Andreia C. Faría anuncia a posta en marcha de bibliocafés nalgunhas cámaras minhotas, como xeito de promoción da lectura entre os máis novos. Outra experiencia orixinal que podería ser estudada entre nós.
Semella que desta volta vai adiante a posta en marcha dun programa serio de bibliotecas escolares. O plano marco que promove a Consellaría de Educación tivo unha boa acollida, xa que son setecentos os centros que solicitaron participar. Onte participei, en representación da AGE, na primeira reunión do grupo de traballo, promovido pola propia Consellaría, que pretende elaborar unha guía para a selección de fondos para as bibliotecas de infantil e primaria. Unha tarefa complexa que nos debería levar tanto a determinación de criterios do funcionamento das bibliotecas, como a escolla dos fondos, sexan eses títulos “imprescindibles” (os que non deberían faltar en ningún centro), fosen as novidades dos últimos anos, sexan materiais impresos como dixitais. Como sinala o manifesto de AGABEL, a biblioteca escolar debería configurarse como un centro de recursos multimedia que pon ao servizo de toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e pais e nais) todo tipo de material e fontes documentais, independentemente do soporte no que se presenta, e achega novas posibilidades dun ensino innovador. Quedan, pois, meses dun traballo ben ilusionante.