Marcos Calveiro e Ramón Trigo na Feira do Libro de Vigo
Marcos Calveiro e Ramón Trigo. Feira do Libro de Vigo. 7 de xullo de 2010. from Manuel Bragado on Vimeo.
Bos amigos e amigas laiábanse onte no Facebook do escaso interese que para eles está tendo a Feira do Libro de Vigo. Sen pretender contradicilos e asumindo unha decepción de fondo, que comparto con eles sobre o modelo organizativo rotineiro desta Feira do Libro, froito da profunda crise da cultura participativa en Vigo (algo que merece unha reflexión devagariño), creo que, no obstante, se desenvolveron actos moi interesantes nos que quizais eles non repararon. Velaí esta performance do escritor Marcos Calveiro e o pintor Ramón Trigo, realizada o mércores 7 de xullo, coincidindo co delirio provocado polo equipo de Del Bosque. Outrosí sucederá, con certeza, coa magnífica intervención artística da escritora Teresa Moure, prevista para este serán, que se ven presentando con enorme éxito e interese por parte do público nesta xeira de Feiras do Libro de Galicia. A evidente insatisfacción polo modelo actual das Feiras do Libro de Galicia e pola función que cumpren neste difícil momento, caracterizado pola crise da edición cultural e de autor, como pola transición cara aos soportes dixital, non deben impedir que valoremos con xusteza algunhas experiencias tan valiosas como as citadas.
Pois fagamos algo, e fagamolo xa, porque laiarse vale de pouco, cada vez de menos. E preciso pensar cara onde queremos ir e arriscarse.As subvencións que nos matan e teñen aterecidos alonxaron ao sector do lector e levaronno a un Olimpo solitario elitista en ocasións e en xeral algo absurdo. Non podemos seguir perdendo público en pensar que as campañas da autoridade competente de turno nolo vai traer. O inmovilismo e a preguiza no sector e tan grande que da máis que noxo. Sínto dicilo dunha maneira tan cúa, seguro que inxusta, pero as Feiras son como somos.
E a min que me da a impresión de que estas ferias non se organizan pensando no que interesa ao lector/comprador, senón o que lles mola aos autores e aos editores…
Foi unha fermosa opción ao partido.