Listado de la etiqueta: copa

Onte 1826: Un Celta irrecoñecible

Todas as derrotas doen. E doen moito máis cando o derrotado renuncia a ser o que é ou pretende ser. Iso sucedeulle onte a un irrecoñecible Celta diante do Deportivo Alavés, xustísimo finalista de Copa. Fracasou Berizzo cando deseñou unha estratexia para a eliminatoria inusualmente medrosa, prudente até lirismo, renunciando a identidade inconformista forxada neste campionato. O Totto confiou en sacar adiante dous duelos tácticos de aborrecible mediocampismo que se resolverían na épica celeste dos derradeiros quince minutos de cada unha das xornadas.

Esa foi a razón pola que Berizzo arriscou cos seus catro medios e renunciou a que Guidetti e Pione Sisto apoiasen as accións de Iago Aspas no seu labor de furar o valado vasco. Mais nin as xenialidades do Merlín de Moaña nin os derradeiros minutos heroicos do Celta abondaron para dobregar a un Deportivo Alavés que tanto en Vigo como en Gasteiz creu máis nas súas posibilidades ca os nosos. Desta volta o noso admirado mestre Berizzo errou na pizarra e na lameira renunciando a súa identidade de equipo destemido. Xaora, a ilusión e a emoción da Copa quedarán para o ano que ven. Hala Celta!

Onte 1580: A grandeza dunha derrota

CELTA - SEVILLASobre a lameira de Balaídos, case unha lagoa, na noite de onte sofrimos os efectos euforizantes da grandeza dunha derrota. Durante unha hora, até que Banega meteu o seu gol (froito do primeiro erro defensivo celeste) e Guidetti enviou o penalti ao pao, o equipo de Eduardo Berizzo forxou o soño dunha remontada copeira, que semellaba case imposible. Xaora, tras o segundo de Aspas, cando o ballón azoutaba no Fragoso, ese soño convertiuse durante un minuto en realidade. A afouteza e o esforzo extenuante, mesmo cando todo estaba perdido, nunca os perderon os celestes expresando así a dignidade dos derrotados que nunca se dobregan. Foi emocionante, entón, participar no canto da Rianxeira, algo que Balaídos reserva só para os grandes momentos, como na despedida ao equipo, intensa, prolongada e esperanzada. Apenas dúas mostras conmovedoras do orgullo do celtismo que agradecía a merecida vitoria (só simbólica) do perdedor. Tras unha gran competición de Copa, con xestas memorables como a do Manzanares, o Celta caíu cos brazos abertos, sen perder nunca os azos e a vontade de ser quen é, sen conformarse co resultado, por moi adverso que fose. Onte comprendemos, outra vez, que o fútbol é expresión teatral da vida, unha ilusión efémera coa que nos sentimos vivos, á espreita, coa ledicia e a decepción xogando en idéntico terreo.

Onte 1565: Ilusión e inocencia

ATLÉTICO MADRID VS CELTA

Tras a saída da presentación d’ A Galicia urbana en Pontevedra, apenas puiden escoitar no coche os últimos minutos da narración que Jacobo Buceta fixo da proeza do Celta no Manzanares. Emocioneime, abraiado por unha segunda parte na que os nosos dobregaban a un durísimo Atlético. Sentinme coma un deses centos de celtistas novos da diáspora que siguen ao Celta conectados a internet desde Toronto, Nova York ou Berlín, vivindo a emoción do celtismo como unha compoñente da súa identidade. Esta vitoria de copa é, quizais, a máis importante do Celta de Berizzo, tanto pola relevancia da eliminatoria e do rival coma pola ilusión que xera no celtismo de aquén e alén, abrindo outra xaneliña para continuar o seu soño humilde. Xaora, foi a de onte un triunfo da pizarra de Eduardo Berizzo e da súa afouteza para asumir os maiores riscos, mesmo o da vergonzosa actuación do sábado en Vallecas. Como, e sobre todo, a demostración do valor de manter un modelo de xogo colectivo, no que se combinan doses de intensidade e beleza. Este pase do Celta a semifinais amosa que neste deporte e espectáculo, tan prostituído polos intereses do mercado e os prexuízos do centralismo, aínda existe unha fenda para a inocencia e ilusión que representa un equipo como o Celta.