A xuntanza co Presidente

A reunión que mantivemos onte co Presidente da Xunta, que estivo acompañado da Conselleira de Educación, foi tan esperanzadora como cordial. Durante unha hora e media debatemos con informes e documentos, arredor dunha mesa (feito que moito valoramos polo excelente estilo de traballo rigoroso que isto supón), sobre algunhas das cuestións máis importantes para o sector editorial galego: o déficit histórico da edición en Galicia e a necesidade de converxencia con Europa dos nosos fracos índices lectores e de compra de libros, o estado da tramitación das leis do libro e de bibliotecas, a gratuidade do libro escolar, a urxencia de reconducir os criterios da edición pública, a necesidade dun plan de choque para o libro galego ou a proxección do libro, da literatura e da edición galega no exterior.
O Presidente asumiu o compromiso de manter un diálogo directo e permanente coa asociación de editores, institucionalizándoo por medio de dous encontros anuais (un en cada semestre do ano) coa intención de intercambiar ideas, revisar obxectivos e realizar un seguimento dos compromisos adquiridos. Así mesmo, expresou o compromiso do Goberno Galego de tramitar a Lei do libro e a lectura no primeiro cuatrimestre parlamentario e a Lei de Bibliotecas no segundo, sendo o seu obxectivo que ambas as dúas deben ser aprobadas por unanimidade ao longo deste ano 2006.
A cuestión da gratuidade do libro escolar foi a que centrou boa parte da reunión e na que, tamén, se chegaron aos máis esperanzadores compromisos. Así, acordouse que a Consellería de Educación dinamizaría, a partir do mes de febreiro, o funcionamento da Mesa Técnica de Gratuidade, foro técnico da Administración e do sector, onde será debatida unha nova modalidade de gratuidade do libro escolar (a do cheque libro) que se pretende implantar ao ritmo da nova LOE. Informóusenos, tamén, da intención da Consellaría de Educación de ampliar a gratuidade no vindeiro curso (2006-2007) a 4º de ESO, así como da intención de considerar tamén a das materiais que se imparten en galego en 5º de Educación Primaria para proceder a súa pendente actualización ortográfica. A Conselleira de Educación presentou un ambicioso programa de dotación de bibliotecas escolares e de animación á lectura, valorado en máis de tres millóns de euros, dos que canto menos, a metade, deberán ser invertidos en dotacións bibliográficas.
Sobre a cuestión da proxección exterior do noso sector, o Presidente sinalou que a creación do Instituto de Cooperación Exterior de Galicia, ao servizo da proxección internacional dos diversos sectores económicos do país (tamén, polo tanto, do editorial), pode contribuír na difícil tarefa de apertura do noso mercado exterior. Considerou moi imporante o eixo vertebrador que con Iberoamerica terá esta entidade de nova creación e convidounos a que mantivésemos contactos sobre esta cuestión coa Secretaría de Emigración e coa de Cooperación Exterior.
En definitiva, unha excelente reunión de traballo, tanto polo exquisita receptividade dos anfitrións, como polo seu rigor e claridade para enfocar cada un dos temas propostos. Os representantes dos editores, como valoramos na Xunta Directiva que celebramos hoxe, saímos de Monte Pío coa confianza e a satisfacción de que a Presidencia do Goberno Galego asume a importancia cultural e empresarial do noso sector. Algo decisivo que botabamos en falta, dende hai moito, e nos enche de azos para continuar coa nosa fantasía.
3 comentarios

Los comentarios están desactivados.