Novidades de Xerais para outono

Comezan a chegar as novidades do noso outono literario. Xa temos no almacén A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos (o Premio Terra de Melide 2007) e hoxe entra Cardume de Rexina Vega (o Premio Xerais 2007), as dúas novelas con portadas do fotógrafo Fran Herbello. Esta semana tamén entrarán Illa Soidade de An Alfaya (premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil) e O ceo dos afogados de Francisco Castro (finalista do mesmo premio). Imprimíndose están Minimaladas de Carlos López (Premio Merlín de literatura infantil 2007), O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, A noite do Risón de Gonzalo Moure (as dúas primeiras entregas da nova colección de narrativa ilustrada), Consultorio dos nomes e apelidos galegos de Méndez Ferrín, Dicionario Xerais Castelán Galego e Chispas de Quesada. Estamos finalizando a edición d’ As pontes no ceo (a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte), Ao pé do abismo (primeira colectánea de artigos de Rosa Aneiros), Madeira de Zapatero de Suso de Toro e Fidel Castro. A miña vida de Ignacio Ramonet. Iremos dando noticia da aparición destas novidades e dos adiantos dalgún dos seus capítulos.

Etiquetas:

"Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario"

Rotundo éxito da homenaxe de tres días rendida no Morrazo a Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. A cea de homenaxe, os concertos e recitais, como a presentación do libro foron todos actos moi concorridos e agarimeiros co noso mariñeiro das palabras.
A presentación do libro colectivo, coordinado por Héitor Mera, –fóra dun malentendido que me deixou desolado (por causas incomprensibles non se publicou o traballo enviado por Xosé Vázquez Pintor, dende aquí expresamos as nosas maiores desculpas para el)–, foi outra oportunidade para escoitar a Bernardino expresando con absoluta liberdade o horizonte dos seus soños.

O de Tirán comezou a súa intervención lamentando algunhas grallas que detectara na edición do libro (“areíñas que se meten nos zapatos”), froito do apresuramento na realización dos traballos. Referiuse despois a satisfacción que lle producía o proxecto de Xerais de editar Catro de Sinfarainín, a tetraloxía de pezas dramáticas infantís que publicaremos na vindeira primavera. A primeira, O lobo do saco é unha referencia explícita a Franco que non puido ser publicada por mor da censura e que se distribuíu a ciclostil. A segunda, A larpadela gustosa do lobo e a raposa, como a terceira, Sinfarainín contra don Perfeuto (publicada como separata do número 48 da revista Grial) están protagonizadas por ese sínfano, un mosquitín que se mete por todas as partes, inventado vendo unha representación dunha obra de Lorca, que representa a conciencia das cousas. A última, Os burros que comen ouro, será publicada con arranxo á primeira versión para nenos, a pesar de que foi representada nunha versión para persoas adultas.
Continuou Bernardino expresando que “teño moi boa sorte con esta homenaxe, mais teño mala sorte co teatro. Sería bo facer unha representación de Vinte mil pesos crime“, ademais de desvelar que ten gardada na gaveta outro texto de teatro para adultos, Unha vella en auto-stop, peza a que logo mudou o título por Nun caseto que vai ser un banco, que quizais algún día poida ser publicada e representada. Rematou as súas palabras facendo unha defensa vibrante do libro e da lectura: “Os libros son para tomar conciencia. Espero, son utópico, que neste século XXI vexamos todo o que nos prometeron na metade do século XX, menos traballo e máis tempo para ler e asistir a representacións teatrais. Aspiro á semana de catro días de traballo. Así poderemos estar lendo e as máquinas e robots traballando para nós. Así nos homenaxeremos todos”.

Actualización (01-10-2007): “Eu tamén utópico“, comentario de Náufrago.

Retrato de Urbano Lugrís

Despois das dúas presentacións, onte en Vigo e anteonte na Coruña, da novela de Luís Rei Núñez e das primeiras recepcións de lectores (todas moi entusiastas e coincidentes en que a lectura destas catrocentas páxinas faise dun tirón), teño a impresión que esta será unha das novelas mellor valoradas e máis lidas dos últimos anos.
As intervencións memorables dos presentadores, os poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ramiro Fonte, foron en idéntica liña e coincidiron na estirpe cervantina deste retrato da aventura humana do pintor de Lugrís coas luces da bohemia coruñesa dos anos cincuenta como teón de fondo. “Unha novela que ensancha con humildade e traballo os límites da nosa narrativa contemporánea”; “unha prosa para endereitar o rumbo zozobrante da narrativa galega” (dixo Fonte). “Unha aventura humana, un drama, un destino de Urbano Lugrís que non está nos museos, mais que está na novela de Luís Rei” (dixo Torneiro). A amizade do pintor co poeta de Taramancos (na liña das grandes parellas literarias e cinematográficas Quixote e Sancho, Laurel e Hardy, Martin Pawley e Ethan Edwards) os límites tan tenues entre a realidade e a ficción (con precedentes en Max Aub, Valle, Cansinos Assens ou Vázquez Montalban), o procedemento arriscado dos diarios apócrifos, o xogo das dúas voces (a do narrador e a apócrifa do pintor), a importancia da literatura biográfica para os narradores (“Unha tarefa que debían acometer todos os narradores é escribir unha biografía doutro escritor”, dixo Fonte), as relacións entre a pintura e a literatura (e mesmo a vocación dormida de pintor de Rei Núñez) ou o carácter poliédrico e contraditorio do protagonista foron outras reflexións expresadas nas dúas presentacións. Unha novela importante, moi recomendable.

Nota: a próxima presentación realizarase o 25 de outubro, organizada polo Ateneo de Pontevedra.

Actualización (01-10-2007)
: Folerpa recolle outras frases de Ramiro Fonte da presentación.

Carlos Reigosa denuncia

A presentación de onte do libro de conversas de Del Caño con Carlos Reigosa foi moito máis alá do protocolario neste tipo de actos. Nunha intervención memorable, o autor de Intramundi denunciou que nin os nosos intelectuais nin as nosas institucións culturais nin as nosas universidades elevan as tradicións da nosa cultura labrega ao corpus literario e cultural. “Non se está facendo nada para conservar esta realidade. Vivimos nunha cultura que está virada de costas á nosa orixe“. Para concluír, despois, que “o meu compromiso é seguir escribindo preto desta tradición labrega. A nosa identidade está en perigo na medida que estamos esquecendo o lugar de onde vimos. Está é unha grande desfeita actual para a nosa terra. Dígoo cun certo desánimo”.
A reflexión deste “zoqueiro cosmopolita” (como o denomina Ramón Villares no prólogo do libro de conversas), ademais de amosar certa melancolía, expresa un debate de fondo calado na construción da nosa literatura nacional. Dificilmente a ampla obra narrativa e investigadora de Reigosa pode ser cualificada como “ruralista”, razón pola que a súa denuncia poida ser interpretada en clave persoal, gañando en credibilidade e en posibilidades de abrir un necesario debate sobre a cuestión. Superado, afortunadamente, o falso dilema entre o rural e o urbano, categorías inservibles hoxe para definir a realidade galega (e, endebén, a nosa produción literaria), a recuperación do corpus da cultura tradicional convértese (máis aló da etnografía conservadora) nunha das fontes posibles para reinventar a identidade contemporánea. Pode a cultura literaria galega prescindir da achega da tradición oral dos contos populares ou dos mitos fundacionais acuñados durante séculos?
A lectura de novelas, rabiosamente modernas, como Intramundi (seguramente o cume literario de Reigosa, na estirpe das mellores obras faulknerianas), amosa que esta denuncia, á contracorrente das modas actuais, pode contribuír a abrir futuro para a nosa literatura.
O misterio de Carlos Reigosa. Conversas será presentado nas vindeiras semanas na Pastoriza, no corazón de tras da Corda, o espazo natal e literario de Reigosa. Sen dúbida, un acontecemento para festexar o traballo literario dun dos escritores maiores das nosas letras.

Etiquetas:

Bernardino 75

No artigo da semana realizo a miña homenaxe á figura de Bernardino Graña, quen será homenaxeado esta semana en Cangas con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Unha boa oportunidade para volver sobre a obra do noso mariñeiro das palabras. Os actos da homenaxe, organizada pola Asociación Cultural A Cepa, xa foron anunciados. A presentación do libro homenaxe, coordinado por Héitor Mera, terá lugar o sábado, 29 de setembro, ás 13:00 horas, no salón de plenos do concello de Cangas.

Etiquetas.

Entrevista a Mario Regueira

A edición de Vieiros Barcelona publica unha interesante entrevista a Mario Regueira con motivo da presentación de L’affiche rouge que hoxe se celebra oraganizada por Espazo Galego dos Paisos Cataláns en Sargadelos de Barcelona. Da entrevista a Mario non podo evitar reproducir o derradeiro parágrafo que ilumina un debate tan complexo como é o da lectura, literatura e o mercado no que ven participando moi activamente:

“O papel da nossa producçom literária é umha eterna promesa, ou na linha de Xurxo Borrazás: os escritores galegos valemos mais mortos do que vivos. Polo de agora, ainda com as pequenas vantagens de liberdade e experimentaçom que oferece viver nas margens, urge multiplicar os leitores das distintas expressões escritas do galego, algo que na Galiza passa mais pola educaçom e a política linguística do que polas campanhas de mercado.”

Mario presentará de novo a novela o vindeiro venres, 21 de setembro, ás 20:00 horas na nova Libraría Couceiro de Compostela. Alí estaremos.

Etiquetas:

"O señor Lugrís e a negra sombra"

Dende hoxe pode baixarse un adianto de cinco páxinas da nova novela de Luís Rei Núñez, que se presentará o xoves 27 de setembro na Libraría Arenas da Coruña (por parte de Manuel Álvarez Torneiro e Laura González Garcés) e o venres 28 en Librouro de Vigo (por Ramiro Fonte).

"A casa dos Lucarios" de Teresa Moure

Hoxe entrou no almacén A casa dos Lucarios, a primeira obra de Teresa Moure dentro da colección Fóra de Xogo. Estará nas librarías a vindeira semana. Recupero o texto que redactamos de presentación promocional:

Rosa e Chicho, cando perderon a súa terceira filla, María Celeste, aparecida morta no seu berce na segunda semana de vida, decidiron instalarse en Ferreira. Alí levantaron unha casa de dúas plantas, coa cociña grande daqueles tempos, pegada á corte, e dous cuartos máis para acubillar á xente miúda, ademais dun faiado fermoso onde gardaren mazas e millo e soños dos que escorregan polas fendas de madeira. Despois, Chicho tiraría coa corte e construiría a taberna, onde cada noite apertaba o fol da súa gaita grileira, e onde tamén Rosa acrecentaba, contra vento e marea, as súas industrias de vendedora de pezas do enxoval. A vida ía manando paseniño, coa correspondente ración de dores e alegrías, como mudaba a casa dos Lucarios.
Teresa Moure ofrece nesta novela curta, escrita nunha prosa engaiolante, enchida de humor e sensualidade, a historia dunha familia a través das mudanzas e transformacións realizadas na súa vivenda ao longo de varias décadas. Un texto memorable dunha das nosas grandes escritoras contemporáneas.

Etiquetas: