Campo do Fragoso CVI

GROGGY
Abondaron apenas vinte e cinco minutos para que o Celta quedase groggy fronte un Girona que viña a Balaídos coa intención de achegarse aos cincuentas puntos que lle asegurasen a continuidade na categoría a vindeira tempada. Un campo que os cataláns sabían moi asequible para acadar este obxectivo xa que o equipo de Paco Herrera desde que obtivera o liderado leva case tres meses sen gañar na casa, acadando un punto de dezaoito posibles, unha restra de cinco derrotas insoportable, mesmo para unha afección tan curtida en fracasos nas últimas cinco tempadas como é a celeste. O Celta xa quedou atordado aos cinco minutos cando Despotovic abriu o marcador no que sen dúbida sería un dos mellores partidos da súa vida (anotou un “hat-trick”), fronte a unha defensa e unha portaría celeste en tempada de rebaixas, que se quedou parada protestándolle ao auxiliar un posible fóra de xogo, mentres que o dianteiro serbio aproveitaba a pracer a pelota que un dos seus compañeiros xa enviara ao traveseiro. Tras golpe tan prematuro, o Celta conducido polo Trashorras dos días bos semellaba que podía nivelar decontado o encontro. No minuto dez o noso artista de Rábade deliñou un grande pase interior (unha marabilla!) ao que chegou uns segundos tarde De Lucas; porén, oito minutos despois, foi o extremo catalán quen caneou pola banda e ofreceu un balón de ouro a David Rodríguez que o toledano non soubo enviar ás redes; como tampouco superou ao porteiro xironés un xutazo que minutos despois realizou David tras unha xogada persoal, con cano incluído ao seu central marcador. Tres goles feitos estragados durante un cuarto de hora de fútbol celeste prometedor que quedou en auga de bacallao cando un erro monumental de Catalá facilitaba que o Girona sentenciase o encontro. Corría o minuto vinte e seis e o Celta quedaba groggy, atordado por este segundo golpe, que sete minutos máis tarde sería aínda máis paralizante tras un novo tanto de Despotovic, volvendo aproveitar as facilidades dunha defensa celeste de verbena. A partir de entón, o partido convertiuse nun auténtico calvario para un Celta noqueado, impotente, unha sombra da sombra daquel equipo sólido que asombraba deica o mes de febreiro. Tras a reanudación, Paco Herrera agardou a introducir os primeiros trocos cando Despotovic volveu a bater a un pouco afortunado Yoel; mudanzas pouco acertadas, sobre todo a que supuxo a retirada do terreo de Trashorras, o único xogador dos nosos que procuraba recuperar o sentido e poñer unha certa orde en tan enorme catástrofe. Nin a incorporación de Aspas nin a de Joan Tomas nin a de Abalo, a pesar de que crearon algunhas xogadas de perigo e provocaron algúns escintileos claros de gol, puideron mitigar na media hora final de xogo o patético espectáculo dun equipo sen forzas, sen coraxe e, sobre todo, sen alma, que está provocando moita dor e confusión entre os seus seareiros que non saben explicar as razóns do suicidio que presencian cada nova xornada en Balaídos. Semella que Paco Herrera non está sendo capaz de inocular no seu cadro as doses necesarias de orde e disciplina que unha situación tan delicada require. A estas alturas, a pesar do enganoso da clasificación, nin sequera está asegurada a participación na promoción de ascenso. Que o mellor do encontro fose a estrondosa e agarimeira ovación que recibiu da bancada o ex-capitán Noguerol cando entrou no terreo de xogo é unha proba máis da grave doenza dun equipo que comeza a ser asubiado polos seus propios seguidores.