Cabodano do CEF
Dedico o artigo da semana en Faro do Vigo a exposición «Cabodano da actividade editorial do Centro de Estudos Fotográficos»:
O Centro de Estudos Fotográficos (CEF), coordinado por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, despois de ter editados 44 libros, dedicados tanto a fotógrafos históricos galegos como contemporáneos, pechou en 2016 a súa actividade editorial. Coa intención de lembralo e facer memoria de trinta anos de edición de fotolibros, o CEF concebiu a magnífica exposición «Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos», aberta na sala de exposicións do Teatro Afundación até o 6 de abril.
Inicialmente concibida como un velorio de despedida daquela experiencia única no mundo editorial galego de entre séculos, nacida en 1986 coa publicación dun libro emblemático, «Emigración» de Manuel Ferrol, a exposición tornou tres anos despois na celebración dun cabodano, no que para Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal «a dor do velorio vaise transformando en memoria» e o patrimonio dos libros publicados polo CEF (milleiros e milleiros de páxinas impresas con agarimo) en punto de partida para o desenvolvemento dun proxecto de creación artística no que a profesora da Facultade de Belas Artes Ana Soler e dous fotógrafos extraordinarios, o morracense Fran Herbello e o catalán Joan Fontcuberta, vinculan este fin de etapa coa memoria e co futuro.
Abandonando o modelo habitual de exposición descritiva, o CEF convidou a estes tres artistas a traballar sobre os seus libros, seguindo a liña de comisariado que fixeron tradición en «Vigovisións» de darlle máis importancia á produción de proxectos cá recepción. Así, Joan Fontcuberta, Premio Nacional de Fotografía (1998), presenta nun tríptico fotográfico o diálogo entre a produción editorial do CEF coa primeira fotografía de libros, un calotipo de Henry Fox Talbot (1844), incluído no que pode considerarse como o primeiro «fotolibro», do que se editaron seis exemplares que incluían 24 fotografías.
Pola súa banda, Fran Herbello propón na serie «E agora que…» usos diversos aos libros do CEF, na liña dos seus traballos anteriores de natureza escultórica, produto da intervención directa sobre os corpos, presente nos seus libros «A imaxe e a semellanza» (2000) e «Mal de corpo» (2005), publicados ambos os dous na colección «Do trinque» do propio CEF, como na súa singular liña de portadas que dende hai máis dunha década crea para a colección Narrativa de Xerais.
Toda a exposición «Cabodano» xira arredor da instalación de Ana Soler titulada «A voz da túa alma», presidida por un ataúde cheo de libros sobre o que se penduran no aire máis de dez mil páxinas de libros editados polo CEF co propósito de celebrar a morte ou cese da actividade da editora, un xeito de recrear metaforicamente a morte da cultura impresa. Unha instalación impresionante na que se procura a complicidade da visitante, a quen se lle ofrece a posibilidade de meter man no cadaleito e levar gratuitamente un exemplar do fondo do CEF, unha forma de levar un anaco de memoria impresa.
Pechan a proposta expositiva os murais «Panel de vida», preparados polos comisarios nos que amosan documentos e fotografías que conforman parte da memoria do CEF, e a instalación sonora envolvente preparada por Xulio Gómez, o responsable do Festival Sinsal, sobre músicas contemporáneas do álbum «Tahoe» de Dedekin Cut e do vigués Marco Maril.
«Cabodano» é unha exposición que se agradece tanto pola coidada concepción creativa como polo que supón de aliciente para reparar no heroico traballo de edición acometido polo CEF ao longo de tres décadas, capaz de recuperar do esquezo, estudar e difundir nos seus álbums os arquivos de fotógrafos profesionais galegos como Ksado, Pacheco, José Suárez, Sarabia, Ramón Caamaño ou Virxilio Viéitez, ou o de fotógrafos amadores e concursistas como Rainero Fernández, Luis Rueda ou José Mª Massó.
Traballo de reconstrución da memoria gráfica da Galicia do século XX, que o CEF soubo facer compatible coa súa aposta pola edición de autores contemporáneos, dende os mestres como o noso admirado Vari Caramés e os propios membros do CEF, Sendón e Suárez Canal, até o que foron promesas de inicio do século como Andrea Costas, Fran Herbello ou Victoria Diehl, referentes da fotografía galega actual.
Ademais, «Cabodano» obriga a reparar na traxectoria do CEF como entidade que dende 1985 intenta converter a Vigo nun lugar de referencia na produción fotográfica internacional, e non só nun lugar de recepción. Eis os seus proxectos de comisariado de Vigovisións (1986) e da Fotobienal de Vigo (1984-2000), o acontecemento cultural vigués máis internacional das últimas tres décadas, que agardan para seren recoñecidos e postos en valor. Parabéns por este «Cabodano» de Sendón e Suárez Canal e moitos azos para seguir dende Vigo no comisariado de exposicións e na difusión da arte fotográfica.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir