Onte 1148: Badia i Margarit
Morreu Antoni Maria Badia i Margarit, unha das figuras senlleiras da cultura catalá do século XX, un auténtico sabio da lingua catalá, especialista en dialectoloxía, onomástica, sociolingüística, autor da Gramàtica històrica catalana, modernizador da lingua catalá, respectado por todos e considerado como o tótem da lingua catalá. Tras o fío da noticia do seu pasamento lin onte en twitter unha anotación na que recolle catorce das súas reflexións arredor da lingua catalá e o seu futuro que merecen ser arquivadas. Entre todas elas quedo co seu chamamento á corresponsabilidade cidadá na defensa da lingua: «Se un día o catalán desaparece non será porque os castelanfalantes non se puxeran a falar catalán, senón porque os catalanfalantes deixaron de falar a súa lingua. Por tanto, todos os cataláns temos a gran responsabilidade, a obriga de salvar a nosa lingua. Xa sabemos que no se pode pedir que todo o mundo sexa un heroe, mais un chisco heroe, si.» Unha mensaxe que ben acae para o futuro da lingua galega e a corresponsabilidade na súa defensa. Beizón, mestre Badia!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir