Campo do Fragoso CI

NOITE DE FESTA
Foi a do luns pasado un noite de festa en Balaídos, tanto polo resultado avultado como polo enorme golpe de autoridade que para os seus rivais directos (sobre todo para ese Betis agora en devalo) supuxo a vitoria do Celta. Tras catro tempadas sobrevivindo entre lusco e fusco, a luz do equipo noso é cada xornada máis potente e enxerga con nitidez os territorios de primeira. Unha gloria para unha afección moi prudente que aínda expresa a súa ilusión de forma moi contida. A pesar do rotundo catro a cero, enganariamos se pensásemos que foi un partido doado para os nosos. Nin moito menos. Custoulles moito arrincar. Até que David Rodríguez marcou o seu primeiro tanto, coincidindo coa media hora de xogo, o Celta estaba sendo dominado por un Numancia ao que non lle acompañou a fortuna. Os sorianos durante o primeiro cuarto de hora estragaron un xute ao pao de Barkero e un fortísimo pexegazo de Dimas rexeitado polo longueiro. Durante este período o Celta quedara encaixado no seu campo, medroso diante da excelente capacidade combinatoria dun rival que aseñoraba a bola e non tiña outro horizonte que superar a Falcón. “U-los espazos de ataque?”, era a pregunta que se facían os membros da temible segunda liña celeste cando aproveitaron unha bola horfa no medio do campo que De Lucas conduciu a escape ao longo da banda dereita até centrar raso, coa precisión dun deliñante, para que David Rodríguez marcase de punteira. Entón, aquel Numancia do toque paciente e acompasado perdeu de súbito o seu fol e comezou o concerto celeste dirixido por Roberto Trashorras, un futbolista do xogo de billar, capaz de ganduxar de forma discreta xogadas bonitas en calquera espazo da lameira e de achegar o protagonismo que precisan cada un dos seus compañeiros. Da biqueira do xenio de Rábade naceu un contragolpe canónico de tres toques que debería pasar a ser materia de estudo na escola de adestradores: Trashorras envía una bola longuísima, recollida en carreira pola velocidade electrizante de De Lucas e rematada a rede con idéntico ritmo e precisión dende o centro por David Rodríguez. Tras semellante peza, ao concerto celeste incorporáronse outros solistas dunha orquestra que no seu conxunto vibrou de forma moi harmoniosa. Así, Roberto Lago, un lateral que nunca renuncia a ensaiar o caneo e procurar a área rival, tras unha xogada de auténtica fantasía, na que contou co tiraliñas do soberbio De Lucas, conseguiu un dos mellores goles da súa vida. Outrosí sucedeu con Dani Abalo que aproveitou os escasos minutos cos que contou para marcar coa esquerda (a súa perna mala) tras un par de caneos e bicicletas que xebraron a defensa numantina. Diante de semellante derroche de beleza, que nos lembrou algúns daqueles partidos do xogo da serpe de Víctor Fernández de hai unha década, os seareiros de fondo reclamaron a presenza de Papadopoulos na lameira, oportunidade que Herrera non desaproveitou para darlle minutos ao xogador máis incomprendido do cadro. Mágoa que o grego non pechase un gol que semellaba feito cando a bancada se distraía coa onda. Sendo importantes a excelente hora final de xogo e os catro fermosos caroliños (lembramos con saudade a expresión de Derviche), o máis relevante foi a capacidade do equipo de converter a noite nunha festa para os seus seareiros. Nesa comuñón afectiva e nese entusiasmo contaxioso pode estar unha das claves do ascenso.

1 comentario
  1. Adycto
    Adycto Dice:

    a verdade é que foi o máximo!!! E realmente penso que a comuñón afeción-equipo está a ser unha das craves, así como a implicación dende hai anos da canteira. Hoxe mesmo renovouse a 5 xogadores (Aspas, Alex, Abalo, Vila e Mallo) e estamos a espera de renovar á “Locomotora do Calvario”. Estes canteiráns son e serán as bases do éxito do Celta. Son o seu corazón e os responsables do éxito e así debe seguir.

Los comentarios están desactivados.