Luces de longo alcance
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a instalación en Vigo da decoración e dun mercado de Nadal:
Pertenzo a esa parte da veciñanza viguesa que non comparte o entusiasmo da alcaldía pola celebración do Nadal convertendo o espazo público do centro nun parque temático. Unha desmesura de non sei cantos millóns de leds e da instalación de non se sabe cantas atraccións de feira que, máis alá das brincadeiras do primeiro edil nos estudios abusando do emprego de adxectivos en grao superlativo, afonda nunha coidada estratexia política de xentrificación do modelo urbano até facer case irrecoñecible Vigo á súa propia veciñanza.
Para relucir Vigo non precisa iluminar con milleiros de luces a Araucaria excelsa da Alameda, o indiscutible teito centenario do noso primeiro xardín urbano, chantada alí dende antes de 1880, e dende entón tinguida pola luz atlántica que acoitela a brétema sobre a ría. Como tampouco semella moi razoable instalar luces noutras árbores case centenarias da Praza de Compostela cargándoas co cableado e estresándoas coas tarefas de colocación e retirado.
Non é a mellor solución instalar un mercadiño de Nadal na Alameda coas súas estruturas, cables, pérgolas, altofalantes e case un cento de casetas de restauración, artesanía e vestiario sobre un espazo tan sensible como o deste xardín no que dende hai décadas medran até 45 especies arbóreas, algunhas delas protexidas, incluídas no catálogo de árbores singulares viguesas, como magnolias, castiñeiras de indias, teixos, nogueiras americanas, estripeiros, casuarinas, pradairos, entre outras. Como é tamén desafortunado que se modifique a atmosfera deste noso xardín botánico utilizando 27 canóns de neve artificial tres veces o día.
Tras a remodelación de 1925, na que foi derrubado o enreixado e o palco da música, concibiuse a Alameda como un filtro urbano natural que illase o rebumbio da cidade e o do porto. Artellouse así como asociación vexetal ornamental con cadansúa franxa de luz e sombra, coa súa cadencia de árbores en ringleira, estanques e parterres florais. Un deseño que amosa o claro interese botánico que hai máis dun século existía naquel Vigo portuario e cosmopolita capaz de transformar a alameda do ensanche de García Olloqui nun espazo interxeracional de calma, paseo demorado, encontro e conversa sosegada, onde ademais se podían escoitar os trilos de andoriñas e outras aves urbanas.
Aquel espírito xenuíno de xardín da Alameda quedou forxado nunha placa histórica de ferro, instalada no paseo central, na que aínda se pode ler: «Sendo estes xardíns propiedade de todos os cidadáns a todos eles interesa a súa conservación. Por isto os pon baixo o seu coidado e vixilancia. O Alcalde». Chamamento ao exercicio dun civismo que non perdeu vixencia ningunha e que debería ser asumido tamén polos responsables deste mercadiño para o que con certeza atoparíase unha localización máis idónea nas instalacións portuarias.
Xaora, como sinala Marcos Calveiro nas recomendabilísimas páxinas de Todos fomos (Xerais 2021), novela de intriga cen por cen viguesa, ambientada no esquecido barrio de Teis, a pesar de tantos millóns de luces e adornos de Nadal, Vigo continúa sendo «a xigantesca aldea caótica e desordenada que fóra sempre». Esa fronteira do alén (Ferrín dixo) «á que amamos polo seu caos e, por enriba de todo, pola súa luz; unha luz –nas palabras luminosas de Calveiro– que fai rexurdir a calquera das súas propias cinzas e reconstruírse día a día; unha luz fulcral que non se detecta en ningunha outra cidade».
Abofé que a escenografía efémera deste enorme decorado de Nadal, ademais do seu custe eléctrico e contaminación luminosa, non pode ocultar os problemas que Vigo arrastra dende hai décadas. Abonda ler as magníficas páxinas económicas de Faro de Vigo para saber que os sectores aínda básicos da economía viguesa, a automoción, as actividades portuarias e as de construción naval están ameazados; que o AVE non chegará na vindeira década nin por Cerdedo nin por Mondariz; que sacar adiante a Saída Sur ferroviaria requirirá moito esforzo colectivo ou que Peinador contará apenas coas liñas subvencionadas polo propio concello.
Neste contexto de dificultades, agravado polas incertezas dunha pandemia que non ten trazas de abandonarnos decontado, Vigo precisa con urxencia prender outras luces, estas de longo alcance: as da memoria, as da protección do noso patrimonio natural, arquitectónico e cultural, as da planificación estratéxica e innovación, as do emprendemento, as da participación cidadá… Luces que permitirán deseñar o proxecto do que será o Vigo futuro, que aventuro como sucedeu até agora capaz, a pesar de todo, de volver a reconstruírse. E se queremos gozar de luces fermosas e de longo alcance todo o ano podemos gozar do espectáculo diario do solpor sobre as Cíes dende o Paseo de Afonso e outros miradoiros nosos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir