Campo do Fragoso CLXXXVIII

celta-complica-1FRACASO

O equipo de gala de Berizzo, onde só faltaba o poeta Orellana, fracasou na primeira final desta tempada. Un triste empate fronte ao Standard de Liexa, un cadro onte superior en xogo, vontade e intensidade, deixa ao Celta moi eivado nas súas posibilidades de clasificarse para a quenda dos dezaseisavos desta Europa League, a mercede do que os belgas poidan facer diante dun Ajax, indiscutible líder do grupo, e das dificultades dos nosos de gañar en Athenas dunha forma ampla a un Panthinaikos, pechacancelas, xa sen aspiración ningunha. Unha decepción para a bancada celeste que, sendo xustos, tampouco se mobilizou como a oportunidade merecía ao longo dos tres partidos en Balaídos desta liguiña europea.

O fulgor do comezo do partido non agoiraba o que despois sucedeu na lameira do Fragoso. Aos cinco minutos, Jonny picou unha bóla sobre Guidetti que, tras baixala co peito e realizar no recanto da área pequena unha reviravolta espectacular, xutou coa perna dereita e bateu na base do pao longo. Foi un deses goles fantasma, que berra a bancada, mais que non sobe ao taboleiro de marcas. Xaora, dous minutos despois, foi Hugo Mallo quen sacou de banda sobre Iago Aspas para que o internacional ofrecese un dos seus trucos de maxia: superou en carreira a un dos defensores, fíxolle un cano a outro e logo na área xutou coa esquerda para bater ao porteiro. O partido encarreirábase de marabilla e ninguén podía sospeitar que o Merlín de Moaña remataría desnortado, expulsado no tempo de desconto por dobre amoestación, tras protestar as decisións do sobrio árbitro francés.

Coa táboa de marcas favorable e oitenta minutos por diante, o Celta perdeu o fol inicial e foise deixando dominar por un Standard que xa puido marcar de forma clara no minuto vinte. A partir de aí os de Berizzo perderon a batalla do medio do campo, onde Wass, Marcelo Díaz e Hernández estiveron moi por baixo do que se podía agardar deles, até que os belgas abafaron completamente aos celestes procurando a mobilidade de Orlando e os remates de Belfodil, que co dorsal 99 nas costas foi un pesadelo para Cabral e Roncaglia. Os belgas puideron empatar cun remate ao pao, tras un saque de falta, mentres que apenas puidemos contabilizar no xogo ofensivo celeste un saque de recanto ensaiado rematado con certo perigo por Pione Sisto. Un pobrísimo balance para un partido que o propio Berizzo consideraba decisivo.

Tras a reanudación non mudou o panorama. Na portaría Rubén continuaba sendo o mellor dos célticos, despexando un xutazo do Belfodil de marras. Por ventura, chegado o minuto 60, Berizzo comprendeu que o seu equipo precisaba bulir, rachar unha inercia que tanto o paralizaba no medio do campo. A entrada de Radoja e o un certo cansazo dos belgas abriu un cuarto de hora no que o Celta recuperou a pelota e o acougo no xogo. Mágoa que Pione Sisto non finalizase mellor unha entrada na área ao xeito de Nolito xutando de volea sobre o pao longo. Mais faltando apenas un cuarto de hora o Standard deixou o seu derradeiro salaio en Balaídos, volveu a carga con todos os seus efectivos e toda a súa enerxía. O empate semellaba que podería chegar en cada arrincada. Rubén fixo outro dos seus incribles paradóns, mais xa non puido cunha cabezada de Mbenza moi axustado sobre o pao dereito, que faltando dez minutos nivelou a táboa de marcas. No tempo dun longo desconto, Sisto puido marcar, pero ao internacional dinamarqués faltoulle para superar ao porteiro, como onte a todo o equipo de Berizzo, un chisco de determinación e confianza nas súas propias posibilidades. Sen dúbida, o de onte foi un claro fracaso celeste, ao que quizais non foi alleo a xestión técnica diletante dun partido que comezou coas mellores luces e rematou nunha negra sombra.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *