Galicia cen
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición Galicia cen organizada polo Consello da Cultura Galega en Vigo.
No actual panorama cultural vigués non pode pasar desapercibida a exposición “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura” aberta até o 25 de marzo na Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo (o popular Teatro García Barbón). Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), contando coa colaboración de Afundación e ABANCA, esta mostra ensaia unha fórmula de divulgación histórica, inserida na tradición museística anglosaxona, coa que se pretende un achegamento novidoso ao relato da historia de Galicia.
Manuel Gago, o comisario da exposición, contando coa asesoría dun grupo moi prestixioso de historiadores e documentalistas vinculados ao CCG, procurou centos de obxectos históricos (pezas arqueolóxicas e artísticas, documentos impresos, ferramentas, armas, máquinas, vehículos, roupas…) e entre todos eles escolmou (o que non debeu ser unha tarefa doada) cen pezas icónicas capaces por si mesmas de contar a historia do noso país. Ordenounas cronoloxicamente e agrupounas por grandes e pequenos temas, procurando suscitar o diálogo entre elas a través dos séculos e suscitar o interese do propio visitante.
Artelláronse así os contidos dun proxecto divulgativo multisoporte que ofrece ao público unha exposición itinerante, inaugurada en Compostela o pasado mes de maio; un catálogo, que se pode adquirir en formato de libro impreso ou descargar gratuitamente en pdf; unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web na que se poden consultar modelos 3D e animacións. Ademais, o público adulto ten a posibilidade de participar en visitas guiadas á exposición todos os xoves (ás 7 da tarde) e os escolares de todos os niveis educativos nos obradoiros (“A cápsula do tempo”, “Galicia nun quebracabezas de cen pezas” ) concertados con seus centros.
“Galicia cen” admite unha lectura cronolóxica, criterio co que está ordenado o catálogo. Unha viaxe no tempo iniciada coas Ferramentas líticas de Porto Maior preto do Miño, correspondentes ao Paleolítico Inferior; o Colar da Chousa Nova da cultura megalítica feito de variscita, e a “Estela antropomórfica” de hai seis mil anos, a primeira representación do trasmundo. Un periplo que remata coas Reixas do pazo Baión, un dos primeiros trazos do empoderamento das mulleres do noso tempo, o Cartel de festas dunha verbena de 2015 e o Xabarín de Miguelanxo Prado, a número cen, icona das xeracións nacidas nas décadas de entre séculos.
Xaora, o visitante poderá facer unha lectura transversal, artellada arredor de sete espazos temáticos da exposición. Non faltarán sorpresas nas pezas que pode atopar en cada un deles. No Territorio: a Moeda do rei suevo Requiario, o Mapamundi do Beato de Osma ou o Teodolito co que Domingo Fontán deseñou o seu mapa. No Poder: A Mariscala, a cadea asociada ao mito de Pardo de Cela, ou o Mosquetón do guerrilleiro Foucellas. No trasmundo: un xugo do século IX, o máis antigo do que se ten noticia. Nas Transicións: o Machado de talón, as premoedas de finais do Bronce ou Traxe de feira de comezos do século XX. Nos Códigos: o “Códice Calixitino” (nunha edición facsimilar de 1993) ou a Máquina de escribir utilizada por Emilia Pardo Bazán. Nas Redes. A Ámboa de cerámica de Gundivós ou o baúl dun emigrante. E na Comunidade: a Campá do Hospital do Santo Antonio ou unha vaixela de Sargadelos.
A exposición admite tamén unha lectura por territorios. Entre as pezas procedentes do Vigo metropolitano identificamos a Ara ao deus Berobreo (século III-IV), procedente do Morrazo; unha páxina do manuscrito de “Cantares Gallegos”, que Rosalía de Castro entregou a Juan Compañel; algúns exemplares da revista “Vida Gallega” (1909-1938) de Jaime Solá; a portada de “El Pueblo Gallego” do día que se plebiscitou o Estatuto; latas de conservas de principios do século XX; a bicicleta de Delio Rodríguez, dos anos 60; a botella verde de Auga de Mondariz; a máquina de coser de Refrey (1952) ou os petos da Caja de Ahorros Municipal de Vigo (os populares “porquiños”) de comezos dos oitenta.
Inevitablemente, o visitante pode botar en falta algunhas pezas tamén emblemáticas como considerar irrelevantes algunhas das expostas. Non lle faltará razón. Porén, estes son riscos asumidos polos promotores desta exposición concibida para espertar a autoestima e o orgullo e provocar a curiosidade polo relato do país. Obxectivos acadados de longo por un proxecto innovador na divulgación histórica en Galicia que abre vieiros para a súa emulación noutras mostras. Unha exposición moi recomendable para pequenos e maiores, que achega doses de emoción, sorpresa, memoria, humor e coñecemento.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir