Poema de hoxe 102: «Eno sagrado, en Vigo» de Martín Codax

Eno sagrado, en Vigo,

bailaba corpo velido:

amor ei!

Martín Codax, Eno Sagrado en Vigo (século XIII)

Onte 1638: Centenario de Lueiro en Fornelos

marcos_abalde_fornelos_09-04-2016

Magnífica xornada a de onte en Fornelos de Montes onde se homenaxeou a Manuel Lueiro Rey con motivo do seu centenario e se entregou ao escritor Marcos Abalde Covelo a cuarta edición do premio que de poesía que leva o nome do autor d’ O sol na crista do galo. Baixo a coordinación de Carme Carreiro Montero, presidenta da Asociación Veciñal O Cruceiro da Laxe, desenvolveuse un acto literario e musical no que se homenaxeou a Lueiro e se reclamou para el un día das letras galegas. Presentouse, ademais, unha nova edición de Non debían medrar, que preparou Ramón Nicolás, e un audiovisual ben fermoso sobre o autor preparado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez.

Entre as diversas intervencións destacou a realizada polo escritor Marcos Abalde Covelo, autor de Exhumación, o poemario gañador da IV edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, que publicará Xerais o vindeiro verán. Unha intervención que moito apreciaría Lueiro, un humanista intransixente coa desigualdade e a inxustiza. Comezou salientando Abalde que «toda a humanidade é a nosa única familia» e definindo Exhumación como «un intento de recuperar a fraternidade cando o ser humano está roto, ferido co resto da humanidade». Preguntouse o escritor de Lavadores como era posible que a igualdade sexa aínda unha utopía e expresou a súa convicción de que «as xeracións futuras van xulgarnos moi duramente pola infamia da situación dos refuxiados e pola exclusión de toda a miña xeración». «Exhumación pretende recuperar a palabra “emancipación”, entendida como non dominar, non humillar, non explotar, mais tamén non deixarse dominar, como expresión do deber de rebeldía, o deber de revolta.»

Poema de hoxe 101: «Porta aberta» de Manuel Lueiro Rey

Deixade a porta aberta, sempre aberta

fai falla que entre o ar

antre as táboas da chouza

pra que as táboas da chouza non apodrezan.

Manuel Lueiro Rey, Derradeira escolma ferida (Xerais, 2003)

 

Poema de hoxe 100: “A dama que ía no branco cabalo” de Álvaro Cunqueiro

A dama que ía no branco cabalo

levaba un pano de seda bordado.

na verde fror

as letras van de amor!

Álvaro Cunqueiro, Dona do corpo delgado (1950)

Onte 1636: Caride en Pontevedra

XG00246701Presentamos onte na Feira do Libro de Pontevedra Liquidación de existencias de Ramón Caride. O presentador do libro, o escritor Xesús Constela, comezou referíndose ao centro comercial e o polígono outlet como metáforas da sociedade actual, onde todo está rebaixado, onde todo está descatalogado ou de saldo. “Ao polígono outlet van parar todas as excrecencias da sociedade, os seres humanos convértense alí en mercadorías, xente que está de rebaixas como prostitutas, mulleres  maltratadas, desempregadas, estafadas ou desafiuzadas”. “Ese é o espazo onde Caride localiza os seus relatos, todos eles cheos de realidade, en boa parte tirados das noticias dos xornais”. Seguiu Constela referíndose a “Dous de copas”, a micronovela fragmentada ao longo da obra, “onde Caride manexa a intriga, a retranca e a linguaxe dunha maneira perfecta, creando unha atmosfera envolvente para dous rapaces que pretenden dar un golpe que lles solucione a vida”.

Ramón Caride confesou que boa parte dos relatos naceran de noticias do xornal. “O arranque de “Dous de copas” foi un titular que lin na Voz de Galicia referido a dous mozos simpáticos e de boa familia que sufriran un accidente de tráfico”. “Todos os relatos do libros comparten unha atmosfera apocalíptica, onde todo está en venda, tanto mercadorías como persoas”. “Liquidación de existencias é unha tentativa de escribir despois da cicloxénese low cost da crise que nos afectou en todos os ámbitos das nosas vidas, nos culturais e nos outros. Mudaron os séculos, pero seguimos cos mesmos distribuidores. Sei que todo non cabe nos contos, pero as novelas acaban como acaban. Liquidación de existencias supón un berro neste deserto emocional”.

Poema de hoxe 99: “Fafarradez” de Gloria Sánchez

XG00107502Quere  a rosa

que a reguen

con gaseosa,

para ter o seu recendo

máis contento!

Gloria Sánchez, Fafarraios (Xerais, 1990)

Poema de hoxe 98: “Bagdad” de Elvira Riveiro

XG00141701A paz abafa

calada nas casas

da gran Bagdad.

Elvira Riveiro Tobío, PAlAbrAs brAncAs (Xerais, 2008)

Onte 1635: Na Feira do Libro de Pontevedra con Álex Alonso

XG00246601Comezamos onte en Pontevedra a tempada de presentacións nas Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros. Fixémolo co libro de relatos de Álex Alonso, Tempo de bebidas isotónicas e fast-food, obra gañadora do Premio Ánxel Fole 2015, e coa edición que Anxo Angueira preparou de Follas novas de Rosalía de Castro. O bo serán de primavera foi un aliciente para que a praza da Ferrería pontevedresa estivese moi animada, o que ben agradecimos.Na súa intervención, Álex Alonso definiu o seu libro como “unha expresión dun estado de ánimo indignado, unha denuncia da corrupción, da precariedade, do paro, dos desafiuzamentos, da estafa das preferentes, do acoso escolar, da violencia contra as mulleres ou do racismo”. “Quixen que o libro fose coma un caleidoscopio da sociedade actual, un mosaico onde cada un destes problemas tirados das páxinas dos xornais fose unha peza, procurando unha lectura acedamente divertida”.

Poema de hoxe 97: “Quero chegar ao mar” de Antonio García Teijeiro

XG00253201QUERO chegar ao amar

(se está fuxindo)

para abrazalo,

Antonio García Teijeiro, Poemar o mar (Xerais 2016)

Onte 1634: Camilo, Premio Trasalba

Camilo NogueiraAcerta de cheo a Fundación Otero Pedrayo outorgando a Camilo Nogueira o Premio Trasalba 2016. Recoñécese así a extraordinaria traxectoria de Camilo nos eidos político, profesional e cultural onde serviu con xenerosidade desbordada a causa de Galicia. Modelo de teimoso optimista da vontade, Camilo contribuíu a modernización do nacionalismo galego contemporáneo e o seu arraizamento no pensamento socialista radical e europeísta, “na mellor tradición da Xeración Nós”. Ensaísta concienzudo e lúcido, analista agudo, historiador erudito, lingüista vocacional, conferenciante didáctico, lector curioso, vigués cosmopolita, Camilo Nogueira acuñou no nacionalismo galego o modelo de pensamento inclusivo, imprescindible para enxergar e compartir os territorios da esperanza. Cando cumpre os 80 anos, este premio recoñece o seu labor de xigante e pioneiro. O 26 de xuño estaremos con el en Trasalaba celebrando a Galicia da esperanza.