Instituto Rosalía de Castro

Xosé L. Méndez Ferrín continúa a súa serie de artigos no Faro de Vigo sobre “Arquivos, bibliotecas e museus“. Hoxe reclama a creación do Instituto Rosalía de Castro, de promoción da lingua e literatura galega no exterior, prevista na aprobada Lei do Libro e a lectura. A argumentación do mestre é dificilmente rebatible:

“Toda nación, e Galicia éo, debe dotarse de centros no extranxeiro nos que se difunda a súa lingua e a súa cultura propias. O goberno da Generalitat de Cataluña así o pensou e instituiu con nome de Ramon Llull unha serie de centros no mundo nos que a lingua e a cultura catalás se fai presente. Tense pedido unha e outra vez que a Xunta funde un organismo desde tipo, ao mesmo se lle ten dado o nome de Rosalía de Castro, pro non parece que vaia ser moi axiña realidade. Fraga Iribarne non quería un instituto internacional de Galicia por non ofender a idea de España única. Non sei por que Touriño e os seus socios que se reclaman do nacionalismo (naturalmente non independentista, san e ben entendido) se resisten á posta en funcionamento do Instituto Rosalía de Castro e sofren a humillación, aparentemente con gusto, de que sexa o goberno de Madrid a través de Instituto Cervantes que se apiade da nosa lingua e da nosa cultura e, por man de C.A. Molina vai facendo perceptibeis, poñamos que en Damasco, pequenas evidencias de que existimos e somos diferentes e que Álvaro Cunqueiro escribía en galego sobre Simbad.”

Un ano para a lectura

Cincocentos escritores e intelectuais británicos dirixíronse ao seu primeiro ministro para solicitarlle, diante dos fracos resultados en comprensión lectora dos estudantes británicos no informe PISA, que se dedique o ano 2008 á lectura. Idéntica preocupación comparte Channel 4, unha das canles privadas de televisión de maior audiencia, que na súa franxa de prime time decidiu emitir “Lost for words. The Fight To Help Kids read” (“A loita para axudar aos nenos a ler”), un orixinal e entretido programa no que aparecen coñecidas figuras (deportistas, músicos ou actores) en actitudes lectoras. En Galicia, como no resto do Estado, a pesar de ocupar o posto número trinta no desenvolvemento desta competencia de comprensión lectora (o Reino Unido, o décimo noveno) este dato non alarma en exceso nin aos intelectuais nin aos programadores das televisións nin á maioría dos nosos responsables políticos. Porén, é innegable que, como amosan o informe PISA e outros moitos datos estatísticos sobre hábitos culturais (onde continuamos na cola das CC.AA., sexa na compra de publicacións impresas, nos índices de lectura de libros ou na frecuencia na visita ás bibliotecas públicas), temos un serio problema de lectura. Máis aínda, cando os índices de lectura son hoxe indicadores parellos aos de benestar, civilidade, igualdade, competitividade e innovación empresarial. Inmersos xa de cheo na sociedade da información, a lectura xa non pode ser identificada como un hábito de lecer de minorías ou élites vencellado ao goce das obras literarias impresas. A lectura na sociedade do século XXI debe ser considerada como unha competencia imprescindible, adquirida por todos os cidadáns, que permite comprender criticamente un mundo saturado de textualidade, sexa impresa ou dixital. A lectura, concibida con esta radicalidade de ferramenta crítica, e o seu fomento –vencellado, tamén no caso noso, á potenciación dos procesos de alfabetización informacional e normalización lingüística– entre todos os sectores sociais e segmentos de idade debería transfórmase na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país. En Galicia tamén precisamos un ano para a lectura.

Publicado na revista Tempos Novos, “Obertura”, número 128, xaneiro de 2008

Etiquetas:

Feira do libro da Habana

Hoxe presentouse o programa da participación de Galicia na Feira do Libro da Habana do vindeiro mes de febreiro. Aquí pode descargarse o dossier elaborado pola Consellaría de Cultura e Deporte con toda a información sobre tan importante evento (actividades, participantes…).

Centre for the promotion of Galician Literature in Translation

A raíz da miña proposta de creación dunha Oficina do Libro Galego, como xestor da estratexia de promoción da literatura galego a nivel internacional, o amigo Jonathan Dunne (o máis importante tradutor da literatura galega ao inglés) remíteme este enlace coa páxina do Centre for the Promotion of Galician Literature in Translation (CPGLT) que creou en 2000 cando traballaba na Universade de Bradford.
O recurso é utilísimo para a promoción da nosa literatura en inglés (inclúe textos traducidos e referencias de Mendinho, Rosalía, Cunqueiro ou Manuel Rivas) ou a relación de textos da literatura galega traducidos ao inglés (até 2001). O traballo de Dunne (que actualmente está traducindo ao inglés Os libros arden mal e ten lista para a edición unha magna Antoloxía histórica da literatura galega bilingüe inglés-galego) demostra que é absolutamente viable, se houbese vontade institucional abonda, acometer un proxecto deste tipo dirixido ao marco profesional e comercial da edición internacional (editores, axentes literarios, “scouts” e profesores de estudos galegos), na que se incluísen traducións de mostra, sinopses, entrevistas con autores, información sobre axudas públicas. Non deixaremos de insistir nesta idea que cremos viable e imprescindible.

Como mostra do traballo desta iniciativa xenerosa reproducimos a tradución da cantiga de Mendinho (xa traducido a vinte e oito linguas), realizada polo propio Jonathan Dunne sobre a edición de Tavani:

At Saint Simon’s chapel I took my seat
and was caught by the waves, how tall they seem.
I was waiting for my friend! Will he come?

At the chapel before the altar-stone
I was caught by the waves, they seem to grow.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, how tall they seem,
I have no boatman to row for me.
I was waiting for my friend! Will he come?

And was caught by the waves, the sea below,
I have no boatman, nor know how to row.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman to row for me,
fair maid I shall die on the open sea.
I was waiting for my friend! Will he come?

I have no boatman, nor know how to row,
fair maid I shall die on the sea below.
I was waiting for my friend! Will he come?

Etiquetas:

Literatura e mercado

Lúcida anotación de Mario sobre o sector editorial galego, ao fío doutras polémicas que abordamos no blog e sobre as que volveremos na vindeira semana. Mario pon o dedo na chaga cando afirma:

“Obviamente é desexábel que a industria editorial non sexa un pozo sen fondo onde van caer os cartos de todos, é desexábel que se faga un investimento racional e adeacuado e que se garantice a súa independencia. Tamén é certo que a rendibilidade económica, salvo situacións anormais, pode ser un indicio da rendibilidade social. Porén, non creo que o mercado editorial galego deba xustificar a súa conversión nun instrumento comercial, ou ter que renunciar á súa identidade e función para seguir existindo.”

Recomendo vivamente a lectura de texto tan clarificador.

Oficina do Libro Galego

A exportación de textos literarios (especialmente narrativos) é unha das maiores preocupacións actuais do debate cultural galego. Para animar un debate máis sereno e construtivo ofrezo as seguintes reflexións e propostas:
–“A literatura galega é perfectamente invisible fóra de Galicia”. Concordo plenamente con esta afirmación de Xosé Luís Méndez Ferrín, a pesar de que ao longo da última década, algúns dos nosos narradores fosen traducidos a diversas linguas (especialmente Manuel Rivas, Suso de Toro e, máis recentemente, Teresa Moure). Para poder exportar textos literarios con normalidade non abonda a “estratexia de autor”, precísase unha estratexia de país para desvelar a súa literatura nacional. Desmontar os tópicos existentes fóra de Galicia sobre a nosa literatura e proporcionar información veraz e suxestiva sobre a súa excelencia deberían ser os primeiros obxectivos desa estratexia compartida por autores, editores, tradutores e administracións.
–A exportación de textos é a única vía posible para a profesionalización dun narrador ou narradora galegos. As cifras do mercado interior do libro galego (mesmo daqueles autores con vendas importantes) non abondan para permitila. Quizais aí resida boa parte da lexítima e comprensible obsesión dos autores e autoras por ser traducidos, moito máis que os discursos que se constrúen “ad hoc” para xustificala. Non vexo contradición ningunha en pertencer ao tronco dunha literatura nacional como a nosa e, ao mesmo tempo, poder ser traducido a cantas linguas sexa posible.
–Cómpre acuñar un manual de boas prácticas entre autores e editores que facilite a exportación de textos narrativos galegos, ao tempo que preserve a identidade da obra orixinal: obrigatoriedade de realizar a tradución dende o orixinal en galego, preservar título orixinal, facilitar axuda aos tradutores, confeccionar paratextos en inglés…
–Cómpre contar cunha “Oficina da Literatura Galega” ou “Oficina do Libro Galego no Exterior” (a denominación é o de menos), un organismo público (dependente da Consellaría de Cultura e Deporte), apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, ATG, AILG) como entidade que xestione toda a estratexia. Nunha primeira fase podería emularse o exitoso modelo de funcionamento do “Ireland Literature Exchange” (ILE).
–As funcións a desenvolver por esta OLG ou OLGE serían as de coordinar de forma permanente todas as actividades de promoción da literatura e do libro galego a realizar no exterior: sexa na presenza nas Feiras Internacionais do Libro (xunto aos editores); fose coas actividades desenvolvidas polos diferentes lectorados e centros de estudos galegos das universidades; sexa por medio da información electrónica e impresa enviada a editoras internacionais, axencias literarias, “sherpas” e tradutores; fose apoiando a presenza de autores e editores en eventos literarios internacionais (“Festival de Poesía de Paratí, Congresos do Pen Club…); sexa apoiando a xestión das candidaturas de autores e autoras da nosa literatura a premios internacionais (Astrid Lingren, Nóbel ou Príncipe de Asturias das Letras); fose axudando a xestionar as axudas proporcionados pola Consellaría de Cultura á tradución de textos da literatura galega a outras linguas; sexa organizando ou apoiando a realización de Encontros Literarios Internacionais en Galicia; fose promovendo as candidaturas de Galicia como cultura convidada dos eventos e feiras internacionais (Guadalaxara, Frankfurt, Líber, Saló do Libro de Barcelona), organizando aqueloutras onde xa estamos convidados (“Festival Intercéltico de Lorient 2009” ) ou acompañando coa nosa cultura literaria outras actividades de proxección internacional de Galicia (especialmente con motivo do Xacobeo 2010).
–Trátase, en definitiva, de pasar da táctica curtopracista actual (tan ben intencionada, como escasamente eficaz e onerosa) destinada ao consumo político interno, a deseñar unha estratexia (canto menos a cinco ou dez anos) que consiga acuñar internacionalmente a marca “Literatura Galega”, asociándoa aos valores da excelencia e da calidade.

A Fiscalía entra en Gaiás

Sabiamos que a posta en marcha da comisión de investigación sobre a xestión e as adxudicacións realizadas na Cidade da Cultura non era un camiño substitutorio da actuación da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza (como, seguramente, pretendía o PPdeG). Tras o informe do Consello de Contas detectando importantes irregularidades no proxecto, era lóxico que se producise esta importante noticia. O que pode dar de si a apertura desta sandía, é impredicible. Quizais esteamos diante da noticia máis importante desta lexislatura?

Cultur.gal, domingo 13

Hoxe na derradeira xornada deste primeiro Cultur.gal destacan actividades como a mesa redonda entre ilustradores e editores, a presentación do disco Polo aire de Quempallou, a proxección da longometraxe Miña sarah de Gustavo Ron e o concerto de Marful (ás 21:00 horas), que pechará a feira.
Etiquetas: Culturgal

Cultur.gal, sábado 12 (imaxes e crónicas)








  • “Presentan o primeiro vídeoxogo de acción desenvolvido en Galicia”, La Voz de Galicia.
  • “Traballos de limpar trens”, La Voz de Galicia.
  • “Cultur.gal di adeus cun amplo programada actividades”, La Voz de Galicia.
  • “Un novo escaparate para a cultura galega”, Faro de Vigo.
  • “Concerto de Marful para pechar hoxe o primeiro Cultur.gal”, Galicia hoxe.
  • “A creación é un acto solitario que nada ten que ver cunha feira”, Vieiros.
Etiquetas: Culturgal

Cultur.gal, sábado 12

Entre as actividades do sábado 12 en Cultur.gal destaca a celebración da xornada “A calidade na educación (o modelo finlandés); a presentación do videoxogo ELE (Efecto Ligado á Extinción), de Continental Producións; os concertos de Setesaias e de Concha Buika; os recitais de Antón Lopo e Eva Veiga; a mesa redonda sobre “A adaptación literaria ao cine”.

Outras actividades:
  • Emisión dos programas da Radio Galega “Extrarradio” (11:00-14:00) e “A casa do vagabundo” (14.30-15.00).
  • Presenza dos escritores: Teresa Moure, Fran Alonso, An Alfaya, Marcos Sánchez Calveiro e Carlos G. Meixide.
  • Presentación do disco “Revolution Danze” de GalegoZ.
  • Acción grafitti. Creacións en vivo de Sekone, muralista e ilustrador do colectivo Dios ke te crew.
Etiquetas. Culturgal