Campo do Fragoso LXII
SAN ESTEBAN
A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.