Read Galicia

Hoxe preséntase na Feira de Frankfurt Readgalicia o primeiro catálogo de dereitos da edición galega actual. O espazo web (en galego e inglés) permite acceder á información de 169 novidades publicadas por dezanove editoras galegas nos últimos dous anos. De cada título pode consultarse a sinopse, un fragmento do texto e a ficha dos seus dereitos dispoñibles. O catálogo aparece organizado en seis categorías: ficción, infantil, xuvenil, non ficción, poesía e teatro. O deseño da páxina é moi claro e a navegación moi doada e amigable. Readgalicia constitúe un paso de xigante na exportación da literatura e da edición galega. A Consellaría de Cultur e Deporte e a AGE, promotoras da iniciativa, merece as nosas maiores beizóns!

Etiquetas:

Barreiro, xefe de gabinete de Vicepresidencia

Manuel Martínez Barreiro será o novo xefe de gabinete da Vicepresidencia. Quen fora coordinador de edición de Xerais e despois coordinador de edición dixital de Acordar, ademais de comentaristas político da Radio Galega e de Vieiros, veterano blogueiro e autor de literatura infantil, terá a responsabilidade de acometer acarón de Quintana un traballo político decisivo na segunda parte da lexislatura. Os que o coñecemos e queremos sabemos que Manolo Barreiro posúe grandes doses de capacidade de diálogo, rigor na análise política e social máis concienzuda e actualizada, longa experiencia política, curiosidade tenaz polo coñecemento, persistencia e xenerosidade no esforzo, profundas conviccións de esquerda, discreción e elegancia exquisitas, amais de labaradas de ironía e doutros moitos valores humanos. Condicións abondas para prever que Quintana, o BNG e todo o Goberno Galego están hoxe de en hora boa por este acertadísimo nomeamento. Non teño dúbidas de que o seu selo irá calando coa discreción e o traballo ben feito que sempre o caracterizou alí onde foi e onde sempre deixou tantos amigos. Desexámoslle os maiores éxitos nesta súa nova (e, non o podemos negar, dífícil) andaina.

Redeseños webs

La Voz de Galicia presenta hoxe un completo redeseño da súa edición electrónica, na liña das modificacións introducidas por outros diarios, ao tempo que ofrece a posibilidade de lela completa en galego grazas aos sistemas de tradución automática. Sorpréndeme o tamaño da tipografía (quizais un chisco grande de máis). Outro redeseño web deste Día da patria é o de Gznación, o diario electrónico nacionalista tamén moi mellorado no seu deseño e usabilidade. Dúas importantes novidades normalizadoras que merecen as nosas beizóns.

Libraría Couceiro

Unha feliz noticia é a reapertura, a partir do vindeiro luns, da Libraría Couceiro de Compostela nun edificio totalmente recuperado da praza de Cervantes. Continuar coa especialización no libro galego e portugués (hoxe máis de dezasete mil títulos no seu catálogo) e no libro antigo e de segunda oportunidade, apostar pola literatura infantil e xuvenil e polas guías, concibir a libraría como punto de encontro e promoción do libro e abrir un obradoiro de encadernación artística (concibindo o libro como o mellor agasallo) serán os sinais de identidade da Couceiro do século XXI. Longa e exitosa vida para esta benquerida libraría. Beizóns para Xesús, Pablo, María e o resto do seu equipo.

Fran Alonso, pregón da Feira do libro de Vigo

Fantástico o pregón de Fran Alonso que inaugurou a Feira do Libro de Vigo. Utilizando a estrutura do relato da araña que danza na arañeira, Fran debuxou de forma brillantísima a estrutura da cadea de valor do libro como ben cultural primeiro. Detívose de forma valente en denunciar a indixencia bibliotecaria viguesa (diante do alcalde, concelleiro de Cultura e director Xeral de Creación Cultural, que nas súas retóricas intervencións posteriores, calaron de forma moi significativa sobre tema tan principal). Beizóns merecidísimas para Fran Alonso. Un pregón memorable.

Etiquetas: Fran_Alonso

MeGa

Coñecéramolo no Cultur.gal. Con este magnífico portal de Música en Galicia (na que se abordan todos os xéneros), a xente do Consello remata a súa primeira etapa de ofrecer portais para as industrias culturais galega: libro, banda deseñada e audiovisual. Unha importante contribución que merece ser recoñecida. Beizóns para esta Mega!

Etiquetas: MeGa

Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia

A editorial Alvarellos celebra os seus trinta anos de traballos cun interesante libro conmemorativo no que Quique tivo a deferencia de incluír un meu traballo sobre a evolución da edición galega nos últimos trinta anos. Ten moita razón o editor actual cando expresa que cando comezou o seu pai “a edición era unha tarefa artesanal e hoxe é unha industria cultural”. O chimpo que demos durante este período foi de xigante, non só polo aumento do número de títulos (pasaamos de 187 a 1.800), senón e sobre todo, pola profesionalización do sector e polo aumento do número de lectores e lectoras en galegos. Con todo, para proseguir a nosa actividade os editores galegos seguimos precisando dos azos de fantasía que moveron a xente como don Enrique Alvarellos, cando fundou unha pequena editorial para publicar libros en galego. Beizóns para o traballo de Alvarellos nestes trinta anos! Que veñan moitos libros!

Etiquetas: Alvarellos

Cartelería galega

Outra xenialidade de Berto. Unha auténtica pasada. Isto si é que conservar o patrimonio nacional. Escollo algún dos moitos que case me fixeron bagoar. Cadaquén terá o seu. Vaia motor de memoria! Beizóns, beizóns!!!

O cartel que publico é unha homenaxe a tantos compañeiros e compañeiros de Esquerda Galega que acreditamos na causa do galeguismo socialista e republicán.