Onte 1580: A grandeza dunha derrota
Sobre a lameira de Balaídos, case unha lagoa, na noite de onte sofrimos os efectos euforizantes da grandeza dunha derrota. Durante unha hora, até que Banega meteu o seu gol (froito do primeiro erro defensivo celeste) e Guidetti enviou o penalti ao pao, o equipo de Eduardo Berizzo forxou o soño dunha remontada copeira, que semellaba case imposible. Xaora, tras o segundo de Aspas, cando o ballón azoutaba no Fragoso, ese soño convertiuse durante un minuto en realidade. A afouteza e o esforzo extenuante, mesmo cando todo estaba perdido, nunca os perderon os celestes expresando así a dignidade dos derrotados que nunca se dobregan. Foi emocionante, entón, participar no canto da Rianxeira, algo que Balaídos reserva só para os grandes momentos, como na despedida ao equipo, intensa, prolongada e esperanzada. Apenas dúas mostras conmovedoras do orgullo do celtismo que agradecía a merecida vitoria (só simbólica) do perdedor. Tras unha gran competición de Copa, con xestas memorables como a do Manzanares, o Celta caíu cos brazos abertos, sen perder nunca os azos e a vontade de ser quen é, sen conformarse co resultado, por moi adverso que fose. Onte comprendemos, outra vez, que o fútbol é expresión teatral da vida, unha ilusión efémera coa que nos sentimos vivos, á espreita, coa ledicia e a decepción xogando en idéntico terreo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir