Libro minusvalorado

Quen teña dúbidas sobre os efectos daniños que está provocando na valoración social do libro a ampliación do préstamo dos de texto, debe ler o que conta hoxe Falabarato. Efectivamente, algunha xente pensa que todos os libros deben ser de balde, mais aínda, cando supoñen que despois de lidos deben ir directamente ao colector. Para o que serven? Moi difícil vai ser modificar estes prexuízos, tan profundamente instalados na sociedade, e recuperar o prestixio social do libro e a lectura. Por riba, a situación das nosas bibliotecas públicas, segundo o informe demoledor da Fundación Sánchez Ruipérez, non é para botar moitos foguetes.

5 comentarios
  1. Peke
    Peke Dice:

    MOita xente pensa que un libro lido o único que fai é ocupar lugar. A min encántame ver o moito lugar que ocupan os libros que teño, sobre todo porque seguro que me vai apetecer volvelos ler, prestalos, regalalos, contemplalos…

  2. acedre
    acedre Dice:

    Eu non seria quen de tirar un libro, antes deixoo nun lugar publico para quen lle interese.
    Hai libros bos e malos, grandes, pequenos, vellos, actuais e de todolos temas. Os libros abarcan todo o saber e o non saber.E logo esta a vida que lle dan a unha casa.Unha casa sen libros pareceme unha casa baleira, un cemiterio dominado por fantasmas.

  3. Adolfo
    Adolfo Dice:

    Na escola dos meus fillos unha amplísima porcentaxe dos libros usados do ano pasado serviron para os nenos do seguinte. As crianzas coidaron dos seus libros polo que sexa, por responsabilidade propia para deixalo a outros, por presión da direción e do profesorado… Case non se estragaron libros. Non existiu tal perda de valoración social.

    Por favor, agarimemos os libros, enchamos bibliotecas escolares e municipais de libros, compremos e leamos a todas horas en alto e en baixo, en compaña ou soedade, contemos contos aos fillos, fagamos programas na TVG… Troquemos o sistema de empréstimo, busquemos medidas compensatorias para as pequenas librarías e editoras, mais non fagan ás familias sentirse culpábeis, como derrochadores dos cartos públicos. Estamos na cola de Europa en prestacións sociais ás familias polo que para unha que nos toca non nos acusen de botar a perder o libro e de contribuír ao seu descrédito. O seu enfado diríxanno correctamente.

  4. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Ninguén culpabiliza ás familias, Adolfo. É un feito que o libro ten un baixa valoración social, tanto como produto como mercadoría. As medidas que propón, que comparto plenamente, deberían contribuír a aumentar esa recuperación necesaria do valor dos libros. Constituír pequenas bibliotecas familiares, ter presentes os libros nos fogares, creo que é decisivo para conseguilo. Son consciente que sobre a cuestión da modalidade de gratuidade do libro de texto hai moito que falar. A miña posición foi sempre atopar un modelo que permita respectar tres condicións:
    1. Que permita universalizar o dereito á gratuidade dos materiais curriculares (non só os libros de texto).
    2. Que fomente a lectura e aumente a calidade da educación.
    3. Que respecte a estrutura das actividades de edición e comercialización do libro.
    Creo que isto non debería ir en detrimento ningún das familias e do seu papel, tamén, na formación dun criterio lector entre os máis novos.

  5. Pepe
    Pepe Dice:

    Pois eu si que culpabilizo ás familias, e ademais moito. Non son os únicos causantes, por suposto, pero si que teñen unha elevada parte de culpa.

    Moitas veces, cando se fala de determinados “problemas”,adoitase culpar a algo tan xenérico, e no fondo inexistente, como “a sociedade”, “o sistema” e outras lindezas polo estilo.
    Con isto, o que se fai é diluír ao máximo as responsabilidades concretas dos individuos e das familias, e doutros axentes sociais.
    De aí que non sexa posible nin sequera albiscar solucións: “todos somos culpables”, ergo ninguén é culpable.

    Unha gran, inmensa maioría de pais son uns irresponsables para cos seus fillos, son os primeiros en “ensinarlles” o desprezo pola cultura e o saber, polo tanto, polos libros.
    Agora, iso si, as caralladas das play-station que non falten, aos fillos mercáselle unha televisión para o seu propio cuarto para que así deixen de dar o coñazo, e os libros, claro, son demasiado caros (e o son, pero só para os que compran varias dúcias deles ao ano), e é mellor potenciarlle a tontería das marcas de roupa, etc., etc.

    No fondo, todo isto non é máis (e enténdase ben o que quero dicir) que un efecto non desexado da extensión dos dereitos democráticos e da inexistencia dunha cultura cívica. Non sei se me explico. Pero agora non é o momento de facelo con vagar.

Los comentarios están desactivados.