Onte 1531: «A música das árbores»
Na matinal de onte presentamos na libraría Andel de Vigo A música das árbores, o libro disco de Servando Barreiro e Anxo Moure, ilustrado por Chus Láuzara. Coa participación de moitos miúdos, gozamos dunha hora na que os autores contaron e cantaron reivindicando o valor da natureza e da nosa lingua. Concibido como un conto musicado, na que a voz do narrador se intercala con dez cancións, representativas de diversos tipos e ritmos da nosa múisca tradicional, o libro ofrece unha paisaxe natural e sonora de seu. Freixón é o lugar onde choven soños, esperanzas e tenruras. Alí vive Graciano, un zoqueiro e gaiteiro que descubriu que as árbores facían música. A súa filla, Coureliña, recita poesía e chama por Matías, o barqueiro do neboeiro. Unha obra que abre unha fermosa xanela natural para a música infantil en galego.
«Fada madriña», canción sobre un poema de Rochi Novoa, é a primeira peza audiovisual do libro disco. A nosa gratitude a Chus Láuzara, a súa autora, tamén ilustradora do libro.
Fermosas palavras!.
Obrigado Manuel!.