Onte 262: A queimada de Feijoo

Feijoo foi entrevistado en Intereconomía por «12 mulleres sen piedade»  e acabou preparando unha queimada. Coma se dun émulo de don Manuel Fraga se tratase, mesmo leu o esconxuro para espantar as penurias da crise. Nunca tal viramos. Probablemente para unha parte da audiencia da canle ultraconservadora o máis significativo do programa non fose esa impresionante performance exotérica, nin que defendese a privatización dos servizos sanitarios nin que se presentase como adaíl das políticas de austeridade, senón o feito que o presidente da Xunta respondese en galego a pregunta que unha das xornalistas lle fixo en inglés. Sen dúbida, para os seguidores de Intereconomía, un comportamento propio dun perigoso separatista. Quen o diría!!!

Onte 259: Estatísticas culturais

Entre as cousas interesantes a emular do Goberno Vasco está o Observatorio Vasco da Cultura. Creado hai dúas lexislaturas, a súa finalidade é xerar información e coñecemento sobre a realidade cultural. Ademais, presta especial atención á elaboración de índices estatísticos sobre os diversos sectores e sobre aspectos transversais, como os relacionados con hábitos e prácticas culturais ou o gasto público en cultura. En Galicia arrastramos enormes carencias de información sobre o estado real dos diversos sectores da cultura. Coa excepción do esforzo extraordinario realizado por Víctor Freixanes n’ O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais, carecemos de estudos e, sobre todo, de series estatísticas que permitan valorar de forma obxectiva o estado e as tendencias da industria editorial ou dos sectores musicais, teatrais ou audiovisual. Ben sería que aquí tomásemos nota da interesante experiencia vasca.

Onte 250: A demisión do Valedor

A demisión do Valedor era previsible. Tras o conflito xerado a raíz da súa resposta a unha queixa sobre o tratamento do concepto de «lingua propia» nun libro de texto de Primaria, poñendo en evidencia os seus prexuízos sobre a lingua galega, foi a súa proposta de suspensión da Lei de Dependencia e os seu apoio os recurtes nos servizos públicos a que provocou esta demisión inevitable. Tras ser elixido, hai cinco anos, na lexislatura presidida por Touriño, por unanimidade dos tres grupos parlamentarios, tras un pacto que lle permitiu ao BNG conservar o seu senador, a retirada de confianza dos grupos parlamentarios da oposición, a demisión recente de Dolores Galovart, a Vicevaledora, e as continuas críticas da cidadanía nas redes sociais deixaban ao Valedor con escasa lexitimidade para continuar no cargo e finalizar o seu compromiso. A carta aberta [exculpatoria] de despedida de Benigno López, redactada en castelán, amosa a súa feble conexión coa cidadanía e co espírito dos grandes consensos sobre os que se construíu a Autonomía Galega. Magoa que o seu fracaso sexa, tamén, en boa medida o dunha institución concibida para protexer e facer valer os dereitos de toda a cidadanía sen excepción ningunha.

Onte 249: Obra social das caixas

O rebumbio da reforma financeira e a incerteza política sobre o horizonte de NGB non pode agochar a preocupación sobre o que está sucedendo na obra social e cultural das antigas caixas, agora denominada Fundación Novacaixagalicia. A pesar de contar con moitos menos recursos protexer o seu patrimonio artístico (do que descoñecemos aínda a súa valoración), xestionar con criterio social o seu patrimoio inmobiliario, manter o carácter público das súas instalacións e programación cultural (centros culturais, bibliotecas e salas de exposicións) e manter os servizos sociais (maiores e dependentes, sobre todo) son retos ineludibles. Con todo, renovar os cargos da Fundación Novacaixagalicia, nos que incriblemente se manteñen os vellos xestores, e aprobar a prometida Lei de Fundacións Especiais son requisitos ineludibles para iniciar este novo camiño.

Sector naval

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación crítica do sector naval na área metropolitana de Vigo.

Como sucedera a comezos dos oitenta, enfrontámonos ao futuro do sector naval, unha das trabes da economía do noso Vigo industrial durante o século XX. Outrosí un sector declarado de forma unánime como «estratexico» para Galicia sofre unha crise brutal que até agora supuxo a destrución de 9.000 empregos directos e varios milleiros máis indirectos, a incerteza para outros 4.000 afectados por expedientes de regulación de emprego, a entrada en estado concursal de cinco dos grandes estaleiros e a desaparición, polo momento, de 200 empresas auxiliares. Unha situación delicadísima que de non ser atallada con enerxía podería provocar a medio prazo a inevitable desaparición do sector. Un problema que afecta o celme industrial da nosa abella da ribeira, tanto porque o sector da construción naval veu achegando case un terzo da nosa riqueza, como polo feito que durante máis dun século constituíu un dos eixos do noso desenvolvemento. Non o esquezamos: Vigo é o que somos grazas a que construímos barcos, unha actividade que, até agora, formou parte da identidade da cidade.

O bloqueo da Unión Europea ao sistema de bonificación fiscal á construción naval que todo o sector español veu utilizando, a famosa «tax lease», tras a denuncia interesada realizada hai case un ano pola Asociación Marítima Holandesa, á que se sumaron outros países como Noruega, Francia, Finlandia e Portugal, provocou en boa medida a progresiva paralización dos estaleiros vigueses. Convén lembrar que este sistema de arrendamento financeiro é unha transacción complexa organizada por un banco, no que ademais do armador e estaleiro construtor da embarcación e da sociedade de leasing que intermedia entre eles, participa como inversionista unha Agrupación de Interese Económico (AIE) formada por empresas doutros sectores económicos (dende Inditex, Ikea, Ferrovial a Corporación Dermoestética) que acumulan unha serie de beneficios fiscais e consiguen unha rebaixa do prezo final do buque. Este modelo de financiamento, que pode supoñer bonificacións fiscais de até o 20%, permitiu na última década a construción en España de 272 embarcacións, mais é innegable que suscitou desconfianza no exterior (xa dende 2006) tanto pola súa complexidade societaria como polo seu encaixe coa normativa europea da competencia. Denunciado agora polos competidores da nosa industria naval como unha axuda estatal ilegal e discriminatoria, a posta en marcha dun novo sistema de bonificación, alternativo á “tax lease”, semellaría imprescindible para que os nosos estaleiros reinicien a súa actividade.

Mais como sinala nas páxinas de Faro de Vigo Alfonso Paz Andrade, un dos mellores coñecedores do sector naval e pesqueiro de noso, haberá que preguntarse cal é a razón de que na ría de Vigo haxa cinco estaleiros inactivos e, ao mesmo tempo, outros estean traballando. Un xeito moi elegante de expresar que o bloqueo europeo da “tax lease” non é o único problema do noso sector naval, que existen moitos outros de carácter estrutural que nunha situación crítica como a actual non poden ser agochados. Coa «tax lease» en vixencia, hai pouco máis dun ano a carteira de pedidos dos estaleiros da ría de Vigo comezaba a ser desoladora, incapaz de competir cos estaleiros asiáticos. Ademais, a xestión nefasta que arrastran algúns estaleiros dende hai tempo, a falta dun liderado corporativo no sector, os atrasos nalgunhas entregas e as súas penalizacións correspondentes, como o propio sistema de subcontratación sobre empresas auxiliares e a situación laboral do sector son outras claves para entender a dificil situación actual.

Con todo, a saída inmediata para o sector naval vigués ten carácter político. Así o recoñece o recente acordo por unanimidade do Consello Económico e Social de Vigo, onde están presentes partidos, sindicatos e asociacións empresariais. O reiterado compromiso electoral de Rayoy de solucionar o bloqueo da bonificación ao día seguinte de ser nomeado presidente debe facerse efectivo. Outrosí sucede coa actuación proactiva da Xunta de Galicia que non pode manterse máis tempo como un espectador que se laia impotente da situación. Como sinalaba un editorial recente de Faro de Vigo «é imprescindible atopar un réxime fiscal razoable, estable e respaldado por Bruxelas» para que o noso sector naval poida competir en igualdade de condicións no marco europeo. O Goberno español ten a obriga de negociar a cara de can diante da  Comisión Europea esta saída técnica, que é tamén política, que evite o fundimento do noso sector naval. Parafraseando o himno a ritmo de ska «Sector naval», que cantaban Os Resentidos de Antón Reixa hai vinte cinco anos: «Son como o sector naval, uua / hei, hei, resistirei / hei, hei, resistirei / Vigo, Ferrol, solución».

Onte 247: #15M

As manifestacións con motivo do aniversario do #15M foron tamén en Galicia un éxito. A pesar das dificultades de consolidación do movemento global dos indignados, mantense nunha boa parte da cidadanía o seu espírito, a indignación e noxo fronte ao comportamento conformista dos partidos hexemónicos responsables das políticas de austeridade selectiva que liquidan as conquistas sociais de varias xeracións. Transcorrido un ano dende aquel 15 de maio de 2011 no que milleiros de persoas esixiron na rúa «Democracia real», a situación económica e social non fixo máis que deteriorarse. Continúa aumentando o paro e o número dos mozos e mozas que buscan fóra de Galicia o seu futuro. Privatízase o servizo público universal de sanidade por medio dos sistemas de repagamento farmacéutico. Redúcense os fondos destinados  educación pública, lectura e cultura, así como os de fomento da I+D+I. E continúa sen atallarse a hemorraxia financeira provocada pola burbulla bancario-inmobiliaria, onde se nos di que residen todos os problemas. Hai razóns sobradas para que a cidadanía reclame que é posible outra política. Aí vexo a plena vixencia do #15M.

Onte 238: Adianto electoral?

Xabi Blanco aventura no seu primeiro artigo en La Región un adianto electoral para o mes de setembro. Semellaría que volve unha lideira interna semellante á que tiveran Blanco e Touriño, agora protagonizada por Rajoy e Feijóo. Como lle sucedera co Goberno bipartito, o presidente da Xunta preferiría rematar a lexislatura, fronte ao criterio do presidente do Goberno e do propio entorno do partido, especialmente o conselleiro Rueda, de convocar despois do verán. Os durísimos recurtes que sufriremos en 2013, previstos no Plan de Estabilidade (outros 30.000 millóns de euros) agoiran para o PP serias dificultades  electorais que aconsellarían a Rajoy impoñerlle ao presidente da Xunta o adianto. Unha tensión que, sen dúbida, deberá resolverse ao longo deste mes. No caso do adianto, terán tempo abondo socialistas e as formacións nacionalistas para organizar unha alternativa verosímil? De conseguilo poderían dar unha boa sorpresa.

Onte 233: 265.600 = 20%

Segundo a EPA o número de parados foi en Galicia no primeiro trimestre de 2012 de 265.000 persoas, o que supón que a taxa de paro superará por vez primeira o 20%. Dúas cifras estremecedoras ás que se engade outra non menos preocupante, o desemprego incrementouse nun 10,4% con respecto ao trimestre anterior, unha porcentaxe superior á media estatal. Galicia desángrase demograficamente, perde as súas institucións financeiras, acada o maior número de desempregados da súa historia, faino a un ritmo superior á media estatal, aumenta as taxas de emigración da súa mocidade… Un panorama económico e social desolador. Triste balance que presenta o partido conformista para unha lexislatura perdida.

Onte 224: Sangría demográfica

Somos apenas 2.778.913. A perda de poboación de Galicia, a maior de todas as Comunidades Autónomas, é o síntoma máis evidente da catástrofe política, económica e social que vivimos. Galicia desángrase demograficamente, agora tamén nas provincias atlánticas, mesmo a pesar do lixeiro aumento da poboación estranxeira, que supón apenas o 4% da cidadanía nosa. Diminúe a poboación, aumenta a emigración da mocidade, o desemprego acada os niveis máximos da historia…, un cadro estatístico que amosa a derrota de Galicia, o fracaso do proxecto colectivo de construción nacional. Fachendeará o presidente Feijoo, a volta da súa viaxe mexicana, sobre este novo éxito das políticas redutivas, tamén no eido demográfico? Que futuro podemos enxergar por este vieiro?