A represión franquista en Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo presento o ciclo de memoria democrática do Ateneo Atlántico no que interveño esta tarde nun panel sobre a represión sobre as familias Fraiz e Bilbatúa:

O Ateneo Atlántico iniciou un Ciclo de Memoria Democrática, no que se homenaxearán as vítimas da Guerra Civil e da ditadura na provincia de Pontevedra, coa intención de que non sexan esquecidas e se lles recoñeza a súa dignidade. Seis actos, un por mes, de xaneiro a xuño, que se celebrarán en diferentes espazos cívicos da cidade (Marco, AA.VV. Praza da Miñoca, Once, IES Politécnico e IES O Castro) e contan co apoio do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática. Ciclo no que se presentarán testemuños da represión franquista sobre varias familias viguesas mártires e a  represión e o papel dos campos de concentración da illa de San Simón e de Camposancos, ademais das testemuñas de militantes perseguidas pola ditadura (1950-1975).

O programa contempla a participación do ilustrador Kiko da Silva, que presentará o libro de banda deseñada Regreso á illa de San Simón, ademais de contar con recoñecidos profesionais da investigación histórica, Conchi López Sánchez, Montse Fajardo, Cristina Caramés, X.M. Domínguez Freitas e Francisco Etxebarría Gabilondo, que reflexionarán sobre o papel da investigación na Memoria Democrática e o dereito á memoria, dignidade e a reparación das vítimas.

Os organizadores confesan que con este ciclo pretenden combater a desinformación e falsidades dos mitos creados polos que hoxe pretenden branquear o franquismo entre a mocidade como un réxime aceptable e negan que a Guerra Civil fose un golpe de estado de Franco contra un goberno lexítimo. Revisionismo auspiciado pola extrema dereita que oculta, como se pode ler na biografía Franco (Editorial Crítica 2025) de Julián Casanova Ruiz, que 200.000 persoas morreron en combate e operacións militares, 100.000 persoas vítimas da represión dos militares sublevados, das que 50.000 foron executadas entre 1935 e 1946; 55.000 vítimas pola violencia exercida na zona republicana; ao que se debe engadir a sobre mortalidade por doenzas e por fame que eleva a 350.000 as vítimas da Guerra Civil e posterior ditadura de catro décadas.

Datos que cómpre detallar por territorios para comprender as características da represión. En Galicia, o proxecto de investigación da Universidade de Santiago Nomes e voces fixa en 1.466 as persoas executadas por causas sumariais e 3.233 as mortes extraxudiciais, o que suporía 4.699 vítimas. No caso de Vigo e bisbarra, os datos achegados por Xoán Carlos Abad Gallego, historiador fundador do Instituto de Estudios Vigueses, autor de libros extraordinarios como Cen personaxes entorno a unha guerra. A República e a Guerra Civil na comarca de Vigo a través dos seus protagonistas (IEV 2008) , fixa en 149 as persoas fusiladas tras causas sumariais; sobre 500 as asasinadas extraxudicialmente, en sacas e paseos; máis de duascentas as obrigadas a fuxir ou agocharse nos montes da comarca, ás que habería que engadir as nunca contadas que colleron os camiños do exilio.

O ciclo do Ateneo examina no acto hoxe no auditorio da Miñoca a represión en Vigo e bisbarra, iniciada dende a lectura do bando de guerra na Porta do Sol o 20 de xullo de 1936. Represión que en Vigo foi violenta e sistemática, asañándose dende o inicio con algunhas familias da Fronte Popular, como os Bilbatúa, Moreda, Araújo ou Fraiz, coa vontade de ser exemplar e amedrentadora para toda a poboación. Concretouse na utilización de dous procedementos tan implacables como sanguentos: o xudicial das «causas sumariais» e o extraxudicial dos «paseos ou sacas». O primeiro, organizado por xulgados militares, catro no caso de Vigo, todos con sede no edificio do cárcere e Pazo de Xustiza. Causas que foron pantomimas xudiciais, procesos abreviados nun único acto xurídico, onde a instrución e a achega de probas, a defensa dos acusados e a condena levaban pouco tempo. En menos de dúas horas o reo entraba na sala para ser xulgado e saía condenado a morte polos delitos de «rebelión militar», «auxilio á rebelión militar», «sedición» ou «traizón» O segundo, «os paseos» das «brigadas do amencer» ou «sacas» liquidaban a presos escollidos entre os que agardaban pola investigación das súas posibles responsabilidades, mais que serían sacados de noite do cárcere da rúa do Príncipe, do Frontón de María Berdiales, das cortes do cuartel da Garda Civil da rúa Magallanes ou das súas propias casas por un grupo armado composto decote por gardas civís e falanxistas. Os cadáveres das vítimas aparecían ao día seguinte nas gabias ou nas praias, xeralmente cun tiro na barriga, que era marca simbólica dos falanxistas. Episodios de terror branco ao que se engadía o castigo da feroz represión económica, que arruinaba as familias das vítimas, e as penalidades sufridas polos fuxidos, os que se botaban ao monte ou se ocultaban, os entobados, temerosos de ser detidos polos falanxistas.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *