Premios da edición 2008, finalistas
Déronse a coñecer os finalistas dos Premios da Edición 2008 que serán fallados o 19 de decembro no Verbum de Vigo.
Déronse a coñecer os finalistas dos Premios da Edición 2008 que serán fallados o 19 de decembro no Verbum de Vigo.
Esta anotación de ediciona sobre as cinco cousas que os editores deberiamos aprender do actual modelo de negocio de internet parécenme moi interesantes:
1. Convertir la lectura en un acto social: aprovechar las herramientas que ofrece la Web 2.0 para conectar a las personas a través de lo que leen, haciendo que la lectura deje de ser un acto individual que nos aísla a los unos de los otros.
2. Sacar las giras promocionales de las librerías: utilizar los “social media” como canal para promocionar los libros y aprovechar su capacidad tanto de trascender las barreras geográficas como de establecer un contacto con los lectores en lugar de limitarse sólo a hacer giras y firmas de libros en librerías.
3. Crear estrellas en lugar de limitarse a explotar las que ya existen: el hecho de que un autor alcance un alto nivel de notoriedad contribuye a que sus libros se vendan más, por lo cual hay que pedirles a los autores que tengan un blog, que asistan a eventos y que participen en mesas de discusión.
4. Digitalizar todo el trabajo: el proceso de producción editorial es más ágil si todas sus fases se ponen en marcha echando mano de herramientas digitales.
5. Facilitar el comercio electrónico: permitirle al visitante de su página Web comprar los libros con un solo clic mediante aplicaciones que faciliten la transacción.
Comparto as cinco estratexias (quizais habería que matizar a redacción dalgunha delas, sobre todo a terceira), especialmente as dúas primeiras, referidas á importancia de transformar a lectura nun acto social (unha das teimas nas que vimos insistindo no blog) e a de utilizar as redes sociais dixitais para dar a coñecer as nosas novidades e o noso traballo. Con toda a humildade, engadiría unha sexta:
6. Incrementar a información editorial dixital: hai experiencias abondas que amosan a eficacia da textualidade electrónica (textos, vídeos, etc.) como soporte da nosa información editorial.
Francisco Rodríguez Iglesias, un dos editores máis veteranos e importantes do país,afírmao de xeito contundente: “Canto máis crise hai, máis libros se venden“. Confiemos no prognóstico de tan experimentado editor.
A continuidade do equipo directivo da Asociación Galega de Editores é a mellor proba do grande traballo que vén desenvolvendo a directiva presidida por Alfonso García Sanmartín e da consolidación do sector editorial en Galicia. Só nos últimos dous anos, a AGE aumentou notablemente o seu número de asociados (ata superar os corenta), representando así á totalidade do sector editorial en Galicia; intensificou a presenza dos editores galegos noso foros internacionais (feiras e misións comerciais); creou Culturgal (a primeira feira do libro e das industrias culturais en Galicia); normalizou as relacións cos sectores profesionais do sector do libro (tanto na Federación de Gremios de Editores de España como en ANELE); batallou na defensa dun modelo sostible de gratuidade para o libro escolar; apostou pola formación e profesionalización dos membros do sector (consolidando a celebración do Simposio anual do libro e da lectura e a información profesional aos seus asociados); colaborou con outras entidades profesionais, culturais e cívicas na defensa da lingua e cultura galegas; consolidou a celebración da Noite da edición, dos Premios anuais dos editores e da edición dun boletín de novidades editoriais… Un traballo intenso e rigoroso que amosa as posibilidades dun sector empresarial clave no desenvolvemento das industrias culturais en Galicia. Con todo, queda moita agra por labrar, especialmente no terreo do fomento da lectura (unha asignatura pendente en Galicia como cuestión estratéxica para o conxunto da sociedade), da visibilidade do libro galego (onde estamos perdendo espazos, tanto comerciais como nos medios de comunicación impresos) e do salto (imprescindible) que o conxunto do sector ten que dar para incorporarse á edición electrónica e para facer fronte aos retos da literacidade electrónica. Beizóns, compañeiros!
No suplemento “Estela” (do dominical de Faro de Vigo), J. A. Otero Ricart publica unha interesantísima reportaxe sobre a Editorial Cíes, fundada en Vigo en 1941 por Eugenio Barrientos, o daquela propietario da libraría Tetilla, e destinada a edición de publicacións populares. Barrientos comezou publicando novelas policiais, mais consolidou a súa actividade (durante máis dunha década) coas novelas de vaqueiros de Marcial L. Estefanía, un escritor republicano que se asentou daquela nas Travesas (do que actualmente se prepara un documental). Na reportaxe, da man de Federico, o fillo de Estefanía (actual propietario de Cíes), relátase aquela interesante peripecia editorial da que tiñamos noticia polos traballos de Francisco Fernández del Riego. Para a recuperación da memoria da edición en Galicia, conviría seguir afondando no traballo desenvolvido por Barrientos que, ademais, das populares novelas de vaqueiros publicaba textos de literatura xuvenil de rancio sabor franquista (dos que temos só noticias dalgún título da súa colección “Amenus”). Seguiremos procurando noticias de Cíes.
Clicando sobre as imaxes pode lerse a reportaxe.
Acabamos de saber da aparición de Unha educación política, a edición en castelán das memorias do noso admirado o editor André Schiffrin. Lectura obrigada para editores. Daremos noticias.
O pasado día do libro presentouse Ánxel Casal, un editor para un país (Catálogos de Lar e Nós), un magnífico volume, coordinado por Alfonso Mato e coeditado polo Seminario de Estudos Galegos e o Consello da Cultura Galega. A edición desta obra supón, tras o traballo de Ernesto Vázquez Souza, un paso definitivo para fixar a historia da edición en galego no primeiro terzo do século XX, xa que se compila e cataloga todo o fondo bibliográfico editado por Ánxel Casal en Lar (xunto a Leandro Carré Alvarellos) coma logo en Nós, xa en solitario, onde se recollen todos os nosos clásicos da xeración das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, a publicación desta obra ten particular importancia para a difusión do fondo bibliográfico histórico en galego (o que constitúe un formidable recurso didáctico para o ensino da literatura galega do século XX), xa que tamén se pode descargar na rede, incluíndo a reprodución da totalidade das cubertas dos libros publicados polo editor mártir. Tras o éxito rotundo da celebración do ano dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, a edición do catálogo de Casal volve poñer sobre a mesa a necesidade de dedicarlle unha homenaxe semellante ao editor que “fixo máis que todos nós”. Beizóns a Alfonso Mato e ao seu equipo de colaboradores por tan formidable achega.
Levaba varias semanas buscando un oco para preparar unha anotación en condicións sobre a posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a nova editora literaria promovida polo noso amigo e grande editor Nelson de Matos. Despois de vinte e tres anos á fronte de ediçoes Dom Quixote, converténdoa na editora portuguesa de referencia, logo da súa recente aventura como editor literario de Ambar, Nelson desenvolve agora o seu proxecto editorial máis persoal e minucioso. Coa convicción do papel ético do editor como creador dun catálogo, concibido como espazo de creación cultural, e da necesidade do seu traballo constante co texto ao carón dos autores, os primeiros títulos da nova editora de Nelson aparecen organizados en cinco coleccións: “Mil horas de leitura” (Literatura), “Textos literarios” (apoio ao ensino), “Historia hoje” (historia e actualidade), “Outras direcçoes” (lecer) e “Pensar*Navegar (ensaio). Un catálogo ben estruturado e organizado que recupera a centralidade do papel do editor de cultura independente, posición tan difícil e complexa en Portugal (como tamén en España) fronte á tiranía que establecen no mercado a actual concentración tanto da edición como da distribución en librarías.
Onte asistín ao xantar de homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, organizado polo PEN Clube de Galicia, con motivo da terceira edición dos seus premios “Voces de liberdade”. A organización e o desenvolvemento desta homenaxe a estes dous grandes editores da nosa memoria histórica, que contou coa xenerosa colaboración da Tenencia de Alcaldía do concello de Vigo, foi excelente. As laudatios de Marilar Aleixandre e Camiño Noia brillantes e á altura literaria do labor hercúleo dos homenaxeados. Os discursos dos políticos agarimosos, ben preparados e moi axeitados. A condución do acto do presidente do PEN galego, Luís González Tosar, amena e emocionante. Mesmo o menú foi exquisito (coa excepción das peras ao mousse con chocolate, por baixo dun nivel culinario óptimo). Con todo, o mellor do acto foron os momentos das intervencións dos homenaxeados. Don Paco debullou, petando co seu caxato no chan (aínda está ben rexo), o seu percorrido vital, insistindo en que “a miña traxectoria foi sempre de continuidade como home que son do Seminario de Estudos Galegos, sen altibaixos, adaptándome sempre aos tempos que vivimos”. Isaac, que comezou a súa parolada cunha brincadeira pouco inocente (saudou á Secretaria Xeral de Política Lingüística como a “a muller que está traballando para que o galego morra dignamente”, que logo lle replicou de forma moi elegante dicindo que “todos estabamos alí para darlle vida a lingua”), utilizou o seu tempo para gabar a don Paco: “un grande amigo do meu pai”. O único que vin un pouco fóra de lugar (nunha sesión marathoniana, durou cinco horas), foi algunha das intervencións “espontáneas” dos asistentes que na sobremesa ocuparon o atril (unha mágoa!, que desluciu un chisco un acto magnífico e tan ben preparado). Beizóns a don Paco e a don Isaac, a Tosar e ao equipo directivo do PEN Clube de Galicia por este berro de liberdade literaria galega!

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
