Carencias do Celta

Tras a extraordinaria proeza do pasado xoves en Lyon, onde o Celta xogou un partido memorable de fútbol de precisión e dominio, na tarde de onte, tras poñerse por diante con tres goles, fixo unha lamentable segunda parte onde un equipo de xogo irrecoñecible recibiu catro goles dun Alavés que, con Quique Sánchez Flores aínda non coñecía a vitoria, levando os tres puntos, probablemente, de forma inesperada para os propios babazorros. A típica celtada que, por coñecida, non deixa de ser dolorosa: cando queda prendido no corno da lúa, soñando con acadar os maiores logros (neste caso volver a xogar unha semifinal europea), o que enche de fachenda e ledicia ao celtismo, a seguir o Celta renuncia ao seu xogo ordenado e combinado en campo contrario e durante a segunda parte recibe unha goleada, que avergonza ao celtismo e desincha calquera tipo de entusiasmo. Gozar do mel e sufrir coa fel en apenas catro días; recoñecer a ledicia e a tristura nos rostros dos celtistas; escoitar o entusiasmo e a decepción nas declaracións dos xogadores… Unha proeza e unha desfeita en apenas catro días nos que Vigo, ás portas da Reconquista.
Asumir con paciencia esas celtadas, esas fraxilidades inesperadas do xogo e dos resultados, esa mudanza dos ventos que pasan de ser propicios e ventureiros a ameazadores e perigosos está no ADN dos seguidores do Celta. Xa que o celtismo, ademais da paixón por unha cores é, tamén, unha forma de instalarse no mundo indemne á desesperanza. Celtismo é enfrontarse a vida cun escepticismo optimista que axuda a encarar con afouteza as maiores dificultades e a gozar do entusiasmo, das ledicias e dos logros con prudencia. Xa o diferenciou C. Tangana na «Oliveira dos cen anos» de forma acertadísima: «na ledicia son celeste, celtista no padecer». E así sucedeu no partido co Alavés onde entramos no estadio felices polo logro europeo, estivemos clasificados en quinta posición (de Champions League) e saímos afoutos celtistas lamentando a vergonzosa segunda parte onde a nosa defensa non deu unha a dereitas, Radu (que semellaba lesionado) recibiu a maior goleada da tempada e nin sequera acadamos o empate que certificaría a permanencia matemática. Un severo correctivo, todo un baño de realidade, que no marco de numerosas lesións e sancións enfronta ao equipo diante do espello a recoñecer as súas carencias.
Nun partido que comezou de marabilla cunha exhibición de Ferrán Jutglá, que en media hora marcou dous goles memorables, o primeiro no 19’, aproveitando un servizo en profundidade precioso de Javi Rodríguez, o outro extraordinario caneando e superando a non sei cantos rivais ao xeito de Maradona, ademais de asistir ao que meteu Hugo Álvarez sobre o pao longo, é inevitable lembrar o que a este Celta de Claudio Giráldez xa lle sucedeu a finais de novembro en Ludogorets. Localidade búlgara onde perdeu 3-2, nun partido para esquecer que, porén, serviu de revulsivo, de punto de inflexión para logo reiniciar unha traxectoria satisfactoria que o levou á clasificación de dezaseisavos, logo de oitavos e a de recente de cuartos. Unha derrota nacida polo exceso de confianza durante o tempo engadido da primeira sesión, na que nunha xogada nacida de forma intranscendente, Toni Martínez rematou un centro lateral e abriu as costuras á defensa viguesa na súa primeira cantada.
Por desgraza, a cousa foi a moito peor, tras o descanso, cando un erro tremendo de Carlos Domínguez permitiu no 50’ que os visitantes metesen o segundo. Dous minutos despois dirimiuse a clave do encontro ao serlle anulado un gol a Javi Rodríguez, incisivo e intenso, que roubou ao defensa babazorro, o que o colexiado e o VAR consideraron falta, o que parece foi máis un lance do xogo. Co marcador 3-2 e a defensa celeste feita un flan, onde Aidoo, Domínguez e Álvaro tiveron todos os tres unha tarde moi desafortunada, Claudio ordenou a Radu que sacase sempre en longo. Un erro tremendo que deixou o balón nos pés de Denís Suárez. E cun Celta que non xogaba nada máis que atopar un balón aéreo de Durán ou Jutglá, os goles visitantes chegaron inevitablemente, case sen oposición por parte viguesa. De pouco serviron os trocos, coa excepción das subidas de Carreira que armou a súa sociedade con Hugo Álvarez por onde chegou algunha oportunidade para nivelar o marcador. Desta volta, non funcionaron as rotacións de Claudio, tanto na medula da defensa como na ausencia dun mediocentro defensivo, que canto menos puidese inserirse entre os centrais. Como foi pouco acertado por parte do míster concederlle tanto balón aos visitantes, que con posesión e paciencia foron castigando aos defensas celestes, abrindo camiño para que todos os seus goles fosen de xogadas combinadas.
É innegable que esta derrota chafou estes días celestes felices, porén debe ser asumida con autocrítica polo cadro técnico, xa que pon en evidencia as serias carencias da segunda unidade de centrais, que onte quedaron moi lonxe da seguridade dos ausentes, Starfeldt e Marcos Alonso, como de Moriba e Vecino, medios en labores de contención.
Publicado en Faro de Vigo: 23/03/2026

O noso principiño

Anoxoume que un grupo de ultras celestes recibise a paos a seareiros do Olympique Lyonnais o que, queirámolo ou non, lixa a imaxe de todo o celtismo, sempre pacífico até o lirismo, como a do propio club que tras a extraordinaria iniciativa da procura da camiseta de Madonna nunha semana gañara prestixio e boa reputación en todo o planeta. E o caso é que ademais de non existir razón ningunha para arruinar escaparates e darlle unha malleira a calquera, sexa foráneo ou membro da comunidade, a violencia destes idiotas constitúe un risco engadido para os tres mil celtistas que a vindeira semana viaxan a Lyon a apoiar ao Celta en lance tan decisivo. Visita a unha cidade moi interesante, no seu día capital da Galia romana, unha das principais prazas gastronómicas francesas, coas que Vigo ten algunhas afinidades económicas e culturais que nestes oitavos de final da Europa League deberían coñecerse.

Cidade literaria coma Vigo, Lyon aparece como Lugdunum na quinta entrega das aventuras de Asterix, A volta a Galia (1965), ademais de ser a localidade onde naceu o aviador e escritor Antoine de Saint- Exupéry, que lle dá nome ao seu aeroporto e a quen se lembra nunha escultura na praza de Bellecour xunto ao seu personaxe principal, o principiño. Coma Verne ten en Nantes o seu berce, Saint-Exupéry o ten en Lyon, onde está moi presente O principiño, novela publicada o 6 de abril de 1943, traducida a centos de linguas, tamén ao galego, por Carlos Casares (Galaxia 1972), que recolle a extraordinaria conversa que manteñen no deserto do Sahara un aviador e un rapaciño chegado doutro planeta no que abordan os temas máis universais da natureza humana, como o amor e a amizade.

Na noite do xoves, no estadio de Balaídos estivo presente aquela de tantas frases memorables d’ O principiño de «fai da túa vida un soño e do teu soño unha realidade», asumida tanto polo celtismo na bancada como polo once de gala, con escasas novidades, implicados en non renunciar aos maiores logros nesta competición europea. Con esa intención, Claudio propuxo un plan de partido esixente, semellante ao ensaiado co Real Madrid, cunha fórmula tan sinxela como arriscada, defenderse con orde e intensidade en campo propio, para saír en velocidade (para iso estaban Williot e Rueda) cando se recuperase. Espírito exuperiano de procurar o soño compartido polos visitantes que, é de xustiza recoñecer, foron superiores aos nosos nas diversas facetas do xogo durante case todo o tempo, facéndose cargo da pelota e arrecunchando ao Celta sobre Radu, obrigado a defenderse con orde e paciencia meduliana.

Abondaron vinte e cinco minutos para que a estratexia xiraldina  de resistir e correr tivese a súa recompensa. Foi unha preciosa xogada coral nacida da recuperación de Rueda sobre a liña da área propia, que Vecino recolleu e conduciu en diagonal de forma moi brillante, superando as liñas francesas. O charrúa, que substituía a Miguel Román, infelizmente lesioando, serviu a Williot, o noso principiño sueco, que pola banda superou ao seu marcador co seu característico caneo de cadeira e asistiu a Rueda, que iniciara a transición e aparecía polo centro, tras unha carreira endemoñada. O malagueño, xeneroso no esforzo, coouse entre os dous defensores na área pequena e marcou a pracer coma se a porta estivese baleira. Un gol coral, marabilloso na concepción e mellor aínda na execución que respondía a outra das frases máis famosas do principiño, «o que fai bonito o deserto é que nalgunha parte se agocha un pozo».

O Celta co marcador por diante sufriu unha lamentable actuación do colexiado belga Erik Lambrechts que condicionou o desenvolvemento do encontro e da propia eliminatoria. Así, tras medio minuto de inexplicable espera, probablemente axudado polo VAR, sacou tarxeta vermella a Borja Iglesias, nun erro de protocolo arbitral inadmisible nunha competición desta categoría. Co Celta en inferioridade, e con case toda a segunda parte por diante, o relato do partido xirou para converterse na crónica do asedio lionés á porta de Radu e da extraordinaria resistencia dos de Xiráldez, que xestionaron a situación con admirable capacidade competitiva ser darse nunca por vencidos. Resistencia meduliana que explica outra frase do principiño: «o tempo que perdiches con ela é o que fai a túa rosa tan importante».

Mágoa que faltando apenas tres minutos, Radu cometese o seu único erro, noutra noite con varias paradas memorables, coándoselle entre as mans un xute inocente de Endrik dende fóra da área. Co empate e o engadido de seis minutos, o Celta pechou as liñas todo o que puido protexendo o empate tan heroico como valioso. A eliminatoria quedou así aberta, o que constitúe unha esperanza que pode ser explicada con outra frase do principiño: «o home descóbrese cando se mide cun obstáculo».

Os desafíos da viaxe a Lyon do vindeiro xoves amosarán a verdadeira fortaleza do cadro de Giráldez e valor dese celtismo mobilizado e comprometido de forma extraordinaria con este proxecto. O Celta mantén intactas as súas esperanzas de superar a eliminatoria. Os celtistas acreditamos noutra das sentencias máis famosas do libro fermosísimo do lionés Saint-Exupéry: «Soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisible para os ollos».

Publicado en Faro de Vigo: 14/03/26

Like a prayer

Foi a do serán da sexta feira pasada, unha das previas máis bonitas da tempada, tanto pola tregua das frontes dos Azores que permitiron gozar das raiolas da tarde como, despois do triunfo con tanta autoridade en Montilivi, polas altas expectativas da afección celeste de que por fin sería posible gañar en Balaídos a un perigoso Madrid que chegaba con baixas e ansiedades. Entusiasmo celeste que subiu varios graos de temperatura no interior do estadio do Fragoso durante a extraordinaria actuación de Son de Seu, a orquestra folk de Galicia, cando interpretou a versión de «Like a prayer», preparada por Mat Amy e Anxo Pintos, rememorando aquela noite do 29 de xullo de 1990 na que Madonna actuou no palco de Balaídos e vestiu a camiseta do Celta co número 5 de Espinosa, un dos momentos estelares da historia do celtismo fotografados por Vitín de las Heras e por Cameselle, grande reporteiro gráfico do Faro de Vigo daqueles días do Vigo loitador e das penalidades da reconversión industrial e da «movida viguesa».

Lembrar á celtista Madonna obriga a facelo tamén con aquel Celta humilde de finais dos oitenta, capitaneado por Vicente, no que xogaban entre outras glorias celestes Atilano, Nacho, Jorge Otero, Pichi Lucas, Mosquera ou Lito. Equipo que na tempada 1989-1990 empatou a cero co Madrid sobre o lamazal (en sentido literal) de Balaídos, nun partido no que houbera oportunidades en ambas as dúas áreas, aínda que a mellor do Celta fora un remate ao traveseiro de Buyo de Julio Llorente, un dos defensas madridistas. Un Madrid de John Benjamin Toshack, que protestou un suposto penalti sobre Butragueño e nun gran remate de Hugo Sánchez sobre o pao de Maté. Partido que puido caer da nosa parte se chega ter entrado o xutazo de Fabiano, incorporado na segunda parte, ao que moi pouco antes de consumir os noventa minutos lle faltaron uns poucos centímetros de puntaría. Unha tempada céltica nefasta na que os agarimos de Madonna aliviaban a dor do descenso xestionado por catro adestradores incapaces de mudar o rumbo dun equipo destinado a perda da categoría, primeiro do asturiano Novoa, logo de Pepe Villar, un home da casa que deu paso ao ourensán Delfín Álvarez e por último de José María Maguregui, a lenda do fútbol hiperdefensivo do noso vestiario.

O entusiasmo da previa do venres e a comuñón cada vez máis emocionante do Celta coa súa bancada, prometía unha noite das felices, capaz de repetir o 2-0 da tempada 2013-2014 daquel gran Celta de Luis Enrique, a última das vitorias ao Madrid no coliseo do Fragoso, nunha tarde memorable cunha actuación estelar de Sergio Álvarez, o noso porteiro, e cun dobrete do brasilego Charles, que conseguiu roubarlle a carteira a Sergio Ramos e despois a Xabi Alonso. E se a vitoria non fose posible, abondaría con repetir o derradeiro empate, aquel dous a dous do día seguinte ao de Reis de 2018 tan emocionante, conseguido cun gol de Maxi Gómez a última hora, tras un penalti errado por Aspas dez minutos antes. Por desgraza, a noite do emotivo revival do «Like a prayer» de Madonna en versión folkie, unha auténtica delikatesen, o Celta quedou decepcionado na mesma beira da praia e non puido repetir a memorable actuación da primeira volta no Bernabeu, onde foi superior en xogo e no marcador, e tampouco conformarse cun empate nun partido moi igualado de resultado incerto, no que, cómpre recoñecer, Arbeola gañoulle a partida táctica a Giráldez, que case nunca foi capaz de conseguir a fluidez precisa no xogo para facer eficaz a súa presión en campo rival.

Encontro que lembraremos polo fatídico derradeiro minuto dos cinco de engadido, onde o teimudo plan de partido de Claudio de defender en bloque baixo con paciencia infinita para aproveitar unha saída combinada, quedou nunha torre ao airo. Menos de trinta segundos nos que se sucederon todas as desgrazas célticas, comezadas tras unha clara falta (non sancionada polo colexiado, sempre moi permisivo cos atacantes) a Fer López, que imprudente intentou unha tacada diante da frontal da área, desatendida por Hugo Álvarez, pesimamente despexada por Vecino (aínda frío e desconcentrado), que acaba de entrar en xogo, rebote que soubo aproveitar o arteiro Valverde para xutar á desesperada con tanta fortuna que bateu no corpo de Marcos, desviando a traxectoria, cando Radu xa comezara a estirada pola banda contraria. En tan desgraciado tanto en propia meta, que debeu ser anulado polo VAR pola falta a Fer, ficaron todas as esperanzas dun partido que o Celta puido ter sentenciado perfectamente poucos minutos antes cando Aspas xutou cruzado a base do pao, superando ao xigante Courtois, unha asistencia formidable de El-Abdellaoui, o mellor recurso do cadro para os minutos decisivos.

Quedará para a vindeira tempada o reto celtista de superar ao Real Madrid en Balaídos, onde o cadro de Florentino conta sempre co apoio do amplo madrilismo galego e portugués, mobilizado unha vez por ano. E agora como sabe a celtista Madonna («In the midnight hour, I can fiel your power…») o que lle toca aos de Aspas e compañía é facer maghas o xoves vindeiro diante do difícil Lyon. Isto non para. Como sempre o de sempre, ala Celta!

Publicado en Faro de Vigo: 09/03/26

O Celta é pequeno

Na memoria de Luis Ferreiro Loredo.

 Non son moi coñecidos os artigos de fútbol que o poeta Celso Emilio Ferreiro publicou en Faro deportivo en 1963, poucos meses despois da publicación de Longa noite de pedra. Crónicas cheas de humor e retranca como as tituladas «Los prognósticos de don Álvaro», «El fútbol patas arriba», «Goliat y los liliputienses» ou «El Rachapedras foot ball club». Textos nos que, quen fora xogador do Sporting de Celanova, confesa que lle desgusta o fútbol como espectáculo de masas, o que deixou de ser deportista para ser capitalista, o de ser unha diversión dos que o practican para facerse un espectáculo (pagado) dos que o contemplan. Celso Emilio convertíase con estas opinións nun adiantado das críticas actuais ao fútbol moderno, que resumiu no poema «O hincha», escrito en Caracas en 1972, recollido agora no libro Poemáforos (Lusco fusco edicións 2026), no que coa súa retranca afiada resume que a felicidade do seareiro consiste apenas en «berrar gol entre a mesta moitedume». Xaora, para ser xustos co noso admirado Ferreiro, no mesmo libro aforístico cita o verso de Vladimir Mayakovsky, «a felicidade está onde non estamos», o que me leva a acreditar no celtismo inequívoco do poeta e a reescribir un daqueles aforismos manuscritos que enviaba dende o exilio venezolano en tarxetas a Antón Patiño de Librouro: «O Celta é pequeno pero chega até as estrelas».

Escribiu tamén Celso Emilio nas páxinas daquel Faro deportivo dos sesenta (co Celta en Segunda) que «historiar o acaecido nun partido de fútbol é tarefa relativamente doada, sempre que non haxa goles fantasmas ou que o árbitro non estea vendido»; que –salientaba o poeta– o verdadeiramente difícil é «vaticinar sobre o partido seguinte». O que ven de marabilla para explicar o que sucedeu na noite do xoves na catedral do Fragoso, na que o Celta deixou o burato feito para participar nos oitavos da Europa League, aos que regresa despois de nove tempadas. Será moi difícil aventurar o que vai suceder o 19 de marzo en Lyon, contra un dos clubs máis potentes do fútbol francés, un dos máis claros aspirantes a xogar a final de Estambul. Apoiado nunha anovada política societaria promovida pola presidenta Marián Mouriño, que non oculta a memoria do club, é difícil facer vaticinios con este Celta revolucionado pola man do cadro técnico de Claudio Giráldez, que fixo do xogo colectivo, da competitividade interna e da solidariedade do vestiario, a súa principal fortaleza. Un Celta maduro, sen límites nas súas aspiracións, mesmo, por que non?, a de chegar as estrelas para prenderse no corno da lúa.

E para mostra desta madurez deportiva e emocional, o botón que supuxo a traballada vitoria diante do Paok, un curto 1-0, que no reflicte a clara superioridade sobre o equipo macedonio, tanto esta semana como no total da eliminatoria. Unha superioridade alicerzada sobre a defensa, moi consolidada sobre a fortaleza física, seguridade e a tranquilidade de mármore tanto de Starfeldt como de Marcos Alonso, aos que reforza o dinamismo do canteirán Javi Rodríguez. Solidez da cobertura a que contribúe dende a banda Sergio Carreira, outro dos máis destacados na noite do xoves, tanto nos labores de contención como de ataque. A paciencia, a insistencia e a concentración foron as ferramentas coas que Giráldez desarborou aos visitantes que dende o inicio xogaron a aproveitar algún erro da saída do balón dos célticos e a altura dos seus dianteiros nun saque lateral. Certo é que os gregos na primeira parte incomodaron aos celestes (algo espesos) na súa progresión en campo rival, o que non lles impediu gozar de oportunidades claras, nun xute de Aspas (discreto) e noutro cruzado de Matías Vecino (excelente), novidade no once.

Mudou o panorama na segunda, coa presenza de Miguel Román, que substituíu a un pouco afortunado Ilaix Moriba. O xenio de Gondomar deulle ao Celta o sentido e o tempo que o xogo precisaba. Das súas luvas saíron as xogadas decisivas: abriu espazos sobre Carreira, que fixo sociedade con Iglesias. Na primeira, Borja rematou cun xutazo, respondido por unha estricada do porteiro grego. Na segunda, no 62’, Borja ensaiou unha xenialidade de taco, que achegou o balón a Williot (extraordinario) para que finalizase cun lanzamento tan preciso sobre o pao longo que semellaba a pelota se detería antes de superar a liña de meta. Gol marabilloso que pechou a eliminatoria. Con media hora por diante, a madurez competitiva impresa a lume por Giráldez, abondou para inmobilizar ao Paok, incapaz de achegarse nin unha soa vez diante de Radu. No engadido, xogado na área visitante El Abdellaoui puido ampliar o marcador noutro das súas características man con man cos porteiros. O Celta sacaba adiante con aparente facilidade a eliminatoria. Aventuro que os oitavos da Europa League co Lyon permitirán a unha nova xeración de celtistas, os fillos e fillas dos que acompañaron ao Celta europeo de Mostovoi, ilusionarse cos mesmos ollos no porvir dos seus pais. Gran Celta este de Claudio que mellora os nosos vaticinios.

Publicado en Faro de Vigo: 28/02/2026

 

Idus de marzo

Despois dun primeiro tempo marabilloso en Salónica, unha exhibición de fútbol moderno, caracterizado polo xogo asociativo e os escintileos diferenciais de talentos individuais, o Celta volveu moi reforzado no emocional e esperanzoso no deportivo. Claudio acertou cen por cen co plan daquel partido no Toumba, estadio difícil para os visitantes, que intimida aínda máis ao equipo arbitral. A pesar da vitoria axustada, vares á parte, a afouta actuación celeste xerou unha gran emotividade nas novas xeracións de celtistas, que acompañan a un equipo que está recuperando a autoestima de hai vinte e cinco anos cando aquel cadro europeo de Víctor Fernández e Mostovoi foi considerado, nalgún momento, na clasificación da UEFA como «o mellor equipo do mundo».

Xaora, Giráldez, o artífice de semellante milagre, é consciente de que a esta altura da tempada non pode deixarse levar polos ventos tan perigosos dos idus de marzo, dando xa por feita a superación do play-off co Paok, o que non vai ser doado; como pensar que na Liga vai ser cómoda a clasificación en prazas europeas, obxectivo sempre moi difícil. Por ventura, Claudio fixo caso omiso a semellantes cantos de serea e asumiu a importancia do partido do Mallorca de Arrasate, en posicións de descenso. Un partido que de sacalo adiante, despois de catro xornadas sen gañar (a pesar do bo xogo), suporía un salto de xigante na tempada, presentando a candidatura á sexta praza, obxectivo asumible para esta terceira tempada da revolución xiraldina.

Contexto que obrigaba a confeccionar con cautela un once inicial, no que Claudio introduciu unha rotación ampla con respecto ao partido en Grecia, de até sete novidades. Once no que destacaba a presenza de Aidoo na liña de tres, a de Matías Vecino, que debutaba en Balaídos, acompañando a Miguel Román, e a mudanza de toda a dianteira. A aposta resultou acertada, conseguindo os tres puntos e mantendo a portaría a cero. Un éxito que adianta ao Celta á sexta posición. Porén, o partido foi moi gris, sobre todo na primeira sesión, na que os célticos controlaron a posesión, mais non acadaron a superioridade suficiente para marcar. O máis destacado deste período foron as chegadas e caneos de Hugo Álvarez pola banda esquerda. Como magnífica foi a actuación de Aidoo, recuperado da gravísima lesión de talón de Aquiles, que secou ao temible Muriqui, as poucas veces que pisou a área celeste. Mágoa que non estivesen máis finos Jutglá, que volveu a estar pouco acertado, como Javier Rueda e Fer López que pola banda dereita participaron menos do previsto.

Como adoita dispoñer, agardou o adestrador noso ao minuto setenta a revolucionar o ritmo dun partido, até entón soporífero e pouco vistoso, coa entrada de Aspas, Borja e Ilaix. Foi o Merlín de Moaña quen axitou a lámpada, aparecendo a luz que faltaba a un Celta ordenado e paciente en defensa, tanto que evitou que o Mallorca xutase unha vez entre os tres paos, mais confuso e impreciso á hora do remate. Aspas e Iglesias entenderon que para crear espazos interiores o partido necesitaba desorde, un xogo máis directo e de velocidade superior, capaz de abrir a lata dos visitantes que parecían conformarse co empate, que lles permitía saír de descenso. Con esa vontade, saíu tamén Al-Abdellaoui no 79’, pouco despois de que Williot rematase un gran pase de Hugo Álvarez (o máis destacado dos celestes), que cando entraba Maíllo despexou in extremis.

Nos dez minutos finais, o Celta esmagou o conformismo dos visitantes, creando os espazos que precisaba para marcar. Al-Abdellaoui puido facelo dun zurdazo, que quedou desviado. No 83’ o arbitro sinalou penalti (claro), cando Maíllo agarrou na área pequena a Borja que pretendía rematar. Aspas coa confianza das figuras marcou cun zurdazo moi axustado, ao que puido chegar Leo Román. Co marcador por diante, amosouse a madurez deste Celta que sabe xestionar situacións difíciles. Non perdeu a orde defensiva e aproveitou a velocidade de Al-Abdellaoui que debeu marcar no 90’ dun xutazo que petou no porteiro. Insistiron os celestes nos seis de engadido cunha cabezada de Iglesias sacada por Maffeo baixo paos. Tras un parón motivado por unha revisión do VAR dunha posible tarxeta vermella a Mugica, tras un plantillazo a Javi Rodríguez nun balón dividido, chegou o segundo gol. Williot viu un espazo interior polo que se coaba Aspas, que iniciara a xogada de espora, que xutou en carreira para superar ao porteiro entre as pernas. Un tanto de fermosa factura, a que corresponde sempre á elegancia do príncipe das bateas, cuxos escintileos foron onte diferenciais para sacar adiante un partido menos atractivo ca outros anteriores.

Co partido case rematado, volvemos a cantar a coro o «Miudiño» en Balaídos, unha emotividade orgullosa que as novas xeracións de celtistas asumen co respecto e a moderación coa que sempre se utilizou este himno dos días felices. Agardemos poder facelo o xoves coa «Rianxeira» para celebrar os idus de marzo en Lyon ou Birmingham.

Publicado en Faro de Vigo: 23/02/2026

Noite de dioivo

Nunca esquecerei aqueles partidos heroicos do Celta da miña infancia co Lagares case desbordado, a piques de facer desaparecer o terreo de xogo, convertido nunha lameira, tamén se pode dicir barral, bulleiro ou lamazal, que son palabras nosas bonitas para referirse a un terreo que acumula auga e no que se forma lama. Hai unha foto de Magar espectacular na que Balaídos parece unha enorme piscina onde os xogadores se enfouzaban de lama de pés á cabeza. Meu pai dicíanos que se chovía moito e o terreo quedaba brando, o Celta tiña vantaxe porque estaba máis afeito a xogar no barro que os equipos visitantes. Claro estaba que sempre que non fora o Coruña ou un vasco, como o Indautxu ou Barakaldo, ou un asturiano, como o Langreo, onde tamén chovía a deus dar. Dende entón, acuñei o prexuízo de que a aparición da choiva constituía para o Celta unha vantaxe competitiva, xa que sobre o bulleiro os nosos, sobre todo se eran promesas da canteira, tiñan máis habilidade para desenvolverse. Aquela lameira desapareceu de Balaídos e dioive ou orballe o terreo de xogo é unha alfombra espectacular, resistente a alertas e galernas de vento e choiva.

Na noite do venres entrei no estadio confiado, xa que non fallara a predición meteorolóxica e, como escribira o poeta Manuel Antonio pola tarde «aferraran en Vigo unha vela de chuvascos». Nada podía saír mal con tanta choiva a prol dos celestes. Certo que o Osasuna sería un rival difícil e incómodo, pero asequible, a quen xa gañaramos a comezos de outubro no Sadar por 2-3, a primeira vitoria da liga, con dous goles de Jutglá (os que leva dende entón o dianteiro catalán) e o da vitoria de Pablo Durán, cando faltaban tres minutos. Todo aventuraba que podiamos dar un chimpo gozoso á quinta praza, superar ao Espanyol e case liquidar a permanencia con quince partidos por diante. A pesar destas circunstancias favorables, ás que se engadiu un dioivo e unha ventolada que case non cesou nas dúas horas de encontro, o Celta de Giráldez fracasou, perdeu 1-2. Pregunteime se non sería esta derrota un episodio do molesto mal de altura, que o inmobiliza cando ten unha oportunidade de acceder a posicións de privilexio? Doenza que xa padecera Giráldez a pasada tempada e da que saíu tras un baixón de resultados, que agardamos non se repita nesta.

Claudio sorprende cada vez menos coas súas rotacións. En liga conserva unha estrutura fixa da metade do cadro e varía a outra, xogando cos trocos a partir da hora de partido. Son intocables o porteiro, os tres centrais (Rodríguez, Starfelt, Alonso), os dous medios (Moriba e Román) e o dianteiro (Iglesias), mentres rota aos catro acompañantes nas dúas bandas, en función das necesidades. Un once de gala ao que se incorporou Fer López, chamado a quedar na estrutura fixa, o mellor dos trinta e dous participantes baixo o dioivo, un xogador capaz de mellorar cada xogada na que participa, asistir, rematar e pelexar, que nos meses pasados en Inglaterra adquiriu xerarquía, confianza e músculo. Un once que fixo unha boa primeira hora, na que puideron marcar Javi Rodríguez aos cinco minutos cun xute dentro da área e en dúas ocasións Hugo Álvarez, que volvía ao equipo para esquecer a marcha de Bryan Zaragoza, polo que, por certo, ninguén piou. As intervencións do porteiro salvaron aos visitantes de tres goles feitos. No 35’ marcou Budimir. O experimentado dianteiro croata foi capaz de adiantarse a Starfelt e aproveitar un centro lateral de Raúl Moro. O Osasuna fíxose entón co control do partido e puido meter un segundo aproveitando a velocidade de Víctor Muñoz. O partido reviróuselles aos de Giráldez.

Iniciada a segunda parte, Borja Iglesias, até entón impreciso, igualou de penalti, despois de agardar case catro minutos o chequeo do VAR, mentres os xogadores quedaban fríos baixo o dioivo. Claudio mudou as bandas pasada a hora. Williot afiou o xogo con dúas entradas en caneo, finalizadas con xute raso que foron interceptadas in extremis por Herrera, o excelente gardameta «rojillo». Mais como sucedera na primeira, foron os navarros os que aproveitaron outra xogada illada, un balón cruzado na área local que nin Marcos Alonso nin Radu foron capaces de atallar, o que aproveitou Raúl García no 79’ para marcar o segundo tanto, que sería o da vitoria. A entrada de Aspas, El Abdellaoui e Jutglá non abondaron para empatar, mesmo contando cun engadido de oito minutos, no que os de Giráldez careceron da enerxía doutras remontadas. E tampouco tiveron da man a deusa Fortuna, que ben puido botarlle un cabo a Starfelt cando a súa cabezada non atopou marco no derradeiro minuto. Non foi a do dioivo noite propicia para os célticos. A derrota foi aceptada con silencio e un chisco de decepción pola bancada, consciente de que aparecera a temible síndrome do mal de altura. Un paso atrás, que agardamos preceda a outro adiante, espreguizando a esperanza de continuar unha excelente tempada.

Publicado en Faro de Vigo: 08/02/2026

Resiliencia celtista

Na pandemia fíxose moi popular o uso da palabra «resiliencia» para expresar a capacidade para afrontar situacións difíciles e imprevistas, como a provocada naquel momento pola Covid_19 e o confinamento obrigado durante semanas. Un termo nacido no ámbito científico técnico, como a capacidade de resistencia ao choque que presenta un material, do que se apropiou a psicoloxía para expresar a capacidade dos seres humanos para adaptarse de forma positiva a situacións diversas. Palabra que os pedagogos incorporamos á educación emocional para expresar a capacidade do alumnado para afrontar as adversidades e saír reforzado delas. Unha capacidade que precisa da adquisición das habilidades e competencias facilitadoras desa adaptabilidade: confianza nas propias forzas; carácter para asumir valores propios; control sobre as propias decisións e escollas; conexión emocional positiva das interaccións, entre outras. Sexa na física, na psicoloxía ou na educación emocional, coma no deporte, a resiliencia empodera as persoas e os colectivos que a asumen como estratexia para afrontar os seus retos con mentalidade positiva, adaptabilidade, creatividade, resistencia e empatía.

Proemio anterior, que axuda a entender o sucedido na noitiña do xoves en Balaídos. Entre a galerna e a ventada, o Celta de Claudio Giráldez impartiu diante de vinte mil persoas unha masterclass do que é a resiliencia dun grupo, obrigado a enfrontarse a unha situación inesperada, a asumila con espírito positivo e a saír reforzado dela. Certo que o inesperado, foi tanto a expulsión de Hugo Sotelo no minuto 28, que deixou ao Celta en inferioridade durante máis dunha hora, como o gol que marcou aos trinta segundos de xogo; un erro tremendo de Alexsandro, central brasileiro do Lille, que na súa primeira intervención despexou sobre Borja Iglesias, rexeite recollido por Aspas, que asistiu a Williot para que empurrase o balón a porta baleira.

Lances do xogo inesperados que determinaron o devir do partido. O gol tan madrugador, xerando confianza no plan de partido deseñado por Giráldez, baseado nunha presión alta esgotadora e un xogo longo sobre Borja Iglesias, quen aos dez minutos puido liquidar o partido, cun segundo tanto anulado polo rigoroso colexiado alemán Valerio Marini, tras unha combinación de fútbol de salón entre Aspas e Rueda. Non obstante, o que mudou o xogo foi a tarxeta vermella, a instancias do VAR, que castigaba unha falta de Sotelo, incansable e intenso na presión mesmo nun espazo pouco comprometido, máis que non controlou o suficiente para evitar que os tacos da súa bota impactasen de forma perigosa sobre o talón de Mandi. Un erro que lle custou moi caro ao xove mediocampista celeste, que volvía ao once inicial.

O Lille comezou entón un asedio continuado, dirixido con elegancia polo noruegués Haralldsson, ao que o Celta respondeu cunha defensa ordenada, solidaria e resistente en bloque baixo. Polo meduliana, teimosa e controlada, mais tamén polo que expresaba de confianza nas súas posibilidades, sen renunciar á ambición de buscar un segundo gol, comprobamos a madurez, o carácter e a enorme resiliencia do Celta giraldino, tanto no táctico, no físico como no mental, onde vemos grandes melloras con respecto a tempadas anteriores. Un Celta imparable e determinado, o que identificamos como afouto, consciente da relevancia deste partido nunha tempada ilusionante, a chave necesaria para acceder a seguinte rolda da Europa League. Un equipo que fai soñar a unha afección asombrada polo nivel de competitividade exhibida nos dous últimos meses, onde funciona á perfección esa alquimia de grande consistencia e brillo de veteranos e promesas.

Giráldez agardou ao descanso para facer os trocos necesarios para competir en inferioridade: deixou na caseta a Iago e Borja, introduciu máis músculo con Durán e Carreira e colocou a Mingueza no medio campo. Acertou de cheo. Cun Starfelt extraordinario, que secou a Olivier Giroud (39 anos), máximo goleador histórico da selección francesa, o Celta resistiu cada un dos embates dos franceses. Porén, nunha das escasas transicións, Durán sacou da nada un saque de recanto. Lanzado co tiraliñas de Miguel Román, unha promesa consolidada como figura, atopou unha cabezada do central sueco que sorprendeu ao meta visitante.

Con vinte e poucos minutos por diante, os de Giráldez remataron o traballo: resistiron un novo asedio dos franceses que insistían en procurar un remate de Giroud. Certo é que o conseguiron no 86’, pero os seus folgos e acerto no remate non deron para máis. Neses dez derradeiros minutos, o Celta non perdeu tampouco seu debuxo táctico e actitude resiliente.

Un triunfo histórico, tanto polo heroico de traballalo dende a defensa, como pola conexión emocional coa bancada, que nos fixo lembrar as grandes noites europeas de hai décadas. Este Celta de Giráldez fai soñar coas súas proezas a un celtismo anovado e orgulloso das súas raíces. O xoves saímos de Balaídos felices.

Publicado en Faro de Vigo: 24/01/2026

Manicura celeste

O chamamento a acudir coas unllas pintadas en apoio a Borja Iglesias, obxecto de insultos homófobos no Sánchez-Pizjuán, obtivo unha acollida extraordinaria tanto entre os xogadores como entre as máis de vinte e mil almas celestes que acudiron onte á pequena catedral do Fragoso. Éxito que ben poden acreditar os establecementos onde se venden os esmaltes e pintaunllas, sorprendidos cunha rotura de stock imprevista das cores azul celeste e branca, as preferidas para esta iniciativa promovida pola peña Carcamáns Celestes.

Foi un acerto do club apoiala nas súas redes, comprometéndose así coa de facer visible a loita contra a homofobia, mais tamén contra o racismo e calquera outro tipo de discriminación presente nos estadios e nas redes, onde o odio ao distinto non foi erradicado na súa totalidade. Iniciativa que, a pesar de inserirse na política internacional de RESPECTO deportivo, foi atacada nas redes ridiculizando ao internacional galego, ao Celta e ao conxunto do celtismo. Estas manifestacións homófobas, como as de Sevilla, repítense noutros estadios e por outras afeccións, cuxos clubs teñen a responsabilidade ineludible de erradicalas. Os insultos e as ameazas, incluso de morte, constitúen agresións inadmisibles. Acerta, pois, o Celta cando encabeza esta loita deportiva, que por desgraza non asumen algúns clubs, incapaces de enfrontarse aos seus afeccionados violentos que por comportamentos como os denunciados con retranca por Borja non deberían poder entrar nos estadios.

Nun ambiente de orgullo pola iniciativa e tras unha excelente primeira volta, extraordinaria como visitante, O Celta abriu a segunda cun partido práctico e unha vitoria contundente fronte ao sempre difícil Raio de Iñigo Pérez, adestrador da xeración e estilo de Claudio Giráldez, tamén un dos que até onte mellor lle tiñan collido os talentos ao míster louriñés. Como ven sendo habitual nas últimas semanas, foron apenas tres as novidades do Celta no once de gala, consolidando así o seu bloque defensivo –cada vez máis fiable, apenas vinte goles encaixados, á que non allea a tempada excepcional de Radu– e mudando apenas o director de xogo, Hugo Sotelo, e a tripla atacante, onde só parece fixo Bryan Zaragoza, onte acompañado de Hugo Álvarez e Pablo Durán.

Un partido cos vallecanos que no primeiro tempo foi igualado no xogo, con dous equipos utilizando presión alta, onde o Raio xerou máis ocasións, algunha clamorosa, como a salvada por Radu (un xigante na porta celeste) aos pés de De Frutos, ao cuarto de hora de xogo. Sen embargo, neste primeiro acto o gol púxoo o Celta, froito da súa paciencia e da insistencia en que Hugo Álvarez e Mingueza (quédate!) creasen os espazos interiores ou Bryan Zaragoza entrase até a área pequena coa súa coitela. Así chegou no minuto 38 o gol de Sergio Carreira, onte un dos mellores dos nosos, que cando máis e mellor dominaba o Raio, xutou na frontal de forma maxistral unha asistencia de ouro de Álvarez, un toque finísimo co exterior, despois de apoiarse en Moriba. Un gol fabricado pola intelixencia creativa de Hugo Álvarez, capaz de mudar o devir do partido.

Na segunda parte saíron os visitantes moi motivados, cercaron a meta de Radu durante cinco minutos. Foi Bryan Zaragoza, noutra das súas incursións, quen no 53’ forzou un penalti, que el mesmo transformou con solvencia. O Celta batía de novo cando o seu rival se amosaba máis perigoso e determinado. Sen modificar o seu plan de partido, Giráldez introduciu os seus trocos previstos no 60’, pensando tanto na media hora que faltaba como no compromiso europeo do vindeiro xoves. Volveu acertar coas entradas de Miguel Román e Williot, que deron a volta de porca que precisaba o encontro. Na súa segunda participación, no 61 o sueco recibiu unha entrada de tesouras de Mendy, que revisada polo VAR levou á expulsión do central senegalés. Cun xogador menos e o marcador en clara inferioridade, o Raio amosou afouteza e non lle perdeu cara o partido. Foi un espellismo. En cada recuperación o Celta voaba polas bandas con Bryan, e máis aínda coa entrada de Rueda, que no 78 entrou até a área cativa e pechou a pracer marcador co terceiro tanto.

Abondou con defender con orde e atención. Nos derradeiros quince minutos volveuse escoitar a Rianxeira e a botar a bancada, como o celtismo, sempre prudente, fai só nos días máis felices. E para pechar o serán, Giráldez fixo debutar a Hugo Burcio, un medio centro de corte defensivo de apenas dezanove anos, unha das promesas máis consolidadas do Fortuna, chamada a cubrir a saída de Beltrán neste mercado de inverno. Un excelente comezo da segunda rolda na que os nosos discuten a peito descuberto a praza europea ao Betis, Espanyol, Athletic, Real, Girona entre outros. Gocemos dos 32 puntos, unha das mellores puntuacións da historia recente, como do compromiso do club e da afección en erradicar o odio dos estadios.

Publicado en Faro de Vigo: 19/01/26

Aguinaldo

Lin no Faro de Vigo dos días previos ao Nadal que a rapazada do Colexio Público O Sello de Cabral mantén viva a tradición –que eu cría xa perdida– de pedir o aguinaldo solicitando aquilo de: «Dános licenza para cantarlle os reis?» Se a veciñanza acepta, no caso do Sello, as persoas maiores da residencia do barrio, a rapazada cántalle unha das súas panxoliñas, que adoitan ser agradecidas con calquera agasallo. Tradición arraigada no nadal vigués até a década de 1950, que no Casco Vello foi anovada nos últimos anos como «Ruada do Nadal». Desfile de reiseiros, grupo de gaiteiros e gaiteiras e de danzantes, organizados nun rancho, que cantan e danzan os manueles e piden o aguinaldo, un agasallo de primeiro de ano, case sempre produtos de comer co que logo celebran unha paparota: «Cantámosche os reises do quiquiriquí, se non nos dás nada, marchamos de aquí». Fermosa tradición de cantar o aguinaldo de reis a que quixo sumarse o Celta de Giráldez nun moi meritorio encontro coral diante dun pouco afortunado Valencia de Corberán. Partido concluído cun contundente 4 a 1, que o celtismo soubo agradecer nos minutos derradeiros dos oito de tempo engadido entoando con moita prudencia a Rianxeira, canto que a tribo celeste reserva só para agasallar aos seus nos días felices.

Tras as xornadas de descanso natalicio, Giráldez apostou por unha das súas formacións preferidas, confiando o centro do campo a Miguel Román e Moriba, saltando apenas a sorpresa na presenza na medula da defensa de Joseph Aidoo, que entraba por Starfelt tocado a última hora. O ghanés, de quen se fala está disposto a arranxar co clube a súa marcha neste mercado de inverno, saíu un pouco frío no partido. Apenas transcorridos seis minutos trabou lixeiramente a Almeida e De Burgos sinalou penalti, o único erro de Pepiño Aidoo que no resto do partido estivo a un nivel óptimo en ambas as dúas áreas. Pepelu, o capitán che, dende os nove metros quixo axustar tanto o seu tiro que estrelou o balón no pao, tras outra estricada extraordinaria de Radu, o gardameta celeste a quen só meteron dous de sete penaltis sinalados. Probablemente foi este o lance que determinou o partido, o Valencia quedou chafado diante da portaría e o Celta aproveitou para espertar, que boa falta lle facía. Certo que os visitantes combinaron con criterio e tiveron as súas oportunidades, mais non conseguiron preocupar a Radu. E Giráldez mandoulle a Mingueza, onte o seu director de xogo, presionar e agardar con paciencia a chegada dos momentos oportunos.

E chegaron. Mingueza, que estivo a gran nivel, obrigou a Agirrezabala a lucirse cun gran pexegazo. Nun par de centros laterais, Aidoo apareceu cabeceando ao pao. No minuto 30, Borja foi trabado na área por Foulquier. O árbitro sinalou penalti que o Panda non desaproveitou para abrir o marcador. Como tampouco no 57’, tras unha xogada de fútbol de salón de tres toques, nacida na biqueira maxistral de Mingueza, que enviou a Pablo Durán, quen a pesar de xogar cun ombreiro danado soubo coarse na área, tourear ao porteiro e asistir no momento preciso a Borja, que dende a área pequena marcou o segundo gol. Os de Corberán non se resignaron e no 70 ´ acurtaron diferenzas grazas ao gol de Pepelu, ao que non resultou alleo un despexo insuficiente de Marcos Alonso. Mais foi un espellismo para os visitantes aos que lle custaba superar a disciplina dos celestes na presión e nas axudas. No 82´coa velocidade endiañada de Jonas El-Abdellaoui e a febleza do despexo de Diakhaby chegou o terceiro e no 93 coa asistencia marabillosa de Aspas, recén incorporado, Hugo Álvarez meteu o cuarto, cando Agirrezabala, lesionado de consideración no isquiotibial, non puido reaccionar. O partido morreu entre os cánticos da bancada pola goleada e a solicitude de respecto cos rivais en inferioridade, encabezada por Aspas, un xesto de fair play moi de agradecer.

O marcador tan avultado probablemente non reflicte os méritos dos visitantes, un dos equipos de xogo máis xeitoso dos que até agora pasaron por Balaídos. Secasí, os catro goles do Celta amosan a excelente capacidade competitiva coa que chega case ao remate da primeira volta, un equipo maduro con alternativas no seu xogo e na composición dos seus onces. Un resultado ao que non foron alleas algunhas actuacións individuais moi destacadas, sobre todo a de Mingueza, capaz de introducir creatividade no ataque e disciplina no repregamento. Outro tanto se pode dicir de Borja Iglesias, que achega tanto gol como seguridade e capacidade de competir coas defensas máis rochosas. Como tamén son de mérito as actuacións das promesas como Javi Rodríguez, Miguel Román ou El-Abdellaoui, un revulsivo inesperado que permite variantes inéditas. E entre figuras e promesas, aparece sempre a autoridade moral de Aspas, capaz de termar tanto da ilusión das xornadas felices como a de onte ou da dignidade celeste cando non veñen ben dadas. Este Celta ilusiona. Imaxinemos que pode suceder se chega a guinda pola que devece o seu adestrador. Feliz ano e bo xogo, afoutos e afoutas celtistas!

Publicado en Faro de Vigo: 4/1/16

Ventos propicios

O Celta conseguiu onte ao noveno intento o seu primeiro triunfo do campionato en Balaídos. Fíxoo sen que Claudio Giráldez mudase unha liña no seu ideario. Tras a derrota do xoves europeo diante dun Boloña superior, o adestrador da Louriña tirou de rotacións e apenas deixou no once de gala diante do Athletic Club a Radu, Starfelt, Mingueza e Williot, que coinciden en boa medida con catro dos xogadores que nesta altura ofrecen o mellor punto de forma. Rotación masiva do Celta, á que Valverde, o adestrador dos leóns, respondeu co modelo contrario, a continuidade do equipo inicial, apenas un troco, que o mércores empataba en San Mamés nun excelente partido co PSG de Luis Enrique.

Giráldez tampouco tocou o seu debuxo habitual: tres centrais, Marcos Alonso e Manu Fernández, que acompañaban ao sueco Starfelt entre eles; dous carrileiros, Mingueza e Javi Rueda, dispostos a intercambiar banda e abrir o campo até a liña de fondo; un dobre pivote, Hugo Sotelo, que volveu despois de semanas esquecido, e Miguel Román, cuxo traballo eficaz comeza a coller peso entre a segunda e a terceira liña: e tres atacantes, Williot e Jutglá, certo que nunha situación emocional e deportiva moi distinta, aos que acompaña Aspas como enlace e dianteiro híbrido, disposto a asumir todo o que lle faga falta ao xogo.

Giráldez tampouco defraudou na confección do plan de partido fronte ao sempre duro de roer Athletic Club, o equipo visitante máis respectado e querido polo celtismo, cuxa afección foi recibida na previa cos brazos abertos, como puidemos comprobar na grada de Marcador baixo onde nun encontro de irmandade se compartiron afectos e afinidades entre celtistas e leóns. Plan de partido de Claudio radicalmente distinto ao que fracasou co Boloña, aspirando en primeiro lugar a manter a porta a cero e despois a non renunciar a ser atrevido protagonista. Obxectivo que obrigaba ao equipo noso a ser intenso, sen deixar nunca de ser ordenado, paciente e prudente, tratando de minimizar os erros na saída ordenada do balón e os descoidos nas xogadas de balón parado e saques laterais, as maiores vulnerabilidades dos celestes no que vai de liga.

Foi a primeira metade pouco vistosa para a bancada, xa que sobre o terreo de xogo dirimiuse unha batalla pola posesión da pelota, que resultou en táboas, coma se dunha partida de xadrez se tratase. Os visitantes achegáronse a portaría celeste, sobre todo polos centros que dende as bandas enviaron Berenguer e Nico Williams sobre Sancet, que rematou sen incomodar a Radu, moi seguro toda a tarde. Secasí, o Celta nestes primeiros corenta e cinco minutos tivo só unha oportunidade, mais clarísima, nunha memorable xogada protagonizada por Williot que ousou entrar na portaría do Bernabeu caneando a Courtois. Desta volta a promesa sueca se plantou na área pequena, tras sentar ao internacional Vivian, e cando ía enviar a rede, apareceu Paredes que llo impediu. Unha xenialidade que quedou no case gol.

Giráldez debeu ver accesibles aos leóns e no comezo da segunda parte incorporou a Jones El-Abdellaoui, coa intención de facer voar ao equipo coa súa velocidade explosiva. Apenas transcorridos tres minutos, Williot marcou o primeiro gol, finalizando de cabeza unha xogada coral iniciada por Mingueza que viu o desmarque de Javi Rueda que centrou para que na área pequena finalizase o sueco, convertido en auténtica figura. A seguir, nuns minutos trepidante, foi Jones que encarou a Unai Simón, tras unha das súas carreiras de velocista, xutando cruzado, mais lixeiramente desviado do pao esquerdo. No 55’ o noruegués non errou, gañoulle a Vivian un balón, e colleu velocidade para esta vez superar ao porteiro visitante e marcar.

Certo que os de Valverde, tras eses extraordinarios dez minutos celestes, quedaron case fóra de combate, mais tiveron a fortuna de que o VAR viñese no seu rescate sinalando un «penaltiño» que parece fixo Carreira, que substituíu a Rueda lesionado, sobre Iñaki Williams, que a todas luces caeu a vontade propia. Había partido por diante. Foi Nico quen asumiu a responsabilidade dos leóns dende os nove metros. Xutou raso a colocar pero aí apareceu Radu que parou e logo recolleu o balón. Unha atallada de categoría, a xogada decisiva do partido, que deixou aos visitantes desorientados. Giráldez tirou de músculo e entraron na lameira Ilaix e Borja que non deron un duelo por perdido. Valverde moveu as súas pezas, entre as que deu entrada a Iceta que na súa primeira intervención rematou ao pao. Non estaba o día para os leóns.

Nunha tarde de ventos propicios para o Celta, tamén de eficacia e sobriedade, como de orde e esforzo, a bancada pechou o partido con cánticos de días felices. E había que celebrar non só esta primeira vitoria, que tanto se fixo de rogar, tamén colocarse nunha posición clasificatoria cómoda, xa coa metade dos puntos necesarios para a permanencia, mais tamén prometedora para pelexar polas prazas europeas. Coller estes ventos propicios antes do remate do ano pode axudar a que unha travesía, que sabemos longa e chea de dificultades, poida ser tamén proveitosa.

Bo nadal e os mellores votos para toda a comunidade celtista.

Publicado en Faro de Vigo: 15/12/2025