A derradeira oportunidade para Samil
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha oportunidade para as praias de Samil:
Vía GCiencia souben da recreación interactiva da elevación do mar publicada na rede por Afundación. Unha recreación virtual para un total de 62 puntos da beiramar da península ibérica, na que se compara unha fotografía da situación actual (2020) e a estimación do terreo que quedaría baixo o mar no ano 2100, segundo a interpretación dos estudos realizados por Climate Central, unha organización independente que investiga e informa sobre o cambio climático. Máis alá da alarma que poidan provocar estes prognósticos, que tratándose de grandes conxuntos de datos poden incluír algúns erros, chama a atención que no Atlántico galego, onde son comparados 22 espazos de beiramar, os territorios asolagados debido a elevación estimada do nivel do mar nun metro, modificarían completamente a paisaxe actual até facela irrecoñecible. Sucedería na illa de Arousa, cuxo territorio quedaría severamente reducido ou no Val Miñor onde as praias de Ladeira, Lourido e Gaifar estarían ameazadas. Prognósticos que obrigan a tomar conciencia de que a rexeneración dos océanos é unha tarefa urxente, sendo responsabilidade das xeracións actuais reducir a acidificación das augas e a contaminación dos ecosistemas terrestres e marítimos.
Neste prognóstico a recreación sobre o que podería suceder co porto de Vigo non pode ser máis preocupante xa que grosso modo serían anegados a maior parte dos espazos portuarios que, non o esquezamos, foron gañados ao mar ao longo dos sucesivos recheos da ría ao longo do século XX. Un xeito de xustiza poética da propia natureza que devolvería ao mar o que se lle foi roubando. No en tanto tratándose dunha predición a tan longo prazo debería ser utilizada apenas como unha referencia para orientar a organización e optimización do uso dos actuais espazos portuarios e, canto menos, evitar novos recheos. Porén, ese non semella ser o criterio da actual Autoridade Portuaria que meses atrás anunciou no marco do Plan Estratéxico do Porto de Vigo 2018-2018 a ampliación dos espazos portuarios con novos recheos. Velaí o anuncio dun de 5.000 metros cadrados coa intención de ampliar a lonxa, o que afastaría do mar o edificio do auditorio deseñado polo arquitecto César Portela como unha grande fiestra sobre o mar. Por non falar dos proxectos de novos recheos en Bouzas (165.000 metros cadrados) ou no propio peirao do Areal sobre os que os responsables do concello de Vigo e do Ministerio de Fomento teñen que decidir.
Pese a todo o espazo da beiramar viguesa máis ameazado polos efectos do cambio climático e ao mesmo tempo con máis posibilidades de recuperación é o da praia de Samil. Abandonado o proxecto de recuperación medioambiental integral da praia, previsto no PXOM de 2008, que contemplaba aumentar a anchura do areal até en cen metros e obrigaba a desprazar o actual paseo nalgúns casos até 60 metros, é imprescindible desenvolver decontado un novo proxecto que evite a desaparición a medio prazo da praia e do seu espazo intermareal. O areal de Samil agoniza debido a estrada que destruíu a duna nos anos e 50 e ao muro de formigón construído en 1971 que foron modificando o perfil natural e a dinámica da duna de xeito que xa hai zonas sen área durante os actuais temporais. Aquel Samil da praia da Argazada que coñecimos na nosa infancia como unha praia aberta e dunas con piñeirais converteuse hoxe nunha franxa de área de apenas 20 metros nos mellores casos, que chega a desaparecer nalgunhas zonas en inverno. Non hai volta de folla, os areais de Samil precisan e poden volver a recuperar o seu espazo e fasquía roubados.
Por ventura, para salvar a nosa primeira praia urbana contamos co precedente da intervención con éxito sobre o Vao, un proxecto dos servizos municipais de medio ambiente que con visión estratéxica e moita paciencia conseguiu ampliar de forma moi considerable tanto o areal como o espazo e a flora intermareais. Unha estratexia que debe emularse para devolverlle a Samil o que durante cinco décadas o formigón lle roubou. Unha intervención medioambiental que pasa inevitablemente, como propuxo o enxeñeiro vigués Pablo Brea, por desprazar o paseo actual 25 metros, derrubar as cafetarías e prescindir das piscinas e outras instalacións deportivas, o que permitiría gañar metros ao areal e rexenerar parte das dunas. Certo é que haberá que solucionar o futuro da incomprensible concesión recente dunha nova cafetaría (con licenza municipal até 2044), mais non pode ser obstáculo para acometer unha actuación prioritaria de interese xeral. Como tamén o é que semellante actuación sobre o areal debe estar integrada no ordenamento urbanístico da zona e no proxecto de mobilidade (á praia habería que chegar sobre todo en bicicleta e en transporte urbano eléctrico). Samil debe contar cunha derradeira oportunidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir