Onte 1826: Un Celta irrecoñecible
Todas as derrotas doen. E doen moito máis cando o derrotado renuncia a ser o que é ou pretende ser. Iso sucedeulle onte a un irrecoñecible Celta diante do Deportivo Alavés, xustísimo finalista de Copa. Fracasou Berizzo cando deseñou unha estratexia para a eliminatoria inusualmente medrosa, prudente até lirismo, renunciando a identidade inconformista forxada neste campionato. O Totto confiou en sacar adiante dous duelos tácticos de aborrecible mediocampismo que se resolverían na épica celeste dos derradeiros quince minutos de cada unha das xornadas.
Esa foi a razón pola que Berizzo arriscou cos seus catro medios e renunciou a que Guidetti e Pione Sisto apoiasen as accións de Iago Aspas no seu labor de furar o valado vasco. Mais nin as xenialidades do Merlín de Moaña nin os derradeiros minutos heroicos do Celta abondaron para dobregar a un Deportivo Alavés que tanto en Vigo como en Gasteiz creu máis nas súas posibilidades ca os nosos. Desta volta o noso admirado mestre Berizzo errou na pizarra e na lameira renunciando a súa identidade de equipo destemido. Xaora, a ilusión e a emoción da Copa quedarán para o ano que ven. Hala Celta!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir