Poema de hoxe 186: “Cometa” de Xosé María Álvarez Blázquez
Botar unha cometa
era guindar os soños
todos pola fiestra.
Xosé María Álvarez Blázquez, Canle segredo (1954, 1976)
Poema de hoxe 186: “Cometa” de Xosé María Álvarez Blázquez/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Botar unha cometa
era guindar os soños
todos pola fiestra.
Xosé María Álvarez Blázquez, Canle segredo (1954, 1976)
Outro serán excelente o de onte na Feira do Libro de Vigo instalada na Porta do Sol. A escritora Ledicia Costas asinou durante máis dunha hora nunha sesión de alicientes extraordinaria. O editor Fran Alonso e a actriz Deborah Vukusic presentaron Galería de saldos, magnífico libro de relatos co que debuta Diego Giráldez. Antes de ler o relato titulado “Luís Seoane”, Vukusic deu cinco razóns para ler Galería de saldos: primeira, “por tratarse dun libro de relatos, o xénero hipster da novela”; segunda, “para facerlle a competencia á prensa deportiva como Marca e outras publicacións semellantes”; terceira, “por tratarse dun libro para o verán con retrogusto pensante”; cuarta, “por deitar pingas de arte para facer un perfume silencioso”; e quinta, “para facelo un auténtico best-seller galego”.
Fran Alonso comezou a súa intervención lembrando a magnífica acollida de público e crítica de Galería de saldos, á que non foi allea o magnífico booktrailer do libro, o primeiro en realidade virtual da edición galega. “A propia portada de Antonio Seijas, simbólica e irónica, minimalista, reflicte o espírito destes vinte e sete relatos guiados pola arte e pola interpretación da arte da man de Iago Losada, cuxas ilustracións deron personalidade ao libro”. “Brevidade, aire fresco, duro, ás veces xélido, que pode mancar. Personaxes en saldo, esmagados, perdedores, á beira do fracaso, cuxa subsistencia está marcada polas circunstancias. Historias duras, como a vida, sutís, feitas a través das palabras e dos silencios, do que se pode intuír, o que non se di”. “Todo o libro de Diego configura unha banda sonora global e cada un dos relatos posúe a súa propia. Con todo, hai en todo o libro un sabor de tango, por que ten sabor a melancolía rabuda, sensual e emocional”.
Seguiu Alonso salientando que no libro “a arte está en relación coa cotidianidade, co consumo, despoxada de calquera tipo de mitomanía. A arte incorporada ao consumo, á vida,desposuída do seu carácter artístico, o que lle permite ao autor ironizar e deitar unha ollada bastante comprensiva.” “Unha arte interdisciplinar, onde están presentes as artes plásticas, a música, o cine e a literatura, mesturadas coa publicidade e coa crónica das nosas vidas. Este é un texto onde todas as artes fúndense e as referencias culturais tecen unha malla sobre a que flotan os personaxes”.
Rematou Fran Alonso relacionando Galería de saldos con Vidas post-it, o libro de relatos de Iolanda Zúñiga: “decateime que o libro de Iolanda aparece citado no propio libro de Diego, hai conexións temáticas e formais entre ambas as dúas obras”. “Galería de saldos é unha biopsia social, unha análise crítica e irónica do entorno que nos rodea.”. “Diego Giráldez posúe un estilo rotundo que fai o libro moi compacto, sendo todos os textos moi homoxéneos”. “Un libro, pois, moi recomendable co que nace un narrador para a nosa ficción que demostra nesta primeira entrega todo o poderío”.
Pola súa banda, o autor salientou que esta era “un libro moi vigués, xa que había moita xente de Vigo relacionada coa súa produción e comunicación”. Relatou como hai uns anos chegara a Vidas post-it de Iolanda Zúñiga, “un libro que me marcou, co que entendín que se pode facer unha narrativa galega distinta”. Citou despois a importancia na obra das ilustracións de Iago Sánchez Losada e do booktrailer do que van “dez mil visualizacións en Facebook, o que arrima a literatura galega a outro público”. Confesou o autor a súa satisfacción polas sensacións que os lectores e lectoras crean co libro, semellantes as que pretendera: “ningún personaxe deste libro é unha fantasía, todos son froito dunha realidade actual que manca”; “este era un dos obxectivos que pretendín, que o lector se sentise completamente identificado”.
Poema de hoxe 185: «Chove» de Álvaro Cunqueiro (1958)/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Se tódolos poetas
do mundo nos esquecéramos
da chuvia, quizabes
deixase de chover. O
mesmo pasaría coa guerra.
Quizabes.
Álvaro Cunqueiro, Outros poemas (Galaxia 2011)
Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de Vigo d´A dúbida de María Reimóndez, a novela gañadora do Premio La Voz de Galicia 2014. A psicóloga Gema Zunzunegui realizou unha certeira lectura dunha novela de intriga sobre os abusos sexuais a menores achegando datos sobre un fenómeno que se agocha na maior parte das ocasións. “O 40 % dos casos do abuso intrafamaliar son silenciados por ser motivo de vergonza ou culpa. Os datos amosan que unha de cada cinco menores sofren estes abusos ocultos, dos que se denuncian apenas o 2% dos casos”. Rematou a súa intervención Zunzunegui salientanto a importancia das mulleres valentes que tecen redes contra estes abuxos: “Muller bonita é a que loita”.
María Reimóndez confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.”
Poema de hoxe 184: «Os oficios de Bran» de Álvaro Cunqueiro/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Deixaban o país onde anoitece
polo país onde amence.
Álvaro Cunqueiro, Herba de aquí e acolá (1980)
Poema de hoxe 183: «Cantiga nova que se chama riveira» de Álvaro Cunqueiro/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Toda a casa estaba chea
de espellos para soñar,
ai amante!
Álvaro Cunqueiro, Cantiga nova que se chama Riveira (1933)
Na Feira do Libro de Ribadeo fíxenme cun exemplar de balde de Tópicos sobre a lingua galega, un caderno do profesor Suso Fernández Azevedo sobre prexuízos lingüísticos publicado polo Concello de Ribadeo. Nacida nos textos que Suso foi publicando no blog El toupo que fuza, esta valiosa peza sociolingüistica pretende achegar argumentos que fagan fronte ás lerias (prexuízos e mentiras) utilizados con maior frecuencia contra a lingua galega e o seu proceso de normalización. Apenas trinta e dúas páxinas nas que se abordan cuestións relacionadas co respecto á diversidade lingüística, coa impostura da bautizada polos galegófobos como «imposición del gallego», co exercicio dos dereitos lingüísticos ou co papel das normas, fronteiras e subvencións no estado da nosa lingua. Unha obra na que se manexan argumentos sólidos e eficaces, capaces de contribuir a conformar ese novo discurso inclusivo e agarimoso que tanto precisamos os promotores da lingua galega. Un libro que, ademais, ten unha gran utilidade didáctica, tanto pola súa claridade expositiva como pola capacidade comunicativa dos exemplos e modelos presentados. Aínda que cheguei tarde a recomendar a súa versión impresa, aproveito para facelo agora e moi vivamente da súa versión dixital dispoñible en issue. Beizóns a Suso Fernández Azevedo por tan magnífica publicación.
Poema de hoxe 182: «Isto é a poesía» de Berta Dávila/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Isto é a poesía:
suxeitar a beleza talvez para exhibila
prendida de alfinetes sobre papel de inventario.
Berta Dávila, Raíz da fenda (Xerais, 2013)
Coincidindo co inicio do mes de xullo participamos nas Feiras do Libro de Vigo e de Ribadeo, dúas iniciativas para reconquistar o espazo público para os libros e a lectura. O venres acompañei a Ledicia Costas e a Pedro Feijoo nas súas presentacións en Ribadeo, onde Antonio Reigosa fixo un pregón memorable e onde María Lado e Lucía Aldao pecharon a xornada co seu recital «Sempre en Ibiza». As máis de tres horas de viaxe de Cíes á illa Pancha serviron para comprobar que «en Galicia todo é bonito», ademais de actualizar análises e compartir proxectos en marcha, o que un editor sempre moito agradece na conversa cos autores e autoras.
Unha xornada literaria moi intensa, coma a que sei se desenvolveu na Feira do Porta do Sol de Vigo, que abriu ao mediodía Antonio García Teijeiro co seu pregón e na que nun serán con moito publico participaron María Solar cunha longa sesión de alicientes e Ramón Nicolás coa presentación moi exitosa d’ O espello de mundo, a súa estrea como novelista. Unha feira viguesa que visitamos onte acompañando á asinatura de Pedro Feijoo e na que puidemos parolar devagariño cos libreiros vigueses esperanzados por esta mudanza de ubicación que devolve visibilidade á feira que hai máis de catro décadas creou na Alameda O vello Patiño.
Tanto no caso da feira viguesa coma na mariñá, a primeira organizada cos criterios e coa dirección da Federación de Librarías e a segunda pola concellaría de Cultura de Ribadeo, comprobamos a importancia a implicación das iniciativas locais para deseñar, compartir e visibilizar o programa de actividades e procurar a implicación dos públicos. Un compromiso entre librarías, editoras e poderes locais imprescindible para refundar estas convocatorias que levan os libros as nosas rúas e prazas.
Poema de hoxe 181: «O mar creador» de Xosé Otero Canto/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
O mar leva sempre ciceis de auga
porque o mar é creador.
Lambe, acaroa e busca as rochas
para dar forma coas súas linguas de aceiro.
Xosé Otero Canto, As Catedrais, portas do misterio (Concello de Ribadeo, 2016)

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
