Dous días negros

Un celtista histórico, dos setecentos heroes que viaxaron esta semana a Razgrad en Bulgaria, escribiume unha mensaxe dende alí unha hora despois da clara derrota co Ludogorets: «Que afán de protagonismo e que desprezo do rival.». Outro celtista, socio dende hai máis de catro décadas, dos que viviron ascensos, descensos e noites europeas inesquecibles, envioume outra preguntándose se tiña sentido facer debutar alí a unha promesa ou se era o momento para aliñar ao porteiro suplente, concluíndo: «Isto é Europa, non a Copa do Rei». Críticas durísimas a Claudio Giráldez, que comparten os afeccionados no eido privado, tratando de comprender algunhas das decisións do adestrador da Louriña, referidas aos criterios utilizados nas rotacións e como condicionan a composición do once inicial e os plans de partido. O de Razgrad foi un xoves negro, onde o xogo do Celta non estivo á altura do esforzo dos heroes que o acompañaron viaxando até dezanove horas por centro Europa. Eles, coma os que seguimos o partido na tele, dubidabamos se era a máis axeitada unha liña defensiva de tres inédita, formada por dúas promesas e un lateral de participación esporádica, que semellaba un coadoiro. De nada serviron os minutos de tempo engadido, que maquillaron o resultado, nos que El-Abdellaoui marcou o seu primeiro gol como celeste dunha moi fermosa factura.

Tras o xoves negro, no que Claudio asumiu a responsabilidade da derrota, o once de gala diante do difícil Español do caurelao Manolo González, non tivo apenas sorpresas. Coa excepción das ausencias de Ilaix Moriba e de Mingueza, podería ser considerado noutro club como o equipo titular, o que evitaría as polémicas. Mágoa que esta composición máis frecuente e menos atrevida ca aposta búlgara tampouco fose capaz de ofrecer a primeira vitoria en Balaídos no que vai de campionato, acumulando xa oito xornadas sen facelo, unha marca negativa que iguala a do fachendoso Rafael Benítez, aliviada na táboa clasificatoria polos excelentes resultados como visitantes, dos mellores da Liga. Un partido no que o cadro técnico de Manolo González por terceira vez superou tacticamente ao do Celta propoñendo unha estratexia dun aparente cero a cero, resolta nos dez minutos finais cunha xogada a balón parado ben deseñada, mellor executada polo veterano Kike García e moi mal defendida polos célticos. Responsabilidade do gol atribuíble ao propio cadro técnico de Claudio, que como noutros momentos decisivos non defendeu unha pelota queda.

Mágoa que se chegase ao minuto 86 co marcador sen estrear, cando o Celta dispuxo do balón e de varias oportunidades interesantes, aínda que non preocupasen o suficiente ao gardameta visitante. Na primeira metade, o Español saíu durante vinte e catro minutos coa presión moi alta e cun xogo directo dirixido a Roberto, o seu temible dianteiro, que incomodaba aos celestes. Xaora, o traballo serio de Starfelt e de Borja Iglesias, referentes atrás e diante, foron orientando o partido e o Celta comezou a sentirse mellor. Bryan Zaragoza puido marcar no 28’, na mellor xogada do partido, nacida da biqueira de Borja, un auténtico mestre do xogo de costas, que asistiu ao extremo andaluz que conduciu e despois xutou ao pao longo, buscando ese primeiro gol como celeste que non acaba de chegar. Dende entón, o Celta apropiouse do balón e estivo máis cerca da área, mais sen ser capaz de concretar. Faltoulle gol, a súa maior doenza en Balaídos.

Tras o intervalo, Manolo moveu ficha, xa no 59´dándolle entrada a Kike García buscando así dúas puntas que abrisen espazo entre os tres centrais celestes. Claudio tardou dez minutos en darlle resposta cando deu entrada ao noruegués El-Abdellaoui buscando abrir a lata con dous extremos rápidos e profundos. Resposta que apenas modificou o panorama cando o partido semellaba que esvaraba polo pesado cerocerismo. Os de Manolo, con cambios defensivos, aparentaban aceptar a igualada. Apenas unha argucia do adestrador caurelao que no 85’ forzou dous saques de recanto case consecutivos. No segundo, unha posición forzada de El-Abdellaoui permitiu que Kike García cabecease con moita clase e Radu, case na primeira intervención do partido, perdese o balón que xa estaba dentro da portaría. Manolo levaba para Cornellá os tres puntos de matute e Kike, de paso, lembraba algunha conta pendente con Aspas. Partido igualado, no que o Celta non mereceu perder, mais tampouco tivo a superioridade suficiente para merecer os tres puntos. Algo non funciona na xestión dos momentos decisivos deste Celta bipolar, un equipo capaz de ilusionar a bancada co mellor e a seguir cun partido insípido coma o deste domingo negro. Situado na clasificación en terra de ninguén, antes de Nadal hai moita tea que ganduxar, dende poder dar a sorpresa no Bernabeu e acadar xa a clasificación á segunda ronda ca competición europea. Mais tampouco é descartable continuar co período de derrotas ligueiras en Balaídos, o que o achegaría ás posicións de descenso. Mentres, os afeccionados continuarán compartindo a súa perplexidade entre días celestes felices e negros días celtistas.

Publicado en Faro de Vigo: 1/12/25

Corenta e cinco minutos

Tras un mes extraordinario de resultados, a clara derrota diante do Barcelona de Lewandowski devolve ao Celta de Borja Iglesias a crúa realidade de coñecer cales son as súas posibilidades de xogar con aspiracións en tres competicións. Despois do memorable partido en Zagreb, unha auténtica masterclass de Iago Aspas, Claudio Giráldez e todo o cadro, na mellor tradición do fútbol coral da estirpe mostovoiana, que nos devolveu a memoria daqueloutras noites máxicas do eurocelta, o domingo ao equipo noso faltáronlle folgos na segunda metade para nivelar un partido fronte a un Barça necesitado de reducir distancias co liderado.

Aos de Claudio faltáronlle corenta e cinco minutos nun partido cunha primeira sesión trepidante, con cinco goles e alternativas continuas en ambas as dúas áreas, marcada por un penaltiño deses de chiste, unha pelota que pegou nun brazo fantasma de Marcos Alonso, que ningún culé reclamou, que só viron na sala de arbitraxe do VAR. Corenta e oito minutos nos que os celestes nunca se desengancharon do partido, a pesar de ir detrás do marcador, até que no engadido da primeira marcou con moita potra Lamine, a quen Carreira aborrecera tapándolle a entrada na área dende banda esquerda con sete chaves; unha estreliña fatua e millonaria que saíu moi apupada de Balaídos.

Primeira parte na que baixo a choiva Giráldez e Flick xogaron unha partida táctica de moitos quilates, un duelo sobre o control da liña adiantada do Barcelona. O adestrador louriñés pretendía superala, coma xa intentara a tempada pasada, coa posición adiantada de Borja Iglesias (inmenso e incansable na presión, intelixente na creación de liñas no baleiro, un mestre no xogo de costas) e cos lanzamentos de Mingueza sobre Jutglá e Pablo Durán, capaces de rompela.

O certo foi que mentres os culés obrigaban aos celestes a defender en bloque baixo, tratando de entrar polas bandas con Lamine e Rashford, os de Giráldez foron capaces de romper a liña que movían Araújo e De Jong. Tras o penalti fantasma do minuto 9, que Radu estivo apenas a unha man de pararllo ao nove polaco, pasaron dous minutos para que Carreira igualase o marcador, tras collerlle as costas aos centrais blaugranas. Xogada nacida na asistencia de Borja, o mellor dos nosos, capaz de manter unha prolongada pelexa con Araújo e Cubarsi, que tolearon coa mobilidade do nove compostelán, hoxe líder indiscutible do equipo, claro está, até que entra Aspas, con quen comparte compromiso e experiencia.

Nivelábase por vez primeira o marcador, o que obrigou a Hans Flick a modificar a dinámica. Vendo que Carreira colléralle os talentos a Lamine, para o que contou coas axudas dun incansable Pablo Durán (un xogador nun ascenso brutal), cargou as entradas sobre a outra banda, a de Rashford, onde percibiu que Mingueza e Manu Fernández facían auga con maior facilidade. Da insistencia dos visitantes de entrar  por alí naceu o segundo gol no 37, un remate cómodo de Lewandowski na área pequena tras un servizo do extremo de Manchester. Xaora, aos de Giráldez non se lles foi o leite por fóra e cinco minutos despois igualaron o marcador tras unha xogada magnífica na que Borja Iglesias dun cacheirón extraordinario marcou dende a central aproveitando unha asistencia de Jutglá, que por fin non se deixaba vencer pola ansiedade que tantas veces o traizoa.

O partido toleaba dunha a outra portería nun espectáculo vibrante. Secasí, foi no tempo engadido (moi esaxerado, 6 minutos), cando Rashford volveu a poñer o dedo na mesma ferida celeste enviando unha pelota na área pequena, que os centrais nosos non souberon identificar, tanto Starfelt como Marcos Alonso, o madrileño nunha baixa forma moi preocupante. Un balón abandonado que aproveitou arteiramente Lamine, que sería o decisivo no resultado.

Non acertou Giráldez na segunda parte, fose porque non valorou o esgotamento dos seus tres gladiadores en área allea, exhaustos polas súas carreiras como pola súa dificultade para achegar as súas tres liñas, xa que nin Sotelo nin Ilaix tiveron a súa mellor noite para darlle coherencia a pretendida remontada. Certo que o do Porriño non se dobregou e deu entrada a Zaragoza e Aspas, mais Flick tiña ben aprendida a lección de Zagreb e os anulou cunha presión sobre cada un deles.

Con todo, máis que unha cuestión de pizarra, a diferencia residía na enerxía dispoñible nas baterías, que no caso das celestes estaban esgotadas, o Celta quedara mareado coma unha maragota, á que máis non se lle pode pedir. Aínda así, nos últimos minutos, co marcador en 2-4, o Celta soñou con reducir a diferencia cando un recén incorporado Miguel Román xutou dende a segunda liña, a súa especialidade. Foi un espellismo para un partido que se perdera corenta e cinco minutos antes. Unha derrota previsible, o que non impide que doa, xa que se rompe unha ilusión estatística e a posibilidade de ocupar posicións de privilexios na táboa clasificatoria.

Publicado en Faro de Vigo 12-11-2025

Sempre Aspas

Noutra noite inesquecible de emocións desbordadas, o Celta de Iago Aspas, o mago que batía a marca de partidos xogados co Celta (534), demostrou que tamén sabe gañar diante de rivais europeos de entidade coma o Nice. Segunda vitoria consecutiva en Balaídos na competición continental que amosa tanto o excelente nivel competitivo do equipo de Giráldez (noveno de trinta e seis participantes nesta Liga Europa) como algunha das costuras deixadas á vista por Marcos Garcés, o director deportivo, á hora de confeccionar o cadro para a tempada actual; sendo a máis evidente a ausencia dun enganche creativo de talento, que substituíse a Fer López e Gabri Veiga, proporcionando a fluidez e a calidade que neste inicio de curso se están botando tanto en falta.
Responsabilidade asumida por Iago Aspas, na noite da súa emocionante homenaxe como o céltico que xogou máis partidos. Un espectáculo extraordinario, precioso, iniciado pasadas as once da noite, tras a finalización do partido e coa bancada emocionada nos seus asentos, que pola súa orixinalidade e beleza pasará a historia dos días felices do celtismo. Outra alfaia máis dese excelente traballo de comunicación do club de Marián Mouriño, baseado na creatividade, utilización punteira das tecnoloxías dixitais e orgullosa das voces do relato en lingua galega.
E se non abondase, foi tamén Aspas o mellor dos celestes diante do Nice, un equipo incómodo, moi físico que, como lle sucedera ao Celta coa Real Sociedade, xogou unha hora en inferioridade numérica, tras a dobre tarxeta amarela de Clauss, o seu capitán. Merlín de Moaña ou Príncipe das bateas que nesta noite europea e aos seus trinta e oito anos xogou ao máximo nivel os noventa e catro minutos disputados. Un Aspas que nunha forma física envexable e cunha madurez na concepción visionaria do xogo marcou apenas transcorridos dous minutos, no primeiro ataque, cun cacheirón dende vinte e cinco metros na frontal da área, potente e preciso, un xute tecnicamente sofisticado ao alcance só das estrelas.
Inicio magnífico de Iago dun partido que se presentaba prometedor para os de Giráldez, ao que os de Haise non lle perderon nunca a tensión e empataron decontado, apenas no primeiro cuarto de hora. Foi na enésima empanada da tempada dos centrais celestes, a que permitiu a Abdul Samed detectar o desmarque do seu compañeiro Cho que de excelente xute cruzado bateu a un Radu vendido. Igualábase un partido no que se mediron dous debuxos tácticos idénticos de tres centrais, catro medios e tres puntas, aínda que distintos no seu funcionamento, con máis variantes o de Claudio, que ensaiaba unha parella inédita de medio centros, Beltrán (atrás) e Miguel Román, moi por diante, cun resultado discreto.
O empate deulle azos aos xigantes franceses, moi contundentes (até o límite) nos duelos e na presión, o que dificultaba a saída ordenada que tanto lle gusta a Claudio. Tras un saque de recanto, Radu salvou unha cabezada de Abde que vimos como entraba. O Celta pasou momentos de confusión superados en canto Aspas se fixo cargo da creación de espazos e Carreira e Bryan Zaragoza, o extremo na súa mellor actuación como celeste, toleaban cos seus caneos e mudanzas de ritmo á defensa francesa. Desa dinámica naceu a expulsión de Clauss no 37’, que revirou o devir do partido.
Tras o intervalo e coa entrada de Borja Iglesias, o xogador hoxe máis diferencial do cadro, que substituíu a un Hugo Álvarez irrecoñecible e desconectado do grupo, comezou o tremendo asedio celeste que durou media hora, até que o compostelán marcou o gol que daría os tres puntos. Sen perder nunca a paciencia e a confianza, os célticos intentaron asaltar a portaría de Diouf. Entraron dende as bandas de Zaragoza e Pablo Durán, xutaron dende a frontal Román e Beltrán e desembarcaron novas ideas e pernas frescas para as bandas coa entrada de Rueda e de Mingueza. Sería o catalán quen atopou a fenda na área para que Borja rematase, o porteiro despexase con apuros e o compostelán empurrase o balón a portaría, para que o defensa francés Oppong acabase de introducilo entre as redes.
Fieis ás tradicións celtistas máis xenuínas, co resultado a favor, os minutos finais devolveron os temores á bancada que medrosa (o silencio en Balaídos é escaso e pouco frecuente) comprobaba como os franceses, que até entón deixaran a Radu como mero espectador, con cada unha das conducións polas bandas e catro saques de recanto seguidos, nos que subiu a rematar o porteiro, creaban o pánico entre os celestes que non daban avío e ameazaban derreterse como os xeados nunha tarde de verán. Por ventura, a pesar da incomprensible distracción xeneralizada dos nosos, os visitantes amosaron nula eficacia na finalización, todo un alivio.
Co derradeiro asubío do colexiado neerlandés, abriuse a merecida e emocionante homenaxe ao capitán celeste. Axiña o voo dos drones, o relato épico da súa traxectoria deportiva e as súas palabras agradecidas racharon coa pana e fixeron esquecer os minutos vividos do celtismo do padecer.

Publicado en Faro de Vigo: 25/10/2025

Emparrumado

O Celta de Giráldez continúa emparrumado, adxectivo propio da fala viguesa que cualifica ao ceo cando está escuro, cincento ou con néboa. Calquera dos tres estados acáelle a este Celta que transcorridas nove xornadas, case un cuarto do campionato de liga, foi incapaz de gañar un partido tanto en Balaídos como lonxe do seu estadio. Vitorias que mudou por dúas derrotas (co Xetafe e Elche) e sete empates), tantos coma puntos, números que o fan o equipo máis empatador, mais tamén o único da liga que non gañou partido ningún. Un balance contraditorio, xa que amosa un cadro ao que resulta moi difícil gañar, o que expresaría unha capacidade táctica importante, unha resistencia e unha solidariedade envexables, como unha portaría, responsabilidade o internacional romanés Radu, un dos porteiros con mellores cifras no que vai de campionato. Porén, tantas igualadas a un idéntico resultado (1-1), amosan unha preocupante febleza atacante, motivada por unha insuficiente capacidade goleadora, por debaixo dun tanto por partido (8 en 9 encontros). Números que expresan a situación confusa do Celta, un balance a todas luces negativo, máis aínda se consultamos a táboa clasificatoria, na décimo sétima posición, o que comeza a imitarse moito o que sucedía nas tempadas anteriores, sendo presidente Carlos Mouriño, cando nos salvabamos na derradeira xornada cun sufrimento horrible.

Tempos de precariedade que, tras a sétima posición da gran tempada anterior, que nos permite na actual de gozar en Balaídos, canto menos, de catro partidos europeos, pensabamos estaban superados, que contabamos cun grande adestrador da casa que botando man das promesas da canteira permitiría dar un salto de calidade no terreo de xogo e maior tranquilidade na clasificación. Secasí, por desgraza, o mal arrinque da liga, mesmo nunha pretempada con dificultades para gañar e marcar esixe reaccionar e abandonar os discursos autocompracentes recentes das tres instancias deportivas do club, dende a presidenta e dirección deportiva até o propio adestrador, que nas súas comparecencias continúa instalado no seu discurso riquiño de que cómpre ser paciente, que o equipo está formándose e que os goles e as vitorias chegarán polo seu propio peso. Paciencia que lle sobra ao celtismo como capacidade de sufrimento, unha das hélices do seu ADN, mais ao paso de sapoconcho do Celta na clasificación actual da liga, Mouriño, Garcés e Giráldez poden ter moi serios problemas.

E como mostra deste Celta emparrumado e gris, abonda o botón do partido da tarde de onte coa Real Sociedade, no que os de Giráldez sufriron outro dos seus temibles “microictus”, un derrame deportivo que dura apenas uns segundos, mais que pode deixar danos importantes no desenvolvemento e resultado do partido. Neste caso o máis grave foi o que sufriu Starfelt, o capitán naquel momento, que tendo xa un cartón amarelo, no 45 de xogo, cando un compañeiro despexara un saque de recanto, empurrou por detrás a un atacante rival. Un derrame de xenio nórdico, que lle custou, naturalmente, a expulsión deixando aos nosos cun xogador menos durante toda a segunda parte. Este comportamento propio dun parvaxola, inadmisible nun profesional experimentado, integrante do que a presidenta Marián Mouriño identifica co “club dos 6” (os que máis cobran), condicionou o desenvolvemento da segunda parte e o resultado final. Até entón, os txuri urdin intentaron coa súa presión moi alta dificultar a saída do Celta até controlar a posesión e contar con ocasións claras de gol, erradas a maioría, outras evitadas por Radu, con diferencia, o mellor dos celestes. Sen a pelota, o Celta estaba moi incómodo, o que levou a Giráldez a estirar o xogo polas bandas. Chegou así o gol celeste no minuto 20 nunha xogada preciosa de pizarra, na que Borja Iglesias aproveitou no medio do terreo un saque de porta, que retrasou co taco sobre Jutglá, o catalán filtrou a pelota pola banda dereita, na que Mingueza superou por velocidade a Aihen e a conduciu coa súa luva de seda até enviala sobre Pablo Durán que chegados a area rematou con precisión superando a Remiro.

Tras o intermedio, O Celta en inferioridade numérica resistiu de forma heroica durante corenta e catro minutos o asedio continuo dos visitantes, que puideron empatar en numerosas ocasións, o que evitou un extraordinario Radu, amosando unha axilidade e capacidade de resposta propia dun porteiro de balonmán. Giráldez, sempre afouto, cos trocos non se limitou a reordenar a defensa en bloque baixo, confiou tamén nos vinte minutos finais na velocidade de El-Abdellaoui para contraatacar. O magrebí, uns poucos minutos despois de entrar na lameira, tivo un man a man con Remiro que resolveu cun xute lixeiramente desviado do pao esquerdo. Aí estragou un gol feito, ese segundo tanto que tería liquidado o partido coa primeira vitoria dos celestes. A Real teimou no seu asedio até que no 89, Guedes inventou un centro na proximidade da área pequena onde apareceu Soler que de cabeza superou a Radu. O sétimo empate celeste, co que a bancada quedou aliviada e un chisco decepcionada.

Publicado en Faro de Vigo: 20/10/2025

533 de Manolo e Aspas

Vigo, Balaídos. Celta vs Atlético de Madrid

Ao remate do empate co Atlético de Madrid, a familia Mouriño expresou o recoñecemento do celtismo ás maiores lendas da súa canteira: Manolo e Iago Aspas, cando o de Moaña remataba o seu encontro 533 como céltico, igualando a cifra acadada polo «gran capitán» celeste da década de 1970. Si, Manuel Rodríguez Alfonso «Manolo», o central que formou parella con Costas, membro da selección subcampioa europea sub-23 de 1969, o xogador que até agora máis veces vestira a camiseta celeste, desde que como promesa se incorporou aos 15 anos ao xuvenil, pasando logo polos cadros de 1ª e 2ª durante dezaseis tempadas consecutivas, dende a do seu debut, a 1966-1967, até derradeira, a 1981-1982, na que colgou as botas e recibiu unha homenaxe en Balaídos nun partido entre o Celta e a selección de Polonia, que preparaba a súa participación no Mundial 82, no que xogaría en Vigo contra Italia.

533 partidos de Manolo, cifra que en apenas dúas semanas superará Iago, o xogador máis importante na historia do Celta centenario. Serendipia que me lembrou a polémica que o central de Cangas mantivo con Cruiff a raíz da tremenda patada no xeonllo dereito que o holandés lle propinou o 27 de xaneiro de 1974. Manolo saíu en padiola do Camp Nou, mentres Johan nin sequera foi amoestado. O galego sería intervido en varias ocasións, o que lle impediu, no seu mellor momento, ser traspasado ao Real Madrid e seleccionado por Kubala. Non esquezo a decisión do gran capitán que, tres anos despois da grave lesión que tronzou a súa carreira, renunciou a capitanía na visita do Celta a Barcelona para evitar darlle a man a Cruiff, capitán culé. Decisión criticada pola prensa deportiva, que obrigou a Manolo a restarlle importancia ao asunto e darlle a man ao holandés no Barça-Celta do 24 de abril de 1977.

Páxina de pura afouteza celtista de Manolo, que na noite do domingo recuperou Iago, a quen tamén lle acae coma anel o sintagma de «gran capitán». Contando apenas con media hora de xogo, Aspas reactivou a un Celta incapaz de dobregar até entón a un Atlético de Madrid en inferioridade, tras a expulsión de Lenglet no minuto 40. Outra intervención estelar de quen entrando en xogo no 60 conseguiu nuns poucos minutos contaxiar aos seus colegas das doses de compromiso, creatividade e confianza precisas para acadar a igualada. E así con semellante reactivación chegou no minuto 68 o gol do astro de Moaña, un remate de afouteza destilada, apenas empurrando un balón rexeitado por Oblak, que in extremis fora rematado por Borja Iglesias, o mellor dos celestes, tras unha magnífica asistencia de Mingueza, que se transforma coma unha bomba de creatividade e sutileza na creación de espazos cando se pode asociar con Iago e co Panda compostelán. Presenza de Aspas no campo que ofrece a creatividade e a experiencia necesarias para competir con garantías e que traspasados Fer López e Gabri Veiga, prescindíndose no seu día de Denís Suárez, non cubre ningún outro xogador. Carencia grave que asusta de cara ao futuro, por moito fútbol que lle quede ao de Moaña na biqueira, á que o propio Claudio Giráldez se referiu con retranca, días antes de pechado o mercado de verán, como «a guinda do pastel». Unha guinda de talento capaz de desenredar unha entupida rede de dúas liñas de defensores dispostas por Simeoni no campo propio para resistir en bloque e no caso dunha recuperación botar a correr e collerlle as costas aos inocentes célticos. Así sucedeu apenas comezado o partido, no minuto 7 coa carreira de Barrios orixe do gol en propia meta de Starfelt. Estratexia visitante antipática e intimidatoria á que o adestrador arxentino engadiu sen escrúpulos a súas simeonadas, onde se abandona calquera versión do manual do «fair play» ou boas maneiras deportivas, para perder tempo, confundir ao rival e anoxar a afección local.

Certo é que Claudio, despois do partido europeo co PAOK, introduciu poucas novidades. Primeira: a de Damián e Beltrán como parella de mediocentros. Mágoa que utilizasen un ritmo gris na posesión, fosen incapaces de dobregar a Koke e Barrios e superar algunha das liñas visitantes, entendo que pola dificultade do segundo capitán celeste de atopar o seu punto físico e anímico óptimo. Segunda: a de Borja e Jutglá como dupla de puntas atacantes, que estiveron mellor na súa batalla a cara de can cos centrais de Simeoni ca na definición entre os tres paos. Mágoa da cabezada de Borja no minuto 3, que vimos dentro, ou dun remate do compostelán dun balón centrado polo dianteiro catalán, comprometido no colectivo, mais ao que só lle falta superar o malfado que lle nega o gol coa camisola celeste.

En todo caso, a pesar deste empate que sabe a pouco e á clasificación próxima ao descenso, o Celta deste mes de outubro comeza a ser recoñecible ao da tempada pasada. O novo parón de seleccións é unha boa oportunidade para coller pulo e afinar pezas. Beizóns a Borja Iglesias convocado por De La Fuente.

Publicado en Faro de Vigo: 08/10/2025

Noite redonda

Foi a do xoves unha noite redonda na que Balaídos celebrou que «Galiza volvía a Europa», desde aqueloutra inesquecible de afouteza celtiña do 4 de maio de 2017 co Manchester United, na que sempre lembraremos como o gran Sergio Álvarez sostivo sen pedir papas ao equipo de Eduardo Berizzo dos continuos envites dos diaños vermellos que, finalmente, levarían o encontro grazas a un gol de Rashford, tras un memorable saque de falta dende a frontal. Tras oito anos daquela histórica semifinal de Europa League, na que no encontro de volta en Old Trafford nos faltou apenas unha biqueira de Beauvue para prendernos por fin no corno da lúa, o Celta de Giráldez non decepcionou e ofreceu outra das súas noites máxicas europeas, certo que máis sobria que aqueloutras memorables co Liverpool (3-1) do 98, co Benfica (7-0) e Juventus (4-0) do 99 de Europa League, co Ajax (3-2) e co Arsenal (2-3) da inesquecible despedida da Champions League de 2003-2004, tamén a do noso último descenso a Segunda, o que nunca esquece o celtismo máis memorioso, temeroso dos perigosos entusiasmos europeos cando temos no vestiario fabas contadas.

E se non abondase, tras un pésimo e decepcionante inicio de liga ordinaria, o Celta de Claudio necesitaba o partido co accesible PAOK de Salónica para resucitar e ofrecer unha primeira e contundente vitoria do curso. Competición europea que o celtismo asume como unha posibilidade de gozar de cada un dos oito partidos, sen renunciar a soñar, se veñen ben dadas, cunha participación na final do 20 de maio en Estambul. E a do xoves foi unha desas noites felices de fútbol do aqueladiño Balaídos, que acolleu con respecto á ruidosa afección visitante, que nunca desistiu de apoiar aos seus, tanto cando foron por diante coma cando os celestes lles comeron a figura. Noite na que un celtismo responsable –cada vez máis anovado xeracionalmente, convocado polas voces telúricas das Fillas de Cassandra e de Mondra, o bailador que fusiona a tradición coa ollada deitada no porvir– berrou contra o noxento xenocidio israelita en Palestina e celebrou a vitoria co seu mellor repertorio musical: un miudiño e unha rianxeira (certo que un pouco precipitados), adozados por unha espectacular interpretación coral da Oliveira, que deixou abraiados aos macedonios visitantes coa solemnidade adquirida polo himno de Pucho Tangana.

Como anunciaba o cartel conmemorativo, unha tradición gráfica recuperada pola UEFA para cada partido da competición, no Campo do Fragoso enfrontouse o fútbol atlántico do Celta, representado pola porta granítica de Silverio Rivas, co mediterráneo do PAOK, representado pola Torre Branca, a icona máis recoñecible de Tesalónica, onde se aloxa o museo desta cidade, a segunda de Grecia, a principal da Macedonia grega, polo tanto balcánica. Enfrontamento que os adestradores deseñaron de forma moi distinta: mentres o visitante Razvan Lucescu pretendeu dormir o xogo, suxeitando ao Celta co balón no medio campo, Claudio buscou a velocidade para adquirir a verticalidade que lle faltou nos partidos de liga, asumindo un compromiso inequívoco co gol que servise de punto de inflexión, tanto na competición europea, tras a moi pobre imaxe ofrecida en Sttutgart, coma na liga, onde (como sucedera hai dous anos con Benítez) coquetea coas posicións de descenso. Pizarra táctica que o visitante controlou na primeira parte, onde se puxo por diante tras un erro de entendemento entre Manu Fernández e Javi Rueda, o coñecido tiro ao pé da defensa celeste. Tanto que non variou o plan de partido de Giráldez, que sacou un once de gala con case todas as súas figuras, dirixidas por Aspas como enganche, que batallou até o derradeiro salaio e marcou o gol do empate, unha cabezada perfecta na área pequena, asistida por Mingueza, que no primeiro engadido modificou o devir do partido e agardamos da tempada.

Na segunda parte, os visitantes pisaron cebolas diante dun xogo recoñecible xerado pola máquina xiraldina dirixida polo metrónomo de Damián, que volveu centradísimo, coa intención de quedar no once, sostida pola enerxía econtinuidade de Ilaix Moriba e Starfelt e modulada pola verticalidade de Javi Rueda e Williot. Así chegaron os goles de Borja Iglesias (seis en seis partidos consecutivos, unha marca que o coloca coma o mellor dos goleadores seleccionables por De la Fuente) e de Williot, o dianteiro celeste que ataca mellor o espazo, que destrozaron a defensa balcánica. Os celestes puideron ampliar o marcador, pero diante do partido do domingo co Atlético, a prudencia do adestrador da Louriña aconsellou conservar no mellor estado posible todas as súas pezas. Coa entrada de Jutglá e Bryan Zaragoza, o partido volveu animarse cunhas cantas xogadas bonitas de case gol, mentres o celtismo, tan realista coma soñador, celebraba esta primeira vitoria e enxergaba o futuro con maior confianza.

Publicado en Faro de Vigo: 04/10/25

Un Celta empoutado

Tras cinco partidos de liga nos que non coñeceu a vitoria, tras catro empates e unha derrota, o Celta liderado por Claudio Giráldez no banco e por Iago Aspas no vestiario e no terreo de xogo comeza estar abucharado, un adxectivo diferencial vigués dos recuperados por Xosé-Henrique Costas, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, utilizado para expresar que unha persoa ou colectivo recuou na súa traxectoria. Secasí, tras contar con catro puntos de quince posibles (apenas o 26 %, porcentaxe nove puntos por baixo do ritmo preciso para obter os 40 puntos necesarios para manter a categoría). Emporiso, o Celta por vez primeira con Giráldez instálase en números de descenso, unha crise de resultados, iniciada xa nos amigables de xullo, caracterizada pola facilidade de encaixar na portaría propia (na liga actual, seis tantos, a unha media de 1,20 por partido) e a dificultade de marcar na contraria (0,80 goles por match).

Empregando outra vez palabras viguesas que todos entendemos: aos celestes cústalles un molote meter un gol, mais dan moitas facilidades para recibilos. Unha crise de gol, que se puxo en evidencia nos dous últimos partidos, tanto no do Betis da xornada adiantada, como no de onte co Girona, onde o resultado, dous empates conseguidos in extremis no derradeiro tempo engadido, non se correspondeu coa calidade da circulación da bóla do Celta (un dos seus puntos fortes), nin coa súa posesión esmagadora (onte case o 60 %) nin moito menos co número de xutes entre os tres paos (16 diante do Girona por 10 dos visitantes). Ou noutras palabras, xogamos mellor que competimos, fabricamos moitas xogadas de gol (algunhas moi xeitosas para divertir á bancada), mais custa transformalas en activos, sexan goles e puntos. Unha situación agravada pola incapacidade, tras catro partidos, de gañar en Balaídos, noutrora o fortín celeste, que loce máis fermoso ca nunca. Xaora, nada que o celtismo descoñeza nos característicos altibaixos do Celta nestas catorce tempadas consecutivas en Primeira nin que poida ser reprochado a este adestrador que aposta con todas as consecuencias por un proxecto de canteira.

Con menos novidades que en encontros anteriores, sete canteiráns no once de gala, o Celta respectou con fidelidade o plan de partido do míster da Louriña, coa excepción de apenas vinte minutos da primeira parte, tras o gol precioso do ucraíno Vanat que cruzou en carreira un balón filtrado de Iván Martín, aos 11 minutos. Os de Michel marcaban na súa primeira chegada, tras resistir con dificultades e un pouco de sorte a saída en tromba dos celestes. E abofé que o Celta parecía estar empoutado, que é como en palabras viguesas nos referimos a que ten mala sorteo ou a quen lle ocorren desgrazas por causa do mal de ollo. Que llo pregunten a Iago Aspas que puido marcar aos dos minutos, a Pablo Durán despois e sobre todo a Jutglá, que ao longo do partido lle contamos até seis remates merecedores de gol, que se atoparon cunha actuación estelar de Gazzaniga, o porteiro, o mellor dos visitantes. Certo que o gol encaixado abouchou aos de Giráldez, que perderon a intensidade da presión no campo contrario e a orde que proporcionaba o tiraliñas de Sotelo e a creatividade de Iago coma enganche. Coma tamén o gol mellorou aos de Michel, que dirixidos polo marroquí Ounahi puideron liquidar o partido cun segundo tanto.

Mais este Celta de Claudio non se dá por vencido con facilidade. Tras os cambios do minuto 60, que agardabamos xa se producisen tras a continuación, con Bryan Zaragoza e Borja Iglesias no campo, o Celta procurou o empate teimosamente, o que se intensificou coa entrada de Starfelt e Hugo Álvarez, que substituíu a Aspas, que fixera un traballo fisicamente tan comprometido a mesma altura de calquera outro canteirán. Claudio insistiu en buscar a Borja e forzar saques de recanto para atacar un bloque baixo moi compacto dos xironeses. No 85’ o compostelán quedou a centímetros de chegar a un centro raso e no engadido foi nun saque de recanto cando Blind trabou a perna de Rueda que entrara poucos minutos antes. Borja cunha seguridade de figura e de líder transformou o penalti cando o partido esmorecía. Un gol que deixaba un empate, que aliviou a bancada, mais que resulta insuficiente para as expectativas creadas polo proxecto do adestrador. Para fuxir do actual empoutamento diante do gol, unha doenza estraña que padece todo o equipo, e sobre todo afecta a Jutglá, Moriba, Williot, Sotelo ou o propio Aspas, o Celta precisa dunha vitoria rotunda que faga fuxir calquera tentación de males de ollo ou de inesperadas treboadas arbitrais. Intentalo en Vallecas, decote un campo adverso para os celestes, é necesario para saír de alí coma un foguete para Sttugart, recuperar o optimismo e toda a confianza no proxecto de canteira e xogo combinado de Claudio.

Publicado en Faro de Vigo: 15-09-2025

Colectivo

A finais da escola primaria descubrimos o paradoxo de que hai unhas poucas palabras que poden ser tanto un adxectivo como un substantivo. Este é o caso da palabra “colectivo”, que cando funciona como adxectivo fai referencia á pertenza a unha colectividade, sendo “individual” ou “particular” o seu antónimo; mentres, o substantivo define o que é un conxunto cohesionado de persoas agrupadas para desenvolver unha actividade en común. Ao Celta de Claudio Giráldez, despois de máis de cincuenta partidos de liga, cádralle mallada a palabra “colectivo”, sexa nome sexa adxectivo. Na tarde de onte en Balaídos, dende o inicio ao remate dos 97 minutos de partido, o Celta comeulle as papas a un Vilarreal, que chegaba líder e ateigado de figuriñas carísimas. Como é adoito, os de Claudio foron un colectivo de 23 futbolistas, entre os 16 que saíron á moqueta e o resto que sufriron o partido no banco, comprometidos a partir un piñón co seu adestrador. Un colectivo, no que participasen uns u outros dos seus compoñentes, desenvolveu un xogo colectivo e combinado capaz de confundir aos de Marcelino Toral, sobre todo nunha primeira parte memorable para o celtismo, na que aos celestes só lles faltou o gol.

Inesquecible foi para os que levamos acudindo décadas á catedral laica do Fragoso, o momento no que coñecemos o once inicial do adestrador soqueiro, que coa excepción do gardameta romanés Radu e do dianteiro Bryan Zaragoza, aliñaba nove futbolistas que pasaran pola Madroa, un fito para a historia centenaria do club. Cantidade que durante uns poucos minutos da segunda parte, tras a primeira quenda de trocos, subiu a dez. Algo que nos parecía incrible hai só dous anos, cando Rafael Benítez desprezaba as promesas da canteira galega. Unha completa volta de peúgo que, ademais de contribuír á economía do club con traspasos millonarios, como foi o de Fer López, recuperou o estilo de xogo colectivo do Celta de hai vinte e cinco anos, aquel conxunto de Víctor Fernández que sería o primeiro club galego en gañar unha final dunha competición oficial europea, a Copa Intertoto da UEFA. Mérito da afouteza e autoestima de Claudio Giráldez que introduciu sete trocos, respecto ao partido do Betis, deseñando unha defensa de tres membros totalmente galega, con Carlos Domínguez, Javi Rodríguez e Manu Fernández; confiando a dirección do equipo a Hugo Sotelo (outro partido extraordinario, o mellor dos celestes no que vai de tempada) e a Miguel Román (excelente no seu debut); como da canteira celeste eran os carrileiros, Carreira e Rueda, e os dianteiros que participaron, Durán, Aspas, Hugo Álvarez e Borja Iglesias.

Con semellantes vimbios, saíu o Celta moito máis intenso ca nos encontros pasados, cun xogo ordenado e con vontade de ser vertical. Aos cinco minutos, Aspas, que ocupaba a posición de enganche, desmarcouse e a piques estivo de marcar unha asistencia de Durán. Durante toda a primeira parte, os de Giráldez presionaron e roubaron na saída do balón dos castellonencos, máis non souberon aproveitalo para superar a Luiz Junior. Foi Bryan Zaragoza quen estivo máis cerca de facelo, no 36’, nun xute ao pao longo que despexou o excelente meta brasileiro. Como poucos minutos despois, o Celta nun saque de recanto de pizarra, moi raso sobre a área pequena, puido marcar, como cando finalizaba a primeira parte, Aspas non conseguiu aproveitar outro pase filtrado ao espazo por un Sotelo cada vez máis brillante.

Mágoa que tanto xogo e posesión celeste non se concretasen no marcador. Sen embargo, o conseguiron os visitantes no 53’, grazas a unha fermosa combinación na frontal de Etta Eyong que de taco deixou só ao seu compañeiro Pépé, para que marcase con facilidade. Co marcador adverso, os de Giráldez nin apoucharon nin perderon a paciencia nas axudas defensivas, cando os amarelos foron máis temibles. Secasí a entrada de Borja Iglesias e Moriba, coas que Claudio pretendía recuperar verticalidade, levaron aos groguets a acumular dúas liñas, moi difíciles de rebentar. Xaora, os célticos nunca perderon a confianza en facelo. No 89’ estiveron a piques de conseguilo: un pase filtrado de Mingueza sobre Borja, que deixou con intelixencia sobre Moriba, que xutou de xeito que o balón raspelase a base do pao. O partido parecía entón perdido. Mais o colectivo celeste insistiu no tempo engadido. Un gran pase en diagonal de Manu Fernández sobre Javi Rueda permitiu que o malagueño cabecease sobre a área pequena, onde apareceu Borja que de forma maxistral superou de cabeza, por fin, ao meta de Luiz Junior. Un fermoso gol de fabricación colectiva, que fixaba un merecidísimo empate nunha tarde de fútbol marabilloso. Certo é que a puntuación do Celta neste arrinque de agosto non é completamente satisfactoria (apenas 3 puntos de 12 posibles) nin tampouco a produción de gol, porén o xogo colectivo exhibido nestes tres empates aventura que os de Claudio competirán coma fixeron na liga pasada.

Publicado en Faro de Vigo: 01/09/2025

Canicosta

O Celta continúa subindo a súa particular canicosta de inicio da tempada europea, esa corredoura con pendente esixente que aínda rematará o vindeiro domingo diante do poderoso Vilarreal, o líder actual. No serán do mércores diante do Betis de Pellegrini, rival na Europa League, nunha gran segunda parte amosou o seu mellor xogo. Porén, se ollamos a táboa clasificatoria, onde os celestes figuran con apenas dous puntos de nove, a situación é enganosa, xa que polo xogado co Mallorca e Betis, perfectamente poderían ser catro ou seis. Triunfos que se lle escaparon fose por un erro defensivo illado, un exceso de confianza, como o de Son Moix, cando o partido remataba, ou fose por erros na finalización, como os que se puxeron en evidencia diante dos béticos, xusto cando o equipo despregaba o xogo combinado máis logrado do que vai de competición. Dous empates que, superado o fracaso inicial diante da xetafina de Bordalás, fixeron recoñecible aquel equipo co que Giráldez rematou a pasada campaña. Precedente que debería abondar, sen xuntar allos con maraballos, superada esta difícil canicosta inicial, para evitar ansiedades e desconfianzas futuras.

Non hai dúbida, polo visto diante do Betis, que o cadro celeste está a partir un piñón co adestrador soqueiro, probablemente polo feito de que conta con todos na confección dos seus onces de gala, como polo feito de que con Giráldez ninguén pode vivir de moca. E se alguén o dubida que llo digan a un ferrote tan veterano como Marcos Alonso, que quedou durante a primeira parte do mércores no banco, tras a súa sobrada de Mallorca, o que obrigou, lesionado Starfelt, a montar unha primeira liña con dous canteiráns, Yoel Lago e Javi Rodríguez, e un lateral habilitado como Ristic. Unha arriscadísima defensa de tres, que funcionou durante toda a primeira parte, até que no 45’ Bartra cabezou as redes un saque de recanto, certo que facilitado pola caída de Javi, ao que lle fixeron falta. Infortunado gol visitante, que non pexa a boa actuación dos centrais celestes, aínda que si poida volver a provocar dúbidas sobre o papel de Radu, que non amosou o dominio da área pequena no balón parado, da que o secretario técnico celeste falou cando foi presentado o porteiro romanés.

Diante do marcador adverso e xogando por fin cara a Marcador, un factor emocional a ter moi en conta, Claudio reaccionou decontado, modificando o seu debuxo e a actitude do conxunto. A entrada de Javi Rueda, até agora a mellor novidade da tempada, revolucionou o xogo celeste, levando a Hugo Álvarez a xogar adiantado entre liñas, o que rompeu o cadeado que dende o inicio dispuxera o enxeñeiro chileno. Mudanza táctica giraldina que decontado deu froito nunha chegada velocísima do carrileiro malacitano até a liña de fondo, provocando un saque de recanto. Aí naceu o solitario golazo celeste: un cacheirón dende a frontal que enganchou Hugo Álvarez co pé esquerdo, sen deixar caer o balón, aproveitando un rexeitamento do gardameta bético. Debuxo claudino que aínda funcionou máis satisfactoriamente nos vinte derradeiros minutos, xa coa presenza de Aspas, capaz de mellorar o xogo dos seus compañeiros, que baixo a dirección dun inmenso Hugo Sotelo, chamado a ser a revelación celeste, acurralou ao equipo visitante que pedía a hora. Mágoa que con semellante superioridade coral nin Jutglá nin Bryan Zaragoza fosen capaces de marcar, cando dispuxeron de ocasións moi claras para facelo. Desta volta, o equipo de Giráldez quedou na praia, apenas a uns metros do seu obxectivo.

Esta magnífica segunda parte dos célticos abriu na afección varias liñas de debate. A primeira: no Celta actual manda o colectivo sobre o individual. Claudio constrúe as súas aliñacións sobre unha aliaxe de tres compoñentes: promesas que non se abouchan en momento ningún (coma o heroico Yoel Lago, Javi Rodríguez, Abdellaoui ou Manu Fernández), xogadores de experiencia (Borja, Marcos, Iago, Mingueza, Starfelt, Moriba, Ristic) e canteiráns veteranos (os Hugos, Damián, Durán, Domínguez, Carreira, Rueda…). A segunda: a canicosta actual amosou que o cadro ten un serio problema de gol. Os dianteiros aínda non marcaron. Quen vai contribuír a chegar aos 59 tantos da pasada liga? A terceira: co traspaso de Fer López, Aspas quedou sen relevo, o que fai preciso contar cun xogador entre liñas con chegada, gol e liderado. Será Denís Suárez? Poderíase soñar coa volta de Brais Méndez? A cuarta: hai unha serie de xogadores de calidade e fantasía que continúan en pretempada, alleos ao compromiso requirido para subir esta canicosta: Williot, Zaragoza, Mingueza e mesmo Beltrán (caso de non ser traspasado in extremis) poden marcar a diferenza e contribuír a mellorar os resultados do equipo. E cinco: a polémica da portaría continúa aberta, probablemente, até o mercado de inverno. E o domingo o Vilarreal, outro óso moi difícil de roer.

Publicado en Faro de Vigo: 29/08/25

Bordalás receita xetafina

Foi unha mágoa que esta pretempada non se recuperase o Torneo cidade de Vigo, unha competición amigábel que se celebraba en Balaídos no mes de agosto, entre 1971 e 2012 e servía para rematar o período de preparación, ademais de presentar as fichaxes, as promesas da canteira incorporadas ao primeiro equipo e aquelar o once inicial do primeiro partido de competición oficial. Probablemente polo adianto do inicio da liga, que axusta tanto as datas dispoñibles, mais tamén pola estratexia deportiva e comercial de internacionalización do club, que pretende contar con maior presencia no mundo, o que se intensificará en canto coñeza os rivais da próxima liguiña europea, impediron a celebración deste derradeiro amigábel en Balaídos, que con certeza tería evitado a bochornosa derrota de onte. Un Celta de Giráldez recoñecible no once inicial pero confundido na lameira e sen os deberes feitos, desigual e descontinuo no xogo, fisicamente moi por baixo dos seus rivais, incapaz de competir cun visitante tan incómodo como ben coñecido polos celestes, o Xetafe de José Bordalás. A primeira desilusión para o celtismo, que con esta clara primeira derrota, derrama a imaxe de Balaídos como fortín, sobre o que se construíu a clasificación europea. E poderá ser así a tempada, outra de máis padeceres ca ledicias?

Derrota sen paliativos que constitúe unha lección de humildade para o adestrador e para o cadro de xogadores que deben afrontar unha tempada de tres competicións, o que constitúe tanto un aliciente como un perigo, para o que se precisa a orde, a paciencia e a versatilidade táctica que faltou onte no coliseo do Fragoso. E o que me pareceu o peor do caso é que Bordalás preparou o desquite da pasada liga, na que Giráldez lle gañou os dous partidos, empregando a súa habitual xetafina, certo que onte en doses moi elevadas, un programa ao límite do fair play consistente en tratar de reducir o máis posible o tempo efectivo de xogo con todo tipo de argucias e maximizar o esforzo e a intensidade no que queda por disputar. Nada novo que non vísemos en visitas anteriores: constantes caídas con entrada das asistencias, simulacións (algunhas cómicas) de lesións, demoras nos saques de portaría ou de faltas, provocacións constantes nas áreas pequenas e outras renartarías que van minando aos rivais até facelos louquear, como onte lles pasou aos defensores celestes, ao tempo que exasperan ao público rival, como tamén aconteceu onte en Balaídos onde a bancada nalgúns momentos da escena non sabía se rir ou chorar de indignación.

Porén, equivocariámonos se atribuísemos a derrota celeste só ao exceso de xetafina de Bordolás ou mesmo a unha actuación estelar de  Christantus Uche, hai dúas tempadas medio centro do Ceuta de 1º REF, reconvertido por Bordalás en dianteiro, capaz de tolear aos centrais canteiráns, Xoel Lago e Javi Rodríguez, que viviron con el un auténtico pesadelo, facilitando os dous goles decisivos do nixeriano. Méritos do equipo de Bordalás facilitados por unha actuación dos celestes como colectivo, inferior a súa proposta de xogo, como da dirección técnica de Giráldez que, sobre todo, tras o segundo gol de Uche, cando faltaban vinte minutos, non soubo comunicar a orde e a paciencia que requiría unha situación tan delicada do marcador. Apenas a entrada de Borja Iglesias, aclamado polo celtismo, endereitou lixeiramente a nave onde cadaquén intentaba a súa xenialidade mentres os visitantes protagonizaban a grotesca xetafina, derramando o tempo no marcador. Unha situación que apenas mellorara coa entrada (tardía, probablemente) de Bryan Zaragoza, que non tiña onte a coitela tan afiada como se prometía, nin coa de El-Abdellaoui, que intentou sen éxito a mesma xogada de entrada veloz pola banda en media ducia de ocasións. Unha desorde táctica que nin sequera o metrónomo de Hugo Sotelo foi capaz de remediar, a pesar de darlle unha velocidade máis ao xogo combinado a partir dos tres cuartos do campo visitante.

Derrota que non é crítica nin abre desconfianza ningunha sobre as posibilidades nesta competición, mais que esixe da autocrítica no vestiario, tanto por parte do equipo técnico como do cadro de xogadores. Amiguiños: xa non estamos de pretempada, o de onte non foi outro amigábel como aqueles torneos de verán que se celebraban despois de San Roque! Foi a primeira derrota en liga, dous goles en contra, tres puntos perdidos, tan valiosos coma calquera outros, diante dun rival directo, o incómodo Xetafe de Bordalás, coa excepción de Uche, con media ducia de xogadores veteranos que traian mellor feitos os deberes do verán cos nosos. Tempo haberá este mesmo mes de remediar en Balaídos este tropezón diante de Vilarreal e Betis.

Publicado en Faro de Vigo: 18//08/2025