O Cristo da Guía
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a instalación dun Sagrado Corazón de Xesús na ermida da Guía:
Coñecemos hai poucos días o busto do Cristo da Guía, unha das seis pezas que formará parte da escultura do Sagrado Corazón de Xesús que esta semana se colocará sobre a ermida da Virxe da Guía, dedicada a Nosa Señora das Neves. Unha imaxe de granito de seis metros de altura e oito toneladas de peso realizada pola Escola de Canteiría de Poio da Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio co Concello e a Diocese de Vigo, que setenta anos despois pretende rematar o proxecto que para a igrexiña da Guía fixo o arquitecto Manuel Gómez Román. Cun custe de 84.000 euros, pagados entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, esta escultura relixiosa está chamada para os seus promotores e patrocinadores a converterse nunha nova icona da cidade de Vigo marcando o perfil da ría dende os cen metros de altura do outeiro do castro da Guía, dende os que se pode enxergar tanto o horizonte das illas Cíes como o estreito de Rande e a enseada de San Simón e das salinas do Ulló. Unha instalación promovida inicialmente polo párroco de Teis que considera, segundo as súas declaracións á web infocatolica.com, «será a escala como unha especie de Cristo de Corcovado de Río de Janeiro», e que a propia alcaldía de Vigo considera «moi importante» porque «será visible dende toda a cidade».
Mais lonxe de tratarse doutra escultura instalada polo concello no espazo público, a colocación desta imaxe do Sagrado Corazón de Xesús (SCX) na ermida da Guía ten nun estado constitucionalmente aconfensional coma o noso unha dimensión crítica na orientación da política cultural da cidade tanto por tratarse dunha peza inequivocamente relixiosa como polas connotacións históricas que o SCX tivo para lexitimar ao bando dos sublevados en 1936, e a súa manipulación para dotar de “sobrenaturalidade” á guerra civil e a Francisco Franco como o seu líder e despois consolidar o seu goberno. Exaltación do SCX cunha forte pegada belicista, estudada polo historiador Pablo Baisotti (Cultura Latinoamericana, 2015), que dende o inicio da guerra civil se realizaba nas súas cerimonias de consagración e entronización presididas por xenerais e autoridades civís e relixiosas en igrexas ou nos locais de Falanxe, Sección Feminina ou Acción Católica. Como nas bandeiras do Requeté ondeaba a imaxe do SCX e os combatentes desfilaban cun distintivo de tea que levaba bordado o SCX coa palabra “detente”, transformando o simbolismo do corazón en protección contra as balas inimigas.
Culto ao SXC introducido en España polo xesuíta Bernardo de Hoyos no século XVIII coa intención de conseguir a adhesión popular á devoción, que ao longo do século XIX se politizou intensamente sendo considerado en España como un símbolo da restauración do absolutismo monárquico e unha vía para consolidar a plena confesionalidade do Estado. Tras o agravamento da chamada cuestión social a comezos do século XX e das políticas secularizadoras dos réximes liberais, a estratexia de procurar unha lexitimación relixiosa para a reconstrución cristiá da sociedade foi culminada coa consagración de España ao SCX no Cerro de los Ángeles o 30 de maio de 1919, estendéndose como devoción a Cristo rei durante a ditadura de Primo de Rivera como antagonista da cultura política democrática republicana que triunfaría nas eleccións de 14 de abril de 1931. Culto ao SCX que tras o Alzamento representaría a estratexia do nacional catolicismo que unía nun mesmo discurso os conceptos de Cruzada, relixión e Franco como Caudillo de España. Estratexia infelizmente recuperada no comezo da Reforma Política da década de 1970 cando o berro de “¡Viva Cristo rei!”, converteuse no identificador da extrema dereita.
Con semellantes antecedentes históricos é incomprensible e inédito que dúas administracións, concello de Vigo e Deputación de Pontevedra, custeen con fondos públicos unha imaxe relixiosa que representa a estratexia do nacional catolicismo de mesturar os cultos relixiosos coas súas implicacións políticas. Como é aínda máis desafortunado facelo na proximidade do espazo onde foi paseada o 11 de abril de 1937 unha parella de veciños de Teis, Ángela Iglesia Rebollar e José Niebla García, baleados de costas, cuxo único delito foi ser protestantes e desafectos ao réxime. Como tampouco cremos que a instalación da imaxe poida ser xustificada para completar o proxecto de Gómez Román, abandonado en 1951 por falta de recursos, nin tampouco para transformar o miradoiro en corcovado emblemático, cando apenas precisa de maior coidado do seu espazo natural e de regular o estacionamento de vehículos. Como é absurdo recorrer á instalación dun abuso de ostentación do nadal e a sufragar imaxes e procesións relixiosas coa intención de converter a Vigo nunha postal atractiva da que se sinta tamén orgullosa a súa veciñanza.
(“O Cristo da Guía”)
Magnífico artigo.
Documentado, razoado…
Escrito con “sentidiño”, que é o que lle cómpre a algúns políticos.
Moitas grazas.