Maraxe

Onte presentamos o libro de conversas de Bernardino en Maraxe. O acto foi moi bonito, sobre todo polo moito que contou o noso grande poeta do mar dos seus anos máis mozos, desde o seu intento de embarcar coma polisón coa pretensión de chegar a Venezuela ata as súas peripecias nos xantares dos bares de estraperlo en Vigo. Bernardino amosouse lucidísimo e agarimoso con todos os seus veciños, que ateigaron o local.
O libreiro de Maraxe é Lito, o que fora dianteiro centro daquel inesquecible “Celta galego” de Costas, Manolo e Villar. O traballo deste libreiro futbolista demostra que aínda é posible concibir a libraría como un espazo comercial e, ao tempo, referente cultural e punto de encontro dunha comunidade. Cun fondo moi digno, espazos especializados en literatura galega e para os pequenos e, sobre todo, moita iniciativa cultural Maraxe é hoxe o referente do libro no Morrazo. Beizóns para este libreiro fantasía!!!

Couceiro

Hoxe á mañá coñecimos unha noticia que nos entristeceu: a libraría Couceiro de República do Salvador de Santiago, un dos puntos fortes para o libro galego e portugués, pechará as súas portas durante o mes de setembro. Semella que no local instalarase unha coñecida firma de moda galega. Non obstante, sabemos que a familia Couceiro, unha estirpe de libreiros galegos coraxudos, continuará o seu traballo no establecemento que teñen aberto na rúa do Hórreo.
Ao peche desta Couceiro de República do Salvador se lle pode unir, tamén proximamente, o dalgunha outra libraría compostelana. Vai ser este o devir dos novos tempos: pechan as librarías de cultura e abren negocios de moda?

Actualización: 23:42 horas
: na presentación da Biblioteca Galega, que comentaremos mañá, falo con Suso Couceiro que me anuncia o proxecto da familia de continuar o proxecto de grande libraría galega nun novo edificio da praza de Cervantes. Quizais haberá que agardar un ano. O día remata cunha noticia ben esperanzadora.

Actualización: 04-09-2005: Entrevista a Xesús Couceiro onde expón o proxecto da súa nova libraría.

Librarías soterradas

En Roma hai varias librarías de vello e de libro usado ubicadas en antigos pasos soterrados. A peonalización dalgunhas rúas do centro fixo inservibles estes espazos, agora recuperados para este uso comercial. Con todo, Italia é un país onde os libros de novidade son moi baratos, moito máis económicos que aquí. As edicións de peto non custan nunca máis de seis euros e as novidades de narrativa arredor dos dez. Manteñen a política do prezo fixo, aínda co inconveniente de que as novidades en rústica son descatalogadas decontado.
Vin poucas librarías independentes (xeralmente técnicas e universitarias), sendo as cadeas como Feltrinelli e Mel books (espazos amplos, cómodos, surtidísimos e, xeralmente, con cafetaría) as que levan o peso do negocio. En case todas elas véndense tamén discos (máis caros que en España, vinte euros os lanzamentos e trece nas series medias). Nas librarías italianas son habituais as promocións, empregando outros produtos como reclamo para a venda de libros.

Feiras do libro

No artigo da semana comento o inicio da Feira do Libro de Vigo e a historia e a crise actual deste modelo de promoción. Con todo, e a pesar da súa fraxiliadade actual, as librarías, como estas feiras do libro, continúan sendo auténticos espazos de biodiversidade cultural, e como tales deben ser mimados e protexidos como institucións indispensables para o benestar da comunidade.
A supervivencia da libraría é, como a causa social da lectura, un auténtico problema de estado. Cada palabra impresa posúe o ADN do seu autor, cada páxina editada expresa o soño do seu editor, cada libro publicado constitúe un neurotransmisor de vida e coñecemento, cada libraría aberta funciona coma un pulmón que renova constantemente o aire que respiramos, cada feira de libro expresa os azos de futuro da comunidade de lectores.
Recomendo achegarse ás feiras do libro que se celebran en Galicia este verán (esta de Vigo, logo, tamén en xullo, a de Pontevedra, e, finalmente, a de Coruña, na primeira decena de agosto), rebordan a vitalidade que precisamos.

Tres no escaparate

Nesta fin de semana das Letras conto exactamente tres títulos editados en lingua galega no escaparate da Casa do Libro de Vigo. Esta porcentaxe, moi inferior ao 1% dos títulos expostos, é a que corresponde ás vendas do libro galego neste establecemento? Sempre gabei e o seguirei facendo o traballo de dinamización do libro galego (sobre todo de presentacións de novidades) que se fai na primeira libraría viguesa, sen embargo, non comprendo cáles son os seus criterios comerciais e de visibilidade.
Comparto e apoio todos esforzos por buscar un novo modelo para o 17 de maio. Sei que cómpre darlle unha volta a un ritual que esmorece, entre o oficialismo e as rotinas de editores, libreiros e medios de comunicación. Con todo, reivindico o seu carácter de Día do libro galego, tal como era a intención dos seus creadores en tempos de resistencia.
O venres participei na presentación dunha iniciativa do concello dos Viadutos consistente en expoñer oitocentos libros galegos nos escaparates de máis de cen comercios da vila. Baixo o lema “Tanto les, tanto vales. Un libro axuda a vivir”, libros nosos en tendas de deportes, ópticas ou de confección conforman unha paisaxe inédita destinada a proporcionar visibilidade para o libros nosos.
O libro galego debería ocupar, aínda que fose de forma excepcional durante unhas xornadas, todo o espazo dos escaparates das nosas librarías. É pedir de máis?

Máis sobre as feiras

Ten razón Jaureguizar que cadaquén fala de feira como lle foi nela. A do libro de Santiago, que hoxe remata, non foi para botar moitos foguetes. Nós fixemos un esforzo importante: tres presentacións (bastante concorridas todas elas, sobre unhas corenta persoas cada unha) e catro asinaturas (con maior participación de lectores do que pensabamos). Sen embargo, non quedamos satisfeitos. E non falo das vendas (que aínda carezo de datos). As instalacións continúan sendo cutres, non hai posibilidade de sentar a tomar un café e botar unha parolada, falta publicidade dos eventos e, por riba, moitos dos libreiros de fondo non están presentes.
Suspéndese a Feira do Libro de Ferrol e hai moita incerteza de que se poida celebrar a de Vigo (a praza de Compostela está en obras e Corina non ofrece un emprazamento alternativo do gusto dos libreiros). Témome que o actual modelo das feiras do libro de Galicia, organizadas en exclusiva pola Federación de Libreiros (por moitas feiras novas que se organicen en Noia ou en Monforte) están tocando definitivamente fondo. Un sinal da crise real do sector libreiro e da incapacidade de todo o mundo do libro galego de xuntarse arredor dun modelo alternativo de promoción. Comprendo aos que se queixan, mais tamén boto en falta maior enerxía e compromiso para seguir turrando deste carro.

Feira do Libro de Santiago

Con Rosa Aneiros como pregoeira arrinca hoxe a Feira do Libro de Santiago. Creo que é un acerto o cambio de datas, aproveitando deste xeito a efeméride do Día do libro e a do primeiro de maio. Aínda que con respecto a edicións anteriores se reduciu o número de expositores (o que debe levar a unha reflexión aos organizadores, a Federación de Libreiros de Galicia), o programa de presentacións e asinaturas é interesante. Agardemos que a choiva respecte unha feira da que adoitamos todos os anos saír pingando.