Construír e habitar
Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro Construir y habitar de Richard Sennet:
Levo varios días prendido na lectura de Construir y habitar. Ética para la ciudad (Anagrama 2019), o ensaio máis recente de Richard Sennet sobre como deberían ser as cidades do futuro. Un texto de máis de catrocentas páxinas baseado na diferenciación entre dous significados do termo «cidade»: como lugar físico, o espazo urbano no que se asenta unha comunidade humana; e como unha mentalidade composta de percepcións, comportamentos e crenzas. Unha distinción expresada en francés con dúas palabras: «ville», para a cidade como espazo, «cité» para a cidade como mentalidade.
Para o sociólogo do MIT, discípulo de Hannah Arendt, esta diferenciación é imprescindible para poder identificar a conciencia de cada cidade, aquela que representa o xeito no que a súa cidadanía, desexa organizar a súa vida colectiva. Como xa fixera noutros títulos anteriores, tamén memorables, como «El artesano» (Anagrama 2009), onde estudaba a relación entre o cerebro e a man, e «Juntos» (Anagrama 2012), sobre a cooperación e o traballo ben feito, Sennet volve situar no centro da súa análise ao cidadán contemporáneo, neste caso para estudar a relación entre a maneira que se constrúe unha cidade e a forma na que é habitada, concibindo a cidade como a expresión dun estado de ánimo, unha forma de habitar e de ser.
Neste libro oceánico, Sennet comeza estudando a evolución do urbanismo ao longo da historia para deterse, despois, na actual fractura entre o vivido e o construído nas cidades, característica da expansión xigantesca das cidades no Sur global, como Shanghai, onde reapareceron os conflitos non resoltos nas cidades do Norte global. A seguir propón o seu modelo de cidade aberta que obriga a todas as persoas que alí viven a desenvolver habilidades para xestionar a complexidade, propoñendo cinco formas abertas de habitar a «tecnopolis» para un «urbanita competente».
Remata Sennet coa análise da turbulencia e das incertezas do cambio climático que obriga a rupturas en calquera das cidades do planeta e que todas deben enfrontar. Ningunha cidade poderá abrirse camiño á marxe desta crise e desta indeterminación, que obriga a construír e reconstruír as cidades, ameazadas pola escaseza dos recursos hidrolóxicos, e, no caso das cidades portuarias, polo risco de sufrir inundacións provocadas polos efectos do desxeo sobre os bordes acuáticos. Nas cidades do século XXI a auga volveuse un material tan destrutivo como funcional é escénico, xa que o cambio climático esaxera de modo traumático tanto a inundación como a seca, ao tempo que o que Sennet chama a «estética da auga», a contemplación da beiramar, a costa de mesturar os usos sociais e económicos crea unha fonte de valor desigual nas intervencións urbanísticas nestas cidades marítimas.
Lendo este libro de Sennet é inevitable pensar no Vigo actual e futuro, tanto polas mudanzas inevitables que sufrirá o seu espazo urbano, como cidade portuaria do Norte global, como polo devir da súa conciencia, froito da súa memoria bicentenaria e do seu incerto proxecto colectivo. Como é inevitable establecer atractivos paralelismos entre as referencias propostas polo sociólogo de Chicago e a nosa cidade. Entre todos eles o que quizais me pareceu máis atrevido é o que se pode facer con Kantstrasse, a longa rúa berlinesa que para Sennet condensa mellor ca ningunha outra a ética desa cidade, xa que en todo o seu percorrido, dende o seu comezo no distrito comercial ao seu remate na vella cidade obreira, pasando polos espazos elegantes de Savignyplatz, se sintetiza a mestura de xentes e actividades características da capital alemá.
Paralelismo que no caso noso poderíamos establecer coa rúa Urzaiz que condensa, quizais mellor ca ningunha outra, a ética da cidade viguesa, dende o seu inicio na praza da farola, pasando polos edificios pétreos de Michel Pacewicz, a «Peineta» de Jenaro de La Fuente, o edificio Albo de Castro e Alonso, até aos Choróns e as vivendas da Privada Moderna, ocupadas noutrora por ferroviarios, e o outeiro do Calvario máis popular. Os quilómetros encostos de Urzaiz, ademais de anfiteatro cívico desbordado polas comitivas cidadás viguesas, constitúen mestura de xentes e actividades dunha cidade cun pé na ría e outro nas vizosas terras do Val do Fragoso. En definitiva fusión de «ville» e «cité», de cidade e cidadanía.
Reflexionar sobre o urbanismo dende esta perspectiva ética obriga a repensar dende un certo tipo de modestia a forma tanto de construír como de habitar as cidades. Ter en conta en calquera proxecto construtivo ás persoas e ás súas circunstancias, sen esquecer as mudanzas e as indeterminacións do noso tempo. Procurar un debate urbanístico con este rostro humano, como propón Sennet, debería presidir o debate público ás portas das eleccións municipais.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir