De nación a provincia
Sempre xenial o noso amigo Carreiro.
Sempre xenial o noso amigo Carreiro.
Moitos non o creran, pero o novo presidente da Xunta foi onte á cadea COPE a confesar o que serán as súas primeiras medidas. Nin no Parlamento Galego nin nos medios de comunicación galegos, nin públicos nin privados, Feijoo escolleu facelo en Madrid con Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez. Aquí pode escoitarse esta entrevista (45 minutos) onde se realizou un anuncio importante sobre o futuro do galego na escola, especulouse sobre a posibilidade de privatizar os medios de comunicación públicos («unha decisión procedente», aínda que non semella prioritaria para Feijoo, que considera debe darse no marco da decisión doutras comunidades autónomas con lingua propia), anunciouse un novo plan de litoral…
Esta noticia, publicada hoxe por Faro de Vigo, confirma os nosos peores agoiros: o presidente Feijoo declara a guerra lingüística por medio dunha circular que será enviada a todos os centros educativos non universitarios de forma inmediata. Esta circular, que parte dunha orde enviada polo propio presidente á Inspección Educativa (u-las competencias do conselleiro de Educación?, un feito inédito, do que descoñecemos precedentes), proporcionará instrucións para asegurar a «liberdade para elixir o idioma tanto aos profesorado como ao alumnado». A medida foi anunciada por Feijoo nunha entrevista á cadea COPE (outro feito relevante), o que constitúe unha mostra moi clara de que a súa pretensión coiuntural é conformar aos sectores máis conservadores do seu partido e dos sectores galegófobos que o apoiaron durante a campaña electoral. A circular constitúe un xesto político de urxencia que anuncia a determinación do presidente Feijoo por derrogar o decreto de fomento do galego para o vindeiro curso. Magoadamente, a de hoxe será primeira medida institucional que ao longo de todo o período autonómico supoña un retroceso para o estatus do idioma galego no sistema educativo. En canto coñezamos os contidos da circular poderemos valorar as consecuencias que terá no funcionamento dos centros e nas competencias do profesorado. Unha noticia transcente que nos entristece e moito nos magoa.
No artigo da semana analizo a que entendo é a estratexia de Feijoo: presentarse como modelo alternativo aos erros do bipartito. Presidencialismo acusado, ruptura coa cultura comunicacional do fraguismo, liquidación do sector da boina (por galeguista e ruralizante) e ataque constante aos adversarios políticos aí onde agora máis lles pode doer, os gobernos municipais das cidades, serían manifestacións dunha estratexia que en termos futbolísticos definiriamos como «claramente atacante».
As primeiras actuacións do Goberno Galego sobre o idioma son escasamente esperanzadoras. A Secretaría Xeral de Política Lingüística no organigrama administrativo volve a depender da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria (como foi adoito durante os gobernos de Fraga), perdendo o seu carácter transversal e a intencionalidade de levar actuacións normalizadoras aos diversos ámbitos da sociedade. Unha clara regresión lamentable que, ademais, sitúa a polémica do idioma só sobre as actuacións no sistema educativo. No entanto, aínda máis significativo ca esta medida política foi o comportamento idiomático dos membros da novo executivo que puiden percibir tras as súas diversas intervencións radiofónicas no día de onte. Escoitei declaracións en castelán até de catro membros do executivo: de Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda; de Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria; de Pilar Farjas Abadía, conselleira de Sanidade e de Samuel Juárez Casado, conselleiro de Medio Rural. Un comportamento idiomático no exercicio do seu cargo moi escasamente respectuoso co ordenamento legal vixente, inédito nos diversos gobernos do Partido Popular, fosen os de Fernández Albor como os de Manuel Fraga (coa aquela excepción dun dos seus conselleiros de Sanidade). Será este 40% a cota que Alberto Núñez Feijoo conceda ao emprego público do castelán nos membros do seu «Goberno 10»?, é esta porcentaxe ou seu xeito de entender o «bilingüismo cordial»? A verdade é que na cuestión do idioma, sen entrar a valorar as declaracións do conselleiro de Educación sobre a modificación do decreto de fomento do galego (cómpre lelas con moito vagar, atendendo a súa firmeza na defensa da política de liberdade lingüística), este goberno mete medo.
Orsinia localizou esta entrevista con Roberto Varela Fariña, novo conselleiro de Cultura e Turismo. Dende 2004 foi encargado de asuntos culturais do Consulado de España en Nova York. A entrevista foi realizada en Central Park, NY en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina.
Yago Avilés atopou estoutras dúas entrevistas, unha de 2004 e outra publicada na Voz en 2005.
O novo conselleiro fala un galego estupendo e o que expresa nas entrevistas moi sensato, apostando por unha imaxe moderna de Galicia e de España que poida competir no mundo. Ollo sobre o que di sobre o Camiño de Santiago e a súa proxección internacional. Sabemos que é amigo do escultor Leiro. As palabras desta entrevista comprométeno. Un nomeamento esperanzador.
Ao longo desta semana non tiven oportunidade de publicar anotación ningunha sobre o debate de investidura. Sobre a cuestión, remito ás publicadas por Perfecto Conde, Ian e Antón Baamonde, todas as tres moi interesantes. Porén, hoxe seguín os actos de investidura de Alberto Núñez Feijoo pola Radio Galega e pola transmisión que María Yáñez realizou en twitter (beizóns polos comentarios). Ao longo da mañá, a miña sensación non puido ser máis triste e desacougante. Tanto pola estética do novo escenario (vaia pancartas!) como polos contidos do discurso tecnocraticamente galeguista do presidente (referencias a Cunqueiro, Piñeiro, á Galicia mariñeira e aldeana…). Sexa polas formas, sexa polos contidos das súas propostas, dificilmente Alberto Núñez Feijoo –a pesar da súa retórica chamada ao diálogo coa oposición e a sociedade civil–, vai ser capaz de agachar que coa súa presidencia Galicia volve quedar dividida, esgazada irremediablemente en dúas metades.
Tras todos os seus discursos e declaracións, o futuro comprometido para o idioma de noso é un feito xa irreversible. O novo presidente aposta teimosamente polo modelo defendido polos sectores galegófobos, asumindo acriticamente as falsidades da imposición do galego e o concepto de «liberdade lingüística». O goberno de Feijoo tratará de seducir á sociedade galega cun modelo dunha «Galicia trilingüe» no eido educativo (non sabemos como o conseguirá?, mais por aí sairá a nova chilindrada da reforma do decreto de fomento do galego) e abrirá as portas con toda claridade ao emprego do castelán por parte da Xunta de Galicia (estou convencido, agardo trabucarme, que haberá conselleiros monolingües en castelán), tal como llo solicitan os sectores máis galegófobos. Outrosí sucederá co desenvolvemento do autogoberno, no que propoñerá un modelo de desenvolvemento estatutario de rango semellante ao das comunidades que se constitúen agora nos nosos referentes (Madrid, Valencia…). Sen dubida que o PSdeG-PSOE recibirá nos próximos meses unha envelenada proposta de consenso por parte do novo presidente para aprobar decontado unha reforma do Estatuto. Un golpe de efecto galeguista que, ademais, tería a pretensión de deixar fóra do acordo ao BNG, condenado hai meses por algúns medios (que non ocultan a súa intención de marcar a axenda política do presidente conservador) a ser excluído da política institucional polo seu «radicalismo nacionalista».
O resto dos compromisos de Feijoo, dende as chamadas á rexeneración democrática, á reforma da CRTVG, á esixencia do cumprimento da Lei de Dependencia, marcarán un novo estilo de comunicación política (en clave xeracional, seguramente) que poden darlle moitos réditos ao novo presidente. Aí a exitosa experiencia demagóxica do Audi de Touriño que, con toda seguridade, será repetida durante a lexislatura.En tempos de crise estas medidas políticas (sen custe económico) son as máis rendibles. Pola contra, os seus esquecementos e a súa falta de concreción sobre asuntos tan importantes como a crise industrial, a Cidade da Cultura ou o Medio Rural,ou o perfil intencionadamente baixo que se concederá a determinadas áreas como a de Cultura, agoiran, paradoxicamente, unha presidencia máis volcada sobre a política ca sobre a eficacia de xestión (esa é mellor baza coa que contan os políticos de perfil tecnocrático).
Mentres, na outra banda, tanto o BNG (hoxe en asemblea decisiva para o seu futuro) como o PSdeG-PSOE deberán solucionar os seus liderados e crear un novo modelo relacional que permita artellar, o antes posible (nunha ou dúas lexislaturas) unha alternativa viable ao duro poder conservador. Mentres, haberá que confiar na resistencia e creatividade da sociedade civil para facer fronte a tempos difíciles para a defensa dos valores cívicos do galeguismo. O asociacionismo veciñal, cívico e cultural está chamado a ter un papel decisivo nesta nova etapa que se abre. Na auténtica renovación deste tecido de participación cidadán é onde pode estar ese maletín de Walter Benjamin do que onte falaba no seu groucho Rivas. Este é o tempo para que nazan novas iniciativas en rede na defensa destes valores republicanos. Non lle atopo outra receita para pasar este mal tempo: traballo, intelixencia e entusiasmo.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).