradora Noemí Vilamuza e do texto da mensaxe ao escritor Eliacer Cansino, ambos os dous en representación das organizacións da OEPLI. O texto e o cartel, dispoñible nos catro idiomas oficiais, pode baixarse en pdf aquí.
Agustín e Xabier, amigos por palabras
/en Autores, Entrevistas, Literatura infantil e xuvenil/por bretemas
Iago Martínez, asina en Xornal de Galicia, outra das súas grandes entrevistas. Desta volta reuníu a Agustín Fernández Paz e Xabier DoCampo nunha longa conversa na que os dous escritores da Xeración Lamote abordan boa parte da súa andaina xuntos durante corenta anos. Un texto moi recomendable para coñecer a dous dos nosos máis grandes escritores. Beizóns aos dous e a Iago por tan estupendo traballo
Todos e todas con Agustín
/en Autores, Homenaxes, Literatura infantil e xuvenil, Xerais/por bretemas
Mañá sábado,13 de marzo, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra celebrarase a homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle tributa o Salón do Libro de Pontevedra. Durante todo o Salón estivo instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral de Agustín durante dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier DoCampo e os músicos Mini e Mero. Animamos a todos os amigos e amigas de Agustín Fernández Paz a acudir a Pontevedra na mañá do sábado para manifestarlle a nosa admiración e agradecemento polo conxunto da súa obra.
Agustín e Xabier no canon
/en Autores, Beizóns, Homenaxes, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Xerais/por bretemas
Deixei pasar uns días para comentar a que será unha das noticias culturais máis importante dos últimos anos: dous libros infantís galegos son considerados polos maiores especialistas iberoamericanos entre os dez mellores do seculo XX. O feito de que Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cando petan na porta pola noite de Xabier DoCampo foran escollidos entre milleiros e milleiros de títulos publicados en España durante varias décadas avala a súa calidade e excelencia (o que como como o seu editor nos produce fachenda), mais tamén, e sobre todo, polo recoñecemento que supón para a traxectoria destes dous membros dunha xeración clave para a literatura galega contemporánea. Xabier, Agustín (como o seu compañeiro da «Xeración Lamote», Paco Martín, os tres fotografados por Xurxo Lobato o día do enterro de Manuel María) recoñecidos fóra das nosas fronteiras como integrantes indiscutibles do canon literario iberoamericano, merecerían idéntico interese polo seu traballo literario por parte das institucións universitarias e académicas galegas. Para cando a entrada dalgúns dos tres na Real Academia Galega?
No entanto, teremos unha boa oportunidade de testemuñerlles o noso recoñecemento o vindeiro 13 de marzo, sábado, no Salón do Libro Infantil de Pontevedra, que homenaxea nesta edición a Agustín Fernández Paz nas palabras de Xabier DoCampo. Beizóns para estes dous grandes amigos de noso.
«Dona Carme» continúa gustando
/en Bibliotecas, Educación, Humor, Literatura infantil e xuvenil, Persoal, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemas[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Xx0hZLBTGR0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Grazas, moitas grazas, a todos os lectores e lectoras do CEIP de Lamas de Abade!
Dona Carme fai agora vinte anos. Comprobo que continúa gustando aos picariños e picariñas de hoxe e algunhas profesoras lle atopan utilidade didáctica. Que máis se lle pode pedir a este libro publicado cando non había nada, ou case nada, para os primeiros lectores?
Non sabedes que satisfacción me produce saber que Dona Carme continúe viva.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Liñas de galego3 de Decembro de 2025 - 9:30 a.m.
Marconi nas Rías Baixas2 de Decembro de 2025 - 5:45 p.m.
Entrevista en Biosbardia2 de Decembro de 2025 - 5:32 p.m.
Dous días negros1 de Decembro de 2025 - 9:19 a.m.
Entropía26 de Novembro de 2025 - 10:53 a.m.








