A reforma de Balaídos
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre os criterios que entendo deben respectarse na reforma integral do estadio de Balaídos.
O anuncio da reforma integral do estadio municipal de Balaídos, tras o acordo entre o concello de Vigo e a deputación de Pontevedra para entre as dúas entidades achegar a partes iguais os dous terzos dun orzamento dunha obra de case trinta millóns de euros, merece ser comentado. Unha reforma necesaria para renovar unhas instalacións envellecidas, e nalgúns casos perigosas, utilizadas por milleiros de persoas para as que cómpre garantir a súa seguridade e maior comodidade.
Sei que neste tempo fraco para as arcas públicas, onde tanto se resinten os servizo sociais básicos, non vai ser doado xustificar o gran esforzo económico que ambas as dúas administracións locais anuncian para os dous ou tres próximos exercicios (arredor de dez millóns de euros cada unha) na reforma dunha instalación municipal utilizada por unha empresa privada. No entanto, sei que será defendido polos seus promotores pola importancia do Celta como expresión dun sentimento compartido de forma unánime pola cidadanía, mais tamén pola súa capacidade de xerar actividade noutros sectores económicos. Argumentos pouco cuestionables xa que todos os equipos históricos de fútbol son máis ca un club, expresións de identidades locais e nacionais. E como tal, o Celta non é só unha institución deportiva nonaxenaria, é tamén o mascarón de proa de Vigo, o seu primeiro embaixador internacional, o vínculo sentimental para os milleiros vigueses e viguesas da diáspora.
Mais como non somos inocentes, non e difícil identificar que o anuncio desta reforma de Balaídos forma parte do espírito de gran coalición que motivou o acordo orzamentario asinado por PSOE e PP no concello de Vigo, xusto cando entramos nun período preelectoral no que Abel Caballero e (previsiblemente) José Manuel Figueroa competirán pola alcaldía viguesa. Tras a denuncia xudicial, presentada polo secretario local do PSdeG-PSOE de Pontevedra, sobre o sobrecusto das obras da reforma do estadio de Pasarón (valoradas en 7,2 millóns de euros, mais que tras tres modificacións superaron os 17 millóns), froito tamén dun convenio entre Deputación e concello de Pontevedra, semella que os dous socios vigueses pretenden con este convenio blindar a reforma de Balaídos dos litixios da campaña.
Xaora, é moito menos entendible no marco dun convenio, do que se descoñece a súa redacción e no que se anuncia está prevista, mais aínda non comprometida, a participación doutras administracións públicas (Xunta, Consello Superior de Deportes e Zona Franca), a achega pecuniaria do Real Club Celta de Vigo S.A.D., apenas 2,2 millóns de euros, menos do 10 % do orzamentado. Unha achega moi cativa para a beneficiaria directa da actuación que recibiría unha valiosa axuda indirecta que para así quixeran nun momento crítico outras sociedades culturais e deportivas emblemáticas (como o Náutico ou o Mercantil) e mesmo outras empresas tamén estratéxicas para a economía e o emprego na área metropolitana e para a conformación do tecido civil da sociedade viguesa. Por moito que sintamos como propias ás cores celestes, debemos recoñecer que hoxe o Real Club Celta de Vigo, como sociedade anónima deportiva participante nas competicións da Liga Española de Fútbol Profesional, ten un valor económico non desprezable no mercado global do fútbol, onde se moven moitos intereses e millóns de euros, dos que son só beneficiarios e responsables os seus accionistas. É imprescindible, pois, coñecer as condicións e contraprestacións da participación do Celta neste tan custoso proxecto.
Ademais do reparto das achegas e responsabilidades, entre as administracións públicas e o club, non é cuestión menor para a cidade coñecer o impacto urbanístico que esta reforma do estadio terá sobre o barrio de Balaídos e sobre as instalacións industriais da Zona Franca. Máis alá da muda de pel do estadio e da prevista construción de novas gradas nos fondos, é imprescindible solucionar a cuestión do aparcamento que hoxe estrangula o acceso ao recinto deportivo e incomoda a veciñanza nos días de partido. Como tamén o é contemplar a necesidade de remodelación das pistas de atletismo, hoxe moi deterioradas, e dos espazos de uso público, valorar o impacto da actuación sobre o funcionamento de Citröen e a renovación das infraestruturas que eviten novas inundacións do Lagares.
A reforma integral do estadio municipal de Balaídos é necesaria mais non pode facerse a calquera prezo. Require un proxecto integral de actuación arquitectónica e urbanística moito máis preciso que as maquetas presentadas até agora na prensa. Como tamén pechar unha memoria económica na que apareza unha valoración detallada dos custes das obras e do seu financiamento, onde as diferentes achegas sexan redistribuídas de forma equitativa entre os participantes.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir