Campo de Granada 25 anos
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos vinte e cinco anos dos artigos de Campo de Granada:
Foi Ceferino de Blas, entón director xeral de Faro de Vigo, quen me abriu hai vinte e cinco anos ás páxinas de opinión do decano. Baixo o epígrafe de «Campo de Granada», topónimo do campo da feira ao pé do monte do Castro, onde se construíu na década de 1970 a nova casa do concello de Vigo, o domingo 22 de agosto de 1999 apareceu o artigo inicial, «La Favorita de Príncipe», unha homenaxe ao comercio de toda a vida da máis elegante rúa viguesa, con motivo do pasamento de don Juan García Robelló, copropietario desta mercería familiar durante cinco décadas. Primeiro texto dunha sección, que esta semana chega aos 1.250 publicados, concibida para contribuír a compartir a memoria de Vigo, divulgar a súa historia, defender o seu patrimonio artístico, arquitectónico, paisaxístico e inmaterial, así como atender á axenda política, social e cultural viguesa.
Escritos dende o compromiso coa lingua galega e coa convicción do liderado de Vigo tanto no proxecto do autogoberno galego como entre as cidades da fachada peninsular atlántica, os artigos de Campo de Granada foron conformando engorde unha crónica persoal, polo tanto subxectiva, do Vigo das primeiras décadas do século vinte e ao mesmo tempo ofreceron unha ollada ao seu pasado (sen nostalxia) e, como sinala J.Montoya, procurando identificar nesas pegadas o seu continuo presente. Cun afán explicitamente divulgador, alicerzado, sempre que foi posible, sobre unha sólida base documental, estes artigos expresaron a confianza da cidade nas súas propias posibilidades, así como a conveniencia de recuperar o desenvolvemento estratéxico metropolitano e os acordos entre partidos e institucións, espazo político por desgraza hoxe pouco frecuentado, evitando a comodidade da hipérbole e do vitimismo como dúas perigosas doenzas para o viguismo galeguista no que acreditamos.
Utilizando con máis frecuencia a paleta da proposición e da felicitación que a da crítica, en Campo de Granada celebramos o rescate dalgunhas pezas do patrimonio vigués: o pazo de xustiza e cárcere transformado en Museo de Arte Contemporánea (Marco, 2002) e o vello matadoiro de Alcabre convertido en Museo do Mar de Galicia (2002). Abeizoamos sen reservas as peonalizacións do Calvario, da Porta do Sol, da rúa Elduayen e do paseo de Afonso, como a recuperación residencial do Casco Vello alto, a instalación de elevadores no marco da estratexia de mobilidade peonil ou a modélica recuperación do espazo intermareal do Vao. Non esquecemos fachendear da anovación das festas de Entroido, coa recuperación da máscara viguesa do «Merdeiro», nin da consolidación da Reconquista como primeira festa popular da cidade. Como foron motivo permanente de parabéns o interese e calidade das publicacións do Instituto de Estudios Vigueses, xa máis de duascentas, un traballo extraordinario para o desenvolvemento do corpus da historia viguesa con criterios historiográficos actuais.
Xaora, como non podía ser doutro xeito, nestes artigos utilizouse a ferramenta da crítica e da denuncia, reclamándose de forma teimosa a recuperación da Panificadora e do Teatro cine Fraga, a creación dun museo da cidade, a construción dunha biblioteca do estado e a creación dunha rede de bibliotecas públicas dotada de recursos e profesionais á altura da que é a capital do libro en Galicia. Denunciouse o peche do Centro Galego de Fotografía e o abandono da Fotobienal. Reiterouse a defensa dos sectores económicos vigueses, dende os portuarios aos da industria da automoción, salientando a posibilidade de artellar arredor deles un novo distrito industrial, para o que sería decisiva a finalización do eixo atlántico ferroviario e da saída sur que facilite a súa unión con Portugal.
Sei que se podería escribir, 25 anos despois, un artigo que chorase aquela rúa do Príncipe de 1999, da que hoxe apenas queda a xoiaría centenaria de Ramón Fernández, unha vez que pecharon a Papelaría Comercial, a farmacia Carrascal, La Ideal, Bolsos Barros, Fotomecánicos, entre outros establecementos. Hoxe Príncipe é unha rúa peonil comercial moi semellante pola composición da súa oferta á doutras cidades peninsulares e europeas, con escasos encantos propios que a distinga. Apenas outro froito da temible turistificación e xentrificación que xa sofre Vigo e padecemos sobre todo a veciñanza do centro, incrementada coa campaña hiperbólica das luces de Nadal.
Chegados a este aniversario de Campo de Granada, agradezo a confianza tan xenerosa das diversas direccións de Faro de Vigo, singularmente a de Juan Carlos Da Silva e a actual de Rogelio Garrido. E sobre todo expreso hoxe a miña gratitude aos lectores e lectoras que durante este cuarto de século atenderon a estes textos e compartiron tantas veces a súa opinión sobre eles nas redes sociais.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir