A Síndrome do Impostor
Cando remate esta terceira tempada de Claudio Giráldez como adestrador do Celta, haberá tempo para explicar os extraordinarios resultados obtidos polo equipo como visitante, con cifras de récord, entre os tres mellores da competición, como entender as razóns de derrotas por amplas goleadas, que deixan mudo e aplanado Balaídos diante do Alavés, Oviedo e Levante, tres equipos modestos que chegaron a Vigo ao bordo do abismo e saíron esperanzados polas súas inesperadas remontadas nas segundas partes, onde foron superiores aos desconcertados celestes.
Quizais, as vitorias lonxe de Balaídos, como a máis recente, a memorable diante do Atlético no Metropolitano, poidan explicarse botando unha ollada no manual de xiraldismo básico, como unha combinación perfecta de resiliencia defensiva coa explosividade creativa de Williot, case sempre participante nos mellores goles celestes, asociado a experiencia de Borja Iglesias, un dianteiro feliz con Claudio no banco, que está completando unha das súas mellores tempadas da súa longa traxectoria. Porén, para explicar as tres derrotas no coliseo do Fragoso, habería xa que acudir á biblioteca e procurar nun manual de educación emocional o apartado dos medos, e dentro deles a entrada dedicada á síndrome do impostor (SI), á que tantas veces recorren os guionistas do audiovisual.
Trastorno emocional moi común, que afecta nalgún momento das súas vidas, ao oitenta por cento da poboación, a SI explica que persoas capaces dubiden dos seus éxitos e os sintan como unha fraude, a pesar da súa máis ca evidente capacidade para enfrontar situacións difíciles. SI que decote obedecería ao temor, no caso do Celta xiraldino, a ser descuberto como máis feble e incapaz do que aparentan os seus resultados. Como tampouco sería un disparate atribuír a parálise, que este medo provoca, a un perfeccionismo extremo, que leva a esixirse niveis de excelencia tan elevados que serían inacadables. Hipótese que despois do serán de procrastinación e conseguinte derrota co Levante, como das declaracións do propio Giráldez ao seu remate, «cando non somos humildes, perdemos», confirmaría que a alfombra do Fragoso é o escenario dunha serie de terror deportivo protagonizada polo equipo celeste sometido aos efectos da SI. Un Celta de película, de medo!
O peor do caso é que os seareiros do Celta coñecemos xa o argumento da película, que diante do Levante foi case un calco do sucedido co Alavés. A saída foi esplendorosa, que anunciaba a intención dos de Giráldez de liquidar pola vía rápida a clasificación europea. No once de gala, con oito canteiráns, xuntou a boa parte das mellores biqueiras do cadro e escolleu a Fer e Sotelo para acompañar a Aspas na dirección de semellante orquestra. E aos dous minutos de xogo, Fer xa puido abrir o marcador, pero só non foi capaz de superar ao porteiro valenciano. Dous minutos máis tarde, Jutglá si soubo facelo, despois de chegar caneando ao interior da área e xutar ao pao longo. Outro golazo do catalán que sería, outra vez, o mellor dos celestes, inaccesible ao desánimo, desbordando sempre afouteza. Non se podía agardar mellor inicio, continuado por Aspas cun xute de sete estralos co que puido chegar o segundo.
Por desgraza, a clara superioridade no xogo nas dúas areas e co marcador por diante, o Celta foise desacelerando até chegar a unha fase de fútbol conformista, lento e insípido que agoiraba o que por desgraza sucedeu, cando faltaban uns minutos para o intervalo. Os visitantes empataron tras un xutazo tremendo de Arriaga dende moi lonxe que Radu, cegado polo sol, axudou a introducir na propia porta. O que foi heroe no Metropolitano cometía un erro fragrante!
Tras a filípica de Giráldez no vestiario, O Celta recuperou a iniciativa e a velocidade. En apenas tres minutos Jutglá aproveitou unha asistencia de libro de Rueda, cando Fer meteu unha marcha máis abrindo o xogo pola banda. Foi, entón, cando debeu aparecer o impostor por Balaídos e os de Giráldez volveron as andadas, a un fútbol sen chispa ningunha, confusión que os visitantes souberon aproveitar para ensaiar o que tanto éxito lle dera na primeira. O empate chegou cun trallazo dende fóra da área que perforou a meta de Radu. Balaídos sabía que a traxedia da remontada visitante chegaría. Foi en apenas catro minutos, cando Roger Brugué, que acababa de entrar, marcou dunha cabezada nun saque de recanto, que ninguén defendeu.
Giráldez fixo entón os cinco cambios, pero os visitantes co marcador por diante souberon marear un partido, no que se xogaban a posibilidade de seguir na pelexa pola permanencia. Certo é que Borja Iglesias puido marcar e que houbo algunha disputa na área que puido considerarse penalti, pero o Levante non se deixou intimidar. Outra vez máis, o Celta reaccionaba tarde, tras outro partido pésimo, probablemente, mal concibido polo equipo técnico e aínda peor desputado. A clasificación europea subiu de prezo, tamén para o Celta.
Publicado en Faro de Vigo: 14/05/2026



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir